Distancia
|
6,5 km
|
Dificultade
|
Baixa
|
Tempo
|
1:30
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal
|
M.I.D.E.
|
1.2.2.2.
|
Inicio da ruta
|
N42 29.585 W008 46.480
|
Final da ruta
|
N42 27.851 W008 44.547
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
A comarca do Salnés é unha das zonas con maior
interese turístico de Galicia; para seguir potenciando o atractivo da comarca
nos últimos meses homologaron unha serie de rutas de sendeirismo que se sumaban
as que xa estaban dadas de alta.
Cando cheguei ao Salnés pensei en adicar unha tarde á
semana a coñecer a comarca coas miñas botas; existen unha serie de rutas sinalizadas
das que a máis coñecida é a o PR-G 170 Ruta da pedra e da auga. Posiblemente
como todos no momento de buscar unha ruta sempre nos ven a cabeza a máis mediatica
e esta é de sobra coñecida por todos ao saír todos os anos nos medios
informativos ao ser a escollida polo presidente Rajoy para estirar as pernas;
pero ¿É recomendable esta ruta? Totalmente.
A ruta que imos a camiñar en esta entrada é a mestura de dous sendeiros que recorren un par de concellos, por unha parte está a ruta dos muíños de Ribadumia e a ruta da pedra e da auga de Meis, as dúas están conectadas e forman un único recorrido sinalizado. Iniciamos a pateada a carón do restaurante Os Castaños en Barrantes, xusto de lado da rotonda da saída da autoestrada do Salnés. Dende un primeiro momento xa vemos que é unha vía perfectamente sinalizada, paneis indicativos ao principio e onde hai algo que salientar, sinais brancas e amarelas e unha serie de puntos de luz de madeira que nos guían parte do recorrido; a verdade é que está moi ben sinalizada (abril de 2015).
Os primeiros dous quilómetros e medio da ruta farémolos polo concello de Ribadumia, seguimos o río Armenteira en sentido ascendente entre multitude de campos de cultivo, posiblemente esta primeira metade da ruta sexa a parte máis sosa, camiñamos sempre acompañados de viñedos e co continuo murmullo das augas do Armenteira. Dende o principio quédanos claro o nome de esta ruta, pois a presenza de muíños de auga é continua.
Antes de apartarnos da zona máis humanizada temos que
atravesar a estrada por un par de pasos para peóns, o certo é que é o único
punto en todo o trazado onde temos que ter un mínimo de coidado. Cara o outro
lado da estrada entramos no concello de Meis, con un trazado semellante aínda
que pouco a pouco abandonado os terreos de albariño para ir pouco a pouco
adentrándonos no monte. O sendeiro sigue a ser totalmente chan aparecendo
xa entre os muíños as árbores características dos bosques de ribeira.
O ecuador da ruta é a chamada Aldea Labrega, unha
especie de merendeiro a carón do río no que tamén se atopa un local de hostalería
co mesmo nome. Por esta zona chámana os Muíños de Meis, e isto é por un grupo
de muíños en cadea que se sitúan neste lugar. Ademáis hai un pequeno recuncho
onde se representa unha aldea tradicional de pedra labrada pola escola de
cantería da Deputación de Pontevedra. Esta é unha boa zona para facer unha
pequena parada antes de continuar a marcha.
Queda atrás a Aldea Labrega e xa nos adentramos no bosque ata o final da ruta, en un principio seguimos camiñando por cómodos sendeiros entre carballos, castaños ou bidueiros; os muíños seguen aparecendo a cada paso e é que dende Barrantes ata Armenteira hai máis de unha trintena de estas construcións ao longo do río, uns grandes e de varias moas como se pode ver en esta fotografía, outros máis pequenos con un só rodicio, tamén os hai para moer gran ou ben serras hidráulicas ou mazos de unha pequena ferrería, o certo é que a enerxía hidráulica era aproveitada en calquera recuncho do camiño.
Dende fai bastante tempo xa estamos camiñando por
bosque pero como vemos cada vez a fraga tornase máis espesa, tamén e ata
Armenteira os camiños estréitanse moito e cada vez pican máis costa arriba.
Este con moita diferenza é o tramo máis bonito de toda a andaina, o baixar do
río buscando camiño entre as pedras, os carballos vestidos con espesos brións,
o trazado do sendeiro entre pedras e muíños fai que sexa unha paraxe
espectacular, tan só falta algún trasno que aínda nos alegre algo máis a
marcha.
Este tramo ascendente é un dos rincóns máis bonitos da
zona, con coidado de non esvarar en ningunha pedra ímonos dirixindo cara o
final da ruta; pese ao ascenso e a que o sendeiro se estreita entre as rochas é
un treito doado de facer e moi recomendable. A medida que ascendemos a luz
aumenta e chegamos aos campos de cultivo da aldea de Armenteira, a ruta practicamente
está rematada e réstannos unha centea de metros chans ata chegar ao mosteiro.
Chegamos a Armenteira, o lugar onde di a tradición que
vivía o monxe Ero, relixioso que lle pediu a Virxe que lle mostrara o Paraíso
en multitude de ocasións; relatan as Cantigas de Santa María que Ero quedou
escoitando o asubío de un paxariño durante 300 anos, tras iso volveu ao
mosteiro e loxicamente todo cambiara en eses 300 anos. Sexa como fose, o
mosteiro de Armenteira é un de eses mosteiros a visitar en Galicia,
plenomedieval e marcada pola simpleza de liñas cistercienses, nada de
ornamentación que poidan distraer pero de gran beleza. Tamén é de destacar o
seu claustro, de estilo renacentista e digno de visitar.
Dende aquí animámosvos a que coñezades esta magnifica
ruta e xa nos diredes como vos foi!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario