martes, 12 de xullo de 2016

Ruta das Insuas do Miño



Distancia
5 km
Dificultade
Moi fácil
Tempo
1 hora
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.1.1.
Inicio da ruta
N43° 06.932' W007° 36.996'
Descarga Roteiro
FOTOS


Cando pensamos en facer unha ruta de sendeirismo a maioría pensamos na montaña, si pensamos en illas a cabeza váísenos para a costa, pois ben, na Terra Cha podemos facer unha pequena ruta de sendeirismo por illas fluviais no río Miño; sinxeliña, bonita e mostrándonos posibilidades que posiblemente nunca contemplaramos. Ademais polas súas características esta é unha de esas rutas que se adaptan perfectamente ós nenos máis pequenos e que lles pode servir como inicio en esta actividade.





Na mesma vila de Rábade imos a atopar na antiga casa consistorial a chamada Casa das Insuas, un local cultural e de interpretación das Terras do Miño, que nos poden servir como punto de arranque da nosa ruta. É certo que unha ruta curtiña e moi sinxela de recorrer, pero está ubicada na Reserva da Biosfera Terras de Miño, e a súa flora e fauna farán de esta pateada unha saída que recordaremos.





Pasos abaixo da Casa das Insuas atopamos a vella ponte de Rábade que da acceso ó concello de Outeiro de Rei; de orixe romano actualmente ten trazas medievais con sete arcos apuntados de granito igual que os tallamares e en cachotería o resto da construción. Antigamente era un lugar de cobro de pontádego, pero hoxe en día como é normal o paso e libre prestando tan só atención ao paso de algún coche.




Dámoslle as costas a ponte e continuamos ou empezamos a marcha por un estreito sendeiro que transita pegado ó río Miño; durante quilómetro e medio será o noso compañeiro quedando sempre pola nosa dereita. Rábade sempre foi lugar de paso, e ó longo da ruta imos pasar por debaixo de dúas pontes máis, primeiro a do ferrocarril e despois a da autovía.





Ó pasar por debaixo da ponte do ferrocarril o sendeiro afastase da zona máis humanizada, entramos en unha zona semellante a anterior pero con máis presenza de vexetación de ribeira, o camiño sigue sendo estreito e encantador, ós nosos lados salgueiros, ameneiros, freixos, bidueiros ou pradairos. A trama do camiño estaba tapizada por follas secas que co noso andar chiscaban facendo do tramo algo realmente relaxante.





A Reserva da Biosfera das Terras do Miño sitúanse no curso alto do río. Por norma xeral o primeiro treito de un río é unha zona con bastante corrente e erosión acusada. Neste caso o Miño parece estar discorrendo de forma anómala. A comarca da Terra Cha como o seu nome indica é unha chaira con pouco desnivel e onde abundan as lagoas. A ausencia de pendente orixina que o río discorra a pouca velocidade e en un cauce con pouca profundidade. Estas características orixinan que o río non sexa capaz de arrastrar os sedimentos augas abaixo e quedan depositados nas ribeiras formando aluvións. Ano tras ano a area depositada vai crecendo chegando a formar verdadeiras barreiras para o río, o cal debe buscar camiño formando diferentes brazos; o terreo que emerxe entre as diferentes canles son as illas aluviais como son neste caso as insuas do Miño.






Xa levamos quilómetro e medio de camiñata  e chegamos a unha ponte que nos dirixe cara as insuas; a ruta non está demasiado sinalizada pero aquí si que vemos claramente unha frecha. As insuas do Miño están formadas por un arquipélago de tres unidades, a primeira é a illa de Abaixo, que non pisaremos pero que podemos ver xa dende a ponte da autovía; a segunda é a illa de Trabanca, e a que nos camiñaremos é a maior das illas a chamada de San Roque; enorme e que recorreremos parcialmente. Rábade é un concello minúsculo, practicamente a localidade e en este punto imos a deixalo xa ata o final da ruta para entrar no veciño Castro de Rei.




A insua de San Roque permítenos recorrer unha fermosura de bosque que combina trazos de vexetación de ribeira como é lóxico e por outra parte trazos da Terra Cha. Ó entrar atopamos enormes prados, aínda que sexa unha illa´está moi humanizada e estamos nunha bisbarra moi gandeira, seguimos o camiño e adentrase o cómodo camiño por un pequeno bosque de bidueiros, pradairos, carballos e destacan os acivros, especie de montaña que parece que tamén prenderon de forma moi bonita por estas zonas. Ás beiras dos camiños encontramos os típicos chantos chairegos; valos ou cerramentos de laxas de pedra que delimitan os campos.




Outra ponte devólvenos ó continente, deixamos atrás a insua de San Roque atravesando o chamado río Negro; este non é máis que un dos brazos do río Miño que envolve a insua de San Roque pola ribeira leste. Agora nós teremos que volver ata a ponte de Rábade, o sentido será o contrario deixando o río outra vez pola man dereita. Os camiños son semellantes ós de ida só que nesta parte de Outeiro de Rei quizais vexamos máis prado e explotacións agrícolas.





Teremos que recorrer este camiño ata que morra na estrada que une Rábade con Castro Ribeiras de Lea. Si prestamos atención tamén e frecuente ver fauna de ribeira, diferentes paxariños, parrulos nadando no río, algunha cobriña ou sapos e píntegas. Destaca como é lóxico o aproveitamento que a xente facía antigamente dos recursos que lles prestaba o río e unha fonte moi cobizada era a pesca. As troitas que  moi abondosas pero si prestamos atención ó río podemos ver uns pequenos muros que case non emerxen das augas; son os caneiros, construcións que rematan nun pequeno paso onde se lle colocaba unha pequena rede armada nun forcado para recoller as anguías que caían nel.





Desde que cheguemos á estrada tan só nos resta recorrer os poucos metros que separan este lugar de Rábade. Dende o mesmo cruce xa vemos o enorme muíño de Serafín, deixámolo atrás e non lle facemos demasiado caso ó track, xa que eu a poucos metros do muíño tentei buscar o río, por un antigo camiño que xa recorrera anos atrás, pero o que me atopei foron ortigas e silvas coas súas consecuencias durante horas; non paga a pena desviarse e continuaremos uns 500 metros pola pouco transitada estrada rural pasando pola fonte da Pinguela e o pazo de Mirapeixe, para volver a cruzar o Miño pola ponte vella e chegar ó final na Casa da Insua.




Animádevos a facer esta pequena ruta, é verdadeiramente fermosa, descubriredes a Reserva da Biosfera das Terras do Miño, e será ideal para iniciar no sendeirismo ós máis cativos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario