xoves, 19 de setembro de 2013

Val do Cambás - Fraga das Barbudas


Distancia
6  km
Dificultade
Difícil
Tempo
3:00 horas
Tipo de Roteiro
lineal
M.I.D.E.
2.3.3.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 14.013 W008 00.974
Final da ruta
N43 14.113 W007 59.256
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


A verdade é que tiñamos moitas ganas de facer unha rutiña por Aranga; fai uns anos Dínamo organizara unha Andarela por estas terras á que non puidemos ir e da que falaban marabillas, non sabemos si foi esta mesma ruta. Nós eliximos esta concretamente por que pasaba pola chamada Fraga das Barbudas, e con un nome tan bonito non podía defraudar. Así foi unha ruta fermosísima, moi técnica, a carón do río Cambás e visitando a perdida Fervenza de Castro Rodicio, iso si pasando polas Barbudas, unha das fragas máis espesas polas que pasamos.




A ruta comeza na pequena aldea de Ponte Aranga, deixamos o coche aparcado a carón do monolito que recorda ás vítimas do fascismo e enterrados en unha fosa en 1936, e cruzamos a ponte para comezar a pateada dende a casa consistorial. O primeiro treito faise por unha pequena pista asfaltada a carón do río Mandeo, pista de pouco o ningún trafico semellante a unha pequena senda que discorre río arriba ata chegar  ao Barranco da Loba. Este é a confluencia dos ríos Mandeo e Cambás que foi arranxado polos veciños para facer do entorno unha área recreativa con mesas e  lareiras e un muíño que parecía que estaba en proxecto de recuperación.




No Barranco da Loba collemos unha pista que se adentra no monte levando o Cambás a man esquerda; é un cómodo camiño no que os sinais da ruta seguen estando presentes; este trazado ten unha sinalización bastante boa con indicativos propios das rutas oficiais en branco e amarelo, aínda que non sexa unha ruta homologada e tamén propios co sinal SM4, sinalización en branco e azul e que identifican as rutas do Mandeo. Este treito remata en un vello muíño de auga para atravesar un par de prados pegadiños ao río. Temos que indicar que cando retornamos había unha boa manada de vacas pacendo en un dos prados e acompañadas por un enorme touro.




Ao chegar ao final dos prados achamos unha pequena ponte pola que pasa unha pequena e estreita estrada asfaltada, cruzámola e entramos de novo na senda a carón do Cambás, esta é a porta da chamada Fraga das Barbudas, espesa, húmida e fantástica. A Fraga das Barbudas é un de eses lugares alonxados da man do home, un excepcional bosque atlántico a carón do río. As Barbudas como dixen antes é unha fraga moi densa, cuberta por carballos, salgueiros, cerdeiras ou bidueiros e que provocan que baixo as copas das árbores a luz sexa tenue e por veces incluso chegamos a perder a recepción do GPS. O chan está cuberto de brións, fentos  e bastantes rochas, mesturadas con un continuo goteo de auga.




Ao chegar á Fraga das Barbudas a morfoloxía da ruta cambia totalmente, o camiño que antes discorría a carón de pequenas praderías adentrase no bosque, a claridade diminúe considerablemente e os camiños vólvense algo máis complicados, pequenas sendas con continuos tropezos de pedriñas que nos obrigan a ter sempre un ollo no camiño para non caer ao chan. En un quilómetro aproximadamente chegaremos a unha pequena central hidroeléctrica, punto que aproximadamente ben sendo a metade da ruta.






Dende a central hidroeléctrica a ruta complicase un pouquiño máis, como indicamos esta ruta non é nada sinxela pese a ser moi cortiña, hai algún sube e baixa pero case todo o tempo camiñamos pegados á marxe esquerda do río, por veces a senda está formada por agrupamentos de rochas bastante escorredizas, sendo preciso en algún paso o emprego de pequenas pontes de madeira. Ata aí en parte todo normal, so que en algún paso o rochedo fai case impracticable o paso, as pontes son difíciles de anclar e a solución foi colocar especie de pasamáns de madeira aos que agarrarnos para non caer ao chan. A verdade é que é moi divertido e con un pouco de coidado non hai problema.




Aproximadamente no quilómetro 4,5 imos gañando altura e apartándonos algo do Cambás, a sinalización da subida está algo tapada e chegamos a un camiño estreito parecido a unha canle de un muíño de auga, por que hai un pequeno murete de contención para que o camiño non ceda ao terreo. O entorno segue sendo de fraga profunda onde podemos atopar algunha lesma, sapos ou pequenas serpes. O abandono do río supón un pequeno descanso, aínda que no cruce de Couce volvemos a baixar ata ese pequeno e pouco profundo río.




A ruta principal vai ata a aldea de Couce, para nós era máis atractiva a visita a fervenza de Castro Rodicio que se aparta uns 400 metros do cruce; para elo temos que coller un pequeno sendeiro en principio moi ascendente pero que vai suavizándose co tempo; no arranque do sendeiro hai un sinal que indica que o tramo cara a catarata é perigoso, e en parte quedaronse algo cortos, camiños estreitos e bastante cerrados, moita pedra esvaradiza ás que non quitarlle ollo para non precipitarnos; e para rematar o camiño este desaparece nos últimos metros tendo que andar sobre unha pedreira por encima do río Cambás.






A ruta rematámola na fervenza de Castro Rodicio, formada ao precipitarse o Cambás dende unha altura de uns 15 metros ao vacio rematando nun bonito pero escuro pozo. As lendas da zona contan que uns mouros agocharan un tesouro de ouro no seu fondo. Para recuperalo un cura de Aranga coa axuda do libro de San Ciprián e do seu sacristan achegáronse a recuperalo. lendo o libro ao revés; pouco a pouco o pozo foi secando e apareceu un rodicio de ouro macizo. O cura coa emoción trabucouse ao ler e comezou a chover sangue, quedando o rodicio de ouro de novo cuberto polas augas.




Pois ata aquí o que dou esta espectacular ruta; xa nos contaredes como vos foi!!!!


2 comentarios:

  1. Pois por aclarar o tema da Andarela, dicirvos que non foi este o roteiro que fixemos naquela ocasión.
    Como xa sabedes, gustamos de facer roteiros circulares sempre que sexa posible por temas de loxística (autobús, descanso,...), polo que fixemos a do Mandeo (Saíndo de Ponte Aranga, e río abaixo, e voltando polo monte ata Ponte Aranga de novo).
    O caso é que a rutiña de Cambás era a nosa preferida para facer naquela ocasión, pero non puido ser debido a que estaba pechada (facía pouco tempo que unhas treboadas e ventos fortes tiraran varias árbores e o camiño estaba completamente atrancado).
    Quizais sexa o momento de voltar logo por alí!!

    Graciñas e un saudiño!!

    ResponderEliminar
  2. Nos a verdade e que non sabiamos cal fora o roteiro elixido por que non puideramos ir, pero falaran tan ben de esa pateada que buscamos unha pola zona e esta parecía do máis interesante. Aínda así todas as rutas que fixemos con vos foron unha gozada.

    Un saudo!!!

    ResponderEliminar