sábado, 9 de decembro de 2017

PR-G 27 RUTA DE QUEGUAS



Distancia
7 Km
Dificultade
Moderada
Tempo
 2:30 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
2.2.2.2.
Inicio da ruta
N41° 58.120' W008° 06.467'
Descarga Roteiro
FOTOS


Pola miña parte esta ruta foi unha mestura de temeridade e de andar por andar. En xaneiro de 2016 estaba por terras da Limia con toda a mañá libre e achegueime ata o Xurés para facer un par de rutiñas curtas; a primeira foi o PR-G 128 Ruta do Pan, e como son rutas curtas que se poden facer facilmente nunha xornada achegueime ata Queguas para facer esta outra ruta. Temeridade sí e ganas de andar por andar tamén, pois as condicións meteorolóxicas eran nefastas, orballo e moita néboa que ademais de impedirme coñecer unha ruta que pintaba fantástica, podería significar que me perdese no monte e xa sabemos o que isto pode significar a esta altitude. Prometo que volverei para facer a ruta en condicións e espero que vos teñades máis sentidiño ca min e non saiades a camiñar en malas condicións.







Queguas é unha de esas pequenas aldeas da montaña ourensá, situada a poucos quilómetros da fronteira portuguesa, esta pequena aldea no corazón do Xurés da inicio a unha pequena pero fermosa ruta de montaña. De carácter circular, este recorrido achegaranos a zona alta da serra, deleitándonos coas vistas do parque natural e con non demasiada sorte poderemos ver algo de fauna salvaxe ou grupos de vacas ou cabalos. Pequena ruta sen apenas quilómetros chans pero que con calma non presenta maior dificultade.






A arquitectura de Queguas non espertou en min demasiado interese, é unha pequena aldea de montaña agrupada con mestura de arquitectura popular coas comúns alteracións tamén populares a base de ladrillo e moito cemento. As súas rúas serán un avance do que será esta ruta, pendentes continuas que non darán descanso; non debemos esquecer que estamos ante un roteiro de montaña, pero ao mesmo tempo sen demasiada esixencia. Na zona alta de Queguas abandoamos definitivamente as pistas asfaltadas para adentrarnos no monte por uns sendeiros empedrados.






Estamos en pleno mes de xaneiro, nun inverno bastante chuvioso; os camiños que collemos despois de deixar Queguas semellan pequenos ríos, moita auga e moita lama que nos acompañará boa parte da xornada. Os camiños son os carreiros comúns de esta zona de Galicia, de uns dous metros de ancho pero en bastantes zonas cubertos de lousas de pedra. Esta característica fai que con auga sexan bastante esvaradíos, sendo de bastante axuda o uso de un bastón. Desde que deixamos Queguas non paramos de subir, e cando levemos un quilómetro de marcha chegaremos ás chamadas cuadras dos Carríns, restos de unhas casetas que empregaban poucos anos atrás para gardar o gando.






Dende as cortes dos Carríns iniciamos un novo treito de aproximadamente un quilómetro ata as cortes da carballeira, nada máis pasados os carríns vemos que o camiño perde inclinación, a zona é mais ou menos chan con bastante auga, o piso cheo de area e a contorna queimada polo lume; pasados eses primeiros cincocentos metros cambiamos o camiño por unha corredoira ascendente e cuberta de lousas; moi esvaradía pero fermosa de esas enmarcadas por uns balados cubertos por brións e líquenes e baixo unha espesa fraga de carballos e castiñeiros. Debemos ter moito coidado de non esvarar nas lousas molladas, pero a mestura de néboa, musgo e fraga espesa fixo do anaco un momento ben bonito.






As cortes da Carballeira son outro punto de inflexión da ruta, levamos camiñado uns dous quilómetros e estamos a uns 1000 metros de altitude. O Xurés é unha comarca de montaña que vive sobretodo da emigración e do seu gando. Características de esta montaña son as coñecidas vacas de raza cachena, de tamaño non moi grande pero de gran cornamenta. A maior parte do ano as vacas invernaban en Queguas, pero na primavera e no verán subíanse a montaña para que pacesen herba fresca. A función de estas cabanas era servir de cobixo tanto para animais como para gandeiros nesa tempada. Actualmente vemos que este grupo de cabanas está abandoado e  poucas gardan animais; tamén cambiaron a súa fisionomía substituíndo as cubertas de palla por antiestéticas uralitas; pero é que a  actividade agraria do centeo tamén parece que desapareceu da vida desta montaña.






