Distancia
|
4,2 km
|
Dificultade
|
Media
|
Tempo
|
1:30 horas
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal
|
M.I.D.E.
|
1.2.2.2.
|
Inicio da ruta
|
N41° 57.922' W008° 08.585'
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
Buscando
rutas por internet atopei este trazado chamado como A Ruta do Pan; as miñas
expectativas sobre este pequeno recorrido sempre foron moi altas e aínda que
pequeno recorre unha zona de media montaña na serra do Xures. A ruta está moi
ben conservada e transcorre por camiños enlousados entre balados cubertos por
verdes capas de brión. A ruta rematará en un espectacular mirador na chamada
Casa do Frade, sobre o río Castro Laboreiro, punto que separa Galicia de
Portugal.
A
Ruta do Pan recorre o Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, situado no sur da provincia
de Ourense e que limita co veciño Parque Nacional Peneda - Gerês xa en Portugal
e formando entre os dous o único parque transfronteirizo de Europa. É unha zona
de media montaña con presencia de grandes masas arbóreas e especies animais
únicas como o lobo, a londra ou a vaca cachena.
O
inicio da ruta está na entrimesa de Guxinde, ó final da aldea atopamos un
cartel que sinala o arranque da pateada. Os primeiros metros serán entre as casa
de Guxinde ata enlazar na parte baixa con un camiño de terra e moitas lousas de
pedra. O día que elixín para facer a ruta orballaba un pouco e o camiño estaba
completamente cheo de auga. Este tramo ten bastante desnivel e entre as follas perdidas dos carballos e a
gran cantidade de auga, as veces a modo de pequenos regos, facían o andar
complicado e moi esvaradío, polo que recomendo facer sempre esta ruta en tempo
seco.
En
500 metros rematamos o descenso e chegamos ó punto máis baixo da ruta, unha ponte
de pedra cuberta de herba cruzamos o río Agro. Os seguintes 500 metros serán
bastante chans, cruzaremos outra ponte tamén pechada por outra cancela e
seguiremos por camiños a carón do río e bastante sombríos. Antes de comezar a
subir localizamos a primeira derivación da xornada. A ruta está perfectamente
sinalizada agás neste caso. A derivación remata nun muíño restaurado pero a
poucos metros da ruta principal hai un cruce no que o poste de sinalización
estaba no chan. Non tiña demasiado claro cal dos dous ramais coller e preferín
dar volta a vía principal.
A
partir de este lugar empezamos a ascender, en un quilómetro iremos gañando
altura; o camiño tornase cada vez máis bonito, presenta os enlousados
característicos do Xurés. Colocaban grandes laxes de pedra para aguantar do
firme e non desfacer os camiños, como estamos vendo os desniveis rondan o 10% e
a auga por momentos e nas zonas máis chans supera os dez centímetros; a pedra
foi a solución para conseguir un camiño estable pero escorredizo. A carón
fermosos muretes de pedra cubertos por brións e un fermoso bosque no que
destacan os cerquiños e as súas follas espalladas polo chan.
A
metade de ruta chegamos á aldea da Pereira, pouco antes de chegar xa imos vendo
que a contorna cada vez está máis humanizada, aparecen os prados e as terras de
labor. O gando é moi abundante nesta zona e a presenza de vacas e de ovellas
coas súas chocas non deben sorprendernos. A aldea tocámola en un primeiro
momento de resfilón, case esquivándoa, e continuando a ruta camiño da
fronteira.
A
Pereira queda atrás pero como dixen antes sería só a primeira pasada e eso
débese a que ó pouco tempo de abandonar a aldea polo camiño principal chegamos
a un cruce moi ben sinalizado e que abre camiño para unha nova derivación de
por medio de un pequeno rodeo de un quilómetro aproximadamente volveranos a
levar á Pereira. Como se pode ver no track da ruta eu non fixen a derivación en
un primeiro momento, a ruta é lineal e a volta faise de novo polo mesmo camiño,
así que este tramo deixeino para a volta.
Seguimos
subindo e entramos en unha das zonas máis bonitas de todo o trazado, estamos
camiñando pola zona do Mioto; o camiño aínda que con bastante auga e en
continuo ascenso presenta o tramo mellor pavimentado, lousas ben cortadas e moi
arregladiñas que fan moi agradable o camiñar. Aos lados balados de pedra
húmidos e cubertos por brións e sobre eles multitude de carballos e de
cerqueiros que ó perder as súas follas forman unha espectacular alfombra ocre.
A
Gurita é a zona máis alta da ruta, xa queda menos de un quilómetro para rematar
o recorrido e a contorna cambia totalmente. Non estamos a demasiada altura pero
a masa arbórea desaparece e atopamos zonas de pastos e moito arbusto como
xestas. Ata o final da ruta o único que nos queda é unha baixada ata a Casa do
Frade. O día que elixín para coñecer a ruta probablemente non foi o mellor;
abaixo chovía algo e arriba estaba todo cuberto por unha espesa nube. Este ten
que ser un tramo de espectaculares vistas da serra e da zona portuguesa, cos
característicos bolos graníticos do Xurés, pero eu isto só o supoño, por culpa
da néboa non era capaz de ver máis alá de cen metros.
Chegamos
ó final da ruta na chamada Casa do Frade, o punto final é un balcón natural que
permite contemplar o fermoso río Castro Laboreiro. Dende o alto hai un remanso
de paz, probablemente estamos observados por algún lobo ou corzo, pero a
presenza humana é mínima. O río fai fronteira entre Galicia e Portugal, a coñecida
raia administrativa que separa ós dous países. Uns metros máis abaixo hai uns muíños
fariñeiros que lle dan o nome ó roteiro, pero un cartel desaconsella a baixada
polo perigoso do trazado do camiño.
A
ruta como tal xa está rematada e só nos queda desandar o andado cara Guxinde
con coidado de non escorrer nas lousas do camiño. Si recordamos ó pouco de
pasar a aldea da Pereira atopamos unha pequena derivación, pois a volta é o
momento para coñecela, un camiño que rodea a aldea e remata recorrendo as súas
rúas. Nada de outro mundo pero que nos cambiará o camiño. É certo que non está
no track, pero non ten perda, iso si hai que prestar atención as marcas e
seguir só as que indican derivación, xa sabedes as que están cruzadas por unha
liña oblicua, pois na Pereira atopamos marcas de outra ruta que nos poden
enganar e facer saírnos da ruta principal como foi o noso caso.
Xa nos diredes como
vos foi nesta fermosa ruta!!!