xoves, 10 de setembro de 2015

Camiño dos Faros. Etapa 5 Arou - Camariñas.


Distancia
23,5 km
Dificultade
Moderada
Tempo
 6:00
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
2.2.3.3.
Inicio da ruta
N43 11.081 W009 06.357
Final da ruta
N43 07.778 W009 11.006
Descarga Roteiro
FOTOS


O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com





Chegamos a quinta etapa do Camiño dos Faros e tamén ao corazón da Costa da Morte, en esta xornada pasaremos polo quilómetro cen ou o que é o mesmo que tan só nos quedarán outros cen para chegar a Fisterra. Fermosa etapa que sae de Arou pasando por tramos de costa salvaxe, singulares cemiterios costeiros, impresionantes dunas, o incrible faro Vilán para rematar na ría de Camariñas. Como todas as etapas do Camiños dos Faros non vos deixará indiferente.







Arou é unha pequena aldea mariñeira que se volca ao mar a través de unha praia a mar aberto; no seu paseo marítimo iniciamos a nosa xornada de pateo orientándonos cara o oeste. Os primeiros quilómetros son os máis técnicos do día; abandonamos Arou tomando como referente a punta das Lobeiras, para elo e sempre por camiños estreitos pero bastante cómodos imos percorrendo toda a enseada de Arou. Toda a Costa da Morte é famosa polos naufraxios, pero si cabe este treito é unha zona de afundimentos relevantes, o Nil próximo a Camelle, buque cargado con produtos de luxo e que alimentaron as lendas de que nesta zona pintaron as casas con leite condensada ao crer que eran botes de pintura; ou tamén nestes baixos das Lobeiras aconteceu unha das primeiras mareas negras da historia polo afundimento de un petroleiro soviético. A día de hoxe podemos asegurar que é un tramo de costa virxe e espectacular.






Na zona da punta das Lobeiras chegamos a unha especie de mirador desde onde podemos ver toda a zona de costa que chega ata cabo Laxe, incluso Roncudo ao lonxe. Tomamos unha pequena pista asfaltada descendente ata unha pequena praia. Como se pode ver nesta fotografía estamos en unha de esas e diminutas praias de areas finas e practicamente virxes, pequenos portos naturais que os mariñeiros aproveitan para fondear as súas chalanas coa axuda de rudimentarios tiraviras, a verdade é que é unha postal ben linda. Cruzamos a praia deixando as chabolas dos mariñeiros a nosa esquerda e buscamos de novo un sendeiro ao fondo do areal que nos dirixa cara o occidente.







Desde a praia de Lobeiras ata o porto de Santa Mariña hai aproximadamente un par de quilómetros, unha zona realmente salvaxe e fermosa, pero totalmente agreste e por tramos algo complicada. Con algo de coidado non teremos problema algún, pero iso si prestando atención a onde pisamos. A zona e de coidos e baixos transitando por estreitos sendeiros de pescador entre cantís e furnas. Camiñaremos continuamente sobre a rocha viva empregando por veces as mans para salvar os pequenos saltos que nos atopamos. En días de mar de fondo pode ser espectacular ver como as ondas invaden as furnas e baixos que nos quedan baixo os cantís.






Santa Mariña é outro de eses portos naturais, actualmente ten un pequeno dique de formigón que da resgardo as pequenas embarcacións; este é outro lugar con encanto, unha morea de casetas de pescadores que conforman un pequeno portiño entre multitude de baixos. Abandonamos Santa Mariña atravesando o coído dos Bolos, formacións de pequenas bolas de granito a modo de praias líticas tan características de esta zona central da Costa da Morte. Chegados ata este punto podemos dicir que a dificultade da etapa xa quedou atrás, agora restan moitos quilómetros pero xa sen esixencia técnica algunha.






Continuamos a camiñata e cambiamos totalmente a paisaxe, agora os camiños vólvense máis anchos e pisaremos area. Estamos baixo a impresionante duna de Monte Blanco, espazo de protección natural e que entre todos debemos protexer. Teremos que subir por camiños de area ata o alto do monte a uns cen metros de altitude. A subida faise longa ao ter que subir por camiños con firme de area, pouco a pouco gañamos altura ata chegar a cima; o que non podemos e saírnos do sendeiro marcado, a vexetación que cubre a duna e moi sensible e coas nosas pisadas podemos destruíla así como eliminar o hábitat de multitude de fauna. Despois de relaxarnos coas impresionantes vistas, baixamos a duna con coidado e cruzamos a fermosa praia de Trece para chegar ao Cemiterio dos Ingleses.






O Cemiterio dos Ingleses é o corazón simbólico da Costa da Morte; e este camposanto si cabe é a orixe de todo, multitude de naufraxios pero o que aquí ocorreu é sen dúbida o máis coñecido; está o Prestige pero xa é outro asunto. En toda a costa hai unha gran cantidade de lugares de enterramento na zona onde se afundía un barco e perecía a súa tripulación. Neste lugar perdeuse no 1883 o Irish Hull con 38 homes polo que tiveron que construír este cemiterio. Pero a desgraza que marcou este lugar foi o afundimento do buque da armada británica Serpente en 1890 con 175 homes abordo e dos que só se salvaron tres. Esta traxedia tivo sona mundial obrigando a replantearse a seguridade da tripulación nos buques, así como en terra, poñendo en evidencia o atraso español en sinalización marítima. Os defuntos ingleses foron enterrados no mesmo lugar que os do Irish Hull e onde posteriormente repousarán os mariñeiros do Trinitaria tamén británico.






Continuamos a marcha pola punta do Boi e enseguida vemos o faro Vilán ao lonxe, cada vez a nosa marcha faise máis cómoda e enfilaremos ata a praia de Reira, unha zona aberta ao mar que nos invita a reflexión. Si traemos os pes cargados esta é unha zona boa para marcar un ritmo alto e ir descansando mentres avanzamos. O sendeiro tornase en pista de terra ancha pola que incluso transitan de vez en cando algún que outro coche e sempre coa presenza ao lonxe de Vilán e dos seus baixos. Os catro quilómetros ata Reira son moi levadeiros, chegamos a ata estas praias tamén salvaxes como as anteriores e que nos invitan a un chapuzón.







Desde a praia de Reira deixamos a pista para tomar un sendeiro moi ascendente e estreito que nos achegará ao alto do monte Pedrosa. No alto volvemos a coller a antiga pista e avanzamos cara o faro Vilán ao que chegaremos en uns tres quilómetros. Para min o faro do cabo Vilán sen dúbida algunha é o máis bonito e espectacular da costa galega; situado a uns 100 metros de altitude e con unha torre de pedra que sobrepasa os 25 metros de altura. este faro ten un alcance de luz de máis de 40 millas nauticas, un dos maiores alcances do estado. A casa do fareiro está situada uns metros máis abaixo e está comunicada por medio de un túnel; esta casa actualmente alberga un pequeno museo. A súa construción data de 1896 sendo o primeiro faro de España con funcionamento eléctrico, e substituíndo a unha antiga luminaria de 1854 de vapor. A súa construción debeuse as consecuencias do afundimento do Serpent en colaboración co goberno británico quen o financiou e como punto de arranque para a modernización da seguridade costeira española.





Desde o cabo Vilán a Camariñas restan uns sete quilómetros de marcha, tan pronto e como deixamos o faro subimos un promontorio onde atopamos o facho, que son os restos da antiga lucerna. Baixamos e enfilamos cara a piscifactoría, unha verdadeira mole que debemos rodear. Pasada a instalación acuícola aparece unha ancha pista de terra moi cómoda de andar que nos conduce a Camariñas. Xa deixamos o mar aberto e entramos na ribeira da Ría de Camariñas, augas máis mansas e abrigada aos ventos do nordés ata chegar á Virxe do Monte.






Visitamos a hermida da Virxe do Monte onde podemos disfrutar de un magnifico mirador da ría e baixamos pola praia de Lago. Os camiños cada vez vólvense máis humanizados, algo debido a proximidade da vila de Camariñas; entramos no pobo pola zona do castelo do Soberano e ao fondo do porto rematamos esta estupenda ruta.






Non dubidedes facer esta etapa como cada unha do Camiño dos Faros e xa nos diredes como vos foi!!!

1 comentario:

  1. Debe ser espectacular esta etapa.Enhorabuena por este estupendo post

    ResponderEliminar