Distancia
|
31,5 km
|
Dificultade
|
Media
|
Tempo
|
7:00
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal
|
M.I.D.E.
|
1.2.2.3.
|
Inicio da ruta
|
N43 07.785 W009 10.982
|
Final da ruta
|
N43 06.184 W009 13.086
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que
recorre todo o litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra;
fragmentado en oito etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou
os seus faros... unha aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada
rincón da Costa da Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu
traballo altruísta tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos
de forma desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com
A sexta etapa do Camiño dos Faros como tamén o foi a
terceira é unha de esas xornadas de transición entre etapas, pero non por elo
deixa de ser unha etapa chea de interese. Esta xornada vai a ser a máis longa
de todas, e esa será a única dificultade; unha ruta practicamente de interior
recorrendo a parte máis profunda da desembocadura do río Grande, pistas
forestais, esteiros, praias ou pequenas aldeas. Sobre o papel pode ser unha das
etapas menos atractivas do Camiño dos Faros, pero seguro que vos sorprenderá.
Despedímonos de Camariñas buscando un pequeno paseo
que transcorre por abaixo da conserveira cara a praia de Area da Vila,
atravesamos o areal por un pequeno carreiro ao fondo da praia e xa tras
atravesar unha pequena puntiña chegamos á próxima praia de Ligunde e buscando a
enseada da Basa.
A enseada da Basa é un pequeno brazo de mar que se
adentra ata a zona de Xaviña; de gran riqueza intermareal esta cuberta por unha
area con moito limo, moi fangosa que coa baixamar quedan ao aire multitude de
nutrintes que son alimento de paxariños ou marisco de area. Por tramos temos
que camiñar sobre as areas da Basa e loxicamente debemos ter coidado, areas que
nos afundirán os pés, ou zonas con moitas algas que poden ser esvaradías. Si
camiñamos en silencio será frecuente atoparnos con algún paxariño.
Tocamos a estrada en Xaviña para uns metros máis
arriba volver a adentrarnos de novo nos camiños de terra, agora tomamos
dirección ao monte da Insua; entre piñeiros, imos andando por un puntal que
separa a enseada da Basa da desembocadura do río Grande. Zona cómoda de andar
ata que cheguemos a darlle a volta a punta, na que nos meteremos na zona areosa
do esteiro do río Grande, zona de gran beleza e que acabaremos abandonando na
zona da praia de Ariño para facer a partir de aí uns catro quilómetros de zona
rural e asfaltada ata a Ponte do Porto.
A Ponte do Porto é a segunda vila en importancia do concello de Camariñas, e onde se sitúa a ponte pola que abandonaremos o mesmo para cruzar á outra ribeira do río Grande. Xa na outra beira do río continuamos a carón do río en dirección á desembocadura; transitamos por un pequeno paseo fluvial onde podemos ver algunha que outra lancha amarrada a terra e os restos de unha pequena carpintería de ribeira. Ao fondo xa está cereixo e abandonamos as terras de Camariñas.
Chegamos a Cereixo, probablemente a aldea con máis
pasado de toda a etapa, ou polo menos é a localidade que máis restos antigos
conserva; mentres camiñamos xa vemos ao lonxe e dentro do pazo barroco de Vila
Purificación un hórreo de 19 pés. Ao chegar a Cereixo collemos a pasarela que
vai pola ribeira do Riotorto; é unha zona moi bonita, con un antigo muíño de
mareas de época moderna e desembocaremos na medieval igrexa de Santiago. Co
camiño mollado teremos que ter en conta que o entarimado de madeira é moi esvaradío,
e é bastante fácil acabar no chan. Xa abandonando Cereixo podemos ver a torre
medieval, unha construción castrense do século XVII levantada polos señores de
Calo e Carantoña para o control e defensa da zona; actualmente é unha
edificación de uso privado e polo tanto tan só a poderemos contemplar dende o
exterior.
A Cereixo podemos consideralo o punto medio da etapa, agora ata a praia de Lago réstannos uns sete quilómetros, os primeiros metros imos a facelos por unha pista asfaltada. Axiña a deixamos para adentrarnos por unha zona de piñeiros en dirección ao mar. Os camiños son cómodos de andar, descendentes ata o mar pero agradables e con bastante sombra. Ao chegar a ribeira do río Grande podemos ver a zona pola que transitamos ao inicio da xornada. Entre tramos de monte e zonas de costa con espectaculares vistas tanto de Camariñas como de Muxía imos avanzando ata a praia de Lago pasando antes polos areais de Area Grande ou Leis.
Chegamos a un pequeno faro que fai funcións de
sinalización da entrada do río Grande e xa estamos na praia de Lago, unha
xeitosa praia de areas finas e brancas moi concorrida pola xente da zona no
verán. X estamos no concello de Muxía, debemos atravesar a praia ata un pequeno
río que desemboca no mar e este é seguramente o lugar máis lóxico da etapa para
facer un descanso e poder xantar algo antes de continuar a marcha. En verán e
frecuente que esté aberto algún dos chiringuitos.
A etapa como dixemos é a máis longa de todo o Camiño
dos Faros, e desde a praia de Lago e despois de recuperar folgos poñemos rumbo
a praia de Moraime. Ao fondo da praia de Lago tomamos a pasarela de madeira que
nos leva a unha pequena estrada. A etapa volvese a converter en rural, moita
pista asfaltada e atravesando aldeas como Merexo ou os Muíños. Desde esta zona
imos a confluír co Camiño de Santiago, e estaremos acompañados por bastantes
peregrinos. O dia que fixemos esta etapa chovía bastante polo que tivemos que
improvisar unha alternativa na zona dos Muíños. A ruta sinalizada baixa por un
sendeiro entarimado de madeira, pero dado o esvaradío que estaba buscamos unha
pista alternativa que nos achegase a praia de Moraime.
Que os peregrinos se dirixisen de non era casualidade,
en Moraime atopase un vello mosteiro ao que se dirixían os devotos despois de
visitar os restos do apóstolo Santiago. Nós continuamos a ruta camiño a Muxía
volvendo ao interior primeiro pasando por Chorente para rematar o camiño na
entrada de Muxía. Para rematar a etapa o que imos a facer e darlle a volta a
vila, Ascendemos o Corpiño a carón da igrexa de Santa María e dende o alto xa
temos unha boa vista da igrexa da Barca e do seu faro.
A tradición dí que a Virxe chegou a este lugar a bordo
de unha barca de pedra, lancha que quedou quilla arriba e que actualmente se
chama Pedra de Abalar. A capela é un dos templos marianos máis antigos de
Galicia, data do século XII con continuas reformas, a última de 2014 debido a
que o templo foi arrasado por un incendio provocado por un raio. A Virxe da
Barca é unha das de máis devoción de Galicia.
Rematamos a ruta na zona do Coído pasando antes pola
única estada para secar congro que queda en Galicia. Esta sexta etapa do Camiño
dos Faros é a máis longa, e na que máis quilómetros de interior hai; pero
seguro que tamén vos vai a gustar.