Distancia
|
12,5 km
|
Dificultade
|
Moderada
|
Tempo
|
3:30 horas
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal - Piruleta
|
M.I.D.E.
|
1.2.2.2.
|
BTT
|
Apta
|
Inicio da ruta
|
N43 13.481 W008 22.058
|
Final da ruta
|
N43 11.503 W008 22.321
|
Descarga Roteiro
|
|
Geocaching
|
|
FOTOS
|
Esta vez as Caracochas presentámosvos unha rutiña
próxima a cidade da Coruña que con un trazado en forma de chupa chups que
percorre as terras de Carral, iniciándose o recorrido na igrexa de Paleo
para rematalo despois pouco despois de coñecer os muíños da Costa da
Egoa. Este PR-G 101 iniciase con un trazado lineal que remata en un circuíto
circular nos muíños. Moito asfalto, moito eucalipto, pero unha zona chamada
Costa da Egoa moi fermosa.
Despois de mercar algo de pan na vila de Carral achegámonos
a próxima igrexa de Paleo, templo relixioso simple e rodeado por un cemiterio
que dende o punto artístico non significa nada, pero dende o punto de vista
histórico ou sentimental para un galego é un lugar que hai que visitar. Entre
as tumbas de este camposanto atopamos unhas lápidas no chan que corresponden
aos chamados Mártires de Carral. Non vou a enganar a ninguén negando a miña
paixón pola historia, e neste caso é imprescindible coñecer quen foi Miguel
Solís e os seus valentes. No ano 1846 Narvaez restrinxía pouco a pouco as
liberdades constitucionais da época de Espartero; dende a cidade de Lugo o II
batallón de Zamora, dirixido polo Coronel Miguel Solís pronunciase a favor das
liberdades e defende a volta ao sistema liberal, pronto varias cidades se suman
a Solís mesturando este movemento con un protorexionalismo. O pronunciamento
foi apagado na batalla de Cacheiras e os liberais apresados en San Martiño
Pinario. Esta ducia de heroes antes de chegar á Coruña foron fusilados en
Carral e os seus corpos repousan neste cemiterio de Paleo. Non deixedes de
visitalo.
Deixamos atrás a igrexa de Paleo e iniciamos a ruta
por unha estradiña asfaltada que tende a baixar, ata a aldea de Esperante,
chegando en uns dous quilómetros chegamos a un lavadoiro para iniciar o
primeiro treito non asfaltado. Collemos unha pista de monte de uns tres
metros de ancho para ascender unha pequena cota; hai que recoñecer que
cando nos recorremos este treito o monte estaba bastante seco, pero con lama
pode ser impracticable. O chan estaba formado por barro seco, e a inclinación
do terreo pode resultar un tanto esvaradiza, por sorte para nós todo estaba
seco pero un camiño moi pero que moi estropeado polos rodeiros de uns grandes tractores,
o camiño entre eucaliptos e piñeiros vai encaixonado en unha trincheira que nos
acompaña pola parte máis alta do monte. O paso aínda que o terreo estaba seco
faise pesado, esquivando uns regos de máis de trinta centímetros de
profundidade.
Cando levamos uns catro quilómetros de ruta volvemos a
deixar atrás o monte para chega de novo ao asfalto chegando á aldea de Pousada,
a vexetación arbórea desaparece e entramos de cheo no val do Barcés, terreos de
labor, moitas pradeiras e pequenas casas a beira de estradas secundarias. O
máis salientable de este tramo é o paso polo pazo de Vilasuso, construción
nobiliaria do século XVII e rodeada por un alto muro e unha fila de
plataneiros. Construción barroca e simplona na que podemos ver unha ampla
cheminea e unha capela. Seguimos a ruta para rematar o pau da piruleta a pouco
de cruzar o río Barcés.
Cruzamos o río Barcés e iniciamos o trazado circular
da ruta no lugar de Chamoso, en un principio esta pista é de terra e
incluso teremos que cruzar un pequeno regato por encima de unha ponte bastante
cusquiña. Dado que este é un tramo circular podemos elixir calquera dirección,
nos imos ao contrario das agullas do reloxo avanzando entre árbores e
algún prado á nosa man esquerda ata chegar de novo ao asfalto. Agora ven a
parte máis complicada da ruta, unha dura ascensión asfaltada de un quilómetro
aproximadamente que provocará que cualifiquemos de moderada esta ruta. Chegamos
a poucos metros da Capela e do mirador de Rubieiro, pero o noso descoñecemento
provocou que seguiremos o camiño.
A verdade é que o camiño que seguimos recorrendo chega
entre eucaliptos ata a Costa da Egoa, e este sí que é un lugar que todos
deberíamos visitar, e dende o noso punto de vista o obxetivo de esta ruta.
Aproveitando a forza do pequeno río Abelleira construíronse entre os salgueiros
e carballos unha serie de muíños en cadea e unha proto estación hidroeléctrica,
establecementos dos que xa hai mención no Catastro do Marques de la Ensenada no
S.XVIII. Sabemos da fama do pan de Carral, e é lóxico de algunha forma que os
panadeiros precisaran moer a fariña na época na que aínda non se mercaban os
sacos de cereal castelán.
Os muíños que podemos ver na Costa da Egoa son dos
denominados de tipo Rodicio, polos que a auga chega ao inferno, ou parte
inferior do muíño por medio de unha canle que remata nunha peza chamada bofetón
que permite abrir ou pechar o paso da auga. A parte superior do muíño é o
chamado tremiñado, zona onde se leva a cabo a moenda do cereal. A auga pasa
polo inferno movendo as aspas do rodicio que fan xirar a moa rematando a fariña
n farneiro onde se recollía para os sacos. o cereal era colocado como se ve na
fotografía en un caixón chamado moega, a tarabela é un pauiño que fai saltar a
quenlla ao rozar a moa e así caer o cereal na moa. O ruído característico da
tarabela tocando coa moa marca o paso das pezas musicais tradicionais galegas
chamadas muiñeiras.
Queda atrás a Costa da Egoa e baixamos ata Herves para
rematar o trazado circular, o camiño volve a ser similar ata rematar o roteiro,
combinando pistas anchas forestais con estreitas estradas asfaltadas entre
pradeiras.
Como vos dixen poida que non sexa unha ruta moi
apetecible, pero a zona da Costa da Egoa é un de eses rincóns que todos debemos
visitar
Ningún comentario:
Publicar un comentario