luns, 16 de maio de 2016

PR-G 126 Ruta dos miradoiros Lobeira - Faro das Lúas.



Distancia
5 km
Dificultade
Baixa
Tempo
1:15
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.1.2.
Inicio da ruta
N42° 33.447' W008° 46.797'
Final da ruta
N42° 33.828' W008° 45.716'
Descarga Roteiro
FOTOS


O PR-G Ruta dos miradoiros Lobeira - Faro das Lúas e unha das rutas de sendeirismo máis antigas do Salnés, ou polo menos en canto ao que se refire a súa sinalización. Unha ruta sosa que percorre tramos ascendentes flanqueados por eucaliptais pero coa guinda de un par de miradoiros que son un pretexto máis que suficientes para facer a ruta, dous balcóns con vistas privilexiadas da ría de Arousa na súa totalidade.





A parroquia de András é unha pequena aldea do interior do concello de Vilanova de Arousa; buscaremos a súa igrexa onde podemos deixar o coche nas súas inmediacións e acendemos o gps para iniciar a ruta. Creo que este é un bo lugar para comezar a marcha, despois de darlle unha volta ó templo iniciamos a ruta subindo pola pequena pista na busca do cartel de inicio de ruta.





Si se sigue o track tal e como volo presento eu a carón de onde se marca o inicio da ruta adentramonos en unha pequena devesa de piñeiros, o certo é que eu seguín un track pouco detallado e era o sentido que me indicaba, a verdade é que non o recomendo para nada, si que nos separamos da estrada e de algún coche perdido, pero a traza de sendeiro é inexistente, un monte bastante sucio que non nos vai a reportar nada. Así que en lugar de adentrarnos no monte á altura do cemiterio, seguimos a estrada ata chegar coas primeiras casas.





Queda atrás este piñeiral e tocamos un grupiño de casas de András, agora a paisaxe cambia completamente, transitamos por pistas asfaltadas a carón das famosas viñas de albariño. O campo de visión é enorme chegando a ver claramente e non moi lonxe a ría de Arousa. Neste tempo, na primavera, as viñas están cubertas de follas novas formando un verdadeiro mar verde. Pouco a pouco seguimos andando ata chegar na zona alta ó fin da pista e das casas para continuar por unha vía de terra ascendente.





A primeira das paradas é o Faro das Lúas, para chegar a este primeiro miradoiro debemos de continuar por unha pista ancha de terra entre piñeiros, moitas xestas e algunha que outra mimosa. Este tramo ten algunha sinal de sendeirismo en branco e amarelo, pero practicamente en todo o tramos iremos a carón de uns tubos amarelos que deben de empregarse para as canalizacións de gas. Pouco a pouco iremos gañando altura ata atopar ao lonxe entre as árbores xa o miradoiro do Faro das Lúas. En pouco chegamos, pero aínda que a ruta é fácil e apta para calquera persoa, para poder desfrutala o mellor é tomar a subida con calma.




Pasados os dous quilómetros de andaina chegamos ó Faro das Lúas, unha enorme torre de base cadrada que funciona como miradoiro. Esta torre a base de cachotería está coroada por unha enorme escultura de aceiro inoxidable realizada polo artista arousán Manolo Chazo en 2002 e na que se representan tres lúas en cuarto minguante que reflexan os raios do sol de forma distinta dependendo da altura do mesmo. Probablemente o nome alí non nos di nada, pero dende que o coñecemos dende practicamente calquera lugar da ría de Arousa veremos un pequeno destello na zona que nos recorda a un faro.





Pero a razón en si do Faro das Lúas e o seu miradoiro, podemos subir á torre grazas a unhas escaleiras e dende alí e apoiándonos en unha balconada podemos ver dende o alto a práctica totalidade da ría de Arousa, os diferentes portos, as súas illas e os enormes viñedos, tan só por esta postal paga a pena subir; pero si lle damos as costas ó mar teremos ante nós o Lobeira, a seguinte parada do día e si cabe aínda máis espectacular.





Continuamos a marcha en dirección ó Lobeira, pistas anchas e de pouco interese paisaxístico, en sí dende un miradoiro ó outro poderíamos chegar rapidamente pero o trazado da ruta o que fai e rodear o pico para que a subida se faga si cabe máis levadeira. En un par de quilómetros por cómodos camiños chegamos á base do Lobeira, o lugar onde se poden estacionar os coches.




O Lobeira non é só coñecido por apaixoantes finais en alto da Volta Ciclista a España, ao Longo da historia foi un lugar importante pola presenza de un antigo castelo que xa dende a Idade Media controlaba o Salnés, de este recinto defensivo do que se di que incluso buscou pousada a raíña Urraca tan só quedan os restos das súas pedras. Agora no alto o que podemos ver é unha gran cruz que construíu o almirantazgo británico en 1896 como recordo ós seus náufragos, en especiais ós do Serpent que afundira pouco antes nas costas de Camariñas.





Pero o que realmente destaca do Lobeira é o seu miradoiro, dende o alto, a case 300 metros de altitude podemos abrazar a ría de Arousa; o Faro das Lúas semella pequeno e podemos pasarnos unha tarde contemplando cada un dos portos arousáns, as súas illas, as bateas e quilómetros de interior da provincia pontevedresa.




Como podedes ver este roteiro en si non ten demasiado interese paisaxístico, pero a espectacularidade dos seus miradoiros xustifican de maneira sobrada esta ruta para unha tarde.


Xa nos diredes como vos foi

Ningún comentario:

Publicar un comentario