Distancia
|
6 km
|
Dificultade
|
Difícil
|
Tempo
|
3:00 horas
|
Tipo de Roteiro
|
lineal
|
M.I.D.E.
|
2.3.3.3.
|
BTT
|
Non Apta
|
Inicio da ruta
|
N43 14.013 W008 00.974
|
Final da ruta
|
N43 14.113 W007 59.256
|
Descarga Roteiro
|
|
Geocaching
| |
FOTOS
|
A verdade é que tiñamos moitas ganas de facer unha
rutiña por Aranga; fai uns anos Dínamo organizara unha Andarela por estas
terras á que non puidemos ir e da que falaban marabillas, non sabemos si foi
esta mesma ruta. Nós eliximos esta concretamente por que pasaba pola chamada
Fraga das Barbudas, e con un nome tan bonito non podía defraudar. Así foi unha
ruta fermosísima, moi técnica, a carón do río Cambás e visitando a perdida Fervenza
de Castro Rodicio, iso si pasando polas Barbudas, unha das fragas máis espesas
polas que pasamos.
A ruta comeza na pequena aldea de Ponte Aranga,
deixamos o coche aparcado a carón do monolito que recorda ás vítimas do
fascismo e enterrados en unha fosa en 1936, e cruzamos a ponte para comezar a
pateada dende a casa consistorial. O primeiro treito faise por unha pequena
pista asfaltada a carón do río Mandeo, pista de pouco o ningún trafico
semellante a unha pequena senda que discorre río arriba ata chegar ao
Barranco da Loba. Este é a confluencia dos ríos Mandeo e Cambás que foi arranxado
polos veciños para facer do entorno unha área recreativa con mesas e
lareiras e un muíño que parecía que estaba en proxecto de recuperación.
No Barranco da Loba collemos unha pista que se adentra
no monte levando o Cambás a man esquerda; é un cómodo camiño no que os sinais
da ruta seguen estando presentes; este trazado ten unha sinalización bastante
boa con indicativos propios das rutas oficiais en branco e amarelo, aínda que
non sexa unha ruta homologada e tamén propios co sinal SM4, sinalización en
branco e azul e que identifican as rutas do Mandeo. Este treito remata en un
vello muíño de auga para atravesar un par de prados pegadiños ao río. Temos que
indicar que cando retornamos había unha boa manada de vacas pacendo en un dos
prados e acompañadas por un enorme touro.
Ao chegar ao final dos prados achamos unha pequena
ponte pola que pasa unha pequena e estreita estrada asfaltada, cruzámola e
entramos de novo na senda a carón do Cambás, esta é a porta da chamada Fraga
das Barbudas, espesa, húmida e fantástica. A Fraga das Barbudas é un de eses
lugares alonxados da man do home, un excepcional bosque atlántico a carón do
río. As Barbudas como dixen antes é unha fraga moi densa, cuberta por
carballos, salgueiros, cerdeiras ou bidueiros e que provocan que baixo as copas
das árbores a luz sexa tenue e por veces incluso chegamos a perder a recepción do GPS. O chan está cuberto de brións, fentos e bastantes rochas, mesturadas
con un continuo goteo de auga.
Ao chegar á Fraga das Barbudas a morfoloxía da ruta
cambia totalmente, o camiño que antes discorría a carón de pequenas praderías
adentrase no bosque, a claridade diminúe considerablemente e os camiños vólvense
algo máis complicados, pequenas sendas con continuos tropezos de pedriñas que
nos obrigan a ter sempre un ollo no camiño para non caer ao chan. En un
quilómetro aproximadamente chegaremos a unha pequena central hidroeléctrica,
punto que aproximadamente ben sendo a metade da ruta.
Dende a central hidroeléctrica a ruta complicase un
pouquiño máis, como indicamos esta ruta non é nada sinxela pese a ser moi
cortiña, hai algún sube e baixa pero case todo o tempo camiñamos pegados á
marxe esquerda do río, por veces a senda está formada por agrupamentos de
rochas bastante escorredizas, sendo preciso en algún paso o emprego de pequenas
pontes de madeira. Ata aí en parte todo normal, so que en algún paso o rochedo
fai case impracticable o paso, as pontes son difíciles de anclar e a solución
foi colocar especie de pasamáns de madeira aos que agarrarnos para non caer ao
chan. A verdade é que é moi divertido e con un pouco de coidado non hai
problema.
Aproximadamente no quilómetro 4,5 imos gañando altura
e apartándonos algo do Cambás, a sinalización da subida está algo tapada e
chegamos a un camiño estreito parecido a unha canle de un muíño de auga, por
que hai un pequeno murete de contención para que o camiño non ceda ao terreo. O
entorno segue sendo de fraga profunda onde podemos atopar algunha lesma, sapos
ou pequenas serpes. O abandono do río supón un pequeno descanso, aínda que no
cruce de Couce volvemos a baixar ata ese pequeno e pouco profundo río.
A ruta principal vai ata a aldea de Couce, para nós
era máis atractiva a visita a fervenza de Castro Rodicio que se aparta uns 400
metros do cruce; para elo temos que coller un pequeno sendeiro en principio moi
ascendente pero que vai suavizándose co tempo; no arranque do sendeiro hai un
sinal que indica que o tramo cara a catarata é perigoso, e en parte quedaronse
algo cortos, camiños estreitos e bastante cerrados, moita pedra esvaradiza ás
que non quitarlle ollo para non precipitarnos; e para rematar o camiño este
desaparece nos últimos metros tendo que andar sobre unha pedreira por encima do
río Cambás.
A ruta rematámola na fervenza de Castro Rodicio,
formada ao precipitarse o Cambás dende unha altura de uns 15 metros ao vacio
rematando nun bonito pero escuro pozo. As lendas da zona contan que uns mouros
agocharan un tesouro de ouro no seu fondo. Para recuperalo un cura de Aranga
coa axuda do libro de San Ciprián e do seu sacristan achegáronse a recuperalo.
lendo o libro ao revés; pouco a pouco o pozo foi secando e apareceu un rodicio
de ouro macizo. O cura coa emoción trabucouse ao ler e comezou a chover sangue,
quedando o rodicio de ouro de novo cuberto polas augas.
Pois ata aquí o que dou esta espectacular ruta; xa nos
contaredes como vos foi!!!!