martes, 25 de xullo de 2017

PR-G 116 Ruta do Con Negro - Arte ao Natural



Distancia
3,5 km
Dificultade
Fácil
Tempo
1 hora
Tipo de Roteiro
Lineal (pódese facer circular de xeito doado)
M.I.D.E.
1.2.2.1
Inicio da ruta
N42° 27.641' W008° 55.937'
Final da ruta
N42° 28.185' W008° 55.784'
Descarga Roteiro
FOTOS


A Ruta do Con Negro é unha de estas rutas que nos permiten coñecer un entorno natural único, con pouca contaminación humana e que nos fará pasar unha xornada agradable. Pode ser un roteiro curto e polo tanto unha boa opción e combinalo coa ruta do Adro Vello, tamén na zona de San Vicente do Mar. Rutiña curta, moi mariñeira e que camiñando uns centos de metros máis podemos facela circular sen problema ningún.





Para chegar ó inicio da ruta deberemos chegar ata a zona do Conchido en San Vicente do Mar, a mellor forma é seguir as indicacións do GPS, pero tamén podemos seguir as sinais que nos conducen ata o Hotel San Vicente; ó seu carón inicia a ruta. Para abaixo do hotel xa podemos ver un pequeno carreiro que tira casta abaixo e un cartel de inicio da ruta, arrancamos pegados ó muro do hotel e ó pouco tempo xa podemos ver a costa.





Estes primeiros 500 metros de ruta a través da zona do Conchido ímola facendo por anchos camiños rodeados de vexetación arbustiva; a medida que nos imos achegando ó mar o camiño vai gañando cada vez máis luz ata que chegamos a costa, na que a ruta volvese un verdadeiro escaparate. Podemos ver que á esquerda do camiño existe un valo que nos impide o paso, alí está emprazada unha batería militar con acceso restrinxido.





Como viñamos falando ó pasar 600 metros de marcha chegamos ó mar, agora o camiño tornase nun fermoso sendeiro costeiro e estreito. Estamos nunha zona de pouco cantil, e o pequeno sendeiro que tomará dirección norte estará formado a base de pequenas pedras ou laxes rodeadas de unha vexetación de costa bastante baixa. Esta senda mariñeira é moi cómoda de andar e permítenos disfrutar da parte exterior da ría de Arousa, pleno Atlántico presidido en todo momento pola illa de Sálvora.





Este debe de ser un dos poucos tramos das Rías Baixas sen estragar  pola man do home, multitude de pequenas calas, rochedos e pequenos baixos ou afloramentos de rocha entre as augas, posiblemente en tempo de verán sexa unha zona bastante concorrida de bañistas, pero na primavera que foi cando eu me acheguei ata esta zona estaba bastante liberada de xente. Unha de esas rochas que sobresaen das augas e o Con Negro, a carón de unha pequena praia co mesmo nome e tamén chamada o Con do Corvo, o Con Negro é unha espectacular rocha en unha paraxe ben fermosa. O entorno no que se rodea está cheo de pequenas praias con bastante pedra, dunas e moita vexetación costeira.




Pasamos o Con Negro e agora seguimos camiñando por un espléndido escaparate mariñeiro, o camiño será cómodo de andar, camiño carreteiro con bastante area que nos frea algo a marcha; estes camiños tan típicos da costa galega eran os que empregaban ata non fai moito tempo os veciños da zona para achegarse á costa cos seus carros de vacas coa intención de cargalos de algas coas que abonar os seus campos. A economía mariñeira das vilas pequenas estaba moi complementada coas labores agrícolas e calquera nutrinte era prezado para enriquecer as terras, si prestamos atención podemos ver os restos das rodeiras dos carros marcados nas rochas do camiño.





Dende o Con Negro aínda temos un quilómetro de continuas praias de area branca, bravas si cabe e das poucas que están a mar aberto na provincia de Pontevedra, pasaremos polas praias de Aguieira, Borreiro e Castiñeira, unhas pegadas a outras, salpicadas de cons e pouco humanizadas. Deberemos ter coidado de non saírnos da ruta para non estragar a flora da contorna.





A última praia pola que pasamos é a chamada de Castiñeira, e pola indumentaria dos poucos usuarios que había supoño que será nudista, intentei non molestar demasiado e continuei a ruta ata o final. Agora xa se deixa o mar de forma definitiva, continuase por un camiño ancho pero con algún desnivel ascendente ata o final da ruta. En 500 metros xa chegamos ás primeiras casas, e aquí tiven un pequeno error co gps e como non atopei marcas busquei o final da ruta pola miña conta dando un pequeno rodeo. Considero que sen importancia ó camiñar por zona asfaltada e entre un grupo de casas.





O trazado orixinal da ruta é lineal, e así a quixen conservar, pero continuando de fronte pola pista asfaltada e seguindo o mapa do gps chegaremos en dez minutos ó principio da ruta facendo un trazado circular. Tamén indicar que é unha rutiña moi pequena ideal para facer con nenos, pero si nos sabe a pouco a poucos metros arranca o PR- G 115 Adro Vello - Lembranzas da Historia, de características semellantes e que podemos enlazar facilmente ou achegarnos en coche.

Xa nos diredes como vos foi...



Ningún comentario:

Publicar un comentario