sábado, 13 de decembro de 2014

Souto da Retorta



Distancia
1  km
Dificultade
Moi Fácil
Tempo
30 minutos
Tipo de Roteiro
lineal
M.I.D.E.
1.1.1.1
BTT
Apta
Inicio da ruta
N43 36.772 W007 35.334
Descarga Roteiro
Geocaching

FOTOS


Máis que unha ruta este é un pequeno paseo que nos achegará ao Souto da Retorta. Certo é que ata o de agora non tiñamos ningunha ruta apropiada para nenos, e un día tiña que chegar o momento no que os Caracochas vos presentáramos unha rutiña ideal para o inicio ao sendeirismo dos máis pequenos. A verdade é que este paseo saíu case por casualidade; nunha tarde de paseo por Viveiro pensamos en achegarnos ao Souto da Retorta, e como tiñamos con nos o GPS gravamos o track.



Esta pequeno ruta comeza na pequena aldea de Chavín, moi preto de Viveiro. Entre as súas casas e a carón da estrada atopamos unha pequena explanada a modo de aparcamento. Non ten perda xa que está perfectamente sinalizado con un gran cartel que indica Souto da Retorta. Aparcamos o coche e xa vemos que ao fondo e de costas a estrada arranca un pequeno camiño a carón de un muro de pedra.




A pequena ruta arranca pegada a un alto muro de pedra, os primeiros metros como se pode ver fanse por un terreo pavimentado por pequenas lousiñas de pedra. A ruta non ten perda ningunha ata o Souto da retorta e non teremos máis que seguir o camiño continuo.




En poucos metros abandonamos o piso pavimentado por un cómodo sendeiro de terra; recorremos unha pista a carón do río Landro deixando este sempre a man dereita; pola esquerda do camiño vai unha pequena canle de auga que surtía aos pequenos muíños de auga da zona. A verdade é que é unha pista moi agradable de percorrer, está tapizado de pequenas follas secas no chan e flanqueado por unha vexetación de bosque de ribeira.




Ao final do camiño chegamos ao Souto da Retorta ou Eucaliptal de Chavin  Esta zona onde remata o camiño é un remuíño do Landro onde se encontran os eucaliptos mías vellos de Europa; e un lugar protexido baixo a figura de Monumento natural debido ao seu interese. A súa orixe débese a un crego misioneiro que en 1880 trouxo unhas sementes de eucalipto de Australia; este relixioso plantou as árbores co obxecto de secar unha zona medio pantanosa e deixando exemplares como o avó, que é a árbore máis grande de España con 67 metros de altura e 10,5 metros de base. Só por ver a estos colosos paga a pena este fermoso paseo.





Rematamos a ruta uns seguindo o río uns poucos metros ata unha pequena central hidroeléctrica. A verdade é que é un pequeno paseo pero moi fermoso, e tan só por ver ao maxestoso avó vale a pena.

martes, 28 de outubro de 2014

Ancares; Faial da Pintinidoira


Distancia
16  km
Dificultade
Moderada
Tempo
5:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
Inicio da ruta
N42 45.075 W007 00.832
Descarga Roteiro
FOTOS


¡Un faial en Galicia! Pois sí, buceando pola web descubrimos que a poucos quilómetros de Pedrafita había unha minúscula aldea chamada a Pintinidoira co maior faial da nosa terra. As ganas de coñecer esta ruta foron moitas, pero tivemos que esperara a mellor época do ano para percorrela, por que para ver o faial verdadeiramente bonito teremos que esperar a principios de novembro.




A Pintinidoira é unha pequena aldea do concello das Nogais, a verdade é que o acceso é bastante doado, dende Pedrafita teremos que tomar unha pequena estrada a carón do centro escolar que vai cara San Román de Cervantes e continuar coas indicacións, non ten perda. Chegamos a Pintinidoira nunha mañá fría de novembro e deixamos a un lado o coche. Había moito pero que moito frío e tras abrigarnos un pouco comenzamos a andar por unha pequena pista entre as casas. A aldea da Pintinidoira pertence ao concello das Nogais, pero practicamente toda a ruta facémola polo concello de Cervantes; non subiremos aos grandes cumios dos Ancares pero esta non deixa de ser unha ruta moi fermosa pola serra ancaresa.





Os primeiros metros da ruta son bastante chans ou incluso pican algo para arriba, unha ancha pista como se pode ver na fotografía entre pradeiras e vacas, pero sin deixar a comodidade de este camiño aos 500 metros de ruta comenzaremos a baixar de forma moi acusada descendendo uns 500 metros de desnivel en aproximadamente 3 km. As vistas á serra son formidables rodeados de vexetación baixa para adentrarnos pouco a pouco unha espesa fraga segundo imos baixando.




Ao entrar na fraga a pendente suavizase pouco a pouco e camiñamos entre brións e antigas árbores en un ambiente con moita auga, o tramo remata nunha pequena aldea de non máis de media de casas chamada Riamonte de Abaixo. Esta é a tipica aldea colocada ao fondo dun val de poucas casas e moitos cans e vaca entrecortada por numerosos regatos de auga. Deixamos atrás a aldea e entre os prados camiñamos en paralelo a un dos regatos que tira cara o norte, o camiño algo sucio vai facendose estreito para ir morrer a unha pequena estrada local nas proximidades de Santa Mariña, un par de casas ailladas a carón da mesma




Pasamos Santa Mariña e volvemos a meternos no monte abandonando de novo o asfalto, a entrada na fraga foi realmente bonita o chan estaba tapizado por un manto de follas caducas de cor ocre que chiscaban ao pasar sobre elas coas nosas botas. O camiño ancho e moi pisado polas vacas en principio e bastante chan recorrendo humidos camiños entre carballos e castiñeiros e sempre preto a pradarias onde pastan multitude de vacas coas suas chocas; a presencia de regatos é constante e ata que cheguemos a pequena aldea de Covas non volveremos a subir, pero esto non será ata que levemos uns 6,5 km de ruta.




As Covas tocámola de resfilón, bueno tampouco podemos decir que sexa moito máis, pero xunto ás primeiras vivendas tomamos un estreito sendeiro ascendente entre bastante matorral e algunha cabra e galiña. A verdade é que esta ascensión tira algo do alento pero axiña chegamos a unha pequena estrada que nos corta pola metade a ascensión, atravesámola  e continuamos por unha ancha pista forestal entre piñeiros ascende ata que cheguemos aos 900 metros de altitude; cómoda sí pero con bastante desnivel ascendente. Volvemos a baixar e xa estamos na aldea de Vilaspasantes.




En Vilaspasantes paramos un anaquiño para comer un pequeno bocadillo e repoñer algo de enerxía. En un principio pensamos en sair casas arriba da aldea para tomar un sendeiro que nos fixese ascender, e así foi como o fixemos, pero ao ver que dito sendeiro estaba bastante pechado de maleza tiramos de cartografía para buscar unha pista ancha e cómoda que nos levase pouco a pouco a ir gañando altura camiño do faial da Pintinidoira. Este tramo cómodo pero longo permitenos contemplar ás nosas costas as altas cumes dos Ancares.




A chegada ao faial e facilmente identificable ao final da comoda baixada pola que estamos comiñando chegamos a un pequeno regato que teremos que atravesar. En novembro que foi cando fixemos esta ruta o camiño estaba cuberto por un fermoso manto de folliñas en tonos roxos que semellaban unha ruidosa alfombra. Estas folliñas delatan que estamos no famoso faial da Pintinidoira, non moi grande pero sí o maior de Galicia. Un faial é un bosque de faias, árbore de folla caduca que se extende en España básicamente pola cornisa cantábrica. En Galicia son escasas dado que precisan de un chan con moito sílice e misturanse con abetos ou árbores de bosque atántico. Os faiais son moi bonitos, de cor roxizo no outono pero no veran as suas follas fan que sexa un bosque moi sombrio impedindo outro tipo de vexetación propicio para que vivan nestes paraxes trasnos e fadas.





Ao chegar ao faial deixamos o ancho camiño e metemonos por un estreito sendeiro no faial con bastante pendente ascendente. con cuidado imos ascendendo ata chegar a outra pista ancha, Seguimos ascendendo por el e pronto atopamos o cruce polo que pasamos ao pouco de iniciar a ruta. Tomamos o curto camiño polo que xa baixaramos antes e chegamos de novo a aldea da Pintinidoira.




Esperemos que vos guste esta cómoda e pouco coñecida ruta de montaña... ahhh e non olvidedes que a época máis bonita para facela posiblemente sexa outono.

luns, 7 de xullo de 2014

Ruta Arqueolóxica


Distancia
11  km
Dificultade
Fácil
Tempo
3:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Apta
Inicio da ruta
N43 11.748 W008 57.166 
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


A Ruta Arqueolóxica era a única ruta que nos quedaba por recorrer polo concello de Cabana de Bergantiños, máis ben a única das tres sinalizadas que nos quedaba por coñecer. A verdade é que foi un interesante paseo que si ben o atractivo dos camiños deixa bastante que desexar, podemos dicir que os tesouros que conten este roteiro, como o Mirador da Fernandiña, o Dolmen de Dombate ou o Castro da Cibdá entre outros, fan que a ruta sexa moi agradecida. Temos que dicir que esta ruta está sinalizada polo concello de Cabana de Bergantiños, pero o estado de mantemento da sinalización é pésimo; eles saberán si compensa publicitar un roteiro con unha sinalización tan mal conservada.




Comezamos esta ruta por Borneiro no aparcamento da curva do Roncadoiro, localizaremolo facilmente por que é o que a xente emprega para ver o castro da Cibdá. Da estrada onde está o aparcamento vemos que sae unha ancha pista forestal en sentido ascendente. A verdade é que as primeiras rampas son un tanto picadas pero nada que impida facer a ruta, unha subidiña de non máis de un quilómetro por camiños moi anchos e entre eucaliptos, piñeiros, toxos e algún que outro carballo perdido á beira de algún balado. Como podemos ver é a paisaxe típica da costa galega.




Pouco a pouco como dixemos imos ir gañando altura entre o monte e non debemos despistarnos por que pese a que esta ruta aparece como sinalizada, os indicativos son máis ben poucos ou están estragados. Dende que levemos andados preto de dous quilómetros, sendo os últimos 800 metros bastante chans atopamos unha enorme recta a man esquerda que nos levará ata o chamado mirador da Fernandiña, unha pequena variante de un quilómetro ida e volta pero máis que recomendable chegando ao alto do monte Fernandiña, un espectacular mirador natural.




O alto da Fernandiña é un fermoso balcón de Bergantiños, situado a 371 metros de altura, dende él podemos ver Corme coa súa ría, a desembocadura do río Anllóns, o cabo Roncudo e practicamente todo o oeste de Bergantiños. Este mirador natural obriganos a parar uns minutos e contemplar a paisaxe, insisto en que esta pequena derivación é un dos atractivos de este roteiro. Desandamos o andado e deixando atrás o cruce anterior continuamos polo camiño tomando algún cruce ata chegar a unha pequena estrada rural que baixa ata Borneiro





Continuamos por esa estrada que pronto se volverá descendente e chegamos ás primeiras casas de Borneiro, unha aldea normal das que non chaman a atención pero dende o meu punto de vista con varios atractivos que non podemos pasar por alto, e de novo faremos un pequeniño desvío pasando primeiro pola igrexa de San Xoan de Borneiro, un templo, templo parroquial da aldea levantado a inicios do S.XVI e reformada no S.XVIII dándolle un estilo barroco. Pero para nós o máis curioso e o cruceiro xiratorio que se atopa a uns 300 metros da igrexa. Non é máis que unha simple cruz de pedra á beira do camiño pero coa característica de que si empuxamos a parte superior da cruz todo o transepto xira. En Borneiro existían outras dúas cruces que xa foran estudadas polo propio Castelao; e conta a tradición local que hai que virar esta cruz para facer cambiar o estado do tempo.




Retornamos sobre os nosos pasos cara Borneiro e continuamos por asfalto entre os campos de labor da aldea, atravesamos a estrada en dirección ao santuario do Briño, templo tamén de estilo barroco con algunha traza tardo gótica e edificada a base de sillería de granito. De esta pequena igrexa destacan os seus soportais laterais, a sua torre de campás cadrada e as imaxes que flanquean a porta occidental. A capela do Briño está situada dentro de unha fermosa carballeira á beira de un regato e na que se celebra en xullo unha coñecida festa popular. Lástima que agora o avance cara non se sabe onde fixera que se asfaltara gran parte do campo da festa; eles saberán si lles valeu a pena. Deixando atrás o Briño continuamos por pequenas pistas cara o lugar de Dombate chegando en pouco tempo ao seu dolmen.





O dolmen de Dombate é a nosa primeira parada arqueolóxica; este monumento non é mais que un túmulo funerario datado e ocupado ao longo do IV milenio. Este gran dolmen posiblemente sexa o máis importante de Galicia, de tipo de corredor ten unha cámara poligonal formada a base de sete ortostatos verticais e un horizontal para cerrala. O corredor facía de entrada cara o exterior por que un dolmen non era máis que unha cova artificial cuberta de terra co obxetivo de depositar restos mortais humanos. Debemos destacar que o dolmen estaba delimitado por un anel de pedras que sustentaba toda a mamoa. Chamase mámoa a toda a estructura cuberta de terra dado a sua similitude con unha mama feminina. Dentro do dolmen atopáronse pinturas parietaiss en zig zag e vinte idoliños de pedra. Como podemos ver este dolmen agora está musealizado e cuberto por unha gran construción de cristal, antes de velo era bastante crítico con esta medida, pero debo recoñecer que a impresión foi bastante satisfactoria.




Queda Dombate atrás e tentamos rematar a ruta dirixíndonos cara Borneiro por pequenas pistas e un camiño de carro, a verdade é que logo chegamos ao remate de esta curta pateada, pero antes pasamos polo segundo xacemento arqueolóxico, si cabe este aínda máis interesante que o dolmen. A Cibdá de Borneiro é para o meu gusto o mellor castro de Galicia e o seu esplendor resalta tan pronto e como subimos a sua muralla. Descuberto no 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamante foi escavado en varias campañas de investigación. Este foi o primeiro castro datado co método do carbono 14 dando un periodo de ocupación entre o IV e o I século a.c., castro non romanizado. O castro da cibdá esta escavado en un 75% atopándose 36 construcións circulares. O perímetro do castro está rodeado por unha gran muralla de terra cerrando unha extensión de 90 por 55 metros. Tamén encontramos un pequeno barrio extramuros no que hachamos unha pedra formosa e un forno. Destaca neste castro a ausencia de portas de acceso ás vivendas.





Abandonamos o castro polo seu barrio extramuros e descendemos a caron de un pequeno regato para chegar de novo ao punto de partida. Esperemos que vos guste o seu trazado que aínda que teña moita camiño asfaltado e entre eucaliptos, os seus xacementos pagan a pena. Ahhhh e si nos apetece andar un pouquiño máis podemos enlazar esta ruta co Rego dos Muiños, xa descrita en unha entrada anterior.

venres, 11 de abril de 2014

As Médulas


Distancia
10,5  km
Dificultade
Moderada
Tempo
 3:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
3.2.3.2.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 27.673 W006 46.053
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


As Médulas é un dos grandes xacementos arqueolóxicos romanos da Península Ibérica e visita obrigada para calquer sendeirista galego. Esta ruta está ubicada na comarca do Bierzo, e coa sua visita non só temos a ocasión de visitar unha antiga explotación aurifera romana, senón que tamén podemos pasear entre soutos de castiñeiros de gran beleza.




Esta ruta das Médulas é unha fiestra aberta ao pasado, xacementos arqueolóxicos e bosques pretéritos. A carón do centro de interpretación hai un pequeno aparcamento para deixar o coche. Comenzamos neste pinto a ruta e faremos un pequeno circuito circular de uns dez quilómetros que aproveitando parte de outras rutas permítenos contemplar o máis destacado do conxunto das Médulas. Pouco a pouco facemos os primeiros metros entre as casas da aldea das Médulas; ao chegar a unha pequena praciña tomamos unha pequena pista ou camiño de terra roxa que pouco a pouco se dirixe ata as crestas do xacemento. O camiño neste primeiro treito pica un pouquiño para arriba entre as maxestuosas caracochas formadas polos castañeiros do Bierzo.




As Médulas foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997, e non é de extrañar por que a beleza de esta zona é algo que debemos de conservar; unha beleza que non é natural, senón que é froito da man do home. Nesta zona como nas comarcas próximas na época castrexa practicabase unha mineria aurifera no curso dos ríos a base de bateado das suas areas. A enxeñería romana troxo con eles o sistema de extracción mineira do Ruina Montium, ou o que é o mesmo, botar abaixo o monte para sacar o ouro que había dentro da terra. Esta técnica conseguíase a base de derrubar o monte coa axuda da presión da auga. Os romanos construían túneles no interior da terra a base de pico e pala, posteriormente introducian auga a presión no seu interior para provocar un vacío que explosionase o monte para poder acceder de forma máis doada ao mineral.




Este primeiro treito da ruta faise sobre a chamada Senda de las Valiñas, no parque hai varias rutas trazadas pero non marcadas, apenas unhas frechas, pero nos empregaremolas para poder visitar os mellores puntos. En un quilómetro e medio chegamos a un dos primeiros puntos de interese, a chamada Cueva Encantada. Antes pasamos por uns fermosos soutos de grandes caracochas en un terreo que ondulado semellante a superficie da lua; como é obvio esto ten que ver coa man do home e esas ondulacións do terreo debense aos escombros compactados da antiga mina. A Cueva Encantada como a Cuevona situada a uns metros son os restos dos túneles e explosións do terreo feitas polo paso da auga. A verdade é que esa mistura de grandes cantos e terra roxiza impresionan bastante. Na boca das covas ademais de uns paneis informativos hai uns valos de madeira que nos impiden a entrada as covas, e debemos de evitar a entrada para favorecer a sua conservación e sobretodo para evitar accidentes fatais orixinados por desprendementos do terreo.




Continuamos a ruta e despois de camiñar un anaquiño por asfalto e cando teñamos andado uns 2,5 km de ruta deixamos esta Ruta de las Valiñas para adentrarnos na fraga por un pequeno sendeiro que nos achegará a Ruta Perimetral. Este treito é bastante empinado e será o camiño que nos conducirá aos miradores, en algo menos de un quilómetro subiremos uns 150 metros de desnivel. A fraga cando nos a recorremos estaba espectacular, por un camiño estreito e zigzagueante atravesamos un fermoso souto de castiñeiros cargados de ourizos e cubertos por brións, unhas tonalidades cautivadoras, pero eso é o que ten o outono nos bosques atlánticos; pura máxia...




Chegamos á Senda Perimetral, esta ruta rodea por completo o conxunto arqueolóxico, unha gran pista de terra que dende o alto contempla o parque. Dende aqui facemos unha pequena derivación pero obligada, por que en ese anaquiño está o mellor da ruta, non será máis de quilómetro e medio ida e volta, pero de verdade que paga a pena. A primeira parada é o Mirador de Orellán, situado sobre unha cresta do monte temos a postal das Médulas, unha zona acondicionada para poder disfrutar da máxia das crestas roxas.




Dende o Mirador de Orellán albiscamos as diferentes crestas vermellas, estas fermosas agullas son resultado da Ruina Montium, posiblemente fosen as partes máis duras do terreo ou aquelas polas que non pasaban os túneles de derribo; para comprender estos túneles a mellor opción e entrar en un deles. Ata fai uns poucos anos podíamos entrar libremente en unha de esas galerias e chegar ata un fermoso balcón pendurado de unha das aristas de Orellán. Agora a cousa non é así, dende o mirador de Orellán debemos continuar uns metros cara abaixo e xa vemos a entrada a mina; está acondicionada e cobran uns 3,5 euros de entrada pero paga realmente a pena. Son cen metros de tunel virxe e iluminado tal e como o deixaron os romanos, con restos das marcas dos picos. Ao entrar neste túnel comprendemos o laborioso traballo que requería o Ruina Montium, unha galería que remataba en unha sala sen saída na que se metía auga a presión para que a presión do aire que non podía saír ao final do túnel orixinase a explosión do monte. Agora o remate e o balcón máis bonito das Médulas.




Deixamos atrás a mina e continuamos pola Senda Perimetral deixando tamén atras o cruce polo que subimos anteriormente, esta senda e ancha e bastante cómoda de andar, de estas polas que pasaría un coche sin maior problema, pero con unhas vistas fermosas aos picos próximos. Levamos a metade da ruta aos nosos pés cando chegamos a unha pequena área de descanso con unhas pequenas mesas chamada Campa de Braña. Nóns achegamosnos a ela para ver como estaba pero a ruta torcería por un sendeiro a man dereita uns cen metros antes. Aquí o dilema de que facer, por que a variante que nós tomamos é moi dificil, camiñaremos pegados a precipicios e aínda que sí están as mellores vistas das Médulas, por anacos pasamolo mal. A opción sinxela será seguir por esta senda perimetral que nos achega ata o seguinte mirador de forma cómoda.




Como indicamos antes a uns metros de chegar ao merendeiro torcemos a dereita por unha senda ascendente e estreita, esta será a Senda de Reirigo, o punto máis alto da ruta e que pronto atoparemos sinalado con un vertice xeodesico. Ao entrar en este tramo atopámonos con un cartel que indica que o terreo é perigoso; coincide con unha antiga canalización de auga romana. Para a explotación aurifera or romanos traían auga dende ben lonxe, esta documentado que as canalizacións máis longas chegaban dende os mesmos Montes Aquilanos a uns cen quilómetros de distancia. Esta auga era almacenada en enormes alxibes que repartian o caudal polas diferentes áreas de derrumbe.



Ao chegar ao alto de Reirigo, con máis de 1000 metros de altitude a dificultade incrementase e bastante, imos baixando entre arbustos e espectaculares vistas por un camiño estreito ao que acompaña algunha árbore de bosque mediterráneo como son as sobreiras ou as aciñeiras, totalmente distinto ao que viramos ata ese momento. Ao chegar ao que se supón que foi a antiga canle de auga a cousa convirtese en moi técnica, un tramo que o fai pasar mal a un en moitos momentos, pero que ao mesmo tempo faiche sair un guau..., como é lóxico non está feito para nenos nin para días onde o terreo estea mollado.



Como comentamos anteriormente os romanos conducían a auga por canles como estas para explosionar o monte por medio de un vacío de auga. pero unha vez conseguido esto a auga seguía sendo de gran importancia para a extracción aurifera. O seguinte proceso era cribar a terra para obter o ouro. Os enxeñeiros romanos idearon un sistema de canles de madeira pola que verquían auga e terra. Na canle colocaban candidades de xestas amarradas en fardos para filtrar a auga e na que se prendían as pepitas de ouro deixando marchar a auga coa terra. o último proceso será queimar esas xestas e recoller as pepitas entre as cinzas.



Cando cheguemos a zona chamada como Médulas de Yeres, esa na atopamos unha pequena zona de seguridade con balizas de madeira e corda a dificultade disminue bastante; quedanos unha pequena subida a un piquiño e despois xa será todo baixada ata volver a enlazar coa senda perimetral. A baixada será moi pronunciada e zigzagueante por un bosque baixo de vexetación a base de arbustos; unha baixada de esa que carga as pernas pero sin demasiada dificultade. Volvemos a enlazar coa senda perimetral e volvo a recordar que quen queira evitar dificultade pode evitar este tramo de Reirigo continuando dende un principio pola senda perimetral.




Continuamos pola senda perimetral cara o mirador de Pedrices pero a uns 100 metros  del desviamosnos pola senda que nos leva de novo ao centro de interpretación das Médulas. O motivo de non chegar ata alí foi a falta de tempo, outra vez collianos a noite e a verdade é que despois de pasar por Reirigo as vistas dende Pedrices volvían a ser as mismas. Dende este mirador podese ver os diferentes lagos como o Sumido ou as murias, vistas que xa puidemos ver na anterior baixada. Despois de lavar a terra os desfeitos eran amoreados en escombreiras, unha especie de dunas artificiais chamadas murias e que podemos ver dende as zonas máis altas da ruta. É visible artificialidade do terreo con algo de paciencia, como tamén son artificiais os diferentes lagos como o Sumido, formado ao quedar estancada entre as murias a auga empregada na mina.



Abandonamos de novo a senda perimetral para tomar a man dereita un camiño descendente cara a aldea das Médulas, sigue sendo a Senda de Reirigo, pero entre grandes castiñeiros e carballo, tramo de gran beleza pero que fixemos rápido e con pouca luz, polo que non temos fotografías.

Xa nos contaredes como vos foi!!!

venres, 21 de febreiro de 2014

PR-LE 14 La Tebaida Berciana.


Distancia
14,5  km
Dificultade
Moderada
Tempo
5:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 25.634 W006 32.444
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


O Bierzo é unha comarca verdadeiramente incrible, xa había bastante tempo que queríamos visitar a zona e aproveitando unha fin de semana organizamos esta pateada. A Tebaida Berciana é unha das rutas sinalizadas máis coñecidas do Bierzo, e despois de percorrela podemos dicir que é lóxico polo agradable que é para os sentidos, conxugando patrimonio o histórico-artístico co natural; só podemos dicirvos que a coñezades e logo darédesnos a razón.




A Tebaida Berciana xa era o nome que recibía a zona de Valdueza alá polo S.X e a sua nomenclatura débese a multitude de pequenos templos cristiáns que había na zona e que semellaban unha verdadeira Tebas. Este roteiro é de carácter circular e polo tanto o sentido da mesma ou o punto de arranque é indiferente. Nós o inicio situámolo na aldea de Peñalba de Santiago, unha pequena xoia situada na parte alta do val do Oza. Peñalba é unha pequena aldea de rúas empedradas e estreitas con pequenas casiñas de pedra á vista e grandes balconadas de madeira, bastante concorrida polo día pero cando ao caer o sol vólvese incluso máis encantadora na que practicamente non nos encontraremos a ninguén a excepción de algún cadeliño.




Pero polo que é realmente coñecida Peñalba é pola súa igrexa, unha das poucas xoias que conservamos do arte mozárabe; nesta zona a presenza de eremitorios remóntase ao s VIII en tempos de San Fructuoso e San Valerio. O bispo de máis sona que se ubicou nestas terras foi San Genadio, quen se retiraría nos seus últimos anos nunha cova próxima, pero o inicio da construcción de este templo débese a San Fortis, cuxa tumba podemos atopar ao exterior na fachada norte da igrexa. A Igrexa de Santiago de Peñalba é Conxunto Nacional Histórico-Artístico e en cruz latina levantase a base de esquisto pouco traballado unha fermosa igrexa na que destaco o seu campanario exento, os seus dous absides en consonancia á herexía donatista da época  e as suas múltiples influencias artísticas; por un lado as pagás coas súas referencias astronómicas, a influencia árabe na súa cúpula galonada e a influencia visigótica visible nos seus fantástico arcos de ferradura, sobresaíndo o da portada meridional. Pero isto non é un blog de arte, senón unha entrada sobre sendeirismo.




Pois esta fermosa igrexa é un lugar fantástico para acender o GPS e iniciar a nosa pateada, como dixemos antes a ruta a circular e é indiferente a dirección que tomemos, en este caso nós abandonamos a igrexa entre as rúas e casiñas de Peñalba en dirección á estrada de acceso á aldea. O sentido que tomamos é o que baixa ata a antiga ferrería. Abandonamos Peñalba de Santiago por unha pequena estrada bastante cuberta por castiñeiros e carballos: non é unha vía de demasiado tráfico pero debemos de ter precaución suficiente sobre todo nas curvas xa que é a vía de acceso a este turístico pobo.




 Aproximadamente en un quilómetros a tras pasar unha pequena curva con forma de ferradura enganchamos un camiño ascendente que nos introduce no monte, os primeiros metros pican algo para arriba pero en poucos metros a tendencia xa volve a ser descendente. É un camiño de eses que se adentran por bosques frondosos moi agradable para a vista e mais para o físico en xornadas de calor, aproveitando a sombra de carballos e castiñeiros xunto con sobreiras e aciñeiras, explosiva mestura de bosque atlántico con mediterráneo. É un camiño tranquilo e sinxelo de percorrer no que o único que rompe a tranquilidade é o piar dos paxariños, o ruído do próximo río Oza ou algún que outro automóbil que sube cara Peñalba.




Cando levemos catro quilómetros de ruta o camiño deixa de estar cuberto por árbores e permítenos ver o fermoso val do Oza así como as altas cimas dos Montes Aquilanos, este treito que arranca agora presenta unhas cotas de desnivel  moi acusadas de forma descendente. Este camiño a verdade é que tira bastante de xemelgos; un verdadeiro mirador con curvas de ferradura pero con un camiño cheo de pedras que nos van achegando pouco a pouco a chamada Herrería de Montes.




Ao chegar ao río entramos nunha planta potabilizadora de auga para a cidade de Ponferrada, cruzamos o Oza por medio de unha pequena pasarela e na outra ribeira teremos que buscar a saída, nós con un pouco de torta non dábamos encontrado a forma de saír, e era bastante doada, abrir unha pequena porta metálica e pasar de novo ata a estrada que sube a Peñalba. Parece sinxelo pero si ninguén che di como saír parece que tal porta non é porta, senón unha verxa. Fora da potabilizadora ascendemos uns metros pola estrada para coller de novo un camiño ascendente a carón da antiga Herrería de Montes e que nos conduce á aldea de Montes de Valdueza.




Este treito que arranca dende Herrería de Montes é bastante esixente no seu primeiro quilómetro, a verdade é que é semellante ao que baixamos antes do río e agora deberemos de subilo, un camiño moi limpo de árbores que nos permiten gozar de todo o Val do Silencio, pero matador con algo de calor como foi o noso caso. A subida e dura pero as vistas fantásticas e dende a zona máis alta podemos ver o zigzagueante camiño que fixemos quilómetros atrás na busca do río. A verdade é que non nos estabamos atopando con moitas forzas cando nos atopamos coas expedición de un clube de montaña asturiano que polo que rezaba nas suas camisetas azuis eran El Rebollín de Asturias, os moi simpáticos preguntáronnos si quedaba moito para Herrería de Montes e dixéronnos "Ufff aun os queda subir un colladito hasta Peñalba" e claro, o medo no corpo, non quedaba moita tarde e xa estabamos algo cansos.




Tampouco vos queremos enganar nin desanimar, esta costiña que vai ata Montes de Valdueza é dura en un quilómetro, e nada que non nos encontremos en outras rutas, o resto do camiño que vai ata a aldea pica algo para arriba pero moi de forma bastante descansada. Chegamos a Montes de Valdueza e atopámonos coas ruínas de un impoñente mosteiro. A razón de ser de esta case abandona aldea de San Pedro de Montes como tamén se coñece é este mosteiro; é certo que hai construcións anteriores como os restos de un castro romano ou restos das canles de auga que ían ás minas das Médulas; pero este mosteiro é un dos máis antigos do Bierzo, fundado por San Fructuoso no S.VIII  e esnaquizado por unha razia musulmana no S.VIII. Será a fins so S.IX cando San Genadio o reconstrúe de novo momento no que Ordoño II, rei de Galicia lle concede numerosos privilexios. O seu máximo apoxe como é lóxico prodúcese na plena Idade Media para decaer no S.XIV debido ás tensións señoriais da época. A ruína actual débese a situación orixinada tras a desamortización de Mendizabal.




Queda atrás a case abandonada e fermosa Montes de Valdueza e entre as súas rúas imos buscando un camiño de saída que nos dirixa ata un pequeno regato que atravesaremos para volver a subir. Pasado este pequeno Arroio de Montes, entramos en un pequeno souto formado por impresionantes caracochas abertas e con polas cargadiñas de ourizos de castañas, iniciamos a subida pola zona do chamado castro Rupiano, as pendentes nos primeiros metros volven a ser bastante pronunciadas e segundo imos ascendendo a vexetación arbórea vai desaparecendo para dar paso ás vistas ás cumes. Por esta zona pasamos por onde pasaba a antiga canle que os romanos construíron para levar a auga ás Medulas. Persoalmente creemos que este é o tramo máis fermoso da Tebaida Berciana, pero tamén o máis duro. En cincocentos metros chegaremos a unha zona de falso chan ascendente bastante máis descansado ata chegar a cruzar o arroio de Pico Tuerto no bosque de Furnias.




Ao cruzar o Arroio de Pico Tuerto empezamos a ascensión a Chano Collado, teito da ruta a uns 1300 metros de altitude, este ascenso teremos que tomalo con calma e métenos de cheo en unha ruta de montaña, carreiros estreitos e moi pronunciados que nos soben ata o alto de este collado. Non temos por que terlle medo a este treito pero si que o hai que tomar con calma. O Chano Collado é o escaparate da ruta, onde non só veremos o Val do Silencio, senón que tamén e unha fermosa postal de Peñalba de Santiago dende a altura.




Como sempre o tempo pasa rápido no monte e sempre nos ven a noite enriba, esta vez o sol empezou a desaparecer detrás do horizonte e quedaban aínda uns catro quilómetros de ruta; deixamos o Chano Collado a paso lixeiro e o camiño cara o río Oza vaise facendo costa abaixo entre altas xestas, ou arbustos semellantes, foi unha pena que non disfrutasemos máis de este tramo no que pouco a pouco se podía observar como Peñalba se ía achegando a nós, unha Peñalba na que xa brillaban as primeiras luces da noite. Pouco a pouco e cos xemelgos algo cargados pola baixada imos deixando as xestas para volver a meternos de novo na espesa fraga e cruzar por última vez o río Oza.





Cando chegamos ao Arroyo del Silencio con pouca luz e cruzámolo, esta zona tamén e coñecida como o Val do Silencio, nome fermoso con múltiples interpretacións; habitualmente dicíase que o seu nome derivaba dos diversos eremitorios que había na época altomedieval, pero a súa orixe deriva de unha lenda si cabe máis bonita, na cal San Genadio que non podía rezar tranquilo en Peñalba polo murmullo das augas do río Oza, cambiou o seu curso para poder rezar en Silencio. E en poucos metros atopámonos con unha derivación que nos levaría a Cova de San Genadio, a cal nós non fomos por que a noite xa estaba encima. O que sí fixemos foi equivocarnos de camiño e recorrer un tramo de quilómetro e medio ata cruzar de novo o Oza. Posteriormente e mirando uns mapas parece que por ese camiño tamén chegábamos a Peñalba de Santiago, pero ante a dúbida retrocedemos ata o cruce do erro. Para que o teñades claro ese cruce é o que tamén indica a derivación cara a Cova de San Genadio, así que xa sabedes, torcer para arriba. Solucionado o erro so falta chegar en pouco tempo a Peñalba de Santiago.




Como podedes ver nesta fotografía a chegada a igrexa de Peñalba de Santiago fixémola de noite e puidemos contemplar unha Peñalba diferente, case abandoada na que tan só facían acto de presenza algún canciño. Pois xa sabedes animádevos a coñecer esta ruta e darédesnos a razón de que non vos vai a defraudar, isos si, non fagades coma nos e preparádea con tempo para que non vos colla a noite.
Ahhh e buscade o noso cache!!!