Distancia
|
6 km
|
Dificultade
|
Baixa
|
Tempo
|
2 horas
|
Tipo de Roteiro
|
Circular
|
M.I.D.E.
|
1.1.2.1.
|
Inicio da ruta
|
N42° 58.902' W007° 57.282'
|
Final da ruta
|
N42° 58.902' W007° 57.282'
|
Descarga Roteiro
|
Facía moitos meses que non me
sentaba diante do ordenador para comentar algunha ruta. É certo que reducín moitísimo
as saídas ó monte, e por pereza tampouco me sentaba a redactar. Agora que estou
confinado na casa por culpa do coronavirus non tiña moita escusa para escribir
o montón de rutas que teño almacenadas na memoria do gps e sen pasar a papel. A
primeira de esta nova etapa vai a ser esta, que por certo foi a miña última
pateada.
Arrancou o 2020 e na véspera do
día de Reis decidimos coller as botas e ir a facer unha rutiña. Queríamos que
fose unha ruta pequeniña, levábamos moito tempo sen andar, e unha rutiña cómoda
como esta era un bo plan. Cando investigamos sobre esta ruta na rede vimos que
era sinxeliña e boa de recorrer para todos os públicos. A nosa é un pouquiño
máis curta do que marca o trazado orixinal, pero en varios blogs dicían que
había ó principio uns cans pouco amigables, e pensamos en facer só o tramo
circular, e foi todo un acerto.
A poucos metros da aldea de
Ínsua, no concello de Toques, atópase unha pequena área recreativa nas ribeiras
do río Furelos. Non é máis que un par de bancos con mesas de madeira a carón de
unha pequena pista, pero suficiente para orillar o coche, poñer as botas e
tirar para o monte. A área está nunha zona agradable, baixo un souto vello e
coas marcas da ruta homologada; ideal para arrancar desde aquí.
Iniciamos a ruta tirando río
arriba, á saída da área recreativa vemos unha ponte que cruza o Furelos e por
onde vai a estrada, non debemos de cruzala, senón que tomamos o camiño que está
a carón da ponte na man esquerda. A partir de este punto deixamos o asfalto e
camiñamos por un camiño de ribeira cuberto por un manto de follas secas de
castiñeiro que criscan a cada pisada. Este tramo de algo menos de un quilómetro
é un dos tramos máis agradables da ruta. Seguindo as marcas da ruta sinalizada
deixamos o río a nosa dereita para tomar unha costa ascendente que morre nunha
pista forestal.
Entramos nunha pista forestal,
ancha e de zahorra, sen demasiado interese podemos aproveitar este novo tramo
para incrementar a velocidade de camiñada, quédanos un quilómetro e medio para
chegar á fervenza. Non vou dicir que é un tramo feo, por que non o é, só que eu
prefiro os sendeiros estreitos. Avanzamos pouco a pouco con unha flora
semellante, moito carballo e castiñeiro, pero tamén aparece algunha pequena
plantación de eucaliptos. A pista sempre vai tirando cara arriba, de forma
pouco pronunciada, e deixando o Furelos encaixonado cada vez máis abaixo.
Mentres avanzamos tamén nos cruzamos con algunha outra ruta sinalizada que
recorren o concello de Toques.
Despois de levar uns dous
quilómetros e medio camiñados chegamos á fervenza das Brañas. Este é obxectivo
da ruta, é certo que se pode chegar ata aquí en coche, parar e tirar unhas
fotos, pero nós somos sendeiristas e o que nos gusta é coñecer camiñando. A
fervenza das Brañas é un salto de uns corenta metros de altura, no cal o río
Furelos se despena provocando un estrondo moi agradable. Para observala temos
unha varanda de madeira a xeito de miradoiro; ao fondo un xeitoso muíño que
aproveitaba a caída das augas para moer o cereal.
Recollemos as mochilas que deixamos nunha pequena mesa que servía de
merendeiro a carón do muíño e continuamos a marcha. Sobre o muíño remata a
ascensión, e antes de deixar o río podemos ver a fervenza desde arriba, algo
moi recomendable. Antes de chegar á aldea de Santa María de Brañas, a cal vemos
ó lonxe, tomamos un cruce á dereita e pasaremos o río sobre unha pontella.
Volve a cambiar outra vez a morfoloxía da paisaxe, e entramos en algo
semellante a unha serra baixa. Non temos que esquecer que estamos na Serra do
Careón, a baixa altitude, pero para ser a provincia da Coruña, unha das zonas
máis altas.
O seguinte quilómetro da ruta
recorre a ribeira contraria do río, un río oculto ao quedar encaixonado na zona
baixa da ladeira, pero durante bo anaco do tramo audible por nós. Estamos en
unha zona aberta, sen arboredas que nos dean algo de sombra e con un piso
irregular pero cómodo ó andar. Sei que a fotografía non fai demasiada xustiza
da contorna, monte baixo de matogueiras, algunha pradaría de herba dura para
pasto de vacas e bestas, e unhas boas vistas da contorna e da fervenza ao
lonxe. Pouquiño a pouco imos chegando á aldea de Coto dos Prados.
Chegamos a Coto dos Prados e
cambiamos de camiño sen entrar na aldea. Vemos que é unha típica aldea do
interior de Galicia coa paisaxe moi humanizada, pradarías delimitadas por
peches de arame espiño, algunha árbore para dar sombra aos animais. Tocamos minimamente
de novo o asfalto, ou máis ben unha pista de cemento de aldea e iniciamos o
tramo final da ruta.
Réstanos algo máis de un
quilómetro para chegar ó noso final. Como imos de novo cara o río teremos que
empezar a baixar. Pronto atopamos de novo o Furelos. A paisaxe volve a ser de
monte cuberto de carballos e castiñeiros; camiños de carro alfombrados por folla
seca, que nos alegran a ruta mentres buscamos algún pequeno mouro agochado
detrás de algunha rocha. Cruzamos a ponte sobre o río e chegamos ó final da
ruta.
Non debemos de deixar o concello
de Toques sen coñecer ou visitar San Antoiño, unha das xoias do prerrománico
galego e a poucos quilómetros de esta ruta.
Esperemos que vos guste e xa nos
diredes como vos foi!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario