martes, 1 de maio de 2018

PR-G 105 Muiños da Barosa



Distancia
2.3 km
Dificultade
Moi baixa
Tempo
0:45 minutos
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.1.2.1.
Inicio da ruta
N42° 33.294' W008° 37.956'
Descarga Roteiro
FOTOS


A muiñada da Barosa é un de eses lugares que colleu protagonismo como punto turístico en Galicia; un rinconciño fermoso para pasar un anaquiño contemplando un grupo de muíños colgados en unha pequena fervenza aproveitando a forza hidráulica que move os rodicios.





Certo é que esta ruta sinalizada non ten máis interese que a mesma postal dos muíños na fervenza, pero esta estampa é ben bela. A muiñada xa é o inicio do roteiros, pero a camiñada permítenos ter unha vista da fervenza dende a zona superior e camiñar por un pequeno sendeiro de río sen apenas dificultade; o que fai a esta ruta unha opción idónea para iniciar ós nenos no sendeirismo.






Chegar á muiñada da Barosa é moi sinxelo, pasando Caldas de Reis en dirección Pontevedra atopamos unha sinalización a man esquerda. En poucos metros hai un aparcadoiro e pouco máis abaixo o inicio da ruta. A primeira parada xa é a muiñada da Barosa, un lugar impresionante; o propio río Barosa descende a modo de fervenza sobre unhas enormes laxes. O río descende un desnivel de trinta metros movendo os rodicios de dezasete muíños de auga, o que o fai un recuncho ben lindo.





O resto da ruta non é que sexa fea, pero tampouco nos vai a sorprender. Alonxámonos dos muíños por un camiño ascendente deixando o río a nosa man dereita. En poucos metros gañamos altura e situámonos na zona superior da fervenza. Un pouquiño de esforzo pero valeu a pena chegar ata aquí e ter un punto de visión diferente pero moi fermoso da muiñada da Barosa.





Arriba chegamos a unha pequena estradiña local que debemos atravesar e xa quedan atrás os primeiros 500 metros, agora o único que debemos é seguir o curso do río. ö pouco de deixar atrás esta ponte da Bua atopamos un establecemento hostaleiro. Dende aí e ata a ponte San Breixo camiñaremos uns 700 metros por un sendeiro con vexetación de ribeira, camiño estreito, algo de herba ata chegar ó punto de retorno.





Chegados a ponte de San Breixo retornamos á anterior ponte pola ribeira contraria, agora río abaixo imos acompañados de salgueiros e ameneiros. Pronto chegamos ó final da andaina, nunha zona lúdica con algún banco e mesas para merendar coa compaña de algún pato.






Como vedes a ruta é un pequeno paseo para aproveitar o desvío ós muíños da Barosa, pero excelente para estirar as pernas e iniciar ós máis pequenos.

Xa nos diredes como vos foi!!!