Distancia
|
26,5 km
|
Dificultade
|
Alta
|
Tempo
|
7:00 horas
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal
|
M.I.D.E.
|
2.3.3.4.
|
Inicio da ruta
|
N43 00.749 W009 16.111
|
Final da ruta
|
N42 52.950 W009 16.317
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
O camiño dos Faros e unha gran ruta de sendeirismo que recorre todo o
litoral da Costa da Morte entre Malpica e o Cabo Fisterra; fragmentado en oito
etapas recorre por sendeiros acantilados, praias, rías ou os seus faros... unha
aventura espectacular que en 200 km nos achegará a cada rincón da Costa da
Morte. Dende aquí queremos agradecerlle aos Traskis o seu traballo altruísta
tanto por trazar este roteiro como por mostrárnolo a todos de forma
desinteresada; ahh e non dubidedes en visitar a súa web caminodosfaros.com
Chegamos a última etapa do Camiño dos Faros, e como xa
vimos nas anteriores cada paso é diferente; esta última é unha xornada dura,
pero tamén unha das máis bonitas, enormes praias salvaxes, acantilados e por
suposto o gran punto e final no faro Fisterra. Dura si, pero tamén unha das
xornadas de sendeirismo máis fermosas das que se poden camiñar por Galicia.
Como dixemos antes esta vai a ser unha etapa larga e
dura, e como se pode ver en esta fotografía nós arrancamos a pateada nada máis
romper o día. O punto de arranque non pode ser máis fermoso, a praia de Nemiña,
areal de algo máis de quilómetro e medio que deberemos recorrer sobre as súas
areas; o ideal será coller a franxa húmida si é posible para facilitar a
marcha, pero tan só e posible con marea baixa. A praia de Nemiña e outro de
eses enormes areais da Costa da Morte, a mar aberto e con moito oleaxe é unha
de esas praias cheas de surfistas.
Ao chegar ao fondo da praia de Nemiña atopamos o río
Castro que desemboca no mar que nos impide a marcha, na páxina web da
organización di que podemos atravesar as augas sen problema con marea baixa e
así aforrar uns cinco quilómetros de marcha. O máis lóxico e buscar un paso río
arriba e chegar á outra ribeira sen problema.
Esta pequena incursión no interior non é demasiado
complicada, abandonamos a praia de Nemiña remontando o río Castro por unha zona
de dunas, e polo tanto sabemos da obrigación que temos de non abandoas o camiño
marcado, a alteración da flora en estes ecosistemas é moi dañino. Pronto
chegaremos a unha pequena estrada asfaltada que combinaremos con carreiros
forestais ata chegar ao pequeno lugar de Vaosilveiro, onde abaixo das súas casa
xa achamos unha nova ponte que nos axuda a atravesar o río Castro. Fai poucos
anos esa ponte non existía e o paso facíase sobre unhas pedras colocadas
estratexicamente sobre o leito do río. Continuamos ata Lires buscando xa a súa
ría de gran riqueza faunística e podemos ver que estamos na praia de Nemiña
pero iso sí salvando o río sen mollar os pés.
Tocamos a praia de Nemiña, ou Lires como se chama por
esta zona sur para abandonala rapidamente na busca de outra tamén brava e
coñecida, a do Rostro. O treito que debemos recorrer de un a outro areal será
de uns cinco quilómetros de puro acantilado. O camiño tornase agreste e algo
máis complicado, estreitos sendeiros entre herba e toxo que pouco a pouco van
ascendendo durante uns tres quilómetros; aquí debemos recordar que temos que
ter coidado de non extraviarnos e seguir atentos tanto as marcas verdes do
camiño como ao sinal do gps si é que levamos un. A medida que imos gañando
altura as vistas fanse máis bonitas, a enorme praia de Nemiña cara o norte e o
faro Touriñán, e cara o sur xa se ve os primeiros metros do Rostro, pero non só
eso, enormes acantilados e por suposto a inmensidade do océano Atlántico. Dende
o alto quédannos outros tres quilómetros ata a praia do Rostro; o descenso é
semellante á subida, pero pasaremos antes pola punta Mexadoira; recuncho
escarpado onde un pequeno torrente de auga morre facendo barullo no mar.
Chegamos ao Rostro e podemos contemplar unha enorme e
salvaxe praia de un par de quilómetros; o mar continuamente está rompendo e
facendo ruído contra a area, postal fermosa na que se respira o perigo de esas
augas. Temos que tomar con calma este treito que nos levará unha media hora de
marcha, intentaremos como en todas as praias camiñar sobre as areas molladas,
pero non sempre é posible; pódenos cadrar a marea chea e un día de calor, o que
nos relentizará moitísimo a marcha. O certo e que esta praia da para moito, eu
mentres camiñaba aparecíanme pola cabeza os primeiros recordos de neno, uns
recordos que se chaman Casón; buque que encallou na punta do Castelo ao sur da
praia do Rostro en decembro de 1987 tras unha chapuzada política e de
salvamento. O buque ía cargado con sodio e produtos químicos que co contacto
coa auga provocaron a súa explosión e a morte da maioría da tripulación. Os
meus recordos céntranse na nube tóxica e no desaloxo da maior parte da Costa da
Morte, dirixíndose a maioría da poboación a polideportivos da cidade da Coruña.
O noso seguinte obxetivo é Castromiñan, a preto de outra hora de marcha, de novo a paisaxe que nos vai a acompañar vai a ser a costa abrupta, volta a subir por estreitos carreiros a carón de altos cantís. As vistas volven a ser o noso compañeiro de marcha e a atención ao camiño a nosa obrigación. Evidentemente despois de visitar Borneiro na terceira etapa calquera castro pareceranos un chiste, e máis si está sen escavar como Castromiñán, pero así é como atopamos a maioría de estes asentamentos galegos. Ao achegarnos xa nos impresionan as súas murallas e os seus foxos defensivos, damos un pequeno rodeo pola súa croa e ao saír dirixímonos a punta Gaivoteira, con fermosas vistas dende o alto da pequena praia salvaxe de Arnela, lugar ideal para xantar sobre a herba.
Por un sinuoso carreiro dámoslle a volta a parte norte
da praia de Arnela, a zona sur farase por uns metros de asfalto e por unha
pistiña algo máis cómoda afrontamos a zona sur. Dende aquí o camiño vólvese moi
complicado, sen dúbida é unha das zonas máis complicadas de todo o Camiño dos
Faros, pero igual que dixemos antes con un pouco de ollo non hai máis problema.
O Cabo da Nave está a uns dous quilómetros de marcha, en par de quilómetros de
ascenso, remontando uns 150 metros de desnivel positivo, por escarpados
rochedos tirando para arriba como se fosemos cabras, incluso agarrándonos coas
mans. É creto que coa carga de quilómetros que levamos e co técnico do camiño
pouco podemos disfrutar das paisaxes, escarpada e alucinante.
Ao chegar ao alto do Cabo da Nave a complicación técnica da etapa desaparece, pero aínda nos restan sete duros quilómetros. Desde este punto teremos a primeira vista do faro Fisterra ao lonxe. Tomamos dirección descendente cara a praia do Mar de Fora xa na vila de Fisterra. A baixada fai que se nos carguen as pernas, sobre todo o último quilómetro que é realmente picado. Chegamos a praia do Mar de Fora e descansamos da baixada. Esta será a última praia do Camiño dos Faros, fermosa e perigosa.
Facemos unha pequena pasada pola zona posterior de
Fisterra e afrontamos o último esforzo, chegar ata a punta do faro, e como
sempre o Camiño dos Faros non vai a ser algo normal; buscarase unha vía de
acceso diferente á normal e recorreremos a parte occidental do mesmo, pistas
anchas pero durísimas ascensións contra o final, como xa dixen esta xornada ía
a ser dura.
Dende o monte do Facho tan só nos queda acometer a
última baixada ata o faro de Fisterra, símbolo dende sempre do final, e lugar
sobrecolledor, non pola beleza do seu faro, nin polo lindo do seu faro, senón
polo máxico do lugar. Uns din que o seu nome ven do Finis Terrae ou fin da
Terra, outros que ven do Finis Stellam ou o lugar onde morre a estrela dos
peregrinos; para nós Fisterra é o lugar onde remata o Camiño dos Faros.
Ahh e xa nos diredes si vos gustou!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario