venres, 20 de decembro de 2013

Circuito en torno ao Tambre


Distancia
11,5  km
Dificultade
Fácil
Tempo
 2:45 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.1.1.2.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 57.957 W008 26.705
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


Non todas as rutas saen ben ou son do agrado de todos os camiñantes; esto foi o que nos pasou a nós nesta pequena ruta de sendeirismo. A verdade e que levábamos algún tempo co ollo enriba desta ruta, en outras publicacións recomendábana por sinxeliña e atractiva, pero a verdade é que se nos fixo un tanto monótona, eso sí cada camiñante ten un gusto e posiblemente este trazado teña moitos seguidores. Deixámola aquí coas nosas impresións para que tamén vos a poidades coñecer.




Raro é que nós fagamos unha ruta pola tarde, pero despois de pasar unha fantástica  noite de San Xoan na compaña de uns amigos achegámonos tarde a Sigüeiro para facer esta pequena ruta. Sigüeiro é unha vila de longa tradición histórica pese a que actualmente teña un urbanismo plenamente renovado; temos claras mencións de esta vila xa na Historia Compostela de Xelmirez escrita no S.XII e coñecida era en tempos medievais pola sua ponte, de paso a Compostela e que servía para cruzar o Tambre aos peregrinos e viaxeiros procedentes da cidade da Coruña. Pois a carón desta antiga pero moi renovada ponte comenzamos a nosa ruta. En un principio pensamos en iniciar a ruta pola senda que xunto á ponte corre subindo o Tambre deixando o río a man dereita. Desbotamos esta idea e cruzamos a ponte para dirixirnos cara a igrexa da Barciela.




A poucos metros de cruzar a ponte tomamos unha pequena estradiña local a man esquerda que nos leva ata a xa mencionada igrexa da Barciela, este pequeno anaco do trazado coincide co chamado Camiño Inglés que vai a Compostela. A parroquia da Barciela ten como caracteristica pertencer a dous concellos, Santiago e Oroso o que derivou en que moitos veciños da banda compostelana solicitasen o paso  a Oroso. O templo como se pode ver carece de atractivo arquitectónico e está datado en 1917.




O trazado de esta ruta é circular transitando sempre a carón do río, pero o cesto é que dende a Barciela o paso río e testimonial, e pese a que discorremos todo o tempo ao seu carón apenas se ve tapado pola vexetación de ribeira. Ao saír da Barciela seguimos transitando pola pequena estradiña local e cando levemos preto de un quilómetro de ruta tomamos unha ancha pista forestal ancha como se ve nesta fotografía; este treito lévanos ata a ponte do Piñeirón, un treito que se fai tremendamente aburrido e monótono tendo a vexetación de ribeira sempre a un lado, e a nosa dereita extensos campos de millo.




Dende a ponte do Piñeiron ata a urbanización de Porto Avieira volvemos a andar por asfalto, ao chegar ás instalacions do campo de golf tomamos unha pequena pistiña que nos leva ata o Tambre e comenzamos o tramo máis vistoso da ruta, agora transitamos por un pequeno sendeiro dos que usan os pescadores e con unhas vistas moi bonitas do río; pasaremos por unha pequena área recreativa chamada Penateixa na que en bo tempo haberá algun domingueiro facendo unha churrascada, pero o máis bonito da ruta está un pouquiño máis aló na chamada área recreativa do Refuxio, zona moi coñecida polos veciños de Sigüeiro, zona de baño e mesas realmente bonita e á que accederemos pasando unha pequena ponte.




Dende o Refuxio tan só nos quedarán dous quilómetros para chegar de novo a Sigüeiro e rematar a ruta. Como puidechedes ver non foi unha ruta que nos entusiasmase moito, pero a vos?

venres, 8 de novembro de 2013

PR-AS 18 Ruta de los Ferreiros


Distancia
6 km
Dificultade
Fácil
Tempo
2:00 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.1.2.2.
BTT
Apta
Inicio da ruta
N43 21.580 W007 06.512
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS




A ruta dos Ferreiros é a ruta sinalizada máis occidental de Asturias, pasando por partes do seu trazado a menos de un quilómetro de Galicia; unha ruta ou pequeno paseo, cómodo que sae de Taramundi e que recibe o seu nome dos ferreiros ou navalleiros que dan fama a esta aldea dos Oscos asturianos. Este percorrido ten dúas partes bastante marcadas; por un lado unha primeira parte totalmente chan e de paisaxe de ribeira, e por outra parte a ascensión a Pardiñas entre piñeiros e carballos.






Como xa fixemos coa PR-AS 17 Ruta del Agua, iniciamos este PR-AS 18 Ruta de los  Ferreiros na vila de Taramundi diante da oficina de información turística onde nos darán información non só da ruta, senón que nos sinalarán os principais puntos de interese dos Oscos; comezamos a marcha e camiñamos costa abaixo ata a aldea de Mazonovo, este primeiro tramo asfaltado de uns 500 metros coincide coa Ruta del Agua e deberemos seguir a súa sinalización.






O principal atractivo de Mazonovo é o seu museo dos muiñou, no que con un prezo de entrada de 3,90 € poderemos visitar unha exposición totalmente recomendable que recorrerá a evolución do muíño. O maior atractivo de este museo é que poderemos accionar nos mesmos cada un de estes muíños; a primeira sala amósanos os primeiros muíños manuais de orixe neolítico e os principais muíños hidráulicos fariñeiros. Sairemos ao exterior onde poderemos ver muíños de diferentes partes do mundo, norias e canalizacións de auga. Na última sala o museo achéganos á produción de electricidade.






Continuamos a marcha dende Mazonovo e xa vemos a desunión das dúas rutas, a nosa Ruta de los Ferreiros indicada co PR-AS 18 cruza o río Turia e parece dar volta atrás ao recorrer a marxe do río en dirección a Vega de Zarza, este tramo discurre río abaixo, que si ben un tanto distante ao estar tapado entre ameneiros e salgueiros o seu ruxir está presente; este treito adentrase en un monte con bastantes pinos e algún que outro carballo e castañeiro fendido polos anos. Aos dous quilómetros de ruta cambiamos de marxe de río e pronto chegamos a Vega de Zarza.





Vega de Zarza é unha de esas aldeas asturianas de postal, casiñas de pedra agrupadiñas, unha fermosura que roza co artificial, e é de supoñer que tanta casiña arreglada se deba a que a maioría son casiñas de turismo rural. Atravesamos a aldea pasando a carón da pequena capela e ascendendo cara a estrada para cruzala de novo; agora iniciamos un treito de cemento ascendente ata chegar a unha pista que se introduce de novo no monte.






Este tramo adentranos en unha ruta totalmente diferente, unha carballeira en principio bastante chan ata que cruzamos un pequeno regato, en este punto o camiño volvese ascendente e por momentos tira bastante do peito, agora o camiño discorre a carón de un valado de pedra baixo castiñeiros e carballos, camiño salpicado por algún prado no que pacen vacas e burros e sempre coa estupenda vista do val e do cordal que separa Asturias de Galicia. Pouco a pouco rematamos a ascensión e chegamos a Pardiñas.






Chegamos a Pardiñas coa intención de visitar o museo da cuchillería que da o seu nome a esta ruta, pero os domingos de tempada baixa non está aberto pola tarde, así que xa nos contaredes que tal estaba, seguimos o noso camiño baixo un sol de xustiza camiño de Taramundi ao que chegaremos en algo máis de quilómetro iso sí, o camiño a Taramundi será asfaltado, aínda que costa abaixo.






En Taramundi réstanos visitar o Carbayo de Poyo, unha escultura fronte ao concello realizada a base da madeira de un carballo cortado en 1998 por problemas de conservación. O carballo orixinal foi plantado en 1584 cando Felipe II lle outorgou a Taramundi o titulo de vila e desprenderse de Castropol; dise que esta árbore era o lugar de reunión da xente de Taramundi e onde se impartía a xustiza.

Xa nos contaredes como vos foi!

xoves, 10 de outubro de 2013

Ruta do río Sarela


Distancia
12  km
Dificultade
Fácil
Tempo
4:00 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.2.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 52.712 W008 33.360
Descarga Roteiro
Geocaching

FOTOS


Moitas veces pensamos que o sendeirismo e o mundo urban é algo incompatible, con esta ruta pretendemos demostrar que esto é totalmente falso, e arrancando dende a mesma cidade de Santiago de Compostela imos a realizar un fermoso roteiro que si ben próximo á cidade é completamente natural. Este roteiro fixemolo a través do track de O Golpe, que nos comentou en unha ruta na que coincidimos en Vimianzo que este roteiro podíase facer tan só seguindo os máis de trinta cachés que agochou durante todo o trazado. E así foi coa escusa do geocaching fixemos este fermoso recorrido.




Como podedes ver si pinchades o track da nosa ruta a duración da camiñata é bastante superior ao tempo que estipulamos neste blog, esto débese a busqueda dos cachés do Golpe, moi recomendable, pero que fai que o tempo empregado para este percorrido sexa maior. Acendemos o GPS na carballeira de San Lourenzo, situada ao fondo do Campus Sur, entre este pequeno parque de carballos atopamos unha pequena pista asfaltada que descende ata o río Sarela, tramiño que coincide co Camiño Pagán, e seguiremos as marcas dos peregrinos ata a ponte que cruza o Sarela.

  


Ao cruzar o río Sarela tomamos o sendeiro que arranca dende a ponte a man dereita, ao contrario do camiño que vai a Fisterra; agora o percorrido volvese máis natural estreitos sendeiros entre vexetación de ribeira que á beira do río fainos esquecer da proximidade da cidade. Posiblemente este tramo de arranque sexa o máis agradable da ruta, moitas árbores, un pequeno Sarela serpenteante, algunha que outra ponte, os restos de antigos muiños de auga e esquecidos pelamios.




Conforme nos imos achegando ao final de este treito o camiño vaise humanizando un pouco máis, pasarelas de madeira para faciliatar o transito, bancos colocados estratéxicamente para o descanso dos camiñantes, pero pronto chegamos á zona do Carme de Abaixo e do enorme parque de Galeras. Entre a igrexa do Carme de Abaixo e a Ponte de Asen encontramos este enorme parque de Galeras, eu chamolle así por que é como coñezo esta zona, pero ignoro o seu nome, perfectamente integrado no contexto urbano compostelán e que posibilita un pequeno descanso. Para a xente que queira iniciar aos nenos pequenos no sendeirismo este sería un bo tramo, dende a Carballeira de San Lourenzo ata a ponte do Asén.




A Ponte do Asén situada a carón do complexo deportivo de Santa Isabel da inicio a outro tramo diferente da ruta, o que nos levará ata Romaño, o camiño en torno ao Sarela volve a adentrarse na natureza, esta vez a morfoloxía do roteiro é un tanto diferente, sigue sendo vexetación e tamén de ribeira con bidueiros e loureiros pero moi misturado de herbas de gran tamaño que rodean o camiño.




Deixando atrás a Ponte do Asén pronto chegamos aos lavadoiros de Santa Isabel, para deixalos atrás e continuar a senda á beira do río. O camiño por esta zona segue sendo bastante transitado, camiñantes, algún ciclista de BTT e xente cos seus canciños. Chegamos ata o lugar de Lermo atravesando a estrada que baixa dende Vista Alegre e continuamos beira río ata a Ponte de Romaño, fermoso paso en forma de uve invertida e con un só ollo que valía de paso na Idade Moderna para comunicar Santiago de Compostela con Bergantiños. O camiño por este treito pouco a pouco vaise facendo máis complicado, pouco transitado, a vexetación máis espesa e algo de auga polo camiño. Deixamos atras un vello muiño para chegar a unha pequena pasarela de madeira que cruza o Sarela; antes teremos que cruzar unha canle para un muiño saltando sobre unha pedra na canle, tramo que pode desconcertar un pouquiño.




Neste punto abandonamos o Sarela, para comenzar a subir pola ladeira do Pedroso, unha maraña de camiños forestais entre bastantes piñeiros e algún que outro castiñeiro, camiños abertos sobretodo na zona máis alta pero de pouco interese, non está de máis que en cada cruce se consulte o sinal do GPS para evitar confusións. Ao chegar ao alto camiñaremos por unha longa pista forestal de 1,5 km semellante ás anteriores, pero totalmente recta, pasaremos a carón de uns antigos depósitos de auga e remataremos no parque da Granxa do Xesto



A Granxa do Xesto é unha fermosa área recreativa a poucos quilómetros da cidade de Santiago de Compostela e na que se conxuga o parque máis típico co monte máis galego; polo tanto non é raro que ao chegar ao Xesto atopemos moreas de nenos e de camiñantes, unha área con bastante arboleda e numerosas pistas que invitan a andar por elas. O máis caracteristico de esta Granxa do Xesto son as suas minas de auga, grandes pozos de auga totalmente cheos de rás croando e prantas acuaticas.




Para rematar a pateada tan só nos queda baixar pola Selva Negra, unha das ladeiras do Pedroso e que arranca na Granxa do Xesto. Este monte polo que baixamos tamén conta con multitude de minas de auga coas suas rás, pistas en un principio estreitas para ir gañando anchura segundo baixamos, rodeadas de algún que outro banco, no que tomar folgos e plantacións de árbores autoctonas que fixeron os colexios picheleiros. A parte baixa da Selva Negra está cuberta por bastantes carballos. En pouco xa estamos de novo na Ponte do Sarela onde rematamos a camiñata.

Gracias de novo ao Golpe por amosarnos esta ruta e facela máis levadeira coa morea de cachés que agochou a carón de todo o camiño.

xoves, 19 de setembro de 2013

Val do Cambás - Fraga das Barbudas


Distancia
6  km
Dificultade
Difícil
Tempo
3:00 horas
Tipo de Roteiro
lineal
M.I.D.E.
2.3.3.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 14.013 W008 00.974
Final da ruta
N43 14.113 W007 59.256
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


A verdade é que tiñamos moitas ganas de facer unha rutiña por Aranga; fai uns anos Dínamo organizara unha Andarela por estas terras á que non puidemos ir e da que falaban marabillas, non sabemos si foi esta mesma ruta. Nós eliximos esta concretamente por que pasaba pola chamada Fraga das Barbudas, e con un nome tan bonito non podía defraudar. Así foi unha ruta fermosísima, moi técnica, a carón do río Cambás e visitando a perdida Fervenza de Castro Rodicio, iso si pasando polas Barbudas, unha das fragas máis espesas polas que pasamos.




A ruta comeza na pequena aldea de Ponte Aranga, deixamos o coche aparcado a carón do monolito que recorda ás vítimas do fascismo e enterrados en unha fosa en 1936, e cruzamos a ponte para comezar a pateada dende a casa consistorial. O primeiro treito faise por unha pequena pista asfaltada a carón do río Mandeo, pista de pouco o ningún trafico semellante a unha pequena senda que discorre río arriba ata chegar  ao Barranco da Loba. Este é a confluencia dos ríos Mandeo e Cambás que foi arranxado polos veciños para facer do entorno unha área recreativa con mesas e  lareiras e un muíño que parecía que estaba en proxecto de recuperación.




No Barranco da Loba collemos unha pista que se adentra no monte levando o Cambás a man esquerda; é un cómodo camiño no que os sinais da ruta seguen estando presentes; este trazado ten unha sinalización bastante boa con indicativos propios das rutas oficiais en branco e amarelo, aínda que non sexa unha ruta homologada e tamén propios co sinal SM4, sinalización en branco e azul e que identifican as rutas do Mandeo. Este treito remata en un vello muíño de auga para atravesar un par de prados pegadiños ao río. Temos que indicar que cando retornamos había unha boa manada de vacas pacendo en un dos prados e acompañadas por un enorme touro.




Ao chegar ao final dos prados achamos unha pequena ponte pola que pasa unha pequena e estreita estrada asfaltada, cruzámola e entramos de novo na senda a carón do Cambás, esta é a porta da chamada Fraga das Barbudas, espesa, húmida e fantástica. A Fraga das Barbudas é un de eses lugares alonxados da man do home, un excepcional bosque atlántico a carón do río. As Barbudas como dixen antes é unha fraga moi densa, cuberta por carballos, salgueiros, cerdeiras ou bidueiros e que provocan que baixo as copas das árbores a luz sexa tenue e por veces incluso chegamos a perder a recepción do GPS. O chan está cuberto de brións, fentos  e bastantes rochas, mesturadas con un continuo goteo de auga.




Ao chegar á Fraga das Barbudas a morfoloxía da ruta cambia totalmente, o camiño que antes discorría a carón de pequenas praderías adentrase no bosque, a claridade diminúe considerablemente e os camiños vólvense algo máis complicados, pequenas sendas con continuos tropezos de pedriñas que nos obrigan a ter sempre un ollo no camiño para non caer ao chan. En un quilómetro aproximadamente chegaremos a unha pequena central hidroeléctrica, punto que aproximadamente ben sendo a metade da ruta.






Dende a central hidroeléctrica a ruta complicase un pouquiño máis, como indicamos esta ruta non é nada sinxela pese a ser moi cortiña, hai algún sube e baixa pero case todo o tempo camiñamos pegados á marxe esquerda do río, por veces a senda está formada por agrupamentos de rochas bastante escorredizas, sendo preciso en algún paso o emprego de pequenas pontes de madeira. Ata aí en parte todo normal, so que en algún paso o rochedo fai case impracticable o paso, as pontes son difíciles de anclar e a solución foi colocar especie de pasamáns de madeira aos que agarrarnos para non caer ao chan. A verdade é que é moi divertido e con un pouco de coidado non hai problema.




Aproximadamente no quilómetro 4,5 imos gañando altura e apartándonos algo do Cambás, a sinalización da subida está algo tapada e chegamos a un camiño estreito parecido a unha canle de un muíño de auga, por que hai un pequeno murete de contención para que o camiño non ceda ao terreo. O entorno segue sendo de fraga profunda onde podemos atopar algunha lesma, sapos ou pequenas serpes. O abandono do río supón un pequeno descanso, aínda que no cruce de Couce volvemos a baixar ata ese pequeno e pouco profundo río.




A ruta principal vai ata a aldea de Couce, para nós era máis atractiva a visita a fervenza de Castro Rodicio que se aparta uns 400 metros do cruce; para elo temos que coller un pequeno sendeiro en principio moi ascendente pero que vai suavizándose co tempo; no arranque do sendeiro hai un sinal que indica que o tramo cara a catarata é perigoso, e en parte quedaronse algo cortos, camiños estreitos e bastante cerrados, moita pedra esvaradiza ás que non quitarlle ollo para non precipitarnos; e para rematar o camiño este desaparece nos últimos metros tendo que andar sobre unha pedreira por encima do río Cambás.






A ruta rematámola na fervenza de Castro Rodicio, formada ao precipitarse o Cambás dende unha altura de uns 15 metros ao vacio rematando nun bonito pero escuro pozo. As lendas da zona contan que uns mouros agocharan un tesouro de ouro no seu fondo. Para recuperalo un cura de Aranga coa axuda do libro de San Ciprián e do seu sacristan achegáronse a recuperalo. lendo o libro ao revés; pouco a pouco o pozo foi secando e apareceu un rodicio de ouro macizo. O cura coa emoción trabucouse ao ler e comezou a chover sangue, quedando o rodicio de ouro de novo cuberto polas augas.




Pois ata aquí o que dou esta espectacular ruta; xa nos contaredes como vos foi!!!!


luns, 19 de agosto de 2013

Polos montes do Faro


Distancia
14 km
Dificultade
Fácil
Tempo
 3:30 horas
Tipo de Roteiro
lineal
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
 Apta
Inicio da ruta
N43 06.607 W009 02.065
Final da ruta
N43 06.841 W009 06.721
Descarga Roteiro
FOTOS


Habitualmente as Caracochas formámolas dúas persoas e queremos dar a coñecer as nosas rutas de forma obxetiva para que tamén vos as poidades facer; este caso foi unha ruta un pouco especial, volvemos aos nosos orixes e en vez de organizar nós unha pateada, anotámonos a unha ruta organizada polo Concello de Vimianzo, ruta que se engloba na serie Andainas pola Costa da Morte que organizan varios concellos da zona. A experiencia foi moi agradable, e animámosvos a que si non vos decidides facer camiñatas en solitario optedes por estes modelos.




Como dixemos a experiencia despois de realizar esta ruta foi moi agradable e iso que o tempo non acompañaba, antes debemos recoñecer que a ruta non foi demasiado atractiva, posiblemente pola falta de visibilidade dende o alto do monte a causa da chuvia, pero puidemos visitar o interesante castro de Barreiras en Ogas, subimos ao alto do monte Faro e chegamos a Carnés onde nos esperou unha curiosa tradición gastronómica.



A ruta comezámola na praza do concello, pero non podíamos estar en Vimianzo e pasar sen visitar o seu castelo, unha das xoias da arquitectura militar baixomedieval galega; o castelo agora propiedade da Deputación da Coruña e na que hai unha exposición etnográfica permanente e gratuíta foi construído no século XIII para controlar a terra de Soneira. Con bastante actividade nos séculos medievais nada ou case nada sabemos da súa estrutura primixenia, xa que foi derrubado no S.XV coma case todos os castelos polos revolucionarios Irmandiños. En 1572 o arcebispo Fonseca devolveu o bastión aos Moscoso e reconstruíuse dando o resultado actual. As últimas reconstrucións datan de fins do S.XIX. Castelo con tres torres, a do homenaxe con almeas diamantadas e voadas, patio de armas poligonal, paseo de ronda e foxo defensivo, e como non unha ponte levadiza; toda unha delicia para os historiadores.




Pouco a pouco imos abandoando Vimianzo por pequenas pistas que recorren a parte traseira da vila co fin de evitar a estrada xeral, en pouco máis de dous quilómetros chegamos a estrada para cruzala co fin de visitar o castro das Barreiras, enorme recinto amurallado cons uns parapetos que como se pode ver nesta fotografía alcanzan os oito metros de altura e rodeada por un fondo foxo. O castro está sen escavar e o que vemos é unha enorme planicie redonda cuberta de herba. Nós tivemos a sorte de que un historiador  nos aclarase que era un castro da II Idade do Ferro e de economía agraria, demostrado grazas as catas realizadas nas que se acharon  numerosos restos de cerámica e unha fouce o que avala esta teoría. O gran número de estruturas habitacionais posibilitou que se vaia escavar este castro co fin de musealizalo, e poder contemplar un castro único ao non enclavarse nin en altura nin na costa.





Deixamos atrás o castro das Barreiras e volvemos a cruzar a estrada en dirección de Ogas, aldea á que pronto chegaremos e atravesaremos buscando monte; desde Ogas o camiño deixa o cemento e volvese ascendente, os prados van dando paso a eucaliptais e montes de piñeiros; o camiño ancho de tractor que nos vai achegando ao Monte Faro. Ao pouco de pasar Ogas e comezar a subida atopámonos coa obra da futura autovía da Costa da Morte o que nos pode dificultar en un futuro o trazado de esta ruta.




O alto do monte Faro é un verdadeiro escaparate da terra de Soneira. é unha magoa que o tempo a nós non nos acompañase e a nubosidade provocou que a vista da comarca fose máis ben reducida, si ben dende o alto do Faro podemos ver a totalidade do val de Vimianzo e a ría de Camariñas co cabo Vilán ao fondo. Por estos montes encontramos numerosas construcións derruídas que non eran máis que as antigas cabanas das antigas minas de Vimianzo; nestes montes extraíase caolín para a construción e era un dos principais aportes económicos da comarca; a marca de esta antiga minería non deixa pega tan só en estas vellas casetas, senón que tamén a beira do camiño albiscamos unhas lagoas de auga doce, orixinadas ao asolagarse os antigos xacementos: Vimianzo aínda ten algunha mina de caolín, áridos empregados ultimamente para ampliar a recente praia de Riazor.




O alto do Faro é un terreo bastante agreste, aberta á costa está formado por monte baixo de toxos e herbas duras, non só habitan nas súas terras as espantosas torres eólicas, a contorna está chea de cabalos salvaxes, dos que non vimos ningún, pero sí había moitas vacas en liberdade cos seus xatos, bóvidos adaptados ao medio hostil e que neste caso eran de raza vianesa, chamativa pola súa pelaxe escura, a súa avultada cornamenta e que son uns bóvidos que se adaptan perfectamente ao medio montañoso ou agreste. As vaquiñas van quedando atrás e descendemos ata Carnés onde rematamos a andaina.




Antes de abandonar Carnés entramos no recinto da Cerca onde nos agasallaron con unha ración de callos, o por que é por que neste lugar e coincidindo co San Cristo todos os anos celebrase a Festa da Faguía, declarada de interese turístico nacional, na que se ofrecen callos aos visitantes. A tradición remontase uns 400 anos no que se formara en Carnés unha Irmandade que se reunía todos os anos para facer unha comida ao ano; co tempo o recinto cercouse, e de aí a Cerca para que non comesen os alleos a cofradía. Nos anos 20 do século XX retomase a tradición pero co fin de alimentar un día ao ano aos máis necesitados, derivando nos nosos días en unha festa gastronómica máis. A implicación actual e tal que en todas as casas da aldea hai un pucheiro reservado para a Festa.

Pois ata aquí o que dou de sí esta ruta, e xa nos diredes


martes, 30 de xullo de 2013

PR-AS 17 Ruta del Agua


Distancia
15 km
Dificultade
Moderada
Tempo
4:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular - Piruleta
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N 43 21.580 W 007 06.512
Descarga Roteiro
Geocaching
Mapa do tesouro
FOTOS



O PR-AS 17 Ruta del Agua é a nosa primeira ruta por terras asturianas, e  a verdade é que a experiencia foi  moi positiva, un roteiro moi ben sinalizado, camiños limpos e coidados, e unha ruta na que a natureza é o fundamental; recorrendo pequenas montañas, visitando a cascada de Salgueira, ou aldeas exemplares como   os Teixois ou As Veigas. O seu nome debese posiblemente a que a ruta visita diversos enxeños movidos por auga como muíños, batáns ou ferrerías, pero dende o noso punto de vista é unha magoa que o río Turia por veces o sintamos tan distante.






Esta ruta de sendeirismo iniciámola na mesma vila de Taramundi, a carón da oficina de información turística, de obrigada visita, onde un chico nos atendeu de forma moi atenta e non só nos indicou e facilitou información das rutas de Taramundi, senón que ademais orientounos no que ver en toda a bisbarra dos Oscos.  Xunto a unha gran tulla a carón da oficina de turística acendemos o GPS e comezamos a ruta, baixando pola pista que descende a carón da sidrería, para tomar a pista cementada que baixa cara Mazonovo; esta pista de pendente moi pronunciada é sinxela de atopar, encontrando os primeiros sinais da ruta como un panel que debuxa o seu trazado.






Chegamos a Mazonovo despois de levar andados uns 500 metros de ruta; esta pequena aldea satélite de Taramundi é o noso primeiro contacto co río Turia, en Mazonovo destaca o seu museo dos muiños, de visita obrigada no que con unha entrada de 3,90 € podemos coñecer o funcionamento dos muíños, tanto os hidráulicos fariñeiros como tamén os manuais, os de diferentes lugares do mundo ou enxeños de produción eléctrica. O edificio está situado a beira do Turia sobre a morte de un pequeno afluente. Deixando atrás o museo e aínda en Mazonovo aparece a división entre dúas rutas, por un lado está a Ruta dos Ferreiros que cruza o río, e a nosa que continua por un treitiño asfaltado para coller en poucos metros xa unha senda que se introduce no monte.






O camiño que tomamos descende ata o río, camiño de vexetación típica de ribeira, moitos bidueiros e salgueiros mesturados con algún carballo e castiñeiro, en poucos pasos chagamos a esta fermosa ponte de la Escaderna, que con un só arco de medio punto con unha luz de uns cinco ou seis metros que nos permite atravesar o Turia; ao seu carón teremos un pequeno merendeiro con mesas de madeira; nós pola contra tomamos dirección oposta subindo o camiño ata chegar a unha pequena estrada, onde atoparemos o punto quilométrico primeiro e unha fonte, da que descoñecemos a potabilidade da súa auga. A pouco de andar por esta pequena estradiña veremos unha pista ascendente  que nos leva a fervenza de Salgueira.






