martes, 30 de xullo de 2013

PR-AS 17 Ruta del Agua


Distancia
15 km
Dificultade
Moderada
Tempo
4:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular - Piruleta
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N 43 21.580 W 007 06.512
Descarga Roteiro
Geocaching
Mapa do tesouro
FOTOS



O PR-AS 17 Ruta del Agua é a nosa primeira ruta por terras asturianas, e  a verdade é que a experiencia foi  moi positiva, un roteiro moi ben sinalizado, camiños limpos e coidados, e unha ruta na que a natureza é o fundamental; recorrendo pequenas montañas, visitando a cascada de Salgueira, ou aldeas exemplares como   os Teixois ou As Veigas. O seu nome debese posiblemente a que a ruta visita diversos enxeños movidos por auga como muíños, batáns ou ferrerías, pero dende o noso punto de vista é unha magoa que o río Turia por veces o sintamos tan distante.






Esta ruta de sendeirismo iniciámola na mesma vila de Taramundi, a carón da oficina de información turística, de obrigada visita, onde un chico nos atendeu de forma moi atenta e non só nos indicou e facilitou información das rutas de Taramundi, senón que ademais orientounos no que ver en toda a bisbarra dos Oscos.  Xunto a unha gran tulla a carón da oficina de turística acendemos o GPS e comezamos a ruta, baixando pola pista que descende a carón da sidrería, para tomar a pista cementada que baixa cara Mazonovo; esta pista de pendente moi pronunciada é sinxela de atopar, encontrando os primeiros sinais da ruta como un panel que debuxa o seu trazado.






Chegamos a Mazonovo despois de levar andados uns 500 metros de ruta; esta pequena aldea satélite de Taramundi é o noso primeiro contacto co río Turia, en Mazonovo destaca o seu museo dos muiños, de visita obrigada no que con unha entrada de 3,90 € podemos coñecer o funcionamento dos muíños, tanto os hidráulicos fariñeiros como tamén os manuais, os de diferentes lugares do mundo ou enxeños de produción eléctrica. O edificio está situado a beira do Turia sobre a morte de un pequeno afluente. Deixando atrás o museo e aínda en Mazonovo aparece a división entre dúas rutas, por un lado está a Ruta dos Ferreiros que cruza o río, e a nosa que continua por un treitiño asfaltado para coller en poucos metros xa unha senda que se introduce no monte.






O camiño que tomamos descende ata o río, camiño de vexetación típica de ribeira, moitos bidueiros e salgueiros mesturados con algún carballo e castiñeiro, en poucos pasos chagamos a esta fermosa ponte de la Escaderna, que con un só arco de medio punto con unha luz de uns cinco ou seis metros que nos permite atravesar o Turia; ao seu carón teremos un pequeno merendeiro con mesas de madeira; nós pola contra tomamos dirección oposta subindo o camiño ata chegar a unha pequena estrada, onde atoparemos o punto quilométrico primeiro e unha fonte, da que descoñecemos a potabilidade da súa auga. A pouco de andar por esta pequena estradiña veremos unha pista ascendente  que nos leva a fervenza de Salgueira.






O camiño que nos leva a fervenza de Salgueira e unha pequena derivación da ruta de uns 900 metros ascendentes pero levadeiros a carón do río Salgueira, por un sendeiro ben definido, perfectamente sinalizado e bastante transitado, un sendeiro que transcurre a carón de algún muíño de auga en estado ruinoso. A fervenza de Salgueira é unha fermosa catarata con unha caída libre de aproximadamente 30 metros de altura de non moito caudal pero unha delicia para os sentidos. Retornamos sobre os nosos pasos e continuamos pola estrada ascendendo ata Esquios onde remata o pau da piruleta.






Chamamos ruta piruleta a aquelas que teñen forma semellante a este caramelo, na que combinan un tramo lineal no seu inicio con un percorrido circular; esta ruta é de esa morfoloxía un tramo lineal ou pau que se inicia en Taramundi e remata nesta aldea de Esquios para volver a rematar aquí o circuíto circular. Deixamos atrás o asfalto para introducirnos en un camiño completamente verde, o sentido que eliximos é cara a aldea de As Veigas, un agradable treito con moita arboreda, fieitos e musgo que tan só se ve interrompido por algún regato salvado por pequenas pontes. Este camiño discorre a media ladeira buscando a aldea de As Veigas, a cal encontraremos despois de levar andados uns 6 km de andaina. A fermosura de este conxunto de casas invítannos a baixar cara ela tan pronto e como nós a vemos, pero o camiño marcado pasa de longo ata chegar a pequena ponte de Batán onde nos paramos para xantar en un pequeno merendeiro a carón do río. Pasamos pola igrexa das Neves e volvemos de novo ás Veigas.






As Veigas non parece unha aldea normal de ben coidadiña que está, o certo é que posiblemente non viva ninguén nela, e o feito de ser unha aldea exemplar asturiana poida deberse a que a maioría das súas casas sexan establecementos de turismo rural, moito guiri en un entorno idílico ás ribeiras do Turia, con numerosas casas e rúas de pedra adornadas con balconciños de madeira e tellados de pizarra, e destaca non só polos seus muíños de auga, senón tamén pola unión dos seus hórreos, os asturianos de planta cadrada cos máis alongados de influencia galega chamados por eles de tipo Mondoñedo.






Continuamos a marcha en dirección os Teixois, este treito cambia a morfoloxía do terreo e pouco a pouco as árbores van desaparecendo mentres gañamos altura; agora o camiño discorre entre matorrais formado basicamente a base de xestas e toxos, este cambio de vexetación facilítanos a visión do fermoso val que forma o Turia e contemplar o camiño polo que transitamos uns quilómetros antes. O camiño remata nun cruce formado pola vía principal e o arranque de unha pequena derivación que nos achega aos Teixois, tamén de visita obrigada, cusquiña aldea na que o maior interese é o seu museo dos muíños, complexo no que nos cobrarán 2,5 € por unha visita guiada, na que se nos amosarán muíños fariñeiros, unha ferrería, unha pequena central  hidroeléctrica, un muíño de batán e unha forxa co seu mazo; visita moi amena e instrutiva.






Retrocedemos sobre os nosos pasos deixando atrás a linda aldea de Os Teixois e retomamos a ruta no punto onde a deixamos, o camiño é descendente por unha carballeira que busca o río con enormes caracochas e troncos fendidos; volvemos a cruzar o Turia por unha ponte de madeira colocada alí para facilitar a ruta e por un camiño en zig zag imos gañando altura para chegar de novo a Esquios. Para rematar a ruta tan só nos queda desandar rapidamente o pau da piruleta e chegar de novo a Taramundi.

Animádevos a recorrer esta fermosa e sinxela ruta e non esquezades buscar o noso geocaché; ahhh e non deixedes de contarnos que vos pareceu!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario