xoves, 30 de decembro de 2021

Camiño Inglés: Sigüeiro - Santiago de Compostela

 

Distancia 

16 km

Dificultade 

Fácil

Tempo

4 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta




Como se dí, Santiago está á carreiriña dun can. O noso Camiño Inglés por mor da pandemia da COVID-19 foi bastante atípico. Fixémolo por dias soltos ao longo dun mes, e esta que viña por diante era a última etapa, máis agradable que a anterior, e un pequeno paseo ata a catedral.





Sigüeiro é unha pequena vila que medrou na marxe norte do Tambre como lugar durmitorio de Santiago. O seu pasado é medieval, e diso temos constancia xa en documentos da época. A nós todo iso danos igual, é unha pequena vila non moi bonita, onde avituallarse para realizar o último treito do camiño inglés.


Por Sigüeiro como dixen pasa o río Tambre, e o primeiro que debemos de facer neste treito e atravesalo sobre a súa ponte. Na ribeira sur do Tambre comeza o concello de Santiago, nós no Camiño Inglés non imos a ter un Monte do Gozo, máis agora parecen que os quilómetros se fan mellor. Estamos na parroquia da Barciela e a poucos metros da ponte abandonamos a estrada xeral para camiñar pistas rurais.




Os seis primeiros quilómetros son a través de pistas rurais a través de Marantes, imos en paralelo á estrada xeral que vai a Santiago, pero con unha distancia suficiente para non ser conscientes da súa presenza. Pistas asfaltadas, entre casas pequenas, prados e campos de millo. Cada poucos metros atopamos ciclistas en sentido contrario ao discorrer dos peregrinos.







Na Sionlla tocamos brevemente a estrada xeral, pero a altura do seu centro educativo volvemos a tirar cara a dereita volvendo a gañar seguridade. Quen coñece a zona saberá que estamos entrando en Santiago polo polígono do Tambre, zona moi fea, pero o noso camiño volve a afastarse un chisquiño para darnos o treito máis bonito da etapa. Temos algunha que outra pendente, pero conxugaremos tramos boscosos con algunha que outra pradería.






No quilómetro 10 da etapa chegamos ao polígono do Tambre, que imos dicir de un polígono, son lugares de traballo, pero feos feos. Imos darlle vida ás botas ata chegar ata o Meixonfrío, primeiro bairrio compostelán no que se mestura o ambiente periférico medio urbano e medio rural. Pouco a pouco imos adentrándonos nas rúas picheleiras ata chegar á parroquia de San Caetano.






En San Caetano obtemos o último sello do camiño, estamos a tan só un quilómetro do final. O que nos resta e atravesar o casco vello compostelán pola zona dos Basquiños, San Martiño Pinario e rematar na porta de Praterías da Catedral.





Como vedes o Camiño Inglés rematou para nós, tivemos que esperar moitas horas e case mil peregrinos para obter a Compostela, pero a experiencia peregrina pagou a pena.





martes, 28 de decembro de 2021

Camiño Inglés: Hospital de Bruma - Sigüeiro

 

Distancia 

24 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

6 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Era cedo de mañá cando empezamos a etapa, temos que indicar que nós a etapa comezámola no Mesón do Vento, en un par de quilómetros e a través de pistas rurais chegamos a Outeiro, no mesmo concello de Ordes. Hospital de Bruma quedaba atrás uns 600 metros, nós non estivemos en Bruma, pero sí que estivo presente a néboa; cousa da toponímia. Por adiante quedábanos unha etapa longa pero prácticamente chan, unha etapa de moita pista rural e pequenos espazos forestais. Realmente é unha etapa de transición.





Os seis primeiros quilómetros son totalmente chans, sempre sobre estreitas pistas asfaltadas que dan servizo ás diferentes aldeas e aos campos de cultivo. Nesta etapa si que atopamos bastantes peregrinos que pouco a pouco se ían achegando a Santiago. Pese a ser esta unha etapa xeitosiña, en canto á quilometraxe, podemos dicir que ata Sigüeiro non atoparemos servizos, unicamente un par de tabernas en O Castro e na Rúa.




Chegado ao quilómetro seis entramos en unha pequena zona forestal, curta iso si, pero que nos axudarán a cambiar algo a pisada, cousa que os nosos pés van a agradecer. Logo chegamos á primeira aldea, e os seguintes dez quilómetros serán alternando pistas e prados, con pequenas zonas forestais.





Á altura do quilómetro dezaoito chagamos a autoestrada, a etapa xa non foi moi atractiva, pero ben podía rematar aquí. Ata Sigüeiro queda unha hora e media a carón da AP-9 co seu continuo barullo, para rematar nun polígono industrial na vila do Tambre. En pouco tempo e xa en Sigüeiro damos por rematada a etapa.




Como podedes ver a etapa non foi moito do noso agrado, pero ata Santiago hai de todo. Quen se sinta con forzas en unhas tres horas máis está en Santiago, pero de vos depende.





domingo, 12 de setembro de 2021

Camiño Inglés: Betanzos - Hospital de Bruma

 

Distancia 

24 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

6 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Antes de iniciar unha etapa paso horas buscando información sobre ela, maiormente na rede. Sobre esta terceira etapa que se inicia en Betanzos, a maioría dos blogs definíana como a etapa raíña pola súa dureza. Para min non foi tal, é bastante levadeira e posiblemente a anterior fose máis esixente. Este agradable paseo sen lugar a dúbida para min foi a máis agradable de camiñar.





Rompía o día en Betanzos e desta vez sí que estábamos alí para empezar a andar cedo. Non sabíamos o que nos ía deparar esa suposta etapa raíña. Betanzos estaba cheo de peregrinos e nós entre eles; tomamos un café rápido e selamos a credencial antes de camiñar. Non teño que indicar que Betanzos é unha cidade preciosa, igrexas, praciñas e un casco histórico medieval que non me atrevo a describir, pero de seguro que non vos vai a deixar indiferente.


Desde a Praza dos Irmáns García Naveira imos abandonando Betanzos buscando a pequena ponte das Cascas, e que salva o río Mendo. Desde a outra ribeira imos gañando altura rápida andando por unhas pendentes considerables. Non nos debe asustar, é pouco máis de un quilómetro que nos permite deixar Betanzos atrás. É un tramo moi asfaltado, como o será toda a etapa, pero bastante agradable. Cruzamos a autopista sobre unha ponte e  con outra ponte o río Mero, para entrar no concello de Abegondo, ao que pertence a parroquia de Cos, a uns sete quilómetros de comezar a xornada.






En uns catro quilómetros máis chegamos a Presedo. O tramo que vai de Cos a Presedo é moi cuestionado por moitos peregrinos. Ata fai catro ou cinco anos o trazado do Camiño era diferente, agora perde algún quilómetro pero discorre polo arcén de unha estrada. Cando lin os comentarios do treito antes de transitalo as críticas eran pola súa perigosidade; unha vez feito teño que dicir que o treito non é para tanto, si que circulan algúns coches, pero como por calquer outra pista. A estrada é moi secundaria, pero deberemos de andar con coidado.


En Presedo fixemos unha paradiña en unha taberna, estaba chea de camiñantes facendo unha paradiña a metade de etapa, e fixeron ben, dado que ata As Travesas, que está moi próximo ó final da xornada non se atopará ningún outro lugar onde parar. Despois de un petisco continuamos ruta por unhas pistas moi semellantes ás xa transitadas.





Pola cabeza rondaba a etapa da variante coruñesa, ata chegar a aldea de Travesas a subida era bastante forte e algo cansina. En este treito en teoría habería que chegar tamén ata ese punto, pero nada que ver, é certo que a subida é moi longa, en un ou dous puntos tira dos riles, pero non debe botarnos para atrás.


Rematada a subida chegamos a unha estrada con bastante tráfico, é o punto onde se unen os dous camiños ingleses, o que ven de Ferrol e o que ven da Coruña. Durante uns quilómetros iremos polo arcén da estrada. Aqui nas Travesas está o último local de hostelería, ultimo piscolabis e outro selo na credencial. Bruma xa está preto, a uns catro quilómetros.