Mentres subía pola pista que atravesa as cortes da Carballeira entre a néboa e numerosos carballos atopo a ermida da Ascensión, unha pequena capela de pedra a carón de un enorme carballo ideal para facer un pequeno alto no camiño. Estaba bastante canso, a ruta é pequena pero en esa mesma mañá xa recorrera a Ruta do Pan, estaba mollado, unha pendente non moi pronunciada pero sí continua, e moita humidade pasaron factura en mín. O recinto da ermida estaba rodeado por un pequeno murete cuberto de brión; o templo pequeno e de pedra con un tellado a dúas augas e con unha entrada principal a través de unha pequena porta con arco de medio punto, coroando unha pequena espadaña carente de campá; pero no que máis me fixei foi nun pequeno muro a modo de pórtico, semellante a un castro de tipo cangrexo. Sentei e descansei un anaco antes de proseguir.






As cortes das Carballeiras quedan atrás e continuamos o noso camiño, aínda nos queda outro quilómetro ascendente ata chegar ata a Casa da Moura. Ata este momento a verdade é que a climatoloxía non me molestou demasiado, pero dende as cabanas a verdade é que a ruta foi un pouco andar por andar só que co perigo de perderme na montaña. Pola parte de atrás das cabanas achamos un cruceiro de pedra e un sendeiro ascendente, por aí e por onde debemos continuar. A verdade é que cando recorrín esta ruta a sinalización era bastante aceptable e tan só debemos fixarnos un pouquiño nos cruces e en non confundir as marcas con outro trazado que nos leva a terras portuguesas. Os primeiros metros pican bastante para arriba pero camiñamos por unha pista ben definida que pouco a pouco se vai estreitando ó ir gañando altura, o característico non é a comodidade do camiño senón a vexetación; as árbores pouco a pouco van desaparecendo e a flora é a base de matogueiras, estamos na zona alta da serra e esta é a característica do Xurés, uces, toxos xestas e piornos sobre uns cumios redondeados con afloramentos de bolos graníticos que non puiden contemplar pola espesura da néboa.





A Casa da Moura é o punto intermedio do camiño e un novo elemento de interese nesta Ruta de Queguas. Galicia destaca entre outras cousas pola gran cantidade de elementos megalíticos. Esta Casa da Moura é un dos múltiples exemplos e posiblemente un dos dólmenes conservados a maior altitude. Os dolmenes eran túmulos funerarios do final do neolítico, unha pequena construción a base de varias laxes chamadas ortostatos e cubertas por unha superior. Esa construción chamada dolmen e que podemos contemplar estaba cuberta por terra formando unha pequena cova artificial onde depositar os restos funerarios. O que destaca deste xacemento é o seu nome, a Casa da Moura, toponimia que reflicte a crenza que había en Galicia nos pequenos seres máxicos, uns mouros ou trasnos que vagaban polo monte e vivían nestas mámoas. A crenza nestes feitos e coñecedores da avaricia dos mouros provocaron o espolio saqueo e violación continua das mámoas por parte da xente da zona na busca de tesouros ocultos.






A Casa da Moura ben sendo o punto intermedio da xornada, probablemente tamén o máis alto; esta zona ourensá non da sensación de altos cumios nin moita altura, pero estamos a unha altitude parella a dos coñecidos Lagos de Covadonga. Agora a marcha e ate case o final da andaina vólvese moi cómoda, amplas praderías de montaña e un camiño de carro moi ben definido, tan só teremos que ter en conta non confundir as marcas coas que nos conducen a outra pateada que remata en terras portuguesas. En falso chan imos perdendo altura e eu lamentándome de non poder disfrutar de estas vistas de montaña, as chocas das vacas escóitanse na espesura da brétema e tan só en algún claro podemos ver tanto vacas como cabalos pacendo.






Do que vai quedando da ruta non podo comentar moito máis debido as condicións climatolóxicas, para min só significou unha cómoda baixada por anchas pistas, pero seguro que en días soleados as vistas da serra do Xurés e as súas formacións graníticas farán a ruta moi agradable. Entre camiños e pasando por un curro de cabalos acabamos enlazando de novo o camiño polo que xa camiñaramos anteriormente á altura das casetas dos Carríns. Agora xa só queda desandar o camiño un quilómetro máis ata chegar a Queguas.






Esperemos que esta ruta fose do voso agrado e que teñades algo máis de cabeza ca min e non saiades ó monte con malas condicións meteorolóxicas. Xa nos diredes como vos foi!!!