sábado, 3 de xaneiro de 2015

Courel; Ruta do Río Pequeno


Distancia
14  km
Dificultade
Moderada
Tempo
5:00 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N42 38.493 W007 09.190
Descarga Roteiro
FOTOS


O Courel e unha das comarcas por excelencia que temos en Galicia para a practica do sendeirismo, e nós aínda non a coñeciamos. Coa escusa de estrear un coche madrugamos e saímos ata esa fermosa serra co obxectivo de facer unha rutiña. Despois de bucear pola web un anaco consideramos que a ruta do Río Pequeno podía axustarse bastante ben ao que estabamos buscando, así que ala fomos dous Caracochas patear os seus sendeiros.




A ruta do Río Pequeno é un dos recorridos máis coñecidos do Courel, e a súa fama está máis que xustificada; para ser un roteiro de montaña ten unha dificultade moi asequible e percorre fermosos camiños con variedade de paisaxes, desde fermosas fragas a vistosos cumios pasando por pintorescas e diminutas aldeas.




A ruta do Río Pequeno é un recorrido circular que nós empezamos na aldea de Seoane do Courel, localizamos unha pequena pista polideportiva na que en novembro celebran a festa da castaña, e no outro lado da estrada arranca un camiño ascendente que da inicio a nosa pateada. Os primeiros metros da nosa andaina son ascendentes, pero sin deixar de gañar altura de forma continua pronto vai moderando. O sendeiro é moi agradable, entre carballos e castiñeiros que flanquean o camiño avanzamos entre pradeiras cheas de vacas ata chegar a Aldea do Mazo, un complexo de turismo rural no que antigamente se situaba una ferrería con mazo hidráulico.







Deixamos atrás a Aldea do Mazo e continuamos o camiño uns 500 metros ata chegar a un cruce marcado con unha frecha que nos leva ata as cabanas dos Carballois, É unha pequena derivación que baixa ata o río Pequeno; na sua ribeira atopamos as ruínas de unhas cabanas, Estas construcións que se atopan salpicadas por todo o camiño era onde os labregos gardaban os seus apeiros de labranza e tamén onde almacenaban a palla para alimentar o gando no inverno. A visita a este grupo de cabanas non ten máis interese e continuamos a marcha ata chegar ao camiño principal.





Seguimos a andaina en dirección a Paderne, a primeira parte de este tramo é un pouquiño máis do mesmo, pero moi bonito; camiñaremos a carón de pradeiras e carballos que delimitan o camiño. En menos de un quilómetro comezamos a subir de forma máis acusada e xa vemos os primeiros sequeiros, construcións de dous pisos nos que se secan as castañas para todo o ano. No piso de abaixo prendese lume con pouca intensidade que quentará e afumará toda a cabana; no piso superior construído de madeira colócanse as castañas estiradas no chan as cales tras pasar quince días e despois de algunha volta estarán deshidratadas e listas para gardar para todo o ano. Estes sequeiros están presentes por toda a ruta.





Chegamos arriba de esta pequena subida e xa nos encamiñamos cara o río Pequeno, agora a ruta vai a ser algo diferente, os camiños achéganse ao ruxir das augas, si cabe a fraga tornase máis espesa, os camiños algo máis enlamados e a carón de algunha parede de pedra que semella fendida pola man de algún xigante. O río Pequeno como ben dí o seu nome non é que sexa demasiado grande pero anímanos este tramo mentres esquivamos algún que outro carballo tirado por temporais do inverno. De camiño a Paderne ao que chegaremos sempre en continua pero non moi acusada subida temos a oportunidade de ver algunha que outra fervenza que fan caer ao río Pequeno.





Paderne é unha aldea típica do Courel, casiñas e cortes de pedra e lousa perfectamente integradas coa súa contorna. Paderne é un dos puntos de referencia en esta ruta, a partir de esta aldea deixamos de subir por un anaco e empezamos a baixar. O camiño atravesa a aldea polas súas rúas, pero pronto a abandonaremos para ir baixando uns 500 metros na busca de un paso que nos permita atravesar o río Pequeno. Debemos ter coidado de non pasarnos o cruce que nos dirixe ao Castro de Brío. Desde que crucemos o río camiñaremos pola ribeira contraria con unha vexetación moi semellante e atopando algunha que outra cabana e tamén sequeiros.






O tramo que nos conduce ao Castro de Brio posiblemente sexa o máis esixente de toda a etapa, Pouco a pouco imos gañando altura, agora xa de forma máis considerable e ascendemos a ladeira do monte abandonando os fermosos soutos de castiñeiros e mudando a vexetación para un monte baixo con moitas xestas. Este tramo de uns dous quilómetros e medio faise por un estreito sendeiro, que será un verdadeiro escaparate da serra e de aldeas como Paderne, Vilasivil ou Meiraos entre outros. O castro de Brío esta situado sobre unha cresta no alto da montaña a máis de 1000 metros de altitude, e un dos máis antigos do Courel e fermoso miradoiro da serra.





O alto do Castro de Brio e outro punto a ter en conta, todo o subido haberá que baixalo en uns catro quilómetros pasando de 1000 metros de altitude a pouco máis de 500 metros. O camiño de baixada parece un antigo cauce seco, ou máis ben e un camiño que recolle as augas que baixan do monte, e polo tanto as botas son fundamentais. A vexetación conforme imos baixando volve a ser en forma de fermoso bosque de carballos e castiñeiros. No punto intermedio está a aldea de Mercurín, tamén moi pintoresca e que deixaremos atrás para seguir baixando outros dous quilómetros. O problema de estas baixadas son que as pernas acaban por sobrecargarse un pouco.




Contra o final da baixada observamos outro cambio de vexetación sorprendente, O Courel é unha serra de flora atlántica cos seus carballos, castiñeiros e un tupido manto de espeso brión, pero como por arte de maxia en este tramo entramos en un pequeno bosque mediterráneo de aciñeiras; a causa e a orientación meridional de estas ladeiras. Seguimos avanzando ata que chegamos a unha pequena estrada onde xa abandonamos para sempre os camiños de terra.





Atravesamos o río Lor e camiñamos ata a Ferrería Nova ou de Locay, unha antiga ferrería que na época da guerra da Independencia funcionou como fábrica de armas. Rondando o século XIX Locay merca as instalacións e constrúe unha pequena central hidroeléctrica e un aserradeiro; agora museo lúdico. Para rematar a ruta só nos queda unha forte ascensión de 500 metros que remata en Seoane.





Esperemos que vos guste esta ruta e xa nos diredes como vos foi!!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario