martes, 9 de xullo de 2013

Ribeira do Anllóns


Distancia
14  km
Dificultade
Moderada
Tempo
4:00 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
2.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 13.519 W008 47.595
Final da ruta
N43 13.722 W008 53.159
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


Esta ruta que titulamos Ribeira do Anllóns é unha verdadeira debilidade para nós; de vez en cando organizamos pateadas en grupo, e esta foi unha das veces coa escusa de achegarnos a un paraíso que pronto se destrozará pola construción da Mina de Ouro de Corcoesto, un sin sentido para espoliar os nosos recursos e deixarnos para sempre un cianuro alleo aos nosos montes. Esta ruta baixa o río Anllóns dende Verdes ata Anllóns, un total de 14 quilómetros pegadiños ao río e por algún tramo pouco transitado e moi aventureiro.



O río Anllóns é a verdadeira arteria de Bergantiños, atravesando a maioría dos seus concellos dende o monte Xalo ata a Ría de Corme, pero posiblemente o punto máis coñecido da ribeira do Anllóns, é Verdes un  fermoso enclave agora área recreativa que en outro día foi un importante complexo fariñeiro. Neste punto o río Anllóns ábrese en moitos pequenos brazos orixinando un gran entramado de de pequenas insuas e canais polos que corre a auga que nutren unha ducia de muíños de auga, actualmente dous están abertos e poden ser visitados, pero non podemos deixar atrás Verdes sen coñecer o se revolucionario e ecolóxico retrete ou pasear entre as múltiples pontes que cruzan as canles do río entre mesas e lareiras.




A ruta que recorre a ribeira do Anllóns pódese dividir en catro sectores, o primeiro arranca do Refuxio de Verdes  e seguiremos ribeira abaixo ata a Ponte Dona. En Verdes cruzaremos o río pola pequena ponte que hai fronte ao muíño grande, durante todo este treito teremos o río a nosa man dereita; a verdade é que non ten perda ningunha correremos por un sendeiro de ribeira de eses nos que camiñaremos en fila india baixo carballos e salgueiros, toda unha delicia pasando entre algún penedo e pequenas praderías paralelo ao serpenteante Anllóns. A verdade é que este é o treito mellor conservado da ruta.




En dous quilómetros chegamos á Ponte Dona, fronteira natural entre os concellos de Ponteceso e Coristanco. O nome de este emprazamento débese a fermosa ponte que atravesa o Anllóns, recen restaurado despois das crecidas de 2010, como se pode ver nesta fotografía é unha robusta ponte de granito na que cinco vanos soportan unha ponte plana; a tradición e incluso algún panfleto mal documentado de turismo local indican que esta ponte é de época romana; desde o noso punto de vista unha datación non documentada e dado que a maioría das pontes en Galicia son denominadas como romanas, temos que dubidar de que construíse en unha época tan antiga. Pode ser que fose edificada sobre restos de unha antiga ponte romana, pero posiblemete esta ponte fose levantada non máis atrás do século XVIII. O que non podemos e negar a sua beleza e que é máis antiga que a maioría das pontes da contorna.




Deixamos atrás a Ponte Dona para chegar a unha estrada que comunica Cereo con Xornes, sobre ela cruzamos o Anllóns e recorrémola uns cen metros ata ver unha ampla pista que entra de novo no monte á man esquerda; tan pronto e como podemos deixamos esta pista de terra para continuar por un estreito sendeiro de pescador a carón do río. Neste segundo tramo teremos o río a man esquerda, de características semellantes ao treito xa andado pero algo máis plano e con algún que outro atranco. A metade de este tramo atopase a presa de Santa Mariña, un enclave de auga embalsada fonte de vida e de fermosura, un xuncal criador de troitas e reos e lugar de retiro para parrulos, cormoráns ou garzas reais entre outros moitos animaliños. Este embalse foi a razón de esta ruta, lugar que nunca volverá a ser o mesmo, por que nas súas inmediacións construirase a famosa mina de ouro de Corcoesto; moito cianuro e arsénico, moita hipocrisía e unha herdanza de contaminación e cancro para que un par de estranxeiros e impresentables locais se enriquezan coas nosas terras coa escusa de postos de traballo.




A cantidade embalsada de auga obrigounos a apartarnos da ribeira do Anllóns, a opción pola que nós optamos foi a de recorrer uns camiños pola parte alta do río entre moito eucalipto e pouco interese, tan pronto e como puidemos volvemos ao camiño de orixe que recomendamos que nunca abandoedes si vos é posible. Cando levamos 5,5 quilómetros de roteiro chegamos á ponte de Xabarido ou Langueirón que atravesaremos por abaixo e iniciaremos o terceiro treito que nos levará ata a ponte de Cardezo. Deixando atrás a ponte de Langueirón temos que recorrer un longo quilómetro a carón de un prado e dos biduerios que flanquean o río, unhas veces está plantado de herba, outras con millo ou recen arado, dependendo da época do ano. Ao rematar o prado buscamos á esquerda un pequeno río, antes había unha ponte de madeira que desapareceu, nós cruzamos o río por encima de unha árbore, pero uns metros arriba hai unha ponte, ou creo, por que así a mostran os mapas da zona.




Este terceiro tramo da ruta recorre sendeiros menos transitados que o anterior, como na maior parte da xornada temos  como referencia o Anllóns e a pequena senda de pescador que o recorre á súa dereita, é un tramo algo máis sucio en maleza, algunha que outra silveira, algunha ortiga pero nada que non se salve con uns pantalóns longos. Para abandoar o prado de Langueirón tivemos que cruzar un río por encima de unha árbore ao non estar a ponte; pois esta vai a ser a dinámica ata Cardezo, haberá como cinco ou seis regos que teremos que cruzar de un salto ao desaparecer as pontellas; é o toque divertido do día, e para nada teñen complicación, regatos na súa maior parte secos de non máis de un metro que se atravesan con unha longa zancada; este tramo aventureiro está pouco humanizado pasando por lugares tan fermosos como un pequeno meandro que forma o río próximo á ponte de Cardezo.






Deixando atrás a Ponte de Cardezo pasamos por un pequeno prado buscando de novo a ribeira do Anllóns, este treito ten as mesmas características que o anterior e rematará na mesma aldea de Anllóns, ten un tramiño algo aventureiro ou lioso próximo ao embalse que forma unha especie de illas que nos pode confundir ao atopar río aos dous lados do camiño. Poucos metros antes de rematar a ruta chegamos á Saímia, un complexo de grandes muíños fariñeiros e de produción hidroeléctrica en un entorno moi ben coidadiño e de gran beleza.




Ao chegar á área recreativa da Ponte da Garga rematamos os 14 quilómetros de esta ruta fermosa e aventureira. Nós deixamos os coches en Ponteceso, á que se chega despois de unha curta camiñata de media hora. Esperemos que vos guste a nosa experiencia e xa nos contaredes como vos foi a vos!!!

ahhh, e outra vez NON Á MINA!!!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario