Distancia
|
3,5 km
|
Dificultade
|
Fácil
|
Tempo
|
1 hora
|
Tipo de Roteiro
|
Lineal (pódese facer circular de xeito doado)
|
M.I.D.E.
|
1.2.2.1
|
Inicio da ruta
|
N42° 27.641' W008° 55.937'
|
Final da ruta
|
N42° 28.185' W008° 55.784'
|
Descarga Roteiro
|
|
FOTOS
|
A Ruta do Con Negro é unha de estas rutas que nos permiten coñecer un
entorno natural único, con pouca contaminación humana e que nos fará pasar unha
xornada agradable. Pode ser un roteiro curto e polo tanto unha boa opción e
combinalo coa ruta do Adro Vello, tamén na zona de San Vicente do Mar. Rutiña
curta, moi mariñeira e que camiñando uns centos de metros máis podemos facela
circular sen problema ningún.
Para chegar ó inicio da ruta deberemos chegar ata a zona do Conchido en San
Vicente do Mar, a mellor forma é seguir as indicacións do GPS, pero tamén
podemos seguir as sinais que nos conducen ata o Hotel San Vicente; ó seu carón
inicia a ruta. Para abaixo do hotel xa podemos ver un pequeno carreiro que tira
casta abaixo e un cartel de inicio da ruta, arrancamos pegados ó muro do hotel
e ó pouco tempo xa podemos ver a costa.
Estes primeiros 500 metros de ruta a través da zona do Conchido ímola
facendo por anchos camiños rodeados de vexetación arbustiva; a medida que nos
imos achegando ó mar o camiño vai gañando cada vez máis luz ata que chegamos a
costa, na que a ruta volvese un verdadeiro escaparate. Podemos ver que á
esquerda do camiño existe un valo que nos impide o paso, alí está emprazada
unha batería militar con acceso restrinxido.
Como viñamos falando ó pasar 600 metros de marcha chegamos ó mar, agora o
camiño tornase nun fermoso sendeiro costeiro e estreito. Estamos nunha zona de
pouco cantil, e o pequeno sendeiro que tomará dirección norte estará formado a
base de pequenas pedras ou laxes rodeadas de unha vexetación de costa bastante
baixa. Esta senda mariñeira é moi cómoda de andar e permítenos disfrutar da
parte exterior da ría de Arousa, pleno Atlántico presidido en todo momento pola
illa de Sálvora.
Este debe de ser un dos poucos tramos das Rías Baixas sen estragar pola man do home, multitude de pequenas calas,
rochedos e pequenos baixos ou afloramentos de rocha entre as augas,
posiblemente en tempo de verán sexa unha zona bastante concorrida de bañistas,
pero na primavera que foi cando eu me acheguei ata esta zona estaba bastante
liberada de xente. Unha de esas rochas que sobresaen das augas e o Con Negro, a
carón de unha pequena praia co mesmo nome e tamén chamada o Con do Corvo, o Con
Negro é unha espectacular rocha en unha paraxe ben fermosa. O entorno no que se
rodea está cheo de pequenas praias con bastante pedra, dunas e moita vexetación
costeira.
Pasamos o Con Negro e agora seguimos camiñando por un espléndido escaparate mariñeiro, o camiño será cómodo de andar, camiño carreteiro con bastante area que nos frea algo a marcha; estes camiños tan típicos da costa galega eran os que empregaban ata non fai moito tempo os veciños da zona para achegarse á costa cos seus carros de vacas coa intención de cargalos de algas coas que abonar os seus campos. A economía mariñeira das vilas pequenas estaba moi complementada coas labores agrícolas e calquera nutrinte era prezado para enriquecer as terras, si prestamos atención podemos ver os restos das rodeiras dos carros marcados nas rochas do camiño.
Dende o Con Negro aínda temos un quilómetro de continuas praias de area
branca, bravas si cabe e das poucas que están a mar aberto na provincia de
Pontevedra, pasaremos polas praias de Aguieira, Borreiro e Castiñeira, unhas
pegadas a outras, salpicadas de cons e pouco humanizadas. Deberemos ter coidado
de non saírnos da ruta para non estragar a flora da contorna.
A última praia pola que pasamos é a chamada de Castiñeira, e pola
indumentaria dos poucos usuarios que había supoño que será nudista, intentei
non molestar demasiado e continuei a ruta ata o final. Agora xa se deixa o mar
de forma definitiva, continuase por un camiño ancho pero con algún desnivel
ascendente ata o final da ruta. En 500 metros xa chegamos ás primeiras casas, e
aquí tiven un pequeno error co gps e como non atopei marcas busquei o final da
ruta pola miña conta dando un pequeno rodeo. Considero que sen importancia ó
camiñar por zona asfaltada e entre un grupo de casas.
O trazado orixinal da ruta é lineal, e así a quixen conservar, pero
continuando de fronte pola pista asfaltada e seguindo o mapa do gps chegaremos
en dez minutos ó principio da ruta facendo un trazado circular. Tamén indicar
que é unha rutiña moi pequena ideal para facer con nenos, pero si nos sabe a
pouco a poucos metros arranca o PR- G 115 Adro Vello - Lembranzas da Historia,
de características semellantes e que podemos enlazar facilmente ou achegarnos
en coche.
Xa nos diredes como vos foi...