martes, 31 de marzo de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 2; Niñóns - Ponteceso


Distancia
26 Km
Dificultade
Dificil
Tempo
7:30
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
3.2.3.4.
BTT
Non Apta
Inicio da ruta
N43 17.686 W008 54.198
Final da ruta
N43 14.554 W008 54.069
Descarga Roteiro
FOTOS



O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com




Esta segunda etapa do Camiño dos Faros é a miña preferida, posiblemente a máis dura pero tamén a máis fermosa onde recorreremos tres paisaxes totalmente diferentes pero moi belos; unha primeira parte de costa salvaxe e acantilados, unha segunda zona no interior de unha ría para rematar a xornada dentro de un incrible esteiro formado pola desembocadura do río Anllóns. Cantís, faros, calas ou dunas forman parte da experiencia de esta segunda etapa do Camiño Faros.






Iniciamos a marcha na mesma praia de Niñóns, cara oeste e na súa zona superior arranca unha pequena senda que se vai adentrando entre a vexetación pero sempre próxima á costa. Entre pinos e en un continuo sube e baixa imos facendo os primeiros metros. Axiña chegamos a unha pequena cala a carón de Niñóns e que no verán se emprega como praia nudista, dende este punto o sendeiro ábrese ao mar e dirixímonos a Santa Mariña, pequeno portiño que xa temos a vista.







Ao longo da Ruta dos Faros ímonos atopando con pequenos fondeadoiros ou portiños de pescadores con algunha que outra embarcación tradicional, Santa Mariña é un de eses lugares, unha pequena rampla, media ducia de casetas e algunha chalaniña. Continuamos por unha pequena senda pola parte de atrás das chabolas e iniciamos un novo tramo que pouco a pouco se vai cubrindo polo monte de pinos. Ao noso paso acharemos algún cabalo pacendo toxos mentres imos gañando altura de forma bastante acusada. En esta etapa teremos subidas e baixadas con desniveis moi acusados e esta será a primeira; pero posiblemente o máis duro será esta primeira baixada. Tan pronto e como descubrimos a enseada da Barda.





A enseada da barda é un pequeno fiordo galego, un brazo de mar que se introduce entre os montes e que chega ata un pequeno puntal que divide dous pequenos areais. No puntal da barda hai restos de un pequeno castro tapado polos toxos, pero para chegar ata alí aínda nos quedan uns 500 metros de acusada baixada. As subidas son duras pero persoalmente a min o que me destrozan son os fortes desniveis descendentes; tortuoso sendeiro entre toxos e con bastante rocha no chan, aínda que iso sí cando paramos e miramos a paisaxe da Barda é un espectáculo visual.




Ao longo das diferentes etapas do Camiño dos Faros pasamos por multitude de praias, pero para nós a Barda é unha das máis fermosas, unha pequena praia partida en dous por un pequeno puntal que se adentra no mar, e flanqueada por altos montes. É unha de esas praias solitarias da costa de frías augas e areas brancas que axudan ao relax estival, e si non suficientemente bonita está salpicada de unhas poucas chalaniñas de madeira utilizadas polos pescadores, amarradas a terra por longos tiraviras.




A Barda queda atrás e atrás queda tamén o descanso, os próximos cinco quilómetros ata a aldea de Roncudo será de infarto, un tramo moi esixente pero completamente imprescindible, un anaco que costa totalmente virxe na que entre acantilados avanzaremos por un estreito e tortuoso sendeiro entre toxos e rochas. Dende a praia arrancamos en ascenso, un tramo con zonas de zig zag nas que teremos que deternos para hidratarnos e respirar, en cada parada que facemos observamos zonas de costa afastada da civilización na que o único que nos distrae é o bater do mar, o zoar do vento, o chiar das gaivotas e algún intrépido pescador. É un tramo difícil, no que recorremos a zona da Percebellosa ou das Rosas , pero asegúrovos que non ides a esquecer esta zona virxe. En esta zona é onde se sitúa a afamada ola xigante, de gran fama entre os surfistas.




Roncudo é unha pequena aldea de non máis de unha ducia de casas, das que habitadas debe de haber un par delas como moito, no alto e con unhas fantásticas vistas ao mar, Roncudo é a perfecta conxugación entre o mar e a terra, pequenas nas que antano os homes vivían do mar no porto de Corme e as mulleres quedaban na casa coidando da terra e de algún animaliño. Hoxe en día Roncudo é unha aldea con encanto a dous quilómetros de Corme e nas hai tantas casas en ruínas como en pé.




Tres quilómetros separan Roncudo do cabo Roncudo, o primeiro quilómetro é realmente sinxelo, unha pistiña cómoda que nos dirixe ao antigo basureiro para despois ir baixando de forma suave entre as fieitas deixando o peñón da Gorita a nosa dereita. Cando descubrimos de novo a costa teremos unha das baixadas máis pronunciadas do Camiño dos Faros; baixaremos uns cen metros de desnivel en uns trescentos metros de marcha, debemos de ter coidado pero volveremos a situarnos a nivel do mar. Dende este punto teremos unha fermosa vista do baixo das Abruillas, e enseguida do faro Roncudo e de Nariga para atrás. Pasamos a furna de Fusisaca e xa chegamos ata o cabo Roncudo.




O faro Roncudo é unha pequena torre que sinaliza a entrada da ría de Corme, forrada de baldosa branca situase nun cabo co mesmo nome. A uns 500 metros podemos observar a famosa Pedra do Roncudo, un baixo rochoso onde rompe o mar e nomeado pola calidade dos seus Percebes. En xeral Corme é coñecido pola calidade dos seus percebes, dos que se din que son os mellores do mundo, pero os de esta rocha cercada son superiores. Para apañalos os percebeiros teñen que ir en condicións óptimas de mar abordo de embarcacións.




A poucos metros do cabo Roncudo e en dirección a Corme temos unha das postais máis coñecidas da Costa da Morte, a coñecidas Cruces do Roncudo. Moitas son as cruces que podemos ver ao longo da costa, e estas non son as primeiras de esta etapa, na zona do cabo Roncudo hai outra máis, pero esta parella é a máis coñecida, como todas marcan o lugar da morte de algún mariñeiro, uns aparecidos e outros non, pero lugar de recordo para os seus familiares.




Como vemos en estre tramo a paisaxe é totalmente diferente, deixamos atrás os acantilados para recorrer o interior de unha ría, o camiño tornase en asfalto ata que chegamos a Corme, en tamaño a vila máis importante da Costa da Morte pero que lamentablemente nos últimos anos perdeu demasiada poboación, Corme era un porto referencia do cabotaxe e cabeza de unha fermosa ría. Camiñamos por toda a súa franxa litoral pasando por praias como a Arnela ou o Osmo para chegar a Hermida, de maior tamaño e coa presenza da illa da Estrela; pequeno illote ao que poderemos acceder de marea baixa.




Dende a Hermida ata Valarés recorreremos o interior da ría, volvemos a recorrer sendeiros de pescadores por unha zona moitísimo menos axitada, un continuo sube e baixa por estreitos e agradables camiños ata chegar a escondida praia de Riocobo, pequeno areal e zona de pesca de calamares a final do verán que debemos cruzar despois de descender outra vez ao nivel do mar, tan pronto e como pasamos un pequeno rego volvemos a subir ladeira arriba, iso sí xa coa acumulación de quilómetros parece unha autentica parede. Esta etapa é o que ten, un continuo sube e baixa de pendentes de acusado desnivel. Arriba enganchamos co camiño que ven da Pedra da Serpe, e seguirémolo ata o Monte da Facha, para baixar xa ata Valares, e tendo a primeira vista da desembocadura do río Anllóns.





Valarés é outra de esas praias de referencia da Costa da Morte, esta si que é moi concorrida, e non é de estrañar un fermoso pinar que chega ata unha praia ao fondo da ría. Quedan os restos de unha antiga mina de titanio, e de un pequeno porto que se empregaba para embarcar o mineral. En esta praia podemos ver xente todo o ano, pero en verán o seu pinar está cheo de xente merendando a sombra mentres outros toman o sol ou se bañan nas augas frías da ría de Corme.




Continuamos marcha ata a Barra, unha frecha de area na que o río Anllóns fai a súa desembocadura na ría de Corme, o camiño posiblemente sexa o máis descansado de toda a xornada, practicamente chan e na que podemos contemplar a illa da tiñosa e a desembocadura do Anllóns. Pouco a pouco deixamos o mar para adentrarnos no esteiro do Anllóns, zona de area que con calor pode ser algo pesada.




Quédanos catro quilómetros para rematar a etapa, moito cansazo acumulado e iniciamos unha nova paisaxe de esteiro, totalmente diferente ao que viñemos recorrendo pero non menos bonita, a carón do río e co Monte Blanco a nosa esquerda deberemos avanzar por camiños de area entre dunas. O esteiro do Anllóns e un LIC e zona de especial protección ornitolóxica onde facilmente podemos ver garzas, correlimos, cormoráns e diferentes paxariños. Ao chegar a Currás tomamos unha pista, entarimada nos primeiros metros e a carón do Anllóns que nos conduce ata o final de esta fantástica etapa.




Esperemos que vos gustase a visión que temos os Caracochas de esta fermosa etapa do Camiño dos Faros, e xa nos diredes como vos foi!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario