venres, 21 de febreiro de 2014

PR-LE 14 La Tebaida Berciana.


Distancia
14,5  km
Dificultade
Moderada
Tempo
5:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 25.634 W006 32.444
Descarga Roteiro
Geocaching
FOTOS


O Bierzo é unha comarca verdadeiramente incrible, xa había bastante tempo que queríamos visitar a zona e aproveitando unha fin de semana organizamos esta pateada. A Tebaida Berciana é unha das rutas sinalizadas máis coñecidas do Bierzo, e despois de percorrela podemos dicir que é lóxico polo agradable que é para os sentidos, conxugando patrimonio o histórico-artístico co natural; só podemos dicirvos que a coñezades e logo darédesnos a razón.




A Tebaida Berciana xa era o nome que recibía a zona de Valdueza alá polo S.X e a sua nomenclatura débese a multitude de pequenos templos cristiáns que había na zona e que semellaban unha verdadeira Tebas. Este roteiro é de carácter circular e polo tanto o sentido da mesma ou o punto de arranque é indiferente. Nós o inicio situámolo na aldea de Peñalba de Santiago, unha pequena xoia situada na parte alta do val do Oza. Peñalba é unha pequena aldea de rúas empedradas e estreitas con pequenas casiñas de pedra á vista e grandes balconadas de madeira, bastante concorrida polo día pero cando ao caer o sol vólvese incluso máis encantadora na que practicamente non nos encontraremos a ninguén a excepción de algún cadeliño.




Pero polo que é realmente coñecida Peñalba é pola súa igrexa, unha das poucas xoias que conservamos do arte mozárabe; nesta zona a presenza de eremitorios remóntase ao s VIII en tempos de San Fructuoso e San Valerio. O bispo de máis sona que se ubicou nestas terras foi San Genadio, quen se retiraría nos seus últimos anos nunha cova próxima, pero o inicio da construcción de este templo débese a San Fortis, cuxa tumba podemos atopar ao exterior na fachada norte da igrexa. A Igrexa de Santiago de Peñalba é Conxunto Nacional Histórico-Artístico e en cruz latina levantase a base de esquisto pouco traballado unha fermosa igrexa na que destaco o seu campanario exento, os seus dous absides en consonancia á herexía donatista da época  e as suas múltiples influencias artísticas; por un lado as pagás coas súas referencias astronómicas, a influencia árabe na súa cúpula galonada e a influencia visigótica visible nos seus fantástico arcos de ferradura, sobresaíndo o da portada meridional. Pero isto non é un blog de arte, senón unha entrada sobre sendeirismo.




Pois esta fermosa igrexa é un lugar fantástico para acender o GPS e iniciar a nosa pateada, como dixemos antes a ruta a circular e é indiferente a dirección que tomemos, en este caso nós abandonamos a igrexa entre as rúas e casiñas de Peñalba en dirección á estrada de acceso á aldea. O sentido que tomamos é o que baixa ata a antiga ferrería. Abandonamos Peñalba de Santiago por unha pequena estrada bastante cuberta por castiñeiros e carballos: non é unha vía de demasiado tráfico pero debemos de ter precaución suficiente sobre todo nas curvas xa que é a vía de acceso a este turístico pobo.




 Aproximadamente en un quilómetros a tras pasar unha pequena curva con forma de ferradura enganchamos un camiño ascendente que nos introduce no monte, os primeiros metros pican algo para arriba pero en poucos metros a tendencia xa volve a ser descendente. É un camiño de eses que se adentran por bosques frondosos moi agradable para a vista e mais para o físico en xornadas de calor, aproveitando a sombra de carballos e castiñeiros xunto con sobreiras e aciñeiras, explosiva mestura de bosque atlántico con mediterráneo. É un camiño tranquilo e sinxelo de percorrer no que o único que rompe a tranquilidade é o piar dos paxariños, o ruído do próximo río Oza ou algún que outro automóbil que sube cara Peñalba.




Cando levemos catro quilómetros de ruta o camiño deixa de estar cuberto por árbores e permítenos ver o fermoso val do Oza así como as altas cimas dos Montes Aquilanos, este treito que arranca agora presenta unhas cotas de desnivel  moi acusadas de forma descendente. Este camiño a verdade é que tira bastante de xemelgos; un verdadeiro mirador con curvas de ferradura pero con un camiño cheo de pedras que nos van achegando pouco a pouco a chamada Herrería de Montes.




Ao chegar ao río entramos nunha planta potabilizadora de auga para a cidade de Ponferrada, cruzamos o Oza por medio de unha pequena pasarela e na outra ribeira teremos que buscar a saída, nós con un pouco de torta non dábamos encontrado a forma de saír, e era bastante doada, abrir unha pequena porta metálica e pasar de novo ata a estrada que sube a Peñalba. Parece sinxelo pero si ninguén che di como saír parece que tal porta non é porta, senón unha verxa. Fora da potabilizadora ascendemos uns metros pola estrada para coller de novo un camiño ascendente a carón da antiga Herrería de Montes e que nos conduce á aldea de Montes de Valdueza.




Este treito que arranca dende Herrería de Montes é bastante esixente no seu primeiro quilómetro, a verdade é que é semellante ao que baixamos antes do río e agora deberemos de subilo, un camiño moi limpo de árbores que nos permiten gozar de todo o Val do Silencio, pero matador con algo de calor como foi o noso caso. A subida e dura pero as vistas fantásticas e dende a zona máis alta podemos ver o zigzagueante camiño que fixemos quilómetros atrás na busca do río. A verdade é que non nos estabamos atopando con moitas forzas cando nos atopamos coas expedición de un clube de montaña asturiano que polo que rezaba nas suas camisetas azuis eran El Rebollín de Asturias, os moi simpáticos preguntáronnos si quedaba moito para Herrería de Montes e dixéronnos "Ufff aun os queda subir un colladito hasta Peñalba" e claro, o medo no corpo, non quedaba moita tarde e xa estabamos algo cansos.




Tampouco vos queremos enganar nin desanimar, esta costiña que vai ata Montes de Valdueza é dura en un quilómetro, e nada que non nos encontremos en outras rutas, o resto do camiño que vai ata a aldea pica algo para arriba pero moi de forma bastante descansada. Chegamos a Montes de Valdueza e atopámonos coas ruínas de un impoñente mosteiro. A razón de ser de esta case abandona aldea de San Pedro de Montes como tamén se coñece é este mosteiro; é certo que hai construcións anteriores como os restos de un castro romano ou restos das canles de auga que ían ás minas das Médulas; pero este mosteiro é un dos máis antigos do Bierzo, fundado por San Fructuoso no S.VIII  e esnaquizado por unha razia musulmana no S.VIII. Será a fins so S.IX cando San Genadio o reconstrúe de novo momento no que Ordoño II, rei de Galicia lle concede numerosos privilexios. O seu máximo apoxe como é lóxico prodúcese na plena Idade Media para decaer no S.XIV debido ás tensións señoriais da época. A ruína actual débese a situación orixinada tras a desamortización de Mendizabal.




Queda atrás a case abandonada e fermosa Montes de Valdueza e entre as súas rúas imos buscando un camiño de saída que nos dirixa ata un pequeno regato que atravesaremos para volver a subir. Pasado este pequeno Arroio de Montes, entramos en un pequeno souto formado por impresionantes caracochas abertas e con polas cargadiñas de ourizos de castañas, iniciamos a subida pola zona do chamado castro Rupiano, as pendentes nos primeiros metros volven a ser bastante pronunciadas e segundo imos ascendendo a vexetación arbórea vai desaparecendo para dar paso ás vistas ás cumes. Por esta zona pasamos por onde pasaba a antiga canle que os romanos construíron para levar a auga ás Medulas. Persoalmente creemos que este é o tramo máis fermoso da Tebaida Berciana, pero tamén o máis duro. En cincocentos metros chegaremos a unha zona de falso chan ascendente bastante máis descansado ata chegar a cruzar o arroio de Pico Tuerto no bosque de Furnias.




Ao cruzar o Arroio de Pico Tuerto empezamos a ascensión a Chano Collado, teito da ruta a uns 1300 metros de altitude, este ascenso teremos que tomalo con calma e métenos de cheo en unha ruta de montaña, carreiros estreitos e moi pronunciados que nos soben ata o alto de este collado. Non temos por que terlle medo a este treito pero si que o hai que tomar con calma. O Chano Collado é o escaparate da ruta, onde non só veremos o Val do Silencio, senón que tamén e unha fermosa postal de Peñalba de Santiago dende a altura.




Como sempre o tempo pasa rápido no monte e sempre nos ven a noite enriba, esta vez o sol empezou a desaparecer detrás do horizonte e quedaban aínda uns catro quilómetros de ruta; deixamos o Chano Collado a paso lixeiro e o camiño cara o río Oza vaise facendo costa abaixo entre altas xestas, ou arbustos semellantes, foi unha pena que non disfrutasemos máis de este tramo no que pouco a pouco se podía observar como Peñalba se ía achegando a nós, unha Peñalba na que xa brillaban as primeiras luces da noite. Pouco a pouco e cos xemelgos algo cargados pola baixada imos deixando as xestas para volver a meternos de novo na espesa fraga e cruzar por última vez o río Oza.





Cando chegamos ao Arroyo del Silencio con pouca luz e cruzámolo, esta zona tamén e coñecida como o Val do Silencio, nome fermoso con múltiples interpretacións; habitualmente dicíase que o seu nome derivaba dos diversos eremitorios que había na época altomedieval, pero a súa orixe deriva de unha lenda si cabe máis bonita, na cal San Genadio que non podía rezar tranquilo en Peñalba polo murmullo das augas do río Oza, cambiou o seu curso para poder rezar en Silencio. E en poucos metros atopámonos con unha derivación que nos levaría a Cova de San Genadio, a cal nós non fomos por que a noite xa estaba encima. O que sí fixemos foi equivocarnos de camiño e recorrer un tramo de quilómetro e medio ata cruzar de novo o Oza. Posteriormente e mirando uns mapas parece que por ese camiño tamén chegábamos a Peñalba de Santiago, pero ante a dúbida retrocedemos ata o cruce do erro. Para que o teñades claro ese cruce é o que tamén indica a derivación cara a Cova de San Genadio, así que xa sabedes, torcer para arriba. Solucionado o erro so falta chegar en pouco tempo a Peñalba de Santiago.




Como podedes ver nesta fotografía a chegada a igrexa de Peñalba de Santiago fixémola de noite e puidemos contemplar unha Peñalba diferente, case abandoada na que tan só facían acto de presenza algún canciño. Pois xa sabedes animádevos a coñecer esta ruta e darédesnos a razón de que non vos vai a defraudar, isos si, non fagades coma nos e preparádea con tempo para que non vos colla a noite.
Ahhh e buscade o noso cache!!!