sábado, 9 de maio de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 3; Ponteceso - Laxe

Distancia
26 Km
Dificultade
Media
Tempo
6 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.3
Inicio da ruta
N43 14.552 W008 54.059
Final da ruta
N43 13.357 W009 00.260
Descarga Roteiro
FOTOS


O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com




A terceira etapa do Camiño dos Faros é unha das máis peculiares de todo o Camiño, é unha etapa bastante asfaltada e con bastantes quilómetros apartada do mar, por iso hai a quen lle encanta e quen pola contra a considera unha mera etapa de transición, iso sí con rincóns espectaculares e con dous xacementos arqueolóxicos e visitables de primeira división.




O inicio da etapa situase a carón da casa natal de Eduardo Pondal, unha pequena casa de pedra bonita e elegante, a poucos metros baixa o río Anllóns cara o mar, río que debemos de cruzar por unha ponte decimonónica de cinco arcos. A poucos metros quedan os restos da antiga ponte de fábrica romana, pero pouco queda dela. Cruzamos o río e teremos un quilómetro complicado, transitando polo arcén da estrada. Pasada esta distancia xa na Outra Banda e atendendo as frechas verdes e entre un par de casas baixa unha pista cara o mar, entre algún piñeiro.





Entre piñeiros imos baixando cara a enseada da Insua, a vista é xusto a contraria a do final da segunda etapa do Camiño dos Faros, dende esta perspectiva podemos ver a magnitude do Monte Branco e do campo dunar do esteiro do Anllóns. A zona da ensenada da Insua é un dos paseos máis agradables de toda a xornada, moi pretiño da ría e das súas pequenas praias camiñamos por anacos baixo o abrigo das árbores por camiños estreitos ata Neaño.







Aproximadamente cando levemos uns catro quilómetros de recorridos estaremos polas casas máis baixas de Neaño, volvemos a dirixirnos de novo cara o mar en dirección a praia de Urxeira, bonito areal que sirve como fondeadoiro de algunha chalaniña da xente da zona. As praias do interior da ría son acolledoras pero non debemos de esquecer que o baño non é tan seguro como nas praias de auga salgada; a forza do río e a corrente poderíanos xogar unha mala pasada.






A carón da praia arranca o que en Cabana se coñece como a Senda do Anllóns, un paseo marítimo polo concello de Cabana que ao longo de uns 3,5 km, paseo sobre cemento pero moi agradable, é certo que todo camiñante prefire o terreo natural e as pernas ademais reséntese menos, pero en este caso podemos dicir que este tramo axúdanos a gañar velocidade e facer máis levadeira esta longa etapa, e ademais as vistas da Barra e da Ría de Corme son privilexiadas, pasaremos por algunha praia, recorreremos a zona baixa da Telleira e chegaremos ata As Grelas, de interese na vida mariñeira ao ubicarse alí varias carpinterías de madeira onde poderemos ver multitude de pequenas embarcacións en reparación. A comezos do século XX esta zona estaría chea de costeiros de vela de Corme que invernarían de novembro a febreiro evitando navegar nos peores meses do ano.








Queda atrás a ría e iniciamos a subida a Borneiro, moitos pensan que é innecesaria  este desvío; pode ser pero xunto cos faros e coas cruces do Roncudo os xacementos arqueolóxicos de Borneiro son o máis visitado da zona. Iniciamos o ascenso polo chamado Rego dos Muiños do que xa falamos noutra entrada. Esta rutiña pola que subimos a Borneiro de uns tres quilómetros é unha verdadeira delicia sobretodo nos días nos que apreta o calor. Camiñamos por un pequeno sendeiro que recorre paralelo a un regato, e a carón de unha trintena de muiños de auga restaurados. Os primeiros metros da ruta fanse sobre unha pasarela de madeira, sí, de esas que tanto esvaran cando estan molladas. Segundo imos avanzando abandoamos o entarimado e pasamos a un sendeiro de terra, serpenteante e ao abrigo de espléndidas árbores de ribeira que nos refrescan a camiñata. Certo é que algún tramo ten algo de pendente ascendente pero a beleza  do regato e dos muíños restaurados alégrannos a marcha. Deixamos a senda e despois de uns metros de asfalto no que temos que transitar con coidado polo arcén chegamos ao castro de Borneiro.







A Cibdá de Borneiro é un dos principais xacementos arqueolóxicos de Bergantiños, concretamente a min é o castro que máis me gusta. Chegamos a él e tras pasar os seus muros defensivos, ábresenos unha  gran área con unha trintena de unidades habitacionais circulares da Idade do Ferro. Borneiro era un poboado castrexo importante nas súa época e habitado entre os Ss. IV e I a.C., parece ser que as escavacións reflexan que non hai ningún resto de romanización. Os primeiros estudios datan do primeiro terzo do S.XX e como curiosidade respecto a outros xacementos similares está a ausencia de portas para as casas. Actualmente só vemos pequenos muros que delimitaban as vivendas e restos de rochas no seu interior onde se facía o lume. As casas estaban telladas por cubertas vexetais soportadas por unha columna de madeira central, divididas por barrios dentro do recinto amurallado sen orde estipulado e con pequenas rúas e praciñas entre os barrios. A porta situábase cara o sur, por onde subimos, e temos constancia de algunha casiña extramuros e de unha hipotética pedra formosa na entrada de unha sala termal, pero de esto teredes información mías contrastada na rede ou en publicacións académicas.






Seguimos cara Laxe e en un par de quilómetros chegamos a outro xacemento de primeiro orde. Antes teremos que recorrer a aldea de Borneiro polas súas pistas case todas asfaltadas. O dolmen de Dombate definese como a Capela Sixtina do megalitismo galego; agora está musealizado e cuberto por unha gran estrutura. A antiga mámoa xa escavada tiña un diámetro de uns 24 metros, agora o que vemos e un gran anel de pedras a modo de muriño que sustentaban da terra. No centro atopamos o gran dolmen construído a mediados do IV milenio e que servía como túmulo funerario e común para a xente da aldea. E unha gran estrutura das chamadas de corredor polo pasillo que conduce a cámara e con unhas grandes lousas ou ortostatos de máis de catro metros. Características tamén son as pinturas da cámara e os idoliños antropomorfos atopados nas escavacións, pero o mesmo de isto teredes mais e mellores datos.







Desde o dolmen de Dombate aproximadamente  hai outros dous quilómetros e medio de marcha, posiblemente este sexa o tramo máis esixente de unha etapa sinxela. Continuamos por pistas asfaltadas entre os diferentes lugares que forman Borneiro ata chegar a Fontefría, dende alí o camiño adentrase no monte por medio de unhas costas arriba bastante esixentes. O Castelo de Lourido e a cima Coppi do Camiño dos Faros, o punto máis alto dos douscentos quilómetros e outro dos grandes miradoiros naturais da ría de Corme, só por este momento de relax pagou a pena subir ata aquí arriba.







Si a subida con moito calor se fai dura, non vos quero ver baixando cara Canduas, unha pista forestal ancha pero ben picada que nos cargará as pernas, dende o meu punto de vista quizais máis dura que a subida; pero non vos asustedes, a etapa é ben sinxela. Chegamos a Canduas e volvemos de novo ao asfalto, pequenas pistas entre a casa da aldea que ao longo de algo máis de un quilómetro conduciranos ata a estrada xeral que vai a Laxe. Cruzámola e volvemos ao monte; deberemos ter coidado de non perdernos entre a multitude de camiños. Baixo os piñeiros camiñamos de novo cara a costa, para chegar a praia de San Pedro, onde podemos parar para xantar e contemplar o bater do mar.






A praia de San Pedro volve a ser o noso contacto de novo co mar, unha pequeniña praia de ara branca moi concorrida en tempo estival, ao oeste do areal arranca de novo un sendeiro entre as rochas que nos leva outra vez a ruta. Deixamos atrás o mar e volvemos a meternos no monte, unha maraña de sendeiros que pouco a pouco nos achegan ata a punta da Cruz do Cabalo. Agora sí xa non abandonamos o mar en toda a xornada.






Dende a Cruz do Cabalo os seguintes catro quilómetros xa son de puro salitre, ben pegadiños ao mar camiños de fila india pasando por pequenos acantilados, ao chegar ao rego de Frexufre pasamos a carón de un antigo muíño de auga que verte directamente no mar. Pouco a pouco xa estamos en Laxe.






Chegamos a praia de Laxe e recorremos enriba da súa area aproximadamente un quilómetro e medio; esta é unha das praias mais concorridas da comarca e verdadeiro reclamo da vila. Ao abandonar a praia chegamos ao fin de esta terceira etapa do Camiño dos Faros.