venres, 26 de abril de 2013

Tras as pegadas dos Rioboo


Distancia
8,5 km
Dificultade
Baixa
Tempo
 3:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.3.2.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 10.441 W008 50.689
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


Tras as pegadas dos Rioboo é un dos roteiros sinalizados pero non homologados do concello de Cabana de  Bergantiños que emprega o nome de unha familia do Antigo Réxime que gobernaba esta rexión dende a Torre da Penela. En unha ruta que atravesa eucaliptais de pouco interese e con unha sinalización e conservación dos camiños máis que lamentable, percorreremos camiños que nos acercarán ao torreón da Penela, a fervenza do Pozo da Forca ou a capela de San Brais, ambos sitios moi recomendables.




Iniciamos a nosa ruta na aldea da Mata, frente ao bar Josefa, vemos un cruce asfaltado que se dirixe á aldea de Rioboo, este treito sobre estrada e de 1,5 km aproximadamente  deixaranos na mesma Rioboo, unha aldea de non máis de unha ducia de casas e que destaca por unha pequena igrexa parroquial de orixe medieval. Continuamos o noso camiño rodeando as casas do lugar e fora do trazado orixinal da ruta, dado que esta adentrase por unha presunta propiedade privada: para evitar problemas rodeamos as casa e baixamos campo a través por un prado en dirección a un pequeno río ou regato. A ruta marcada polo concello indica que hai que atravesar o río por unha pequena pontella de pedra, opción descartada pola sua dificultade, ese camiño estaba ata arriba de silvas e non había maneira de continuar. O que fixemos foi buscar un paso a poucos metros da pontella e cruzar o río estirando as pernas, sen problema. Xa no camiño e entre algún zig zag ascendemos ata a torre da Penela.




O camiño anteriormente citado acaba na Torre da Penela, unha fortificación de orixe medieval en estado bastante ruinoso que asombra ao camiñante. De orixe baixo medieval foi fundada pola familia Altamira pero o actual estado do torreón é do século XVI cando xa pertencía aos Rioboo. O castelo está dividido en dúas alturas e un sotano con entradas dende a planta baixa como dende a segunda dado o desnivel do terreo; portada pequena con arco de medio punto e grandes dovelas; a estructura cadrada está coroada por almeas. Destaca tamén o escudo co emblema da familia. O seu  estado de conservación é semiruinoso e fai funcións de pendello.



Continuamos o camiño deixando atrás a Penela por unha estrada asfaltada para tomar en 500 metros un novo camiño de terra descendente. Este tramo faise curto avanzando entre praderías forraxeiras para o gando, o camiño de terra que nomeei baixa entre piñeiros e eucaliptos ata a aldea da Barcia, tamén esta marcada polas súas explotacións bobinas. Os camiños seguen estando bastante sucios, moita leña, algunha que outra silva e atrancos de árbores ao noso paso. Estamos agora percorrendo o val de Barcia, noutrora imaxino que espectacular, pero agora chea de piñeiros e eucaliptos. No quilómetro 5 da ruta pasamos a aldea abandonada de Soutochán na que só queda unha vivenda habitable.




Continuamos a marcha para comezar en poucos metros unha derivación que nos aproximará a xoia de esta ruta, derivación de uns trescentos metros, por un bosque algo máis agraciado en canto a flora e que nos levará ata o Pozo da forca, unha pequena fervenza pero moi fermosa que remata nun pozo de auga perdido na nada nun ambiente moi húmido. A fervenza de uns cinco metros de caída libre está chea de lendas dende que aquí eran aforcados os presos da Penela, que no seu fondo hai unha trabe de ouro, ata a que a min máis me gusta, que é que tentaron medir o seu fondo con doce adivais e non foron de abondo. Lonxe de estas lendas a verdade é que o Pozo da Forca é unha gozada para os sentidos.




Retrocedemos sobre os nosos pasos para volver ao camiño principal e ascender ata Folgoso, a subida morre nun prado e veremos onde veremos unha pequena pista asfaltada e xirando a nosa cabeza á dereita vemos unha pequena capela, achegámonos a ela, templo asentado presuntamente sobre un castro e que pretende honrar a San Brais. Construción pequena e típica do XVIII con testeiro plano e coa característica de que o presbiterio é máis alto que o templo.




O último tramo da ruta farase por asfalto pasando por Folgoso e rematando de novo na Mata. Como conclusión podemos dicir que é un agradable paseo coas estrelas da torre da Penela e o Pozo da Forca, pero dada a mala conservación dos camiños e a excesiva presenza de eucaliptais tampouco animo a que ninguén recorra moitos en quilómetros de coche para facer esta ruta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario