xoves, 18 de outubro de 2012

Belesar; románico e viño.


Distancia
20 km
Dificultade
Moderada
Tempo
 5,5 horas
Tipo de Roteiro
circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Apta
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS





Esta vez non presantamos unha ruta máis, esta ruta que recorre o corazón da Ribeira Sacra lucense transitando por unha calzada romana, fragas e pumares ou viñedos colgados en socalcos sobre o río Miño, e todo sin olvidar as fantasticas igrexas románicas; unha explosión de sentimentos que nos transportan ao medievo.


Belesar é unha das aldeas máis fermosas polas que baixa o río Miño, enclavada no fondo de un espectacular canón e rodeada de viñedos e carballeiras. Iniciamos a nosa pateada na mesma aldea e ascendemos por unha pequena pista entre as casas para ir gañando altura; imos ascendendo e deixamos o asfalto e as viñas para entrar en unha fermosa e espesa fraga de carballos e castiñeiros con un camiño rosdeado de espeso musgo, a humidade é moi elevada e a luz volvese tenue pero o que chama a atención de este treito é a fisionomía co camiño, estamos pisando unha calzada romana, xa algo deteriorada pero aínda empedrada. Buceando na rede atopei que era unha vía secundaria que saía da vía XVIII ata chantada; o camiño zigzagueante que segue a calzada para ascender a fraga fai que reciba popularmente o nome dos Codos de Belesar.



Na zona máis elevada da carballeira a calzada romana desaparece ou está cuberta por terra, follas e ourizos, tamén a presenza maioritaria de carballos vai dando paso a retorcidas caracochas que neste tempo cubren o chan de castañas, follas e ourizos. O camiño remata en unha pequena aldea chamada A Portela; está formada por media ducia de casas e algunha cabra, tamén é verdade que aquí tivemos o gran susto da xornada; chegando ás casas da Portela apareceunos no medio do camiño un enorme e roñón mastín leonés que en un primeiro momento fíxonos dar un paso atrás e non movernos, o can achegouse a nós e lambeunos a man, pouco a pouco fomos avanzando deixando atrás o can pero sin deixar de pensar en él.


Deixamos atrás a Portela e tamén a aldea de Montecelo para ir achegandonos ata Diomondi, como podemos ver nesta fotografía o aspecto do terreo cambia totalmente, en poucos metros abandoamos a espesa fraga para entrar en unha zona de suaves prados con moitas vacas, regatos e pumares de maceiras que neste tempo aínda teñen algún froito nas suas polas. As fermosas corredoiras desaparecen e dan paso a unha estrada rural, estreita e pouco transitada que trillan os pes pero para nada estropean a paisaxe.


Cando chegamos a Diomondi recordamos por que a esta bisbarra se lle chama a Ribeira Sacra, entre as poucas casas da aldea encontramos a fermosa igrexa románica de San Paio de Diomondi, templo románico do S.XII  e Monumento Nacional dende 1931 no que destacan as arquivoltas con motivos xeométricos, os capiteis historiados soportados por columnas de marmol liso, a fachada esta coroada por unha austera espadaña. Esta igrexa pertencía a un antigo mosteiro medieval no que descansaban os seus bispos en periodo estival.

 Deixamos atrás Diomondi e xa vemos a man esquerda o pazo de Cortes, típica construcción da fidalguía galega do S.XVIII, lamentablemente é privado e non visitable como a maior parte do patrimonio galego. Continuamos pola estrada e chegamos a Galegos tomando unha pista ascendente entre as casiñas para acabar nun comodo camiño que entre corredoiras e en cómodo descenso deixaranos en San Estevo de Ribas de Miño, sempre entre caracochas e carballos formando un paseo de gran beleza.


Esta fotografía non fai xustiza do que é San Estevo de Ribas de Miño, pero sacar unha foto con unha cámara compacta en un lugar reducido pola vexetación é extremadamente complicado, ademáis calquera pode buscar unha foto mellor en internet,con esta imaxe podemos ver a influencia mateana no templo. San Estevo e sin dúbida a xoia do románico da Ribeira Sacra, Monumento Nacional dende 1931, destaca a marabilla do seu rosetón pero para mín o mellor é este timpano con catro arquivoltas e os seus músicos que nos recordan a obra de Mateo na catedral compostelana.  A espadaña situase  fora da estructura da nave en un muro exterior que serve coma punto de apoio a estructura do ábside.


Saímos de San Estevo de Ribas de Miño por unha pequena estrada asfaltada entre a fraga e que non nos abandonará en uns quilómetros, é certo que os tramos de alfalto perden bastente en unha ruta, pero neste caso a beleza da contorna fai que para nada pensemos no firme do chan; pronto cruzaremos a estrada xeral que comunica Chantada com Monforte e entramos na pequena aldea de Pesqueiras para ir calexeando por ela ata abandonala entre viñedos e socalcos como se pode ver na fotografía. Este cómodo paseo remata ao cruzar a presa de Belesar, verdadeiro espanto arquitectónico e natural. Dende a presa a pista de cemento convertese en unha forte pendiente asfaltada que se fai bastante dura, a uns 1500 metros da presa tomamos un desvío a man esquerda que nos volve a introducir no monte para chegar a igrexa de Santa María de Pesqueiras.


Santa María de Pesqueiras é unha fermosa igrexa románica onde paramos para xantar, está rodeada de un espeso souto de castiñeiros e formaba parte de un antigo convento bieito anterior ao S.X e habitado polas monxas ata o S.XVI na que San Paio de Antealtares o cede ao marquesado de Astorga; a simpleza exterior e a sua robusted románica fan de este templo un dos mellores monumentos da Ribeira Sacra, e parece ser, nos non o vimos por que estaba pechada, que o seu interior está decorado con ricas policromías medievais.


Deixamos atrás a igrexa de Pesqueiras por este fermoso camiño ascendente, pronto chegaremos ao lugar de outeiro no que volvemos a tomar a pista asfaltada recorrendo uns tres quilometros de aldeas e terras de labor, este tramo faise algo aburrido pero ao ser costa abaixo pronto se percorre.


Ao pouco de cruzar de novo a estrada xeral chegamos a Ponte sobre o río Asma, outro dos lugares lindos e fermosos que percorre esta ruta. Prácticamente o que nos queda ata o final é camiño asfaltado; a fisionomía da paisaxe cambia totalmente e agora da espesura da fraga pasamos a fermosos viñedos cultivados en socalcos, pequenas terrazas que a modo de grada ata o río remontan a ladeira para posibilitar o traballo na viña. O traballo para conseguir este preciado caldo mencía é durisimo debido a imposibilidade de mecanizar o traballo.


Os dous últimos quilómetros do roteiro fanse algo duros para os xeonllos, comenzamos a baixada do canón do Miño ata Belesar entre os viñedos, pouco a pouco entre curvas e practicamente todo o tempo por pistas rurais entre vides e adegas imos curva a curva baixando ata Belesar atravesando a un quilómetro do final da ruta un pequeno regato que se salva saltando entre ben colocadas laxes fronte a un bonito muiño.

  
Poida que as fotografías non fagan xustiza da fermosura da ruta, e moito menos esta pobre redacción pero animamosvos a que fagades un dos roteiros de sendeirismo máis fermosos de Galicia, que disfrutedes das suas fragas. do río Miño, das viñas e dos seus productos, que si preguntades a algún veciño, como foi o noso caso, seguro que vos venderán un excelente Ribeira Sacra da casa que supera a calquera caldo comercializado e a prezos moi baixos. Si a ruta a facedes en maio comentaronnos que vernden unhas cereixas moi gordas.


Esperamos que vos guste a ruta e xa nos contaredes....  E por certo, non olvidedes de buscar o noso geocache!!!




2 comentarios:

  1. Pois xa sabes preparade as botas e aos gatos e cando organicemos unha pateada en grupo gusta´ravos moito máis. Bicos.

    ResponderEliminar