luns, 19 de agosto de 2013

Polos montes do Faro


Distancia
14 km
Dificultade
Fácil
Tempo
 3:30 horas
Tipo de Roteiro
lineal
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
 Apta
Inicio da ruta
N43 06.607 W009 02.065
Final da ruta
N43 06.841 W009 06.721
Descarga Roteiro
FOTOS


Habitualmente as Caracochas formámolas dúas persoas e queremos dar a coñecer as nosas rutas de forma obxetiva para que tamén vos as poidades facer; este caso foi unha ruta un pouco especial, volvemos aos nosos orixes e en vez de organizar nós unha pateada, anotámonos a unha ruta organizada polo Concello de Vimianzo, ruta que se engloba na serie Andainas pola Costa da Morte que organizan varios concellos da zona. A experiencia foi moi agradable, e animámosvos a que si non vos decidides facer camiñatas en solitario optedes por estes modelos.




Como dixemos a experiencia despois de realizar esta ruta foi moi agradable e iso que o tempo non acompañaba, antes debemos recoñecer que a ruta non foi demasiado atractiva, posiblemente pola falta de visibilidade dende o alto do monte a causa da chuvia, pero puidemos visitar o interesante castro de Barreiras en Ogas, subimos ao alto do monte Faro e chegamos a Carnés onde nos esperou unha curiosa tradición gastronómica.



A ruta comezámola na praza do concello, pero non podíamos estar en Vimianzo e pasar sen visitar o seu castelo, unha das xoias da arquitectura militar baixomedieval galega; o castelo agora propiedade da Deputación da Coruña e na que hai unha exposición etnográfica permanente e gratuíta foi construído no século XIII para controlar a terra de Soneira. Con bastante actividade nos séculos medievais nada ou case nada sabemos da súa estrutura primixenia, xa que foi derrubado no S.XV coma case todos os castelos polos revolucionarios Irmandiños. En 1572 o arcebispo Fonseca devolveu o bastión aos Moscoso e reconstruíuse dando o resultado actual. As últimas reconstrucións datan de fins do S.XIX. Castelo con tres torres, a do homenaxe con almeas diamantadas e voadas, patio de armas poligonal, paseo de ronda e foxo defensivo, e como non unha ponte levadiza; toda unha delicia para os historiadores.




Pouco a pouco imos abandoando Vimianzo por pequenas pistas que recorren a parte traseira da vila co fin de evitar a estrada xeral, en pouco máis de dous quilómetros chegamos a estrada para cruzala co fin de visitar o castro das Barreiras, enorme recinto amurallado cons uns parapetos que como se pode ver nesta fotografía alcanzan os oito metros de altura e rodeada por un fondo foxo. O castro está sen escavar e o que vemos é unha enorme planicie redonda cuberta de herba. Nós tivemos a sorte de que un historiador  nos aclarase que era un castro da II Idade do Ferro e de economía agraria, demostrado grazas as catas realizadas nas que se acharon  numerosos restos de cerámica e unha fouce o que avala esta teoría. O gran número de estruturas habitacionais posibilitou que se vaia escavar este castro co fin de musealizalo, e poder contemplar un castro único ao non enclavarse nin en altura nin na costa.





Deixamos atrás o castro das Barreiras e volvemos a cruzar a estrada en dirección de Ogas, aldea á que pronto chegaremos e atravesaremos buscando monte; desde Ogas o camiño deixa o cemento e volvese ascendente, os prados van dando paso a eucaliptais e montes de piñeiros; o camiño ancho de tractor que nos vai achegando ao Monte Faro. Ao pouco de pasar Ogas e comezar a subida atopámonos coa obra da futura autovía da Costa da Morte o que nos pode dificultar en un futuro o trazado de esta ruta.




O alto do monte Faro é un verdadeiro escaparate da terra de Soneira. é unha magoa que o tempo a nós non nos acompañase e a nubosidade provocou que a vista da comarca fose máis ben reducida, si ben dende o alto do Faro podemos ver a totalidade do val de Vimianzo e a ría de Camariñas co cabo Vilán ao fondo. Por estos montes encontramos numerosas construcións derruídas que non eran máis que as antigas cabanas das antigas minas de Vimianzo; nestes montes extraíase caolín para a construción e era un dos principais aportes económicos da comarca; a marca de esta antiga minería non deixa pega tan só en estas vellas casetas, senón que tamén a beira do camiño albiscamos unhas lagoas de auga doce, orixinadas ao asolagarse os antigos xacementos: Vimianzo aínda ten algunha mina de caolín, áridos empregados ultimamente para ampliar a recente praia de Riazor.




O alto do Faro é un terreo bastante agreste, aberta á costa está formado por monte baixo de toxos e herbas duras, non só habitan nas súas terras as espantosas torres eólicas, a contorna está chea de cabalos salvaxes, dos que non vimos ningún, pero sí había moitas vacas en liberdade cos seus xatos, bóvidos adaptados ao medio hostil e que neste caso eran de raza vianesa, chamativa pola súa pelaxe escura, a súa avultada cornamenta e que son uns bóvidos que se adaptan perfectamente ao medio montañoso ou agreste. As vaquiñas van quedando atrás e descendemos ata Carnés onde rematamos a andaina.




Antes de abandonar Carnés entramos no recinto da Cerca onde nos agasallaron con unha ración de callos, o por que é por que neste lugar e coincidindo co San Cristo todos os anos celebrase a Festa da Faguía, declarada de interese turístico nacional, na que se ofrecen callos aos visitantes. A tradición remontase uns 400 anos no que se formara en Carnés unha Irmandade que se reunía todos os anos para facer unha comida ao ano; co tempo o recinto cercouse, e de aí a Cerca para que non comesen os alleos a cofradía. Nos anos 20 do século XX retomase a tradición pero co fin de alimentar un día ao ano aos máis necesitados, derivando nos nosos días en unha festa gastronómica máis. A implicación actual e tal que en todas as casas da aldea hai un pucheiro reservado para a Festa.

Pois ata aquí o que dou de sí esta ruta, e xa nos diredes


Ningún comentario:

Publicar un comentario