domingo, 26 de febreiro de 2017

PR-G 126 Ruta do Pan




Distancia
4,2 km
Dificultade
Media
Tempo
 1:30 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.2.
Inicio da ruta
N41° 57.922' W008° 08.585'
Descarga Roteiro
FOTOS


Buscando rutas por internet atopei este trazado chamado como A Ruta do Pan; as miñas expectativas sobre este pequeno recorrido sempre foron moi altas e aínda que pequeno recorre unha zona de media montaña na serra do Xures. A ruta está moi ben conservada e transcorre por camiños enlousados entre balados cubertos por verdes capas de brión. A ruta rematará en un espectacular mirador na chamada Casa do Frade, sobre o río Castro Laboreiro, punto que separa Galicia de Portugal.





A Ruta do Pan recorre o Parque Natural da Baixa Limia -  Serra do Xurés, situado no sur da provincia de Ourense e que limita co veciño Parque Nacional Peneda - Gerês xa en Portugal e formando entre os dous o único parque transfronteirizo de Europa. É unha zona de media montaña con presencia de grandes masas arbóreas e especies animais únicas como o lobo, a londra ou a vaca cachena.





O inicio da ruta está na entrimesa de Guxinde, ó final da aldea atopamos un cartel que sinala o arranque da pateada. Os primeiros metros serán entre as casa de Guxinde ata enlazar na parte baixa con un camiño de terra e moitas lousas de pedra. O día que elixín para facer a ruta orballaba un pouco e o camiño estaba completamente cheo de auga. Este tramo ten bastante desnivel e  entre as follas perdidas dos carballos e a gran cantidade de auga, as veces a modo de pequenos regos, facían o andar complicado e moi esvaradío, polo que recomendo facer sempre esta ruta en tempo seco.




En 500 metros rematamos o descenso e chegamos ó punto máis baixo da ruta, unha ponte de pedra cuberta de herba cruzamos o río Agro. Os seguintes 500 metros serán bastante chans, cruzaremos outra ponte tamén pechada por outra cancela e seguiremos por camiños a carón do río e bastante sombríos. Antes de comezar a subir localizamos a primeira derivación da xornada. A ruta está perfectamente sinalizada agás neste caso. A derivación remata nun muíño restaurado pero a poucos metros da ruta principal hai un cruce no que o poste de sinalización estaba no chan. Non tiña demasiado claro cal dos dous ramais coller e preferín dar volta a vía principal.





A partir de este lugar empezamos a ascender, en un quilómetro iremos gañando altura; o camiño tornase cada vez máis bonito, presenta os enlousados característicos do Xurés. Colocaban grandes laxes de pedra para aguantar do firme e non desfacer os camiños, como estamos vendo os desniveis rondan o 10% e a auga por momentos e nas zonas máis chans supera os dez centímetros; a pedra foi a solución para conseguir un camiño estable pero escorredizo. A carón fermosos muretes de pedra cubertos por brións e un fermoso bosque no que destacan os cerquiños e as súas follas espalladas polo chan.





A metade de ruta chegamos á aldea da Pereira, pouco antes de chegar xa imos vendo que a contorna cada vez está máis humanizada, aparecen os prados e as terras de labor. O gando é moi abundante nesta zona e a presenza de vacas e de ovellas coas súas chocas non deben sorprendernos. A aldea tocámola en un primeiro momento de resfilón, case esquivándoa, e continuando a ruta camiño da fronteira.




A Pereira queda atrás pero como dixen antes sería só a primeira pasada e eso débese a que ó pouco tempo de abandonar a aldea polo camiño principal chegamos a un cruce moi ben sinalizado e que abre camiño para unha nova derivación de por medio de un pequeno rodeo de un quilómetro aproximadamente volveranos a levar á Pereira. Como se pode ver no track da ruta eu non fixen a derivación en un primeiro momento, a ruta é lineal e a volta faise de novo polo mesmo camiño, así que este tramo deixeino para a volta.




Seguimos subindo e entramos en unha das zonas máis bonitas de todo o trazado, estamos camiñando pola zona do Mioto; o camiño aínda que con bastante auga e en continuo ascenso presenta o tramo mellor pavimentado, lousas ben cortadas e moi arregladiñas que fan moi agradable o camiñar. Aos lados balados de pedra húmidos e cubertos por brións e sobre eles multitude de carballos e de cerqueiros que ó perder as súas follas forman unha espectacular alfombra ocre.




A Gurita é a zona máis alta da ruta, xa queda menos de un quilómetro para rematar o recorrido e a contorna cambia totalmente. Non estamos a demasiada altura pero a masa arbórea desaparece e atopamos zonas de pastos e moito arbusto como xestas. Ata o final da ruta o único que nos queda é unha baixada ata a Casa do Frade. O día que elixín para coñecer a ruta probablemente non foi o mellor; abaixo chovía algo e arriba estaba todo cuberto por unha espesa nube. Este ten que ser un tramo de espectaculares vistas da serra e da zona portuguesa, cos característicos bolos graníticos do Xurés, pero eu isto só o supoño, por culpa da néboa non era capaz de ver máis alá de cen metros.




Chegamos ó final da ruta na chamada Casa do Frade, o punto final é un balcón natural que permite contemplar o fermoso río Castro Laboreiro. Dende o alto hai un remanso de paz, probablemente estamos observados por algún lobo ou corzo, pero a presenza humana é mínima. O río fai fronteira entre Galicia e Portugal, a coñecida raia administrativa que separa ós dous países. Uns metros máis abaixo hai uns muíños fariñeiros que lle dan o nome ó roteiro, pero un cartel desaconsella a baixada polo perigoso do trazado do camiño.




A ruta como tal xa está rematada e só nos queda desandar o andado cara Guxinde con coidado de non escorrer nas lousas do camiño. Si recordamos ó pouco de pasar a aldea da Pereira atopamos unha pequena derivación, pois a volta é o momento para coñecela, un camiño que rodea a aldea e remata recorrendo as súas rúas. Nada de outro mundo pero que nos cambiará o camiño. É certo que non está no track, pero non ten perda, iso si hai que prestar atención as marcas e seguir só as que indican derivación, xa sabedes as que están cruzadas por unha liña oblicua, pois na Pereira atopamos marcas de outra ruta que nos poden enganar e facer saírnos da ruta principal como foi o noso caso. 




Xa nos diredes como vos foi nesta fermosa ruta!!!




2 comentarios:

  1. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  2. Que pintada ten esta ruta! Queda seleccionada para facer algún día.Gracias Caracochas por compartirla.

    ResponderEliminar