domingo, 19 de abril de 2020

En Muxía desfrutando comarea!



Distancia
10 km
Dificultade
Baixa
Tempo
 2:30
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.1.1.
Inicio da ruta
N43° 06.224' W009° 12.941'
Descarga Roteiro



Si un sitio me marcou, ese sitio foi Muxía. Durante o curso 2016/17 estiven alí traballando un curso. Polas tardes como estaba só e tiña moito tempo saía a andar todos os días, sempre sobre asfalto, cara a Barca ou ben cara a praia de Lourido, pero nunca pensara en coller as botas. Por Muxía xa tiña feito algunha pateada, é unha zona de puro salitre, pero esta vai tirar cara o interior.






Era unha tarde gris de abril, unha tarde na que estaba nunha mestura de baixón anímico e cabreo a partes iguais. Na casa non facía nada e parecía que non ía chover. Calcei as botas e baixei ata o paseo marítimo co gps colgado do pescozo. Algún que outro rapaz miraba con cara rara por levar un trebello raro pendurado, tirei cara a saída de Muxía e empecei a camiñar.






En cuestión de cincocentos metros deixei o pavimento á altura da praia da Cruz, atravesei a area e en nada xa puiden sacudir os pés sobre un camiño enreixado de listóns de madeira. Esta senda levarame ata a praia de Espiñeirido, separada da Cruz por un pequeno puntal. Non baixaremos á area, senón que seguimos camiñando ata o fondo da praia ata dar con unha pequena estrada de acceso á praia. Espiñeirido é probablemente a praia máis popular dos muxiáns, areal de interior, seguro, e concorrida nos veráns.






Deixamos a praia atrás e tiramos costa arriba por un camiño forestal que arranca da mesma estrada. Os seguintes dous quilómetros a verdade que non teñen moita chicha, ó chegar á aldea de Chorente cambiamos o camiño de terra por asfalto. Cruzamos a aldea entre as casas e continuamos a marcha pola pista que nos levará directos ós Muíños. É si cabe o momento de apurar o paso e por veces contemplar as vistas á ría de Camariñas. A paso lixeiro logo chagamos ó cruce que nos dirixe directamente á praia dos Muíños.






Cheguei a praia dos Muíños e o día ameazaba chuvia. A praia estaba completamente deserta, este é un dos areais máis concorridos do concello de Muxía no verán. Como as anteriores é unha praia interior, moi segura e aberta á ría de Camariñas, aínda que esta é unha praia bastante máis grande. Deixamos o areal atrás e volvemos a adentrarnos costa arriba no monte. A verdade é que este tramo era un pouco lioso; cando fixen a ruta había unha senda pouco coidada e estreita que nos levará os muíños do río negro.






Chegamos de súpeto á desembocadura do río Negro. É un dos tramos máis bonitos da ruta, en medio quilómetro imos pasaremos por uns dezasete muíños de auga restaurados. O tramo do camiño volve a estar tapizado por madeira; en tempo seco é moi boa opción para poder chegar calquera persoa a lugares tan fermosos coma este, pero en Galicia temos unha climatoloxía marcada pola chuvia e pola humidade, e este tipo de construcións en madeira son moi esvaradías, co perigo de caer e romper unha perna. Continuamos camiño arriba cara a vila dos Muíños, parando en algún muíño visitable e creo recordar que había un pequeno merendeiro.






Como é natural o nome da vila dos Muíños deriva do tramo que acabamos de recorrer. Atravesamos polo medio das súas casas ata chegar á estrada principal. En uns metros tomamos unha pista paralela, que volverá a estar asfaltada e que nos levará ata o mosteiro de Moraime. É unha zona que volve a ser de transición, pero que coincide co Camiño de Santiago. Eu non tiven sorte de acompañar a ningún peregrino, nin tampouco de chegar ata Muxía de volta sen chover. As pingueiras empezaron a caer de forma feble, e foi un verdadeiro refresco para unha xornada de calor.






Cheguei a Moraime baixo unha fina capa de chuvia; o mosteiro de Moraime é sen dúbida algunha o principal monumento artístico de Muxía, e un dos principais monumentos da Costa da Morte. Actualmente só nos queda unha espectacular igrexa que formaba parte de un mosteiro bieito do século XII. De fábrica románica algo alterada como a torre sur conserva no seu interior restos de pinturas probablemente de comezos do século XVI. Persoalmente para min a xoia do monumento, é unha pequena porta lateral orientada ó sur e que representa a Última Cea.






Moraime durante a Idade Media foi un enclave importante, a propia toponimia de Muxía deriba da comunidade de monxes que alí habitaban. En estas paraxes agocharon ó rei Afonso VII do seu padrasto Afonso II o Batallador, e non era casualidade, estas terras pertencentes á casa de Traba estaban gobernadas por Pedro Froilaz, aio do futuro rei. Creo recordar que no mes de xullo fan en Moraime unha recreación dos feitos. Pero o lugar mantén a importancia, e aquí está a morte do propio Camiño de Santiago.






Réstannos aproximadamente tres cuartos de hora de ruta, o principal é certo que xa está visitado. Desde este momento abandonamos Moraime recorrendo pequenas aldeas dispersas como as Casas Novas, Oruxo ou Figueiras; aldeas abertas coas súas pequenas cortiñas a carón das casas e os sempre presentes cabazos de pedra da Costa da Morte. En canto ó firme alternamos tramos de pista con camiños de carro cómodos para andar. Este tramo faise rapidamente, dado que a maior parte do recorrido e costa abaixo.






Cheguei de novo a Muxía despois de un par de horas agradables e diferentes, volvín para a casa, ducheime e baixei como todas as tardes a tomar un café é Marina. Seguro que pasaredes coma mín. unha tarde ben agradable, algo terá esta vila que me quedou co corazón.

Espero que a desfrutedes e xa diredes como vos foi!




Ningún comentario:

Publicar un comentario