O camiño que nos leva a fervenza de Salgueira e unha pequena derivación da ruta de uns 900 metros ascendentes pero levadeiros a carón do río Salgueira, por un sendeiro ben definido, perfectamente sinalizado e bastante transitado, un sendeiro que transcurre a carón de algún muíño de auga en estado ruinoso. A fervenza de Salgueira é unha fermosa catarata con unha caída libre de aproximadamente 30 metros de altura de non moito caudal pero unha delicia para os sentidos. Retornamos sobre os nosos pasos e continuamos pola estrada ascendendo ata Esquios onde remata o pau da piruleta.






Chamamos ruta piruleta a aquelas que teñen forma semellante a este caramelo, na que combinan un tramo lineal no seu inicio con un percorrido circular; esta ruta é de esa morfoloxía un tramo lineal ou pau que se inicia en Taramundi e remata nesta aldea de Esquios para volver a rematar aquí o circuíto circular. Deixamos atrás o asfalto para introducirnos en un camiño completamente verde, o sentido que eliximos é cara a aldea de As Veigas, un agradable treito con moita arboreda, fieitos e musgo que tan só se ve interrompido por algún regato salvado por pequenas pontes. Este camiño discorre a media ladeira buscando a aldea de As Veigas, a cal encontraremos despois de levar andados uns 6 km de andaina. A fermosura de este conxunto de casas invítannos a baixar cara ela tan pronto e como nós a vemos, pero o camiño marcado pasa de longo ata chegar a pequena ponte de Batán onde nos paramos para xantar en un pequeno merendeiro a carón do río. Pasamos pola igrexa das Neves e volvemos de novo ás Veigas.






As Veigas non parece unha aldea normal de ben coidadiña que está, o certo é que posiblemente non viva ninguén nela, e o feito de ser unha aldea exemplar asturiana poida deberse a que a maioría das súas casas sexan establecementos de turismo rural, moito guiri en un entorno idílico ás ribeiras do Turia, con numerosas casas e rúas de pedra adornadas con balconciños de madeira e tellados de pizarra, e destaca non só polos seus muíños de auga, senón tamén pola unión dos seus hórreos, os asturianos de planta cadrada cos máis alongados de influencia galega chamados por eles de tipo Mondoñedo.






Continuamos a marcha en dirección os Teixois, este treito cambia a morfoloxía do terreo e pouco a pouco as árbores van desaparecendo mentres gañamos altura; agora o camiño discorre entre matorrais formado basicamente a base de xestas e toxos, este cambio de vexetación facilítanos a visión do fermoso val que forma o Turia e contemplar o camiño polo que transitamos uns quilómetros antes. O camiño remata nun cruce formado pola vía principal e o arranque de unha pequena derivación que nos achega aos Teixois, tamén de visita obrigada, cusquiña aldea na que o maior interese é o seu museo dos muíños, complexo no que nos cobrarán 2,5 € por unha visita guiada, na que se nos amosarán muíños fariñeiros, unha ferrería, unha pequena central  hidroeléctrica, un muíño de batán e unha forxa co seu mazo; visita moi amena e instrutiva.






Retrocedemos sobre os nosos pasos deixando atrás a linda aldea de Os Teixois e retomamos a ruta no punto onde a deixamos, o camiño é descendente por unha carballeira que busca o río con enormes caracochas e troncos fendidos; volvemos a cruzar o Turia por unha ponte de madeira colocada alí para facilitar a ruta e por un camiño en zig zag imos gañando altura para chegar de novo a Esquios. Para rematar a ruta tan só nos queda desandar rapidamente o pau da piruleta e chegar de novo a Taramundi.

Animádevos a recorrer esta fermosa e sinxela ruta e non esquezades buscar o noso geocaché; ahhh e non deixedes de contarnos que vos pareceu!!!!