luns, 17 de agosto de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 4; Laxe - Arou


Distancia
18,5 km
Dificultade
Baixa
Tempo
4:30 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.2
Inicio da ruta
N43 13.357 W009 00.260
Final da ruta
N43 11.088 W009 06.328
Descarga Roteiro
FOTOS



O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com






Despois de unha terceira etapa un pouco de transición na que nos apartamos bastante da costa, esta cuarta etapa é de puro mar, continuamente pegadiños á ribeira, etapa moi sinxela, rápida e ademais unha das máis fermosas. Sairemos de Laxe e recorreremos un trazado practicamente chan ata chegar a Arou.






Arrancamos do porto de Laxe a carón da súa Igrexa de Santa María da Atalaia, unha xoia do chamado gótico mariñeiro e na que repousan no interior as primeiros Moscosos; pasamos a través do adro de este templo do século XV e avanzamos en dirección ao faro de Laxe. Entre rúas camiñamos pola zona máis alta de Laxe ata chegar a antiga canteira onde deixamos o asfalto e iniciamos a ruta de forma efectiva.






Xa levamos aproximadamente un quilómetro de quecemento cando tomamos o sendeiro, é unha de esas sendas costeiras de monte baixo entre herba baixa e algún toxo; vexetación que se ten que adaptar a dureza da contorna, salitre, vento e continuas chuvias. Pouco a pouco chegamos a zona da furna do Asno; zona de acantilados  e impresionante escaparate da ría de Corme.






Axiña estamos a altura de Cabo Laxe, onde se atopa o cuarto faro do Camiño dos Faros, unha simple construción forrada de baldosa e que indica a parte sur da ría, torre similar a Roncudo. Continuamos a marcha pola zona da Furna da Espuma ata chegar á altura do cemiterio e alí atopamos a Praia dos Cristais, unha pequena cala chea de vidros de colores pulidos polo mar. Contase que antigamente en este lugar a poboación de Laxe arroxaba ao mar botellas de cristal. O paso do tempo fixo que o mar tornease os vidros e os deixase mesturados coa area da praia. Por arte de maxia o que antigamente foi unha especie de vertedoiro de lixo converteuse en un reclamo turístico para a vila.







Xunto a praia dos Cristais remata unha pequena estrada asfaltada, subimos por ela ata chegar a zona superior do cemiterio onde pegada ao seu muro arranca unha pequena e estreita senda; tomámola e iniciamos o tramo máis esixente da ruta, pero sen ser tampouco algo que faga poñer pé a terra a ninguén. Camiñamos por sendas ao borde de cantís e sobre multitude de furnas que descubrimos pasados os metros ao voltar a vista atrás; esta é a zona da enseada Baleeira, fermoso anaco de costa virxe e salvaxe, fora xa do abrigo da Ría. Esta zona non ten máis complicación que ter coidado de non tropezar e caer ao chan; pero ao chegar ao cuarto quilómetro non nos queda máis remedio que subir ao Penón do Castro, zona de bastante desnivel ascendente pero que en nada remata.







O Penón do Castro é un de eses grandes miradoiros do Camiño dos Faros, e só por iso paga a pena o sofocón previo; dende o penón cara o norte vemos a enseada Baleeira e a ría de Corme, pero si cabe o máis bonito está cara o oeste, ábresenos a fermosa praia de Soesto en forma de cuncha e con frecuente oleaxe. Si centramos algo máis a vista ao lonxe xa está a punta do Boi e o cemiterio dos Ingleses, pero isto xa quedará para a próxima etapa. Continuamos a marcha cara Soesto por un camiño tan picado como por onde subimos, pero con coidado de non esvarar chegamos ao areal de Soesto.






Con moito coidado chegamos á praia de Soesto e atravesando un pequeno río chegamos a unha zona entarimada como vemos nesta fotografía. A praia de Soesto e moi coñecida pola practica do surf, pero tamén polas súas dunas e o seu ecosistema, debido a isto está prohibido pisar fora da zona entarimada. A vida neste ecosistema é única e debemos respectar este hábitat, aínda que teremos coidado de non esvarar en épocas de chuvias. Ao fondo da praia arranca de novo un ancho camiño costeiro que nos achegará ata Traba.







Este camiño costeiro transita pola zona do Catasol, tramo costeiro apacible, sinxelo de camiñar de gran amplitude visual e con pouco desnivel, practicamente chan. Sobre as grandes laxes que cruzan o camiño é frecuente ver os surcos formados polo continuo transitar dos antigos carros de vacas. Isto debeuse a que ata non fai tantos anos era frecuente nas zonas costeiras o abono dos campos con algas mariñas. Para facilitar o transporte das algas aos terreos os labregos empregaban carros tirados por vacas. Pasamos a praia de Arnado e xa chegamos a enorme praia de Traba.






Traba de Laxe é unha de esas praias inmensas e salvaxes que nos atopamos ao longo do Camiño dos Faros, metros de areas finas e outro dos templos do surfismo, moitas dunas e unha das lagoas litorais máis importantes de Galicia. A lagoa de Traba está formada por pequenos ríos que non conseguen verter ao mar de forma directa, a lagoa de 800 por 250 metros está tapizada de xuncos  e é refuxio de multitude de aves mariñas como cormoráns, garzas reais ou martiños peixeiros, un lugar de extrema protección medioambiental e que nós tamén teremos que coidar camiñando tan só polos camiños delimitados e observando a paisaxe dende os observatorios ornitolóxicos.





Ao final da praia de Traba atópase a pequena aldea de Mordomo, sen demasiado interese deixámola atrás e entramos en unha zona máxica. Na páxina oficial do Camiño dos Faros chámana o país de Gulliver, e a verdade é que é unha boa definición para este tramo. É unha zona chea de penedos ao borde do mar, enormes bolas de granito que nos farán sentir diminutos; formas espectaculares que sempre pegados ao mar achegarannos a Camelle, sen dúbida a paraxe máis singular de todo o Camiño dos Faros.





Dende que abandonamos a zona dos penedos ata Camelle hai pouco máis de un quilómetro. Camelle é un pequeno pobo a carón de un portiño a mar aberto e que destaca por Man, ou o Alemán de Camelle; un artista autodidacta que chegou nos anos sesenta e que construiu a súa pequena casa museo a carón do espigón do muelle; pero tampouco é cuestión de aburrirvos con unha historia máis que coñecida por todos e o que sí debemos e de concienciarnos que outra marea negra sería insoportable para o ecosistema galego, e que a obra de Man non debe desaparecer.





Tan só nos restan un par de quilómetros para rematar a etapa; entre Camelle e Arou camiñamos por unha contorna moi humanizada pero chea de sal e tamén bonita; camiños entre pequenos campos de cultivo pechados por balados de pedra que pouco a pouco rematarán na bonita praia de Arou punto final de esta curta, sinxela pero moi fermosa cuarta etapa do Camiño dos Faros

Ningún comentario:

Publicar un comentario