xoves, 3 de decembro de 2015

Courel; Vilamor - Froxan - Vilamor


Distancia
13 km
Dificultade
Fácil
Tempo
4:00 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.3.
Inicio da ruta
N42 34.086 W007 13.934
Descarga Roteiro
FOTOS


Xa polo nome apetece, verdade, non me digades que Vilamor non é un nome bonito para unha aldea. Pois así é como se chama a vila a que nos diriximos para arrancar a pateada por esta fermosa ruta. Enclavada no corazón da serra do Courel imos recorrendo un terreo cómodo, con desniveis pouco pronunciados para ser unha zona de montaña, camiñando por carreiros tapizados de follas, por enormes soutos e fragas, piñeirais espectaculares ou bosques de sobreiras, ahhh sen olvidar os castros, as coidadas aldeas os miradores ou o río Lor. Como vedes unha ruta ben completiña pero sen dúbida que permanecerá nas nosas retinas durante moito tempo.





Vilamor é unha de esas aldeas con encanto situada a media ladeira, unha de tantas das que podemos atopar na serra do Courel. A nosa ruta arranca a carón da pequena estrada que da acceso a Vilamor, por debaixo da igrexa e fronte a un establecemento de aloxamento rural. A visita a aldea imos a deixala para o final do recorrido e buscamos o inicio ao lado de un cartelón de madeira que nos describe con bastante detalle a nosa andaina.





O camiño iniciase por unha pista descendente que busca o curso do río Lor, dende o principio xa vemos que esta ruta pasará por lugares espectaculares, e é que as rutas polo Courel, ou Caurel como lle chaman na zona sempre son bonitas para o camiñante. Pouco a pouco imos baixando entre carballos e castiñeiros cargándosenos as pernas, e é que os desniveis son bastante acusados. A medida que perdemos altura o camiño vai cerrándose un pouco, pero tampouco non será algo polo que teñamos que preocuparnos. A nós fíxosenos un tramo moi acolledor grazas a compaña de un par de cadeliños xoguetóns que nos acompañaron uns metros.





Antes de chegar ao Lor xa escoitamos os seu murmullo dende a distancia, e entre as copas das arbores xa vemos a ponte de Vilar ou da Rastradoira. Este é o paso que nos permite chegar á outra ribeira. O Lor é o principal río do Courel, e vertebrador de multitude de roteiros ata que chega ao Sen en Augasmestas. Nos deberemos continuar polo mesmo camiño na busca de Vilar de Lor. Xa levamos un quilómetro e uns 250 metros de desnivel negativo. Agora toca subir.





Ata Vilar de Lor queda outro quilómetro ascendente, non temos que preocuparnos por que non ten o desnivel da anterior baixada, e xa sabemos como debemos facer estes treitos, con calma e disfrutando da contorna. E en este caso imos a subir polo souto de Vilar, un dos máis grandes e mellor coidados do Courel. A importancia dos castiñeiros na montaña é máxima, a venda de castañas é un dos complementos máis importantes na economía das familias da zona; os soutos están coidados e limpos e ninguén nos vai a dicir nada por coller unha presa de castañas, pero temos que ter claro que estes froitos teñen dono e apañalas a caldeiros é un roubo para os veciños. Si queremos probalas o mellor que podemos facer é achegarnos a festa da castaña que se celebra en novembro.





Vilar de Lor está practicamente abandonada ata non fai moito tempo tan só vivía un veciño, persoa bastante peculiar que rexenta un pequeno museo de material que foi traballando coas súas mans e algún aparello de labranza. Ademais da Fonte da Saúde, da que se dí que cura doenzas e cumpre desexos, esta pequena aldea móstranos a arquitectura típica das aldeas de montaña. Deixamos atrás Vilar de Lor e camiñamos por unha pequena vía crucis que vai camiño de unha pequena hermida no alto das montañas. Chegamos a capela de San Roque por un cómodo camiño entre pequenos valados de pedra que delimitan os campos de cultivo de Vilar e sobre todo impiden que o gando ande incontrolado. Esta pequena capela de San Roque tan só se emprega nos días de festa e .a que se chega percorrendo o vía crucis. E pequena, practicamente onde só entra un crego, pequena construción de montaña, a modo de cabana e co seu fronte occidental aberto e coroado por unha pequena campá; o certo é que non vos deixará indiferentes.




