sábado, 8 de decembro de 2018

PR-G 182 Bidueiral de Gabín



Distancia
9 km
Dificultade
Baixa
Tempo
3 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.2.
Inicio da ruta
N42° 14.116' W007° 29.668'
Descarga Roteiro
FOTOS



O Macizo Central Ourensán é unha desas rexións practicamente descoñecidas para min e con un potencial para o sendeirismo brutal. Aproveitando unha tarde libre que tiña en Ourense decidín mesturar varias das miñas paixóns, o sendeirismo coa historia, e esta ruta reúne todas condicións para o éxito, paraxes de montaña abraiantes que son os mesmos nos que actuou Manuel Blanco Romasanta coñecido como o Lobishome de Allariz.




O máis complicado deste roteiro é chegar o bidueiral de Gabín ou Montederramo, a verdade é que coa tecnoloxía coa que contamos na actualidade tampouco debemos de ter problema. Aínda así tan só teremos que dirixirnos dende Montederramo ata a aldea da Mogaínza onde remata a estrada. A ruta arranca da nada, no medio da Serra de San Mamede, e xusto na entrada da Mogaínza tira unha pista ancha e ascendente cara o monte que nos conducirá ata o punto de inicio. Dende a aldea ata o comezo non debería haber  moito máis de media hora andando, e iso dígovolo por que algunha vez a pista está pouco practicable para coches baixos. Eu decidín recorrer ese treito no meu coche e polo firme a verdade é que non tiven problemas, pero a medio quilómetro do inicio tiven que deixar o coche pola cantidade de neve que pechaba a pista.




Un par de paneis á altura do chamado Campo do Casar sinalan o inicio da ruta, e no caso de que subísemos en coche teremos espazo suficiente para deixalos alí. Como poderemos ver dende o Campo do Casar arrancan dúas pistas anchas; ao ser un roteiro circular poderíamos tomar calquera das dúas direccións, eu optei por iniciar polo camiño ascendente. A pista é ancha e moi cómoda de camiñar, en un quilómetro e medio estaremos subindo continuamente pasando dos 1180 aos 1300 metros de altitude, só que a amplitude do camiño permítenos disfrutar do camiño sen esforzo. Pasaremos pola zona da Corisacada, ou así é como o definen os mapas e chegamos a zona máis alta do recorrido, unha zona aberta á zona de Maceda e da Limia e coa sensación de ser un balcón cara media provincia de Ourense, coa mesma cidade ó lonxe.




Chegamos a parte máis alta da ruta, camiñamos por montaña a uns 1300 metros de altitude pero en si a camiñata non estaba sendo o que esperaba, boas vistas manchas de neve, pero camiños moi anchos ou pistas forestais que si ben son moi cómodos para camiñar, si que se fan moi aburridos. Ao lonxe os cumios máis altos da Serra de San Mamede e cara alí é a onde parece dirixirse o camiño, ata que á altura do Campo do Cabezón da Lata o camiño torce á esquerda e a ruta cambia totalmente para ben adentrándose nunha fermosa fraga.




Xiramos como dixen antes para entrar na fraga, cuberta por piñeiros e acivros comezamos a recorrer a zona norte da Serra de San Mamede e polo tanto unha zona de umbría que aínda mantiña a neve. Estabamos no mes de marzo e había unhas tres semanas que non nevaba, pero conforme iamos andando o camiño cubríase de un fermoso manto branco. Para alguén da costa que practicamente nunca vira a neve volveuse un día festivo. O camiño seguía sendo tan ancho coma antes, pero a beleza de un inverno en marzo deulle un plus de beleza.




Pouco a pouco o camiño quedaba totalmente de neve, tan só había as marcas de algún vehículo pequeno, probablemente un quard que pasou por alí algún día atrás e as pegadiñas de algún animaliño. O manto de neve tería unha espesura de uns 15 centímetros polo que xa debemos camiñar con coidado de non esvarar, a marcha relentizase sobre todo nos tramos descendentes pero amenizábase por un chisquido que facían as botas ó afundirse na neve. Parece mentira que xa entrado marzo e a uns 20ºC atopemos unha postal tan invernal. Aos tres quilómetros e medio de marcha chegamos a unha fonte de auga que como podemos ver ten todo o seu estanque conxelado; esta fonte marca a entrada do bidueiral de Gabín ou Montederramo.




Prata e branco, así é como era a postal que se vía dende os meus ollos. O bidueiral é fantástico, un bosque caducifílio eurosiberiano no que destacan os bidueiros coa sua cortiza prateada, pero tamén carballos, acivros e toda a flora do bosque atlántico. Hoxe en día o bidueiral de Montederrámo está considerado o mellor bosque de bidieiros de Galicia e por elo está protexido coa consideración de Zona de Especial Protección ZEPVN e forma parte da Rede 2000 coa totalidade do Macizo Central Ourensán.




A xornada estaba sendo todo un éxito, probablemente sin neve se fixese un pouco monótona e sería unha ruta máis co atractivo dos bidueiros. A neve xera unha fermosa sensación de paz, o entorno, a soidade e o fresco do ulido serán as compañeiras de viaxe. Dende que chegamos á fonte apenas temos ascenso ata o Campo da Cruz pasados os cinco quilómetros, en algún momento o desnivel faise acusado e con esa neve dura algo esvaradío. O silencio é absoluto a excepción algunha pola mecida polo vento e o correr dos corzos que saltan de ladeira en ladeira.




Ó chegar a zona máis baixa da ruta a neve vai desaparecendo ou aparece de forma intermitente naquelas zonas de umbría que miran cara o norte. A pista orixinaria de terra rexurde de novo e a anterior fraga e vemos unha alfombra de follas caídas que cobren o chan. A paisaxe vai cambiando e a novidade da neve váiseme da cabeza, pero... si eu achegarame na busca de Romasanta. O famoso lobishome parece que actuou por eses montes. Natural de Esgos e veciño da aldea de Rebordechao Romasanta era un dos asasinos en serie máis coñecidos de mediados do século XIX; sabemos que non chegaba ó metro e medio de altitude e que cando naceu considerábase muller. Manuel Romasanta acompañaba as súas vítimas por estas paraxes, camiño do cantábrico e asasinabas a sangue fría. A sospeita dos seus veciños e da venda das roupas das defuntas fixeron que tivera que fuxir. Romasanta morreu na cadea de Ceuta despois de confesar, non foi executado ó considerarse que padecía licantropía, e dicir que se convertía nun home lobo e nas noites con lúa chea asasinaba sen ser dono de si mesmo ás súas vítimas. A lenda di que extraía a graxa dos seus corpos para ser vendida como ungüento, de aí o apelativo coñecido como home do saco ou sacamantecas.





Mentres andaba unha sensación de desacougo apoderouse de min,  recordaba as historias de Romasanta que lera uns días atrás, e parecíame que cada pequeno burato podería ser o lugar das tropelías do lobishome, apurei a marcha xa costa arriba alternando metros de terra con metros de neve e pouco a pouco o final ia achegándose. A neve desaparecía e a carón do camiño abríase algunha pradería de herba; ao fondo e do outro lado do val o final, cara o outro lado os cumios brancos da serra de San Mamede, e mo medio, eu só, marcando as miñas pegadas no branco e sen máis compaña que un par de corzos que se me cruzaron correndo no camiño.





Xa queda pouco, dende que pasamos unhas pequenas cabanas gandeiras tan só nos restará un quilómetro e medio de unha suave subida; pero como dixen antes para min non foi o final da xornada; o coche estaba bloqueado pola neve 500 metros máis arriba, e no caso de que deixásedes o coche na aldea aínda haberá unha horiña de ruta.




Animádevos a recorrer este roteiro sinalizado; con neve ten o seu aquel, e sen ela descubriredes o Bidueiral de Gabín, un bosque exemplar, fácil de camiñar e ideal para iniciar ón máis cativos. 

Xa nos diredes como vos foi!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario