domingo, 19 de abril de 2020

En Muxía desfrutando comarea!



Distancia
10 km
Dificultade
Baixa
Tempo
 2:30
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.1.1.
Inicio da ruta
N43° 06.224' W009° 12.941'
Descarga Roteiro



Si un sitio me marcou, ese sitio foi Muxía. Durante o curso 2016/17 estiven alí traballando un curso. Polas tardes como estaba só e tiña moito tempo saía a andar todos os días, sempre sobre asfalto, cara a Barca ou ben cara a praia de Lourido, pero nunca pensara en coller as botas. Por Muxía xa tiña feito algunha pateada, é unha zona de puro salitre, pero esta vai tirar cara o interior.






Era unha tarde gris de abril, unha tarde na que estaba nunha mestura de baixón anímico e cabreo a partes iguais. Na casa non facía nada e parecía que non ía chover. Calcei as botas e baixei ata o paseo marítimo co gps colgado do pescozo. Algún que outro rapaz miraba con cara rara por levar un trebello raro pendurado, tirei cara a saída de Muxía e empecei a camiñar.






En cuestión de cincocentos metros deixei o pavimento á altura da praia da Cruz, atravesei a area e en nada xa puiden sacudir os pés sobre un camiño enreixado de listóns de madeira. Esta senda levarame ata a praia de Espiñeirido, separada da Cruz por un pequeno puntal. Non baixaremos á area, senón que seguimos camiñando ata o fondo da praia ata dar con unha pequena estrada de acceso á praia. Espiñeirido é probablemente a praia máis popular dos muxiáns, areal de interior, seguro, e concorrida nos veráns.






Deixamos a praia atrás e tiramos costa arriba por un camiño forestal que arranca da mesma estrada. Os seguintes dous quilómetros a verdade que non teñen moita chicha, ó chegar á aldea de Chorente cambiamos o camiño de terra por asfalto. Cruzamos a aldea entre as casas e continuamos a marcha pola pista que nos levará directos ós Muíños. É si cabe o momento de apurar o paso e por veces contemplar as vistas á ría de Camariñas. A paso lixeiro logo chagamos ó cruce que nos dirixe directamente á praia dos Muíños.






Cheguei a praia dos Muíños e o día ameazaba chuvia. A praia estaba completamente deserta, este é un dos areais máis concorridos do concello de Muxía no verán. Como as anteriores é unha praia interior, moi segura e aberta á ría de Camariñas, aínda que esta é unha praia bastante máis grande. Deixamos o areal atrás e volvemos a adentrarnos costa arriba no monte. A verdade é que este tramo era un pouco lioso; cando fixen a ruta había unha senda pouco coidada e estreita que nos levará os muíños do río negro.






Chegamos de súpeto á desembocadura do río Negro. É un dos tramos máis bonitos da ruta, en medio quilómetro imos pasaremos por uns dezasete muíños de auga restaurados. O tramo do camiño volve a estar tapizado por madeira; en tempo seco é moi boa opción para poder chegar calquera persoa a lugares tan fermosos coma este, pero en Galicia temos unha climatoloxía marcada pola chuvia e pola humidade, e este tipo de construcións en madeira son moi esvaradías, co perigo de caer e romper unha perna. Continuamos camiño arriba cara a vila dos Muíños, parando en algún muíño visitable e creo recordar que había un pequeno merendeiro.






Como é natural o nome da vila dos Muíños deriva do tramo que acabamos de recorrer. Atravesamos polo medio das súas casas ata chegar á estrada principal. En uns metros tomamos unha pista paralela, que volverá a estar asfaltada e que nos levará ata o mosteiro de Moraime. É unha zona que volve a ser de transición, pero que coincide co Camiño de Santiago. Eu non tiven sorte de acompañar a ningún peregrino, nin tampouco de chegar ata Muxía de volta sen chover. As pingueiras empezaron a caer de forma feble, e foi un verdadeiro refresco para unha xornada de calor.






Cheguei a Moraime baixo unha fina capa de chuvia; o mosteiro de Moraime é sen dúbida algunha o principal monumento artístico de Muxía, e un dos principais monumentos da Costa da Morte. Actualmente só nos queda unha espectacular igrexa que formaba parte de un mosteiro bieito do século XII. De fábrica románica algo alterada como a torre sur conserva no seu interior restos de pinturas probablemente de comezos do século XVI. Persoalmente para min a xoia do monumento, é unha pequena porta lateral orientada ó sur e que representa a Última Cea.






Moraime durante a Idade Media foi un enclave importante, a propia toponimia de Muxía deriba da comunidade de monxes que alí habitaban. En estas paraxes agocharon ó rei Afonso VII do seu padrasto Afonso II o Batallador, e non era casualidade, estas terras pertencentes á casa de Traba estaban gobernadas por Pedro Froilaz, aio do futuro rei. Creo recordar que no mes de xullo fan en Moraime unha recreación dos feitos. Pero o lugar mantén a importancia, e aquí está a morte do propio Camiño de Santiago.






Réstannos aproximadamente tres cuartos de hora de ruta, o principal é certo que xa está visitado. Desde este momento abandonamos Moraime recorrendo pequenas aldeas dispersas como as Casas Novas, Oruxo ou Figueiras; aldeas abertas coas súas pequenas cortiñas a carón das casas e os sempre presentes cabazos de pedra da Costa da Morte. En canto ó firme alternamos tramos de pista con camiños de carro cómodos para andar. Este tramo faise rapidamente, dado que a maior parte do recorrido e costa abaixo.






Cheguei de novo a Muxía despois de un par de horas agradables e diferentes, volvín para a casa, ducheime e baixei como todas as tardes a tomar un café é Marina. Seguro que pasaredes coma mín. unha tarde ben agradable, algo terá esta vila que me quedou co corazón.

Espero que a desfrutedes e xa diredes como vos foi!




venres, 10 de abril de 2020

PR-G 166 Roteiro das fervenzas de Toques



Distancia
6 km
Dificultade
Baixa
Tempo
2 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.1.2.1.
Inicio da ruta
N42° 58.902' W007° 57.282'
Final da ruta
N42° 58.902' W007° 57.282'
Descarga Roteiro


Facía moitos meses que non me sentaba diante do ordenador para comentar algunha ruta. É certo que reducín moitísimo as saídas ó monte, e por pereza tampouco me sentaba a redactar. Agora que estou confinado na casa por culpa do coronavirus non tiña moita escusa para escribir o montón de rutas que teño almacenadas na memoria do gps e sen pasar a papel. A primeira de esta nova etapa vai a ser esta, que por certo foi a miña última pateada.




Arrancou o 2020 e na véspera do día de Reis decidimos coller as botas e ir a facer unha rutiña. Queríamos que fose unha ruta pequeniña, levábamos moito tempo sen andar, e unha rutiña cómoda como esta era un bo plan. Cando investigamos sobre esta ruta na rede vimos que era sinxeliña e boa de recorrer para todos os públicos. A nosa é un pouquiño máis curta do que marca o trazado orixinal, pero en varios blogs dicían que había ó principio uns cans pouco amigables, e pensamos en facer só o tramo circular, e foi todo un acerto.






A poucos metros da aldea de Ínsua, no concello de Toques, atópase unha pequena área recreativa nas ribeiras do río Furelos. Non é máis que un par de bancos con mesas de madeira a carón de unha pequena pista, pero suficiente para orillar o coche, poñer as botas e tirar para o monte. A área está nunha zona agradable, baixo un souto vello e coas marcas da ruta homologada; ideal para arrancar desde aquí.





Iniciamos a ruta tirando río arriba, á saída da área recreativa vemos unha ponte que cruza o Furelos e por onde vai a estrada, non debemos de cruzala, senón que tomamos o camiño que está a carón da ponte na man esquerda. A partir de este punto deixamos o asfalto e camiñamos por un camiño de ribeira cuberto por un manto de follas secas de castiñeiro que criscan a cada pisada. Este tramo de algo menos de un quilómetro é un dos tramos máis agradables da ruta. Seguindo as marcas da ruta sinalizada deixamos o río a nosa dereita para tomar unha costa ascendente que morre nunha pista forestal.





Entramos nunha pista forestal, ancha e de zahorra, sen demasiado interese podemos aproveitar este novo tramo para incrementar a velocidade de camiñada, quédanos un quilómetro e medio para chegar á fervenza. Non vou dicir que é un tramo feo, por que non o é, só que eu prefiro os sendeiros estreitos. Avanzamos pouco a pouco con unha flora semellante, moito carballo e castiñeiro, pero tamén aparece algunha pequena plantación de eucaliptos. A pista sempre vai tirando cara arriba, de forma pouco pronunciada, e deixando o Furelos encaixonado cada vez máis abaixo. Mentres avanzamos tamén nos cruzamos con algunha outra ruta sinalizada que recorren o concello de Toques.





Despois de levar uns dous quilómetros e medio camiñados chegamos á fervenza das Brañas. Este é obxectivo da ruta, é certo que se pode chegar ata aquí en coche, parar e tirar unhas fotos, pero nós somos sendeiristas e o que nos gusta é coñecer camiñando. A fervenza das Brañas é un salto de uns corenta metros de altura, no cal o río Furelos se despena provocando un estrondo moi agradable. Para observala temos unha varanda de madeira a xeito de miradoiro; ao fondo un xeitoso muíño que aproveitaba a caída das augas para moer o cereal.




Recollemos as mochilas que deixamos nunha pequena mesa que servía de merendeiro a carón do muíño e continuamos a marcha. Sobre o muíño remata a ascensión, e antes de deixar o río podemos ver a fervenza desde arriba, algo moi recomendable. Antes de chegar á aldea de Santa María de Brañas, a cal vemos ó lonxe, tomamos un cruce á dereita e pasaremos o río sobre unha pontella. Volve a cambiar outra vez a morfoloxía da paisaxe, e entramos en algo semellante a unha serra baixa. Non temos que esquecer que estamos na Serra do Careón, a baixa altitude, pero para ser a provincia da Coruña, unha das zonas máis altas.





O seguinte quilómetro da ruta recorre a ribeira contraria do río, un río oculto ao quedar encaixonado na zona baixa da ladeira, pero durante bo anaco do tramo audible por nós. Estamos en unha zona aberta, sen arboredas que nos dean algo de sombra e con un piso irregular pero cómodo ó andar. Sei que a fotografía non fai demasiada xustiza da contorna, monte baixo de matogueiras, algunha pradaría de herba dura para pasto de vacas e bestas, e unhas boas vistas da contorna e da fervenza ao lonxe. Pouquiño a pouco imos chegando á aldea de Coto dos Prados.





Chegamos a Coto dos Prados e cambiamos de camiño sen entrar na aldea. Vemos que é unha típica aldea do interior de Galicia coa paisaxe moi humanizada, pradarías delimitadas por peches de arame espiño, algunha árbore para dar sombra aos animais. Tocamos minimamente de novo o asfalto, ou máis ben unha pista de cemento de aldea e iniciamos o tramo final da ruta.





Réstanos algo máis de un quilómetro para chegar ó noso final. Como imos de novo cara o río teremos que empezar a baixar. Pronto atopamos de novo o Furelos. A paisaxe volve a ser de monte cuberto de carballos e castiñeiros; camiños de carro alfombrados por folla seca, que nos alegran a ruta mentres buscamos algún pequeno mouro agochado detrás de algunha rocha. Cruzamos a ponte sobre o río e chegamos ó final da ruta.





Non debemos de deixar o concello de Toques sen coñecer ou visitar San Antoiño, unha das xoias do prerrománico galego e a poucos quilómetros de esta ruta.

Esperemos que vos guste e xa nos diredes como vos foi!!!