sábado, 5 de maio de 2012

O Salitre do Roncudo


Distancia
15 km
Dificultade
Media - Alta
Tempo
 4:30 horas
Tipo de Roteiro
circular
M.I.D.E.
3.3.3.3.
BTT
Apta
Descarga Roteiro
Track da ruta
Geocaching
Mapa do tesouro
FOTOS
FOTOS



Aburrido un sábado pola tarde e aproveitando de que son de Corme decidín coller a mochila e o bastón e aventurarme por unha ruta practicamente olvidada que recorre un tramo de costa virxe que nos permite disfrutar do mar e do seu entorno en estado puro. É unha ruta dura que desaconsello facela en solitario debido ao peligro que conleva un resbalón pola zona de costa.



A ruta inicieina na cormelana praza da Ribeira en dirección ao cabo Roncudo, é un paseo agradable por unha pequena estrada asfaltada que nos leva ata o faro, o paseo de uns tres quilómetros pero relaxados onde contemplamos toda a ría e pasaremos a carón de varias calas e puntales. A uns 500 metros do cabo Roncudo encontramos un pequeno merendeiro e pouco máis abaixo as famosas cruces. O Roncudo sempre foi a fronteira norte da Costa da Morte e nas suas rochas medran os que din que son os mellores percebes do mundo, privilexiados son os que se apañan na coñecida Pedra do Roncudo, afloración rochosa que emerxe das augas a uns 400 metros do cabo e que poderemos ver facilmente entre as olas rompendo.



Aproveitamos os bancos do merendeiro que mencionei antes para colocar unhas polainas, dende o meu parecer indispensable para non espiñarse cos toxos que hai por todo o camiño, collemos unha senda que arranca a poucos metros pasando o merendeiro a man dereita en dirección ao faro; iniciamos aquí unha senda en principio ascendente para ir recorrendo a costa en un tramo de uns tres quilómetros, este é a parte máis fermosa da ruta pero tamén moi dificil, por iso si non queremos complicarnos é mellor que descarguemos de wikiloc outra ruta que nos leve dende o faro Roncudo á aldea de Roncudo sen pasar pola costa; eu decidin arriscarme case por bemoles e recorrer o tramo de costa máis espectacular que coñecin. A senda recorre a costa entre toxos, discorrendo en unha pendiente de desnivel lateral moi pronunciada, e por eso a sua peligrosidade, pasaremos entre penedos, algun regato de auga e sobre espectaculares furnas. Según imos avanzando o camiño por veces desaparece debido a falta de transito, deberemos cruzar campo a través buscando os restos de sendas que se abren, pisando entre toxeiras e sobretodo por este manto de herba dura que medra nas zonas costeiras. De gran beleza en este tramo e poder ver dende un mesmo punto o faro Roncudo as nosas costas e de fronte tanto o faro de Nariga como a maior das illas Sisargas.


Abandonamos a costa por un camiño ascendente con unha pendiente moi acusada que fai perder o alento, pero que se sube rápidamente; esta senda xa está máis aberta por que é transitada polas percebeiras, sempre oín que aproveitando un regato que baixaba ata a costa había uns muíños de auga empregados pola xente de Roncudo pero non cheguei a localizalos, ¡Haber si os vedes vos!, o que sí se ve claramente son os valados de pedra que cercaban os antigos campos de labor. Ao final da ascensión chegamos a outro basureiro sellado do que non quedan sinais.


Ao chegar a este punto podemos sentarnos en algunha das rochas que bordean o camiño para sacar as polainas; a complicación da ruta xa rematou por completo e o único que poden facer esos plásticos é darnos calor nas pernas, andamos o camiño xa ancho en dirección a aldea de Roncudo, pronto se nos acabará o firme de terra e enlazamos con unha pequena pista asfaltada. Entre os patéticos muiños de vento do parque eolico avanzamos uns centos de metros ata chegar as casas de Roncudo, aldea pintoresca na que tan só quedan a día de hoxe un par de familias, pero simpática e chusquiña aldea.


Deixando atrás Roncudo pola mesma estradiña asfaltada encontramos un cruce no que o ramal esquerdo vai cara Corme, é unha opción para rematar a ruta que nos devolve ao coche en dous quilómetros de baixada; nós en cambio seguimos pola estrada ata atopar unha pista ancha a un quilómetro máis ou menos, o camiño faise levadeiro, creo recordar que é a segunda pista á dereita a que collemos, por que a primeira é a que se adentra xunto a unha subestación eléctrica e que nos levaría á Percebellosa. Esta pista é a que da acceso ao parque eólico, non é que teña moito encanto por que é de esas de terra prensada e anchas para dar servizo aos camións das torres. Recorreremos este tramo en unha horiña ata chegar a Barda, unha fermosa praia que veremos dende o alto encaixada entre os barrancos que forma o monte e que sirve de fondeadeiro para numerosas chalaniñas.



Deixamos a pista e cruzamos a estrada para baixar polo medio das casas da aldea de Guxín, deixando as casas atrás diriximonos por unha pistiña asfaltada ata Gondomil a que veremos a un quilómetro, baixo as suas casas encontramos a Pedra da Serpe. No lugar de Gondomil achase un curioso cruceiro chamado a Pedra da Serpe, porque na base que sustenta a cruz está esculpida unha serpe alada; os defensores da cultura celta recoñéceno como un dos símbolos máis importantes de esta cultura e santuario para orar a este animal alado e sagrado para eles, a cruz sería posterior e colocada para cristianizar as tradicións locais. A tradición cristiá argumenta que esta zona estaba infestada de serpes e o evanxelizador San Adrian con un golpe de zapatilla abreu o terreo en donde encerrou ás serpes tapando o burato con esta pedra. Sexa como fose é o principal monumento da zona e con unha datación probada non inferior á da época da construcción da igrexa de San Adrián de Corme Aldea.




Deixando atrás a Pedra da Serpe continuamos o camiño ata a praia da Hermida na que veremos a illa da Estrella á que se pode acceder a pé con marea baixa e na que supostamente foi atopada unha virxe gardada e venerada o luns de pascua na igrexa de San Adrián.







Non nos quedará máis de un quilómetro para rematar a ruta pasando pola praia do Osmo e recorrendo o paseo marítimo para chegar de novo ao punto de partida.



Pois ata aquí a nosa ruta polo Roncudo, ruta moi bonita, con tramos de costa virxe pero non a fagades solipandis como foi o meu caso, xa que o tramo entre o faro e a aldea do Roncudo é complicado, sin cobertura de mobil e con bastante bichería da que pica.

O geocaché de esta ruta non está como outras veces sobre o camiño, apartamonos uns metros pero creo que vos vai a gustar...

Xa me contaredes...






venres, 4 de maio de 2012

Monte Pindo; o Olimpo Celta



Distancia
16 km
Dificultade
Alta
Tempo
 5:30 horas
Tipo de Roteiro
circular
M.I.D.E.
2.2.3.3.
BTT
Non  Apta
Descarga Roteiro
Track da ruta
Geocaching
N 42° 53.350 W 009° 06.800
FOTOS
FOTOS


Haberá quen diga que esta é unha ruta fácil, que todos os sendeiristas galegos subiron algunha vez a Moa; pois nós por non ser menos aventurámonos en esta aventura, que de fácil nada (sobretodo para min que son de nivel baixo), pero moi recomendable pola paraxe na que discorre a ruta e polas suas impoñentes vistas.

Este roteiro volvemos a facelo circular por que só contabamos con un coche, e os últimos e largos quilómetros facemolos por unha pequena estrada asfaltada.

Com vedes  colgamos unhas coordenadas para o GPS en vez de o típico enlace a geocaching, pero é que colocamos o noso tesouro a menos de 150 metros de outro, sin saber que eso estaba prohibido; por elo deixamos as coordenadas para que o poidades buscar.






O monte Pindo, coroado pola chamada Moa é un enorme monte granítico de máis de 600 metros de altitude que vixía a ría de Corcubión e que presenta multitude de penedos graníticos, que a imaxinación fainos ver figuras antropomórficas como o chamado guerreiro. A cultura galega coñeceo como o Olimpo Celta, por que as lendas contan que foi esta cultura prerromana quen labrou os penedos para darlle esa forma tan curiosa.




A ruta iniciamola na aldea do Pindo, un pequeno lugar mariñeiro sen moito encanto urbanístico, de casiñas apiñotadas como na maior parte das vilas costeiras de Galicia; en dirección a Muros atopamos a Igrexa, importante por que tras ela baixa un pequeno regato que salvaremos mediante unha pequena ponte de madeira.

Desde este punto abandonase por completo o asfalto metendonos xa por un pequeno sendeiro ascendente; o primeiro tramo da ruta é bastante duro e con algunha sombra, pero segundo imos subindo a vexetación pasa a ser na sua maior parte de monte baixo, polo que en tempo de sol pode haber bastante calor. O camiño xa nos primeiros metros aparece salpicado de enormes rochas que impíden que a ruta se poida facer en BTT, rochas que en un primeiro momento axudan a subir, dado que semellan enormes escaleiras, pero que acaban agotando rápidamente.




Despoís de un largo anaco andado aparecen xa as primeiras vistas do mar, a verdade é que alegran bastante a vista e o ánimo por que tamén chegan as primeiras brisas que axudan a sofocar a calor; é unha ruta dura que de non ser pola paisaxe faise monotona e na que precisamos levar bastante auga para beber continuamente. Si buscades pola web veredes que a ruta aparece como homologada pola FGM e perfectamente sinalizada, nos despois de realizala podemos asegurar que sinales hai máis ben poucas, poida que desapareceran co lume que visitou este LIC non fai moitos anos ou ben por que desapareceron por falta de conservación; aínda así o camiño é bastante intuitivo e axudanos a seguilo outro tipo de sinais non homologadas pero abundantes que consisten en uns pequenos montonciños de pedras a modo de pequenos milladoiros nos lugares de referencia, non obstante non vos confiedes e descargade o noso track.




A ruta do Monte Pindo é un clasico entre os montañeiros e sendeiristas galegos e esto quedou por nós atestiguado durante a subida, por que continuamente encontrabamos con camiñantes, cada vez que nos daba alcance algún de estos aventureiros facíamos por saudalos e así descansar un pouquiño; dixen que o Pindo era coñecido polos sendeiristas galegos, pero igual por que cando nos fomos era ponte e a xente se desplaza máis, a maior parte da xente que encontramos eran de fora da nosa terra. Mentres tomábamos folgos tamén mirábamos para as formas dos penedos, non sei si esta será o famoso guerreiro, que para mín pasou desapercibida, pero a Bea pareceulle un robot.




O camiño seguirá ascendendo ata a Moa con maior ou menor grao de desnivel e entre rochas, curvas de ferradura e algún desfiladeiro a verdade é que se fai bastante longo, a pouco menos de un quilómetro para chegar a Moa a pendiente suavizase bastante, incluso chegamos a descender un pouco, estaremos a uns 500 metros de altura e xa está a Moa ao noso alcance, o terreo herbáceo por un momento e podemos ver aló a baixo a fermosa praia de Carnota, de máis de 5 km de lonxitude.




Cando chegamos á Moa a verdade é que xa íamos un pouquiño cansos de andar, pero a recompensa era fantástica, accedemos o cume de espaldas ao oceano e a verdade é que demos algo de voltas por que non atopabamos a vía de subida, despiste noso ou algo de desánimo por que xusto cando coronamos apareceu unha de esas frecuentes nubes, non é que fose neboa, senón que estábamos tan altos que unha nube tragounos, podedes imaxinar como estaría o noso ánimo; baixamos a un pequeno merendeiro camiño abaixo e alí xantamos algo.




Con pouco ánimo rematamos o xantar e a nube marchou, lóxicamente volvemos sobre os nosos pasos para subir de novo a Moa, só pode dicir que era espectacular, o mar e fisterra de frente, ao norte a costa ata Muxía, ao sur a praia de Carnota e a serra do Barbanza e cara atrás o envalse e si agudizamos un pouco a vista o mítico Pico Sacro, non digo máis... subide vos.



Pronto volveron as nubes e baixamos o Pindo, a opción era baixar por onde subimos, pero como nos tememos que podería ser durisimo orientamonos hacia a aldea de Fieiro, a baixada foi algo menos picada que a subida pero para nada comoda. En Fieiro rematou o camiño de terra e incorporámonos a unha pequena estrada secundaria con pouco tráfico. Quedarán uns largos quilómetros de alquitrán que se poden facer moi longos, e é unha boa opción tendo dous coches deixar un nesta aldea. Nos como so tiñamos un continuamos pola estrada. Había lugares lindos como foi atravesar a presa do río Xallas, con un gran embalse enorme rio arriba e un estreito canón cara o mar.



Tras abandonar a presa entremos nun tramo comodo  con algo de desnivel para arriba, esto valeranos para repoñer algo as cargadas pernas, por que desde o mirador do Ezaro ata a aldea do mesmo nome a estrada volve a ter desniveis escandalosos, tal é esta baixada de non máis de dous quilómetros que a Volta Ciclista a España de 2012 ten pensado facer un final de etapa en este punto, e non un final calquera, si vemos a sua páxina web www.lavuelta.es clasifican a etapa como importante para a clasificación xeral pola dureza do seu fin.



Os últimos dous quilómetros son os que discurren entre as mariñeiras vilas do Ézaro e do Pindo, cruzando na sua desembocadura o río Xallas; non debemos de marchar sin contemplar a catarata que forma o río Xallas ao morrer no mar, única en Europa e que por fin rega o mar a diario, xa que ata fai poucos meses tan só o facía unhas horas os domingos pola mañá, ¿Insólito, non?, pois así é a política enerxética dos embalses.




Non vou a negar que a ruta é dura para a xente pouco preparada, pero todos podemos facela con tempo, xa que merece a pena por que é das máis fermosas que fixemos e pronto se olvida o sufrimento. Non olvidedes levar auga e controlade facer a ruta con tempo de abondo, xa que as horas logo pasan.

Xa nos contaredes que vos pareceu!!!





martes, 1 de maio de 2012

Que é o geocaching?

Como podedes ver Os Caracochas en todas as rutas que colgamos sempre ou case sempre deixamos un enlace para facer Geocaching; pero ¿Que é?

Pois geocaching é un xogo de orientación que se practica con un receptor XPS consistente en atopar un tesouro agochado por outra persoa; introducimos as coordenadas que se nos facilitan no XPS e este orientaranos hacia o lugar onde está o tesouro escondido, aínda que iso sí orientanos con unha frecha e nos debemos de buscar o camiño para chegar alí, e de ahí a dificultade e a aventura.

Os tesouros soen estar agochados en lugares moi fermosos e coa escusa de ir a buscalos chegaremos a fermosos lugares. Consisten en un pequeno bote con un lápiz e un blog de notas para firmar xunto coun uns tesouriños simbólicos. O normal e que o aventureiro deixe un obxeto e recolla outro de valor similar e logo colgue un comentario na web indicando o achádego.

Animadevos a buscar os nosos tesouros...