A un par de quilómetros do final, deixamos atrás a estrada e camiñaremos os últimos metros por pistas forestais e rurais. En nada chegamos a Hospital de Bruma onde selaremos no seu albergue. En esta localidade hai constancia de hospital de peregrinos xa na Idade Media, pero non é a única caracteristica de Bruma; a vila forma parte do concello de Mesía, pero non limita con ningunha outra parroquia de este concello, polo que se encontra como unha illa dentro de outras terras.





Xa nos diredes como vos foi!




sábado, 4 de setembro de 2021

Camiño Inglés: Pontedeume - Betanzos

 

Distancia 

20 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

5 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Esta xornada non a empezamos cedo, presentase ante nós unha etapa curtiña, pero en un terreo con continuos sube e baixa típicos da orografía galega. Pontedeume é unha de eses perlas escondidas que ten a costa de Galicia; unha vila moi coñecida e con un rico pasado medieval que actualmente presenta un estado de melancolia por un certo abandono do seu casco histórico. Rúas estreitas en pendente forradas de pedra, igual que os restos da súa fortaleza, o Torreón dos Andrade, ou a súa ponte sobre o río Eume.





Tomamos un café en unha praciña central e pedimos o selo na cafetería. Alí comezamos a marcha ascendendo costa arriba entre as ruas de Pontedeume. O primeiro quilómetro e medio é en continuo ascenso, moi levadeiro, pero mellor que o fagamos a ritmo para non vaciarnos xa nos primeiros metros. A zona máis alta é Campolongo, é unha verdadeira mágoa que o Camiño non pase por San Miguel de Breamo, unha pequena igrexa románica moi próxima e que merece unha visita. 


A primeira metade da ruta lévanos a Miño. Pasada a primeira ascensión o camiñar tórnase moi cómodo, camiños cubertos de árbores e pequenas pistas rurais alquitranadas. É a parte máis doada da mañá, e tan só atoparemos un pequeno recoste pasado un campo de golf. 






Chegamos a Miño e fixemos unha paradiña para hidratarnos en un dos seus locais de hostelería. Miño non é unha vila que destaque para nada pola súa beleza, pero no verán si que veremos moita xente que se achega a súa magnifica praia. Nos seguimos adiante cara a veciña Ponte do Porco, onde atoparemos ao final das súas casas o río Lambre desembocando na ría de Betanzos.


Estamos nas antigas terras dos Andrade, e é visible en Pontedeume, Betanzos e tamén aqui na Ponte do Porco, donde se conservan restos do seu sinal familiar, o xabarín. Na Ponte do Porco había xa desde tempos medievais unha ponte para cruzar o río Lambre con unha pequena escultura de un xabarín en pedra. Este porquiño que simbolizaba a pertenza das terras á familia dos Andrade acabou bautizando a propia vila da Ponte do Porco.






Nós por agora non imos a cruzar o río, seguimos a xornada con el pola nosa dereita e afrontamos o último treito ata Betanzos. Agora si que vai a ser practicamente sobre asfalto e en un continuo sube e baixa con algunha costiña de consideración. Estamos xa no concello de Paderne e a cada poucos metros  pasaremos por algún grupiño de casas. Treito moi rural, con pouca sombra, e persoalmente para min foi o máis esixente ata chegar a Santiago.


A uns dous quilómetros para rematar, a altura da parroquia de Gas, vemos Betanzos ó lonxe. Xa non queda nada, pero xa había moitas ganas de chegar. Pouco a pouco imos baixando e xa na entrada de Betanzos pasamos pola igrexa de Santa María do Camiño, onde fixemos unha pequena parada para coñecer este templo renacentista. Continuamos rúa abaixo ata chegar ó Mandeo que cruzaremos para entrar no Betanzos histórico.






Entramos no Betanzos medieval a través de un pequeno arco, queda atrás o barrio da Ribeira e o Mandeo, e temos ante nós unha cidade fermosísima; rúas empedradas, casas góticas e espectaculares igrexas como San Francisco ou Santa María do Azougue. Rematamos no albergue de peregrinos na busqueda do último selo. Era cedo pero xa estaba cheo, polo que non había albergueiro nin selo, polo que tocaba buscalo con unha cervexa.







Outra etapa atrás, xa nos diredes como vos foi!

domingo, 29 de agosto de 2021

Camiño Inglés: Ferrol - Pontedeume

 

Distancia 

29 km

Dificultade 

Fácil

Tempo

6 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



A cidade de Ferrol é actualmente o principal punto de partida do Camiño Inglés. Como ben saberedes este camiño pódese empezar tamén desde A Coruña, si ben, a cidade herculina está a menos de 100 km de Santiago, o que non abonda para recoller a Compostela en Santiago.


O Camiño Inglés era un dos percursos máis transitados na Idade Media. Os peregrinos chegaban dos portos atlánticos en barco e facían o último treito a pé. Cústame moito crer que en aquel momento Ferrol fose porto de recalada, dado que a cidade departamental era unha pequena aldea de pescadores, e o seu esplendor non chegaría ata o século XVIII, momento no que o Camiño estaba en franca decadencia. Sexa como for, Ferrol para nós é un lugar ideal para arrancar, e non seremos os únicos, xa que o Camiño Inglés é o segundo máis transitado no 2021.







O inicio do Camiño Inglés sitúase no ferrolán porto de Curuxeiras. Chegamos non moi cedo alí dado que a oficina de turismo non abre as portas ata as 8 da mañá. Buscábamos selar a credencial, había algo de cola, pero conseguimos o primeiro carimbo en poucos minutos. O primeiro quilómetro é pola zona monumental da cidade, pasando polo nostálxico Ferrol Vello e pola rúa Real, que atravesa o espectacular centro ilustrado ferrolán. A partir do Cantón de Molíns imos abandonando o Ferrol señorial.


Ferrol é unha cidade que vive do mar e para o mar. Desde o Cantón de Molíns enfilamos cara a porta de entrada dos estaleiros. A visión cambia radicalmente, xa non hai construcións de pasado modernista, e os barrios son a base de bloques de edificios de dudoso gusto e instalacións para a construción naval e militar, agochadas por un alto muro. A medida que imos camiñando empeza a aparecer o mar xa no barrio de Caranza, coas primeiras praias urbanas e vistas á ría.






Pouco a pouco Ferrol vai quedando atrás, entramos no concello de Narón, o nexo das dúas cidades é pouco claro, máis ben todo é a mesma urbe. Nós a esa altura transitamos por unha zona industrial. Moitos peregrinos atravesan cara Fene pola ponte das Pías aforrando 10 quilómetros, non será o noso caso. A medida que deixamos a zona industrial entramos por pistas asfaltadas en pequenas aldeas rururbanas ata chegar ó mosteiro de Xuvia.


O mosteiro de Xuvia é unha das xoias de esta etapa. Xuvia é unha pequena igrexa que formaba parte de un mosteiro cisterciense do século XII, de estilo románico con engadidos barrocos do século XVIII. O mosteiro é coñecido na zona como o Couto, e de aquí veñen os chamados pementos do Couto, pequenos, verdes, e aínda que con menos sona que os de Padrón non son menos sabedores.





Catro quilómetros nos separan da ponte do Xuvia; como vemos a etapa non é nada de outro mundo, practicamente camiñamos por asfalto, iso si, moi humanizado por en gran parte a través de paseos marítimos. Antes de chegar á ponte do Xuvia atopamos o fito dos 100 quilómetros a Santiago. Tras el cruzar á parte sur da ría e recorrer Neda e Narón.


Cando chegamos a Fene teremos andados sobre dous terzos da etapa. Fene é outra das vilas importantes que se achan na ría de Ferrol. A partir de esta localidade poñemos rumbo á ría de Ares. Para elo é preciso facer un pequeno ascenso ata o polígono do Vilar do Colo, nada que nos deba asustar, o ascenso é pouco esixente pateando camiños rurais e pouco asfaltados. Desde o polígono todo será prácticamente descenso ata Pontedeume a través de Cabanas.






Para chegar a Pontedeume debemos cruzar a súa espectacular ponte sobre o río Eume. A vila é unha de esas localidades con un rico pasado medieval, con unha certa decadencia, pero que non lle fai perder a súa fermosura. Próximo ó torreón está o albergue de peregrinos; estaba pechado e con aforo completo, a opción de selo pasaba por tomar unha cervexa nun local de hostelería.






Como se pode ver esta primeira etapa é moi urbana, moi asfaltada e na que o Sol lle pode restar atractivo; aínda así esta pesada xornada non debