xoves, 3 de decembro de 2015

Courel; Vilamor - Froxan - Vilamor


Distancia
13 km
Dificultade
Fácil
Tempo
4:00 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
Inicio da ruta
N42 34.086 W007 13.934
Descarga Roteiro
FOTOS


Xa polo nome apetece, verdade, non me digades que Vilamor non é un nome bonito para unha aldea. Pois así é como se chama a vila a que nos diriximos para arrancar a pateada por esta fermosa ruta. Enclavada no corazón da serra do Courel imos recorrendo un terreo cómodo, con desniveis pouco pronunciados para ser unha zona de montaña, camiñando por carreiros tapizados de follas, por enormes soutos e fragas, piñeirais espectaculares ou bosques de sobreiras, ahhh sen olvidar os castros, as coidadas aldeas os miradores ou o río Lor. Como vedes unha ruta ben completiña pero sen dúbida que permanecerá nas nosas retinas durante moito tempo.





Vilamor é unha de esas aldeas con encanto situada a media ladeira, unha de tantas das que podemos atopar na serra do Courel. A nosa ruta arranca a carón da pequena estrada que da acceso a Vilamor, por debaixo da igrexa e fronte a un establecemento de aloxamento rural. A visita a aldea imos a deixala para o final do recorrido e buscamos o inicio ao lado de un cartelón de madeira que nos describe con bastante detalle a nosa andaina.





O camiño iniciase por unha pista descendente que busca o curso do río Lor, dende o principio xa vemos que esta ruta pasará por lugares espectaculares, e é que as rutas polo Courel, ou Caurel como lle chaman na zona sempre son bonitas para o camiñante. Pouco a pouco imos baixando entre carballos e castiñeiros cargándosenos as pernas, e é que os desniveis son bastante acusados. A medida que perdemos altura o camiño vai cerrándose un pouco, pero tampouco non será algo polo que teñamos que preocuparnos. A nós fíxosenos un tramo moi acolledor grazas a compaña de un par de cadeliños xoguetóns que nos acompañaron uns metros.





Antes de chegar ao Lor xa escoitamos os seu murmullo dende a distancia, e entre as copas das arbores xa vemos a ponte de Vilar ou da Rastradoira. Este é o paso que nos permite chegar á outra ribeira. O Lor é o principal río do Courel, e vertebrador de multitude de roteiros ata que chega ao Sen en Augasmestas. Nos deberemos continuar polo mesmo camiño na busca de Vilar de Lor. Xa levamos un quilómetro e uns 250 metros de desnivel negativo. Agora toca subir.





Ata Vilar de Lor queda outro quilómetro ascendente, non temos que preocuparnos por que non ten o desnivel da anterior baixada, e xa sabemos como debemos facer estes treitos, con calma e disfrutando da contorna. E en este caso imos a subir polo souto de Vilar, un dos máis grandes e mellor coidados do Courel. A importancia dos castiñeiros na montaña é máxima, a venda de castañas é un dos complementos máis importantes na economía das familias da zona; os soutos están coidados e limpos e ninguén nos vai a dicir nada por coller unha presa de castañas, pero temos que ter claro que estes froitos teñen dono e apañalas a caldeiros é un roubo para os veciños. Si queremos probalas o mellor que podemos facer é achegarnos a festa da castaña que se celebra en novembro.





Vilar de Lor está practicamente abandonada ata non fai moito tempo tan só vivía un veciño, persoa bastante peculiar que rexenta un pequeno museo de material que foi traballando coas súas mans e algún aparello de labranza. Ademais da Fonte da Saúde, da que se dí que cura doenzas e cumpre desexos, esta pequena aldea móstranos a arquitectura típica das aldeas de montaña. Deixamos atrás Vilar de Lor e camiñamos por unha pequena vía crucis que vai camiño de unha pequena hermida no alto das montañas. Chegamos a capela de San Roque por un cómodo camiño entre pequenos valados de pedra que delimitan os campos de cultivo de Vilar e sobre todo impiden que o gando ande incontrolado. Esta pequena capela de San Roque tan só se emprega nos días de festa e .a que se chega percorrendo o vía crucis. E pequena, practicamente onde só entra un crego, pequena construción de montaña, a modo de cabana e co seu fronte occidental aberto e coroado por unha pequena campá; o certo é que non vos deixará indiferentes.




Para chegar ata esta capela de San Roque tivemos que facer antes unha pequena derivación, apartarnos da vía principal uns metros; sí continuamos uns metros máis alá da hermida entramos no castro de Vilar, un dos mellores conservados de todo o Courel e situado na altura sobre un meandro do río Lor. O castro é unha atalaia espectacular e estivo habitada a partir do século II. Del consérvanse os restos de algunha das vivendas e os muros defensivos.





Desandamos esta pequena derivación e continuamos a marcha pola ruta principal que durante aproximadamente un quilómetro e medio será de forma descendente buscando as ribeiras do Lor. A primeira parte de este treito transcorre polo chamado piñeiral de Abraído; monte de explotación comunal que empregaban os veciños de Vilar para abastecerse de madeira, agora as marxes da senda non están flanqueadas por carballos nin castiñeiros, pero este piñeiral o que nos permite é contemplar a fermosa garganta que forma o río mentres imos perdendo altura. O segundo treito e xa máis próximo ao Lor tornase máis sombrío e a flora vólvese outra vez atlántica, agora camiñamos por tremendos cortados no monte con restos de frecuentes desprendementos de pedras, unha zona ben bonita que remata no mesmo río para atravesalo a través da ponte do Bao.




Despois de cruzar o Lor pola ponte do Bao comezamos de novo a subir de forma pouco pronunciada na busca da aldea de Froxán que se sitúa a un quilómetro aproximadamente. Dende que empezamos a andaina xa pasamos por fragas de carballos, por soutos de castiñeiros ou por piñeirais como o de Abraído. Agora e ata Froxán imos atravesar un sobreiral, fermosa masa boscosa a base de unha multitude de sobreiras. Este tipo de árbore é característica dos bosques mediterráneos, e a súa presenza nestas montañas lucenses débese ao microclima máis cálido que se orixinan nas ladeiras sur de esta serra, que buscando o abrigo dos ventos do norte e as raiolas do Sol cara o sur posibilitan a vida destas árbores. A súa cortiza funciona como defensa propia fronte aos incendios, pero o seu aproveitamento por parte do home para fabricar tapóns para botellas ou mesmo para a construción, é o motivo polo que atopamos moitas sobreiras descascadas coa madeira roxiza cara o exterior.




Chegamos a Froxán pola súa zona máis alta e ao empezar a baixar por entre as súas rúas xa vemos a fermosura de esta pequena aldea de montaña, un grupiño de unhas trinta casiñas de pedra con tellados de lousa que se separan unhas de outras por estreitas rúas. Agora parece que a maioría de estas casas só están habitadas ns fins de semana por familias foráneas que buscan a tranquilidade da serra nos tempo de descanso. Sen lugar a dúbida en Froxán debemos facer unha parada e perdernos entre as súas casas.





Na parte máis alta de Froxán encontramos a Fonte do Milagro, dende alí atravesando unha pequena estrada tomamos o antigo camiño que unía Froxán co Vilamor, antigamente era un camiño moi transitado dado que nesta última é onde se sitúa a igrexa da parroquia. Entre campos de cultivo imos abríndonos paso  de forma ascendente para ir adentrandonos no bosque. Teremos que facer con calma esta subida, non é demasiado pronunciada pero pode acabar cansando; o bosque é de zonas cálidas, bastante xesta con sobreiras, aciñeiras e piñeiros, con algún que outro castiñeiro ou carballo perdido. O camiño acaba morrendo nun cruce onde con sorte podemos ver un cartel indicativo que nos dirixe ao miradoiro do Cabezón; segunda e última derivación do día e que nos levará ata un promontorio onde podemos ver dende o alto o val que forma o Lor á altura de Froxán.





Dende o Cabezón volvemos ao anterior cruce para coller o ramal contrario, seguimos ascendendo por unha ancha e incomoda pista a modo de cortalumes que nos levará ata o alto do monte, dende alí tan só nos queda descender cara Vilamor disfrutando das vistas da serra e saboreando os últimos e cómodos quilómetros da ruta.





Dende lonxe vemos a torre da igrexa de Vilamor e axiña facemos a entrada na aldea, fermosa vila de montaña con casas de pedra amoreadas, algunhas unidas a outras con pequenas pontes sobre as rúas, casas con balcóns e galerías de madeira e de esquinas redondeadas, unha gozada de aldea na que acotío atopamos a visitantes inmortalizando a súa visita coa axuda de cámaras de fotografar.





Supoñemos que esta ruta vai a ser do voso agrado pero xa nos diredes como vos foi!!!


luns, 9 de novembro de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 8. Nemiña - Fisterra.


Distancia
26,5 km
Dificultade
Alta
Tempo
7:00 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
2.3.3.4.
Inicio da ruta
N43 00.749 W009 16.111
Final da ruta
N42 52.950 W009 16.317
Descarga Roteiro
FOTOS



O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com







Chegamos a última etapa do Camiño dos Faros, e como xa vimos nas anteriores cada paso é diferente; esta última é unha xornada dura, pero tamén unha das máis bonitas, enormes praias salvaxes, acantilados e por suposto o gran punto e final no faro Fisterra. Dura si, pero tamén unha das xornadas de sendeirismo máis fermosas das que se poden camiñar por Galicia.






Como dixemos antes esta vai a ser unha etapa larga e dura, e como se pode ver en esta fotografía nós arrancamos a pateada nada máis romper o día. O punto de arranque non pode ser máis fermoso, a praia de Nemiña, areal de algo máis de quilómetro e medio que deberemos recorrer sobre as súas areas; o ideal será coller a franxa húmida si é posible para facilitar a marcha, pero tan só e posible con marea baixa. A praia de Nemiña e outro de eses enormes areais da Costa da Morte, a mar aberto e con moito oleaxe é unha de esas praias cheas de surfistas.






Ao chegar ao fondo da praia de Nemiña atopamos o río Castro que desemboca no mar que nos impide a marcha, na páxina web da organización di que podemos atravesar as augas sen problema con marea baixa e así aforrar uns cinco quilómetros de marcha. O máis lóxico e buscar un paso río arriba e chegar á outra ribeira sen problema.






Esta pequena incursión no interior non é demasiado complicada, abandonamos a praia de Nemiña remontando o río Castro por unha zona de dunas, e polo tanto sabemos da obrigación que temos de non abandoas o camiño marcado, a alteración da flora en estes ecosistemas é moi dañino. Pronto chegaremos a unha pequena estrada asfaltada que combinaremos con carreiros forestais ata chegar ao pequeno lugar de Vaosilveiro, onde abaixo das súas casa xa achamos unha nova ponte que nos axuda a atravesar o río Castro. Fai poucos anos esa ponte non existía e o paso facíase sobre unhas pedras colocadas estratexicamente sobre o leito do río. Continuamos ata Lires buscando xa a súa ría de gran riqueza faunística e podemos ver que estamos na praia de Nemiña pero iso sí salvando o río sen mollar os pés.






Tocamos a praia de Nemiña, ou Lires como se chama por esta zona sur para abandonala rapidamente na busca de outra tamén brava e coñecida, a do Rostro. O treito que debemos recorrer de un a outro areal será de uns cinco quilómetros de puro acantilado. O camiño tornase agreste e algo máis complicado, estreitos sendeiros entre herba e toxo que pouco a pouco van ascendendo durante uns tres quilómetros; aquí debemos recordar que temos que ter coidado de non extraviarnos e seguir atentos tanto as marcas verdes do camiño como ao sinal do gps si é que levamos un. A medida que imos gañando altura as vistas fanse máis bonitas, a enorme praia de Nemiña cara o norte e o faro Touriñán, e cara o sur xa se ve os primeiros metros do Rostro, pero non só eso, enormes acantilados e por suposto a inmensidade do océano Atlántico. Dende o alto quédannos outros tres quilómetros ata a praia do Rostro; o descenso é semellante á subida, pero pasaremos antes pola punta Mexadoira; recuncho escarpado onde un pequeno torrente de auga morre facendo barullo no mar.






Chegamos ao Rostro e podemos contemplar unha enorme e salvaxe praia de un par de quilómetros; o mar continuamente está rompendo e facendo ruído contra a area, postal fermosa na que se respira o perigo de esas augas. Temos que tomar con calma este treito que nos levará unha media hora de marcha, intentaremos como en todas as praias camiñar sobre as areas molladas, pero non sempre é posible; pódenos cadrar a marea chea e un día de calor, o que nos relentizará moitísimo a marcha. O certo e que esta praia da para moito, eu mentres camiñaba aparecíanme pola cabeza os primeiros recordos de neno, uns recordos que se chaman Casón; buque que encallou na punta do Castelo ao sur da praia do Rostro en decembro de 1987 tras unha chapuzada política e de salvamento. O buque ía cargado con sodio e produtos químicos que co contacto coa auga provocaron a súa explosión e a morte da maioría da tripulación. Os meus recordos céntranse na nube tóxica e no desaloxo da maior parte da Costa da Morte, dirixíndose a maioría da poboación a polideportivos da cidade da Coruña.







O noso seguinte obxetivo é Castromiñan, a preto de outra hora de marcha, de novo a paisaxe que nos vai a acompañar vai a ser a costa abrupta, volta a subir por estreitos carreiros a carón de altos cantís. As vistas volven a ser o noso compañeiro de marcha e a atención ao camiño a nosa obrigación. Evidentemente despois de visitar Borneiro na terceira etapa calquera castro pareceranos un chiste, e máis si está sen escavar como Castromiñán, pero así é como atopamos a maioría de estes asentamentos galegos. Ao achegarnos xa nos impresionan as súas murallas e os seus foxos defensivos, damos un pequeno rodeo pola súa croa e ao saír dirixímonos a punta Gaivoteira, con fermosas vistas dende o alto da pequena praia salvaxe de Arnela, lugar ideal para xantar sobre a herba.






Por un sinuoso carreiro dámoslle a volta a parte norte da praia de Arnela, a zona sur farase por uns metros de asfalto e por unha pistiña algo máis cómoda afrontamos a zona sur. Dende aquí o camiño vólvese moi complicado, sen dúbida é unha das zonas máis complicadas de todo o Camiño dos Faros, pero igual que dixemos antes con un pouco de ollo non hai máis problema. O Cabo da Nave está a uns dous quilómetros de marcha, en par de quilómetros de ascenso, remontando uns 150 metros de desnivel positivo, por escarpados rochedos tirando para arriba como se fosemos cabras, incluso agarrándonos coas mans. É creto que coa carga de quilómetros que levamos e co técnico do camiño pouco podemos disfrutar das paisaxes, escarpada e alucinante.






Ao chegar ao alto do Cabo da Nave a complicación técnica da etapa desaparece, pero aínda nos restan sete duros quilómetros. Desde este punto teremos a primeira vista do faro Fisterra ao lonxe. Tomamos dirección descendente cara a praia do Mar de Fora xa na vila de Fisterra. A baixada fai que se nos carguen as pernas, sobre todo o último quilómetro que é realmente picado. Chegamos a praia do Mar de Fora e descansamos da baixada. Esta será a última praia do Camiño dos Faros, fermosa e perigosa.






Facemos unha pequena pasada pola zona posterior de Fisterra e afrontamos o último esforzo, chegar ata a punta do faro, e como sempre o Camiño dos Faros non vai a ser algo normal; buscarase unha vía de acceso diferente á normal e recorreremos a parte occidental do mesmo, pistas anchas pero durísimas ascensións contra o final, como xa dixen esta xornada ía a ser dura.






Dende o monte do Facho tan só nos queda acometer a última baixada ata o faro de Fisterra, símbolo dende sempre do final, e lugar sobrecolledor, non pola beleza do seu faro, nin polo lindo do seu faro, senón polo máxico do lugar. Uns din que o seu nome ven do Finis Terrae ou fin da Terra, outros que ven do Finis Stellam ou o lugar onde morre a estrela dos peregrinos; para nós Fisterra é o lugar onde remata o Camiño dos Faros.







Ahh e xa nos diredes si vos gustou!!!

martes, 13 de outubro de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 6 Camariñas - Muxía


Distancia
31,5 km
Dificultade
Media
Tempo
7:00
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.3.
Inicio da ruta
N43 07.785 W009 10.982
Final da ruta
N43 06.184 W009 13.086
Descarga Roteiro
FOTOS



O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com






A sexta etapa do Camiño dos Faros como tamén o foi a terceira é unha de esas xornadas de transición entre etapas, pero non por elo deixa de ser unha etapa chea de interese. Esta xornada vai a ser a máis longa de todas, e esa será a única dificultade; unha ruta practicamente de interior recorrendo a parte máis profunda da desembocadura do río Grande, pistas forestais, esteiros, praias ou pequenas aldeas. Sobre o papel pode ser unha das etapas menos atractivas do Camiño dos Faros, pero seguro que vos sorprenderá.





Despedímonos de Camariñas buscando un pequeno paseo que transcorre por abaixo da conserveira cara a praia de Area da Vila, atravesamos o areal por un pequeno carreiro ao fondo da praia e xa tras atravesar unha pequena puntiña chegamos á próxima praia de Ligunde e buscando a enseada da Basa.





A enseada da Basa é un pequeno brazo de mar que se adentra ata a zona de Xaviña; de gran riqueza intermareal esta cuberta por unha area con moito limo, moi fangosa que coa baixamar quedan ao aire multitude de nutrintes que son alimento de paxariños ou marisco de area. Por tramos temos que camiñar sobre as areas da Basa e loxicamente debemos ter coidado, areas que nos afundirán os pés, ou zonas con moitas algas que poden ser esvaradías. Si camiñamos en silencio será frecuente atoparnos con algún paxariño.





Tocamos a estrada en Xaviña para uns metros máis arriba volver a adentrarnos de novo nos camiños de terra, agora tomamos dirección ao monte da Insua; entre piñeiros, imos andando por un puntal que separa a enseada da Basa da desembocadura do río Grande. Zona cómoda de andar ata que cheguemos a darlle a volta a punta, na que nos meteremos na zona areosa do esteiro do río Grande, zona de gran beleza e que acabaremos abandonando na zona da praia de Ariño para facer a partir de aí uns catro quilómetros de zona rural e asfaltada ata a Ponte do Porto.





A Ponte do Porto é a segunda vila en importancia do concello de Camariñas, e onde se sitúa a ponte pola que abandonaremos o mesmo para cruzar á outra ribeira do río Grande. Xa na outra beira do río continuamos a carón do río en dirección á desembocadura; transitamos por un pequeno paseo fluvial onde  podemos ver algunha que outra lancha amarrada a terra e os restos de unha pequena carpintería de ribeira. Ao fondo xa está cereixo e abandonamos as terras de Camariñas.







Chegamos a Cereixo, probablemente a aldea con máis pasado de toda a etapa, ou polo menos é a localidade que máis restos antigos conserva; mentres camiñamos xa vemos ao lonxe e dentro do pazo barroco de Vila Purificación un hórreo de 19 pés. Ao chegar a Cereixo collemos a pasarela que vai pola ribeira do Riotorto; é unha zona moi bonita, con un antigo muíño de mareas de época moderna e desembocaremos na medieval igrexa de Santiago. Co camiño mollado teremos que ter en conta que o entarimado de madeira é moi esvaradío, e é bastante fácil acabar no chan. Xa abandonando Cereixo podemos ver a torre medieval, unha construción castrense do século XVII levantada polos señores de Calo e Carantoña para o control e defensa da zona; actualmente é unha edificación de uso privado e polo tanto tan só a poderemos contemplar dende o exterior.






A Cereixo podemos consideralo o punto medio da etapa, agora ata a praia de Lago réstannos uns sete quilómetros, os primeiros metros imos a facelos por unha pista asfaltada. Axiña a deixamos para adentrarnos por unha zona de piñeiros en dirección ao mar. Os camiños son cómodos de andar, descendentes ata o mar pero agradables e con bastante sombra. Ao chegar a ribeira do río Grande podemos ver a zona pola que transitamos ao inicio da xornada. Entre tramos de monte e zonas de costa con espectaculares vistas tanto de Camariñas como de Muxía  imos avanzando ata a praia de Lago pasando antes polos areais de Area Grande ou Leis.







Chegamos a un pequeno faro que fai funcións de sinalización da entrada do río Grande e xa estamos na praia de Lago, unha xeitosa praia de areas finas e brancas moi concorrida pola xente da zona no verán. X estamos no concello de Muxía, debemos atravesar a praia ata un pequeno río que desemboca no mar e este é seguramente o lugar máis lóxico da etapa para facer un descanso e poder xantar algo antes de continuar a marcha. En verán e frecuente que esté aberto algún dos chiringuitos.









A etapa como dixemos é a máis longa de todo o Camiño dos Faros, e desde a praia de Lago e despois de recuperar folgos poñemos rumbo a praia de Moraime. Ao fondo da praia de Lago tomamos a pasarela de madeira que nos leva a unha pequena estrada. A etapa volvese a converter en rural, moita pista asfaltada e atravesando aldeas como Merexo ou os Muíños. Desde esta zona imos a confluír co Camiño de Santiago, e estaremos acompañados por bastantes peregrinos. O dia que fixemos esta etapa chovía bastante polo que tivemos que improvisar unha alternativa na zona dos Muíños. A ruta sinalizada baixa por un sendeiro entarimado de madeira, pero dado o esvaradío que estaba buscamos unha pista alternativa que nos achegase a praia de Moraime.






Que os peregrinos se dirixisen de non era casualidade, en Moraime atopase un vello mosteiro ao que se dirixían os devotos despois de visitar os restos do apóstolo Santiago. Nós continuamos a ruta camiño a Muxía volvendo ao interior primeiro pasando por Chorente para rematar o camiño na entrada de Muxía. Para rematar a etapa o que imos a facer e darlle a volta a vila, Ascendemos o Corpiño a carón da igrexa de Santa María e dende o alto xa temos unha boa vista da igrexa da Barca e do seu faro.





A tradición dí que a Virxe chegou a este lugar a bordo de unha barca de pedra, lancha que quedou quilla arriba e que actualmente se chama Pedra de Abalar. A capela é un dos templos marianos máis antigos de Galicia, data do século XII con continuas reformas, a última de 2014 debido a que o templo foi arrasado por un incendio provocado por un raio. A Virxe da Barca é unha das de máis devoción de Galicia.






Rematamos a ruta na zona do Coído pasando antes pola única estada para secar congro que queda en Galicia. Esta sexta etapa do Camiño dos Faros é a máis longa, e na que máis quilómetros de interior hai; pero seguro que tamén vos vai a gustar.


xoves, 10 de setembro de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 5 Arou - Camariñas.


Distancia
23,5 km
Dificultade
Moderada
Tempo
 6:00
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
2.2.3.3.
Inicio da ruta
N43 11.081 W009 06.357
Final da ruta
N43 07.778 W009 11.006
Descarga Roteiro
FOTOS


O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com





Chegamos a quinta etapa do Camiño dos Faros e tamén ao corazón da Costa da Morte, en esta xornada pasaremos polo quilómetro cen ou o que é o mesmo que tan só nos quedarán outros cen para chegar a Fisterra. Fermosa etapa que sae de Arou pasando por tramos de costa salvaxe, singulares cemiterios costeiros, impresionantes dunas, o incrible faro Vilán para rematar na ría de Camariñas. Como todas as etapas do Camiños dos Faros non vos deixará indiferente.







Arou é unha pequena aldea mariñeira que se volca ao mar a través de unha praia a mar aberto; no seu paseo marítimo iniciamos a nosa xornada de pateo orientándonos cara o oeste. Os primeiros quilómetros son os máis técnicos do día; abandonamos Arou tomando como referente a punta das Lobeiras, para elo e sempre por camiños estreitos pero bastante cómodos imos percorrendo toda a enseada de Arou. Toda a Costa da Morte é famosa polos naufraxios, pero si cabe este treito é unha zona de afundimentos relevantes, o Nil próximo a Camelle, buque cargado con produtos de luxo e que alimentaron as lendas de que nesta zona pintaron as casas con leite condensada ao crer que eran botes de pintura; ou tamén nestes baixos das Lobeiras aconteceu unha das primeiras mareas negras da historia polo afundimento de un petroleiro soviético. A día de hoxe podemos asegurar que é un tramo de costa virxe e espectacular.






Na zona da punta das Lobeiras chegamos a unha especie de mirador desde onde podemos ver toda a zona de costa que chega ata cabo Laxe, incluso Roncudo ao lonxe. Tomamos unha pequena pista asfaltada descendente ata unha pequena praia. Como se pode ver nesta fotografía estamos en unha de esas e diminutas praias de areas finas e practicamente virxes, pequenos portos naturais que os mariñeiros aproveitan para fondear as súas chalanas coa axuda de rudimentarios tiraviras, a verdade é que é unha postal ben linda. Cruzamos a praia deixando as chabolas dos mariñeiros a nosa esquerda e buscamos de novo un sendeiro ao fondo do areal que nos dirixa cara o occidente.







Desde a praia de Lobeiras ata o porto de Santa Mariña hai aproximadamente un par de quilómetros, unha zona realmente salvaxe e fermosa, pero totalmente agreste e por tramos algo complicada. Con algo de coidado non teremos problema algún, pero iso si prestando atención a onde pisamos. A zona e de coidos e baixos transitando por estreitos sendeiros de pescador entre cantís e furnas. Camiñaremos continuamente sobre a rocha viva empregando por veces as mans para salvar os pequenos saltos que nos atopamos. En días de mar de fondo pode ser espectacular ver como as ondas invaden as furnas e baixos que nos quedan baixo os cantís.






Santa Mariña é outro de eses portos naturais, actualmente ten un pequeno dique de formigón que da resgardo as pequenas embarcacións; este é outro lugar con encanto, unha morea de casetas de pescadores que conforman un pequeno portiño entre multitude de baixos. Abandonamos Santa Mariña atravesando o coído dos Bolos, formacións de pequenas bolas de granito a modo de praias líticas tan características de esta zona central da Costa da Morte. Chegados ata este punto podemos dicir que a dificultade da etapa xa quedou atrás, agora restan moitos quilómetros pero xa sen esixencia técnica algunha.






Continuamos a camiñata e cambiamos totalmente a paisaxe, agora os camiños vólvense máis anchos e pisaremos area. Estamos baixo a impresionante duna de Monte Blanco, espazo de protección natural e que entre todos debemos protexer. Teremos que subir por camiños de area ata o alto do monte a uns cen metros de altitude. A subida faise longa ao ter que subir por camiños con firme de area, pouco a pouco gañamos altura ata chegar a cima; o que non podemos e saírnos do sendeiro marcado, a vexetación que cubre a duna e moi sensible e coas nosas pisadas podemos destruíla así como eliminar o hábitat de multitude de fauna. Despois de relaxarnos coas impresionantes vistas, baixamos a duna con coidado e cruzamos a fermosa praia de Trece para chegar ao Cemiterio dos Ingleses.






O Cemiterio dos Ingleses é o corazón simbólico da Costa da Morte; e este camposanto si cabe é a orixe de todo, multitude de naufraxios pero o que aquí ocorreu é sen dúbida o máis coñecido; está o Prestige pero xa é outro asunto. En toda a costa hai unha gran cantidade de lugares de enterramento na zona onde se afundía un barco e perecía a súa tripulación. Neste lugar perdeuse no 1883 o Irish Hull con 38 homes polo que tiveron que construír este cemiterio. Pero a desgraza que marcou este lugar foi o afundimento do buque da armada británica Serpente en 1890 con 175 homes abordo e dos que só se salvaron tres. Esta traxedia tivo sona mundial obrigando a replantearse a seguridade da tripulación nos buques, así como en terra, poñendo en evidencia o atraso español en sinalización marítima. Os defuntos ingleses foron enterrados no mesmo lugar que os do Irish Hull e onde posteriormente repousarán os mariñeiros do Trinitaria tamén británico.






Continuamos a marcha pola punta do Boi e enseguida vemos o faro Vilán ao lonxe, cada vez a nosa marcha faise máis cómoda e enfilaremos ata a praia de Reira, unha zona aberta ao mar que nos invita a reflexión. Si traemos os pes cargados esta é unha zona boa para marcar un ritmo alto e ir descansando mentres avanzamos. O sendeiro tornase en pista de terra ancha pola que incluso transitan de vez en cando algún que outro coche e sempre coa presenza ao lonxe de Vilán e dos seus baixos. Os catro quilómetros ata Reira son moi levadeiros, chegamos a ata estas praias tamén salvaxes como as anteriores e que nos invitan a un chapuzón.







Desde a praia de Reira deixamos a pista para tomar un sendeiro moi ascendente e estreito que nos achegará ao alto do monte Pedrosa. No alto volvemos a coller a antiga pista e avanzamos cara o faro Vilán ao que chegaremos en uns tres quilómetros. Para min o faro do cabo Vilán sen dúbida algunha é o máis bonito e espectacular da costa galega; situado a uns 100 metros de altitude e con unha torre de pedra que sobrepasa os 25 metros de altura. este faro ten un alcance de luz de máis de 40 millas nauticas, un dos maiores alcances do estado. A casa do fareiro está situada uns metros máis abaixo e está comunicada por medio de un túnel; esta casa actualmente alberga un pequeno museo. A súa construción data de 1896 sendo o primeiro faro de España con funcionamento eléctrico, e substituíndo a unha antiga luminaria de 1854 de vapor. A súa construción debeuse as consecuencias do afundimento do Serpent en colaboración co goberno británico quen o financiou e como punto de arranque para a modernización da seguridade costeira española.





Desde o cabo Vilán a Camariñas restan uns sete quilómetros de marcha, tan pronto e como deixamos o faro subimos un promontorio onde atopamos o facho, que son os restos da antiga lucerna. Baixamos e enfilamos cara a piscifactoría, unha verdadeira mole que debemos rodear. Pasada a instalación acuícola aparece unha ancha pista de terra moi cómoda de andar que nos conduce a Camariñas. Xa deixamos o mar aberto e entramos na ribeira da Ría de Camariñas, augas máis mansas e abrigada aos ventos do nordés ata chegar á Virxe do Monte.






Visitamos a hermida da Virxe do Monte onde podemos disfrutar de un magnifico mirador da ría e baixamos pola praia de Lago. Os camiños cada vez vólvense máis humanizados, algo debido a proximidade da vila de Camariñas; entramos no pobo pola zona do castelo do Soberano e ao fondo do porto rematamos esta estupenda ruta.






Non dubidedes facer esta etapa como cada unha do Camiño dos Faros e xa nos diredes como vos foi!!!