martes, 24 de febreiro de 2015

PR-G 17 Arredor de Cambre



Distancia
10  km
Dificultade
Fácil
Tempo
2:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
2.2.2.3.
BTT
Non  Apta
Inicio da ruta
N43 17.542 W008 20.622
Descarga Roteiro
FOTOS


Arredor de Cambre foi unha das primeiras rutas homologadas da nosa comunidade; próxima a cidade da Coruña é unha boa opción para pasar unha tarde de camiñata. A ruta en si non é desas que nos deixe un recordo para sempre, pero pasaremos por algún camiño interesante.





A ruta que vos presentamos desta vez volve a ser un trazado circular e curto, o seu nome, Arredor de Cambre, di todo do que nos vamos a encontrar, un camiño que lle da a volta a esta vila mariñana. O inicio está ubicado no centro de Cambre en un parque pola parte traseira da súa igrexa románica.






Os primeiros metros do recorrido son para saír entre as súas rúas da vila de Cambre, pronto deixamos atrás as últimas casas e camiñamos por un pequeno sendeiro entre algún que outro piñeiro. O camiño en uns poucos centos de metros remata nunha pequena urbanización.. Os catro primeiros quilómetros son un discorrer entre prados, pequenos piñeirais e grupos de casas.




Cando levamos aproximadamente catro quilómetros andando adentramonos no monte de novo e iniciamos a subida cara o castro de Armental; esta pode ser a zona máis interesante. Abandonamos a estrada e iniciamos o ascenso por un camiño barrento entre altos balados e cuberto por unha fermosa arboreda pouco a pouco imos para arriba ata cruzar de novo outra pista asfaltada. Entre prados dirixímonos cara o castro. Axiña estamos entre altos muros por un sendeiro moi estreito, isto débese a que estamos camiñando entre os diferentes muros do castro de Armental; o avanzar faise algo complicado pero chegase arriba sen problema.





O castro de Armental aínda está sen escavar, ao chegar a el vemos unhas mesas de madeira a modo de merendeiro, onde podemos aproveitar para descansar algo. Si nos detemos a mirar a contorna dende as mesas observamos unha planicie redonda de herba rodeada por unha elevación de un metro; iso é o que podemos ver do castro de Armental e das súas murallas. Nos continuamos a marcha en dirección a Estorrentada... pero un problemiña había uns cabalos a carón do camiño, un deles un gran macho pouco amigable que nos fixo retroceder e buscar unha pequena alternativa que nos levase rapidamente de novo ao camiño principal.




Continuamos camiño cara os montes da Penas, unha area de eucaliptais e piñeirais con algún que outro ascenso e con algunha que outra vista a comarca das Mariñas; destaca a chamada Pena da Nosa Señora, unha área chea de inscricións en pedra na que destaca unha con forma de muller o que rematou derivando en que era a Virxe, de aí o seu nome. Pouco a pouco a ruta vai chegando ao seu fin e entre urbanizacións chegamos de novo a Cambre.





O punto e final de esta ruta é a igrexa de Santa María de Cambre, xoia románica do S.XII e con planta de cruz latina con tres naves e un ábside con cinco capelas, unha das mellores obras do románico galego.





Pos xa nos diredes como vos foi!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario