venres, 12 de abril de 2013

Fragas do Eume; Camiño dos Encomendeiros


Distancia
6,5 km
Dificultade
Moderada
Tempo
2:00 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 25.006 W008 06.248
Final da ruta
N43 24.885 W008 03.906
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS



Debo recoñecer o Camiño dos Encomendeiros sempre foi unha ruta que desprecei sen coñecela; a miña primeira ruta nas Fragas do Eume foi a coñecida como Camiño da Ventureira, a mellor dende o meu punto de vista. O Camiño dos Encomendeiros posiblemente sexa a máis coñecida por aqueles que se achegan a Caaveiro e non levan nada preparado xa que non hai máis que atravesar unha das pontes colgantes e recorrer o camiño na ribeira contraria o da estrada que sube ao mosteiro. Dado que esta é unha das rutas máis populares das Fragas do Eume decidimos recorrela e a verdade é que nos sorprendeu para ben.




O Camiño dos Encomendeiros é unha ruta corta e lineal, por iso aproveitamos o servizo de autobuses que a Deputación da Coruña ofrece en Semana Santa e no verán. O bus sae do Centro de Interpretación do Parque e hai que retirar os billetes para a volta de forma gratuíta. Como nós chegamos tarde só retiramos o boleto para a volta dende Caaveiro e fixemos por estrada o tramo que vai dende o Centro de Interpretación das Fragas ata a Ponte de Cal Grande, onde comeza a ruta. Este tramiño non chega aos dous quilómetros e recorrese de forma bastante rápida.





Chegamos a ponte colgante de Cal Grande e acendemos o GPS para rexistrar a nosa ruta; esta ponte colgante, como tamén a de Fornelos é un dos maiores atractivos turísticos das Fragas do Eume, xeralmente está chea de xente sacando fotografías, pero no noso caso empregamos esta construción dos anos 60 para cruzar o Eume e iniciar a nosa ruta. O camiño ou sendeiro é inconfundible e o único que temos que facer é seguilo río arriba ata chegar a Caaveiro.






Tan pronto e como cruzamos a ponte de Cal Grande collemos un estreito sendeiro pero ben definido río arriba, a verdade é que esta ruta non ten perda ningunha,é a típica ruta de ribeira con sendas estreitas nas que temos que andar en fila india atendendo a un chan con moitisimas pedriñas e raíces que nos relentizan a marcha. En canto á vexetación é a típica de ribeira, moito ameneiro como se pode ver na fotografía que chega coas súas raíces ata o fondo do río, salgueiros, freixos, pradairos ou loureiros e loxicamente si a nosa ollada vai cara o interior está a presenza maxestosa de carballos e castiñeiros, todo mesturado co manto verde de brións e líquenes.






Aínda que a ruta non teña perda algunha e sexa moi cortiña calificamola co nivel de moderado, temos que poñer os dous ollos na senda para non caer ao chan dado o gran número de pedriñas que cobren o camiño, e debemos de ter coidado en algún tramo de laxes á ribeira do Eume, moi esvaradías e que poden acabar con nós no río; por isto cremos que non é unha ruta axeitada para nenos. O camiño neste primeiro tramo que vai da ponte de Cal Grande a ponte de Fornelos é unha verdadeira delicia, e posiblemente a parte máis sinxeliña, tan só perturbada polas voces de camiñantes pola estrada que recorre a outra beira. 





En uns tres quilómetros chegamos á segunda ponte colgante chamada de Fornelos, de características semellantes á anterior; a partir de este punto iniciamos un tramo algo diferente pero sempre co marco do río Eume, continuamos recorrendo o camiño da súa ribeira norte pero neste sector pisaremos tramos de laxes esvaradías que poden provocar a nosa caída ás augas. É certo que este foi un ano de moita chuvia e cando nós fomos facer a ruta por tramos o Eume cubría parte do sendeiro, nada que con unhas botas non se salvase por que apenas mollaba a sola. O máis complicado de este sector é cando abandonamos o curso do río para seguir a senda e subir a un pequeno monte, a pendente é de consideración e incluso deixaron unhas cordas para facilitar o ascenso, excesivo dende o noso punto de vista, pero tira do peito, ahhh e coidado non caer na baixada de volta ao río.




O terceiro ou e último tramo da ruta iniciámolo ao cruzar o regato que baixa da ponte de Sesin, localizámolo de forma clara por que é o único rio que atravesamos en todo o roteiro; neste punto encontraremos un panel indicativo que nos ofrece dúas posibilidades de ruta, ben continuar beira río cara a ponte de Santa Cristina que é polo que opta a ruta principal, ou como preferimos coller o camiño que vai ao mosteiro de Caaveiro apartándonos polo que queda de xornada do Eume. Este tramo é bastante máis agradecido dado que se abandona a paisaxe de ribeira para adentrarse na Fraga Vella con carballos e castiñeiros. Cruzamos unhas pequenas pontes de madeira e iniciamos a ascensión a Caaveiro pasando antes tanto polos muíños como pola ponte de Sesín, de obrigada visita. Os muíños están derruídos do que tan só quedan as súas paredes e algunha roda, pero a ponte de Sesín, mimetizada entre a vexetación, é de orixe medieval e formada por un só ollo.






Cruzamos a ponte do Sesín e o trazado volvese empedrado; en poucos metros chegamos ao mosteiro de San Xoan de Caaveiro, Monumento Histórico Artístico dende 1975. Este mosteiro foi fundado no 934 para acoller aos monxes anacoretas da zona, ao que din que chegou San Rosendo onde morreu, da época medieval conservamos o espectacular contraabside e a súa nave, sendo barroca a fábrica do campanario. Hai visitas guiadas e gratuítas que vos han de informar algo máis que nós.






Agora tan só nos resta baixar o camiño empedrado ata a ponte de Santa Cristina para rematar a ruta de novo xunto ao eu. Esperemos que vos guste esta pequena pero atractiva ruta, ahh e si se vos fai curta podedes engadirlle o Camiño da Ventureira que arranca na Ponte de Santa Cristina.

Xa nos diredes como vos foi!!! e non esquezades buscar o caché!!!

2 comentarios:

  1. Encántame o teu blog! eu fago un de pateadas con cans, porque sempre vou coas miñas cadelas. Farei algunha das túas rutas :)

    ResponderEliminar
  2. Moitas hracias Leia, facemos o que podemos. Meteremoslle unha ollada ao teu blog que seguro que sera moi interesante

    ResponderEliminar