mércores, 25 de xullo de 2018

PR-G 172 Ruta do Río Chanca



Distancia
7 km
Dificultade
Fácil
Tempo
2 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.1.2.
Inicio da ruta
N42° 26.071' W008° 46.921'
Final da ruta
N42° 27.816' W008° 44.518'
Descarga Roteiro
FOTOS



Dise que a Ruta do Río Chanca é a irmá pequena da PR-G 170 Ruta da Pedra e da Auga da que xa falaramos anteriormente neste blog; a verdade é que teñen moita similitude, rematan as dúas no mosteiro de Armenteira, e contando con dous coches recomendaría facer as dúas rutas xuntas para ter unha boa xornada de sendeirismo sen demasiada esixencia. Aínda que considerada menor en comparación coa Ruta da Pedra da Auga, a Ruta do Río Chanca atravesará viñedos e bosquetes de ribeira que farán da xornada unha experiencia moi agradable.




Tal vez o máis complicado de esta ruta é chegar ó punto de arranque; non é que sexa algo imposible pero estamos en terras de furanchos e entre pistiñas entre cepas de albariño pouco a pouco chegamos a Lores, punto de inicio e situado no concello de Meaño. Posiblemente o meu erro foi empregar o GPS, agora estou un tanto vago e tiro de coordenadas coas voltas que acaba xerando iso. Á volta continuei a estrada dereita e saín a estrada sen mais voltas nin problemas.





A igrexa de Lores funcionará como faro para o inicio da nosa ruta, o punto de arranque está baixo ela que está situada nun alto ben visible. O inicio situase xunto a unha pequena ponte sobre o río Chanca, hai espazo para aparcar en batería uns cinco ou seis coches. Adentrámonos e xa nos primeiros pasos damos á man esquerda con un enorme e fermoso muíño fariñeiro chamado Muíño de Daniel o Ferreiro. Será o primeiro dos 23 muíños que nos acompañarán na ruta; neste caso moi ben conservado.




Como podemos ver a ruta está perfectamente sinalizada, forma parte de unha serie de recorridos marcados e homologados de forma consecutiva e polo tanto as súas marcas están en perfecto estado, chan de zahorra nos primeiros quilómetros, bancos, valos, papeleiras e incluso iluminación. Dende o meu punto de vista un pouco despropósito para unha pateada, pero é a forma de potenciala. Estes dous primeiros dous quilómetros transcorren por unha zona moi humanizada, e na comarca do Salnés cando se fala de humanización falase de cepas de albariño; casiñas agro e sobre todo emparrado que no verán estará exuberante.




Neste primeiro tramo máis baixo da ruta é onde atopamos os muíños de maior tamaño, eran muíños de maquía. O seu funcionamento estaba baseado na maquía, unha porcentaxe de cereal que quedaba para o muiñeiro a cambio da moenda; era o sistema tradicional de emprego, o que podía diferir un pouquiño máis era o sistema de descarga de auga, como vemos nesta fotografía a auga dirixíase á muíño a través de unha canle chamada levada. En moitos casos e despois de abrir a chave a auga caía directamente sobre o rodicio do muíño, na miña zona é o máis común. Polo Salnés tamén se muíños de cuba, a auga depositase nunha gran piscina anexa o muíño que se empregará no momento de moer.




Cando levamos dous quilómetros de ruta aparecen as primeiras masas boscosas, para min é a parte máis agradable do recorrido, os restos dos muíños están mimetizados co entorno, a maioría en estado ruinoso. Dende que saímos de Lores apenas houbo metros chans, e é en continua e suave subida, agora si en época de calor agradécese a sombra pero tamén a humidade faranos suar.




O río Chanca é máis ben un pequeno regato, recorre ladeira abaixo o seu cauce serpenteando entre pequenas rochas e raíces de salgueiros. Como xa dixen anteriormente estamos camiñando por un entorno menos humanizado e algo máis natural; desapareceron bancos, luces e a maldita zahorra. Como se ve na fotografía camiñamos por un estreito e cómodo sendeiro entre un bosquete de ribeira, salgueiros, fentos, brións e algún cabaliño do demo serán xunto o balbordo das augas o noso compañeiro de viaxe.





No quilómetro cinco chegamos a unha pequena estrada de debemos atravesar; o cambio de paisaxe e total, camiñaremos por unha ancha pista pecuaria entre eucaliptais, este tipo de terreo acompañaranos ata practicamente o final do recorrido, e o mellor que podemos facer é pisar o acelerador e achegarnos á Armenteira. A chegada ó mesmo farase por un pequeno carreiro descendente a carón do muro que cerra o recinto do mosteiro.





O mosteiro de Armenteira é unha das xoias do románico galego e como xa o fixen noutras rutas como na ruta PR-G 170 Ruta da Pedra e da Auga, non me vou a para a describir as características de este estilo artístico. O que si me gusta é a lenda do seu fundador Ero de Armenteira do que xa falan as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio. Ero de Armenteira fundara o mosteiro por petición da propia Virxe; el estaba con gañas de saber como era o Paraíso e continuamente lle demandaba a Virxe que llo deixase contemplar. Unha tarde saíu a pasear en torno a un río e quedou reflexionando baixo unha árbore mentres oía o cantar dun merlo. Ese trance durou 300 anos ata que volveu de novo a un mosteiro no que non o recoñecían.




A ruta do Río Chanca é moito máis interesante que as conclusións que poidades sacar destas liñas. Lineal e sinxela de camiñar, a miña magoa foi non ter outro coche de apoio e enlazala co PR-G 170 Ruta da Pedra e da Auga, máis fermosa que esta e que sería unha xornada de sendeirismo espectacular. No meu caso o que fixen foi desandar o andado.


Espero que vos guste e xa nos diredes!!!