Para chegar ata esta capela de San Roque tivemos que facer antes unha pequena derivación, apartarnos da vía principal uns metros; sí continuamos uns metros máis alá da hermida entramos no castro de Vilar, un dos mellores conservados de todo o Courel e situado na altura sobre un meandro do río Lor. O castro é unha atalaia espectacular e estivo habitada a partir do século II. Del consérvanse os restos de algunha das vivendas e os muros defensivos.





Desandamos esta pequena derivación e continuamos a marcha pola ruta principal que durante aproximadamente un quilómetro e medio será de forma descendente buscando as ribeiras do Lor. A primeira parte de este treito transcorre polo chamado piñeiral de Abraído; monte de explotación comunal que empregaban os veciños de Vilar para abastecerse de madeira, agora as marxes da senda non están flanqueadas por carballos nin castiñeiros, pero este piñeiral o que nos permite é contemplar a fermosa garganta que forma o río mentres imos perdendo altura. O segundo treito e xa máis próximo ao Lor tornase máis sombrío e a flora vólvese outra vez atlántica, agora camiñamos por tremendos cortados no monte con restos de frecuentes desprendementos de pedras, unha zona ben bonita que remata no mesmo río para atravesalo a través da ponte do Bao.




Despois de cruzar o Lor pola ponte do Bao comezamos de novo a subir de forma pouco pronunciada na busca da aldea de Froxán que se sitúa a un quilómetro aproximadamente. Dende que empezamos a andaina xa pasamos por fragas de carballos, por soutos de castiñeiros ou por piñeirais como o de Abraído. Agora e ata Froxán imos atravesar un sobreiral, fermosa masa boscosa a base de unha multitude de sobreiras. Este tipo de árbore é característica dos bosques mediterráneos, e a súa presenza nestas montañas lucenses débese ao microclima máis cálido que se orixinan nas ladeiras sur de esta serra, que buscando o abrigo dos ventos do norte e as raiolas do Sol cara o sur posibilitan a vida destas árbores. A súa cortiza funciona como defensa propia fronte aos incendios, pero o seu aproveitamento por parte do home para fabricar tapóns para botellas ou mesmo para a construción, é o motivo polo que atopamos moitas sobreiras descascadas coa madeira roxiza cara o exterior.




Chegamos a Froxán pola súa zona máis alta e ao empezar a baixar por entre as súas rúas xa vemos a fermosura de esta pequena aldea de montaña, un grupiño de unhas trinta casiñas de pedra con tellados de lousa que se separan unhas de outras por estreitas rúas. Agora parece que a maioría de estas casas só están habitadas ns fins de semana por familias foráneas que buscan a tranquilidade da serra nos tempo de descanso. Sen lugar a dúbida en Froxán debemos facer unha parada e perdernos entre as súas casas.





Na parte máis alta de Froxán encontramos a Fonte do Milagro, dende alí atravesando unha pequena estrada tomamos o antigo camiño que unía Froxán co Vilamor, antigamente era un camiño moi transitado dado que nesta última é onde se sitúa a igrexa da parroquia. Entre campos de cultivo imos abríndonos paso  de forma ascendente para ir adentrandonos no bosque. Teremos que facer con calma esta subida, non é demasiado pronunciada pero pode acabar cansando; o bosque é de zonas cálidas, bastante xesta con sobreiras, aciñeiras e piñeiros, con algún que outro castiñeiro ou carballo perdido. O camiño acaba morrendo nun cruce onde con sorte podemos ver un cartel indicativo que nos dirixe ao miradoiro do Cabezón; segunda e última derivación do día e que nos levará ata un promontorio onde podemos ver dende o alto o val que forma o Lor á altura de Froxán.





Dende o Cabezón volvemos ao anterior cruce para coller o ramal contrario, seguimos ascendendo por unha ancha e incomoda pista a modo de cortalumes que nos levará ata o alto do monte, dende alí tan só nos queda descender cara Vilamor disfrutando das vistas da serra e saboreando os últimos e cómodos quilómetros da ruta.





Dende lonxe vemos a torre da igrexa de Vilamor e axiña facemos a entrada na aldea, fermosa vila de montaña con casas de pedra amoreadas, algunhas unidas a outras con pequenas pontes sobre as rúas, casas con balcóns e galerías de madeira e de esquinas redondeadas, unha gozada de aldea na que acotío atopamos a visitantes inmortalizando a súa visita coa axuda de cámaras de fotografar.





Supoñemos que esta ruta vai a ser do voso agrado pero xa nos diredes como vos foi!!!