Distancia
|
23 km
|
Dificultade
|
Moderada
|
Tempo
|
6:30
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal
|
M.I.D.E.
|
2.2.3.4
|
BTT
|
Non Apta
|
Inicio da ruta
|
N43 19.406 W008 48.363
|
Final da ruta
|
N43 17.686 W008 54.198
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
O camiño
dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa
da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre
por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura
espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende
aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruista tanto por
trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e
non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com
A primeira etapa
da Ruta dos Faros recorre o litoral que separa o porto de Malpica de
Bergantiños da praia de Niñóns, en 23 km pasaremos por praias, cabos ou
acantilados, trazado que si o tivésemos que titular sería O mar das Sisargas.
No porto de Malpica había varios centos de camiñantes dispostos a recorrer con
Traski esta primeira etapa, arrancamos entre as estreitas rúas de esta vila
mariñeira.
Atravesamos a
pequena península malpicana e chegamos a súa praia, percorreremos todo o seu
paseo marítimo e ao rematalo tomamos un pequeno camiño ascendente que pouco a
pouco nos levará ata a praia de Seaia. Os primeiros quilómetros da etapa son
moi cómodos de andar, asfalto, camiños anchos e pouca pendente. Pasando a praia
de Seaia tiramos pola pista cara o norte na busca da capela de San Adrián.
San Adrián é o punto máis setentrional da Ruta dos Faros; desde aquí temos
a vista o primeiro dos faros que se sitúa na maior das illas Sisargas. En San
Adrián está levantada unha pequena capela, nós deixarémola de lado para e tomamos un pequeno sendeiro que abandona a
pista que viñamos camiñando para baixar ata a costa, para nós aquí e onde
comeza realmente a etapa, o salitre empeza a cheirarse e achegámonos en fileira
aos cantís, un tramo que é todo un escaparate ás Sisargas, toda unha delicia.
Este segundo tramo de uns 4,5 km
aproximadamente e que nos levará ata a praia de Beo é un dos máis interesantes,
e non polas fermosas vistas ás Sisargas e ao seu canal, senón polo propio
camiño. Agora o ancho camiño convertese en un estreito sendeiro costeiro
próximo ao mar, flanqueado por moito toxo e herba dura, vai en continuo sube e
baixa correndo a costa. A paisaxe é máis salvaxe, está dominada por
acantilados, non moi altos pero onde rompe o mar con bastante virulencia. As
furnas son numerosas igual que as gaivotas ou os cormoráns secando a súa
plumaxe ao sol sobre unha das múltiples pedras cercadas polo mar.
Chegamos a praia de Beo e iniciamos un novo tramo; quedando atrás a praia
subimos á aldea de Beo para ir continuando o camiño entre as suas casas,
buscamos de novo o mar para chegar en poucos quilómetros a praia de Seiruga,
sen lugar a dúbida o areal de maior tamaño da xornada, pero para chegar a el
temos que cruzar un pequeno río. Cando nós nos achegamos puidemos cruzalo con
un gran chimpo, pero non sempre é doado, e será preciso buscar un paso río
arriba ou mollar os pés. Continuamos o camiño sin demasiada complicación ata o porto de Barizo.
Xa levamos algo máis de 14 quilómetros de ruta cando pasamos por Barizo, a
carón da pequena estrada que conduce ao porto arranca un pequeno sendeiro
bastante esixente que costa arriba faranos ascender entre arbores e muíños. O camiño colle unha
pendente demasiado pronunciada pero co apoio das árbores chegamos a un camiño
algo máis ancho para achegarnos pouco a pouco a un parque eólico, a verdade é
que este tramo ao ser por interior é o menos agradable, pero despois de baixar
de novo cara o mar xa estamos en Nariga.
Na punta de Nariga levantase un moderno faro
con base angulosa e unha torre cilíndrica de pedra, obra de Cesar Portela é o
faro de construción máis moderna de España; construído en 1998 e con un alzado
de 50 metros en pedra ten un alcance de luz de 20 millas náuticas. Dende o mar
a forma de este fermoso faro simula un barco navegando polo mar.
Xa van cansadas as pernas para despois de uns
20 quilómetros de marcha pero aínda nos quedan un anaquiño ata Niñóns;
abandonando Nariga por un camiño descendente cara o mar imos con coidado ata un
pequeno peñón, ninguén dixo que o Camiño dos Faros fose sinxelo, e agora temos
un paso para cabras bastante empinado que coa axuda dos quilómetros acumulados
faise algo cansado. A baixada dende o alto tamén a temos que facer con coidado,
o camiño vai pouco a pouco ancheando para volverse unha pista costeira, correremos
a zona do Moro todo un gran mirador cara a costa do Roncudo; pena que o día da
ruta había tanto calor que o que buscabamos era xa rematar e descansar algo na
praia de Niñóns.
Niñóns é unha bonita praia de augas frías e límpas bastante visitada no verán e este será o punto final de esta primeira etapa. Unha etapa bastante rompe pernas, pero unha verdadeira chulada.
Xa nos diredes como vos foi...
Ningún comentario:
Publicar un comentario