Distancia
|
10 km
|
Dificultade
|
Baixa
|
Tempo
|
2:30
|
Tipo de Roteiro
|
Circular
|
M.I.D.E.
|
1.2.1.1.
|
Inicio da ruta
|
N43° 06.224' W009° 12.941'
|
Descarga Roteiro
|
Si un sitio me marcou, ese sitio foi Muxía. Durante o
curso 2016/17 estiven alí traballando un curso. Polas tardes como estaba só e
tiña moito tempo saía a andar todos os días, sempre sobre asfalto, cara a Barca
ou ben cara a praia de Lourido, pero nunca pensara en coller as botas. Por
Muxía xa tiña feito algunha pateada, é unha zona de puro salitre, pero esta vai
tirar cara o interior.
Era unha tarde gris de abril, unha tarde na que estaba
nunha mestura de baixón anímico e cabreo a partes iguais. Na casa non facía
nada e parecía que non ía chover. Calcei as botas e baixei ata o paseo marítimo
co gps colgado do pescozo. Algún que outro rapaz miraba con cara rara por levar
un trebello raro pendurado, tirei cara a saída de Muxía e empecei a camiñar.
En cuestión de cincocentos metros deixei o pavimento á
altura da praia da Cruz, atravesei a area e en nada xa puiden sacudir os pés
sobre un camiño enreixado de listóns de madeira. Esta senda levarame ata a
praia de Espiñeirido, separada da Cruz por un pequeno puntal. Non baixaremos á
area, senón que seguimos camiñando ata o fondo da praia ata dar con unha pequena
estrada de acceso á praia. Espiñeirido é probablemente a praia máis popular dos
muxiáns, areal de interior, seguro, e concorrida nos veráns.
Deixamos a praia atrás e tiramos costa arriba por un
camiño forestal que arranca da mesma estrada. Os seguintes dous quilómetros a
verdade que non teñen moita chicha, ó chegar á aldea de Chorente cambiamos o
camiño de terra por asfalto. Cruzamos a aldea entre as casas e continuamos a
marcha pola pista que nos levará directos ós Muíños. É si cabe o momento de
apurar o paso e por veces contemplar as vistas á ría de Camariñas. A paso
lixeiro logo chagamos ó cruce que nos dirixe directamente á praia dos Muíños.
Cheguei a praia dos Muíños e o día ameazaba chuvia. A praia
estaba completamente deserta, este é un dos areais máis concorridos do concello
de Muxía no verán. Como as anteriores é unha praia interior, moi segura e
aberta á ría de Camariñas, aínda que esta é unha praia bastante máis grande.
Deixamos o areal atrás e volvemos a adentrarnos costa arriba no monte. A
verdade é que este tramo era un pouco lioso; cando fixen a ruta había unha
senda pouco coidada e estreita que nos levará os muíños do río negro.
Chegamos de súpeto á desembocadura do río Negro. É un
dos tramos máis bonitos da ruta, en medio quilómetro imos pasaremos por uns
dezasete muíños de auga restaurados. O tramo do camiño volve a estar tapizado
por madeira; en tempo seco é moi boa opción para poder chegar calquera persoa a
lugares tan fermosos coma este, pero en Galicia temos unha climatoloxía marcada
pola chuvia e pola humidade, e este tipo de construcións en madeira son moi esvaradías,
co perigo de caer e romper unha perna. Continuamos camiño arriba cara a vila
dos Muíños, parando en algún muíño visitable e creo recordar que había un
pequeno merendeiro.
Como é natural o nome da vila dos Muíños deriva do
tramo que acabamos de recorrer. Atravesamos polo medio das súas casas ata
chegar á estrada principal. En uns metros tomamos unha pista paralela, que
volverá a estar asfaltada e que nos levará ata o mosteiro de Moraime. É unha
zona que volve a ser de transición, pero que coincide co Camiño de Santiago. Eu
non tiven sorte de acompañar a ningún peregrino, nin tampouco de chegar ata
Muxía de volta sen chover. As pingueiras empezaron a caer de forma feble, e foi
un verdadeiro refresco para unha xornada de calor.
Cheguei a Moraime baixo unha fina capa de chuvia; o
mosteiro de Moraime é sen dúbida algunha o principal monumento artístico de
Muxía, e un dos principais monumentos da Costa da Morte. Actualmente só nos
queda unha espectacular igrexa que formaba parte de un mosteiro bieito do
século XII. De fábrica románica algo alterada como a torre sur conserva no seu
interior restos de pinturas probablemente de comezos do século XVI.
Persoalmente para min a xoia do monumento, é unha pequena porta lateral
orientada ó sur e que representa a Última Cea.
Moraime durante a Idade Media foi un enclave
importante, a propia toponimia de Muxía deriba da comunidade de monxes que alí
habitaban. En estas paraxes agocharon ó rei Afonso VII do seu padrasto Afonso
II o Batallador, e non era casualidade, estas terras pertencentes á casa de
Traba estaban gobernadas por Pedro Froilaz, aio do futuro rei. Creo recordar
que no mes de xullo fan en Moraime unha recreación dos feitos. Pero o lugar
mantén a importancia, e aquí está a morte do propio Camiño de Santiago.
Réstannos aproximadamente tres cuartos de hora de
ruta, o principal é certo que xa está visitado. Desde este momento abandonamos
Moraime recorrendo pequenas aldeas dispersas como as Casas Novas, Oruxo ou
Figueiras; aldeas abertas coas súas pequenas cortiñas a carón das casas e os
sempre presentes cabazos de pedra da Costa da Morte. En canto ó firme
alternamos tramos de pista con camiños de carro cómodos para andar. Este tramo
faise rapidamente, dado que a maior parte do recorrido e costa abaixo.
Cheguei de novo a Muxía despois de un par de horas
agradables e diferentes, volvín para a casa, ducheime e baixei como todas as
tardes a tomar un café é Marina. Seguro que pasaredes coma mín. unha tarde ben
agradable, algo terá esta vila que me quedou co corazón.
Espero que a desfrutedes e xa diredes como vos foi!