domingo, 1 de xaneiro de 2017

Ancares; Ruta dos Tres Bispos



Distancia
14 km
Dificultade
Baixa
Tempo
4 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.2.
Inicio da ruta
N42° 49.140' W006° 55.262'
Descarga Roteiro
FOTOS


A finais do ano 2014 en un sorte que organizaba o blog Equipaxe de Man fomos agraciados con unha noite no Hotel da natureza Pontes de Gatín; a verdade é que todo saíu xenial e dende aquí o único que podemos facer e volver a agradecerllo e a recomendarvos tanto o blog de viaxes Equipaxe de Man como que vos animedes a pasar unha noite nas Pontes de Gatín. Dada a ubicación do hotel decidimos achegarnos a Degrada para recorrer a ruta dos Tres Bispos, posiblemente a ruta de montaña máis coñecida dos Ancares, moi sinxeliña e que nos permite adentrarnos na serra contemplando os seus cumes máis altos, bosques de acivros e carballos, e fermosas campas e goladas.





Moitas veces un tenlle cariño a unha ruta e non sabe o por que, neste caso si que o teño clarísimo, esta é a miña ruta favorita e foi a terceira vez que a fago. Como para moitos a ruta dos Tres Bispos foi o meu bautismo montañeiro fai preto de vinte anos, e dende aquela a miña paixón polos montes non fixo máis que crecer. Pasados uns quince anos volvín e engancheime de cheo no sendeirismo, e neste 2015 puiden gravar o track e compartilo con vos. Animádevos que seguro a vos tamén vos fará perder a cabeza.





Iniciamos a nosa ruta no albergue de Ancares a uns 1350 metros de altitude, deixamos o coche aparcado e vemos que a carón do aparcamento morre a estrada e arranca unha pista ascendente con restos de asfalto. Neste punto será onde teremos que comezar a ruta, aproximadamente durante un quilómetro camiñamos por unha pista ancha e cómoda con restos de asfalto. Ao rematar este tipo de piso chegamos a un cruce no que o camiño se bifurca, teremos que tomar o ramal da esquerda que sigue en ascenso xa que o da esquerda levaranos ao bosque de Cabana Vella polo que volveremos ó final da xornada. Practicamente é o único cruce da ruta e ademais está sinalizado con un monólito.





Este primeiro tramo da ruta que nos levará ata a Campa de Tres Bispos será en continuo ascenso pero de forma bastante moderada, debemos alcanzar os 1600 metros de altitude pero ao longo de seis quilómetros, unha pista ancha pola que podería pasar un coche sen problema e con pouco desnivel. A vexetación é arbustiva, con moito piorno e escoba, pero tamén aparecen bastantes carballos. 




No quilómetro cuarto chegamos á campa de Ortigoso, levamos xa un bo anaco camiñando por un cómodo camiño e disfrutando das vistas tanto do cordal formado polos cumes máis altos dos Ancares como do val que forma o río Vara, pero ó chegar a esta campa de Ortigoso vemos que por un momento o aspecto da ruta varía un pouco, o camiño segue sendo o mesmo pero en unha extensión non moi grande atopamos elementos característicos dos bosques ancareses como son os carballos, os freixos e sobre todo os acivros coas súas follas puntiagudas e os seus froitos vermellos que empregan ou empregaban as aves da zona para alimentarse no inverno. Este era o alimento dos urogalos, ou será si queda aínda algún.





A campa dos Tres Bispos da inicio a un novo tramo da ruta, o camiño morre neste gran circo e presentásenos dúas opcións, seguir polo camiño que se ve na fotografía cresteando ata o pico dos Tres Bispos, ou polo contrario baixar cara a Golada de Vara. Esta segunda opción foi a que fixemos nós por falta de tempo e en arte tamén por pereza. Dende esta campa podemos ver as altas cumes dos Ancares, Tres Bispos, Corno Maldito, Mustallar ou Penalonga entre outros. Esta campa é un fantástico lugar para descansar un anaco e contemplar as montañas, o nome dos Tres Bispos deriva de unha lenda medieval que dicía que nesta zona xuntáronse en reunión os bispos das dioceses limítrofes de León. Astorga e Lugo.






Desde a campa de Tres Bispos arranca un pequeno sendeiro que nos conducirá ata a golada de Vara, a ruta cambia por completo, adentrámonos nun bosque de carballos, abeleiras, piñeiros e acivros; un estreito sendeiro de quilómetro e medio no que será difícil perdernos, un camiño moi pisado sempre descendente entre unha espectacular fraga.





A golada de Vara ábrese ante nós ó final do sendeiro, un enorme prado que invita a que nos tiremos na herba un anaco a descansar e observar tranquilamente tanto as montañas como a fauna, non é complicado atoparnos con algún pozo. Esta zona está atravesada por un cómodo camiño que ven da zona do refuxio da campa de Brego e que segue cara o bosque de Cabana Vella. A trama do camiño volve a ser semellante a do primeiro tramo, ancho e bastante cómodo de andar, iso si a partir de este lugar arranca o terceiro treito diferenciado da ruta.




Dende a golada de Vara continuamos a ruta e adentrámonos de novo no bosque; a poucos metros estará a fonte do río Vara quen nos vai a acompañar uns dous quilómetros. O camiño ata que deixemos o río vai a ser sempre descendente, ancho pero con bastante pedra solta polo camiño que nos poden relentizar a marcha. Pasiño a pasiño imos entrando no bosque de Cabana Vella. Unha marabilla de bosque no que habitan lobos, xabarís, corzos ou si aínda existen algunha pita do monte; en canto a flora sobresae o carballo, pero son moi habituais os acivros e incluso algún teixo. Pouco a pouco imos descendendo entre o criscar das follas ata chegar ós 1150 metros de altitude no que abandonamos o río Vara co seu monte para empezar a ascender cara Cabana Vella.





Ata o enlace co treito de ida quedan uns catro quilómetros de ascenso e un desnivel positivo de uns 350 metros, a verdade é que non ten demasiada complicación a non ser que sexa un día no que aprete o calor; entre carballos e acivros chegamos rapidamente a unhas antigas construcións xa abandoadas e que dan nome ó bosque. Son as Cabanas Vellas, unha antiga factoría forestal ou serradoiro instalada na zona arredor dos anos 40 do século 20. No seu momento foi unha gran factoría para a zona traballando moitos veciños tanto nas serras como no transporta da madeira en carros, cando funcionaba incluso contaba cun teleférico para o transporte. Seguimos subindo e os carballos dan paso a unha maior presenza de acivros, para acabar desaparecer o monte alto pola altitude e dar paso de novo a piornos e escobas.





No momento que deixamos o bosque parece que a ruta xa está rematada, e practicamente é así restaran un par de quilómetros polos que pasaremos por un amplo portal, enlazaremos co cruce do primeiro tramo e baixaremos de novo cara o albergue. Este é o tramo das vistas, certo é que deixamos atrás o cordal e o Penarrubia pero dende o alto podemos ver os cumios de boa parte da serra, outra vista da ruta e non menos agradable.





Como podedes ver esta é unha ruta moi completa, posiblemente a ruta máis clásica dos Ancares galegos, animádevos a recorrela que seguro que non vos vai a defraudar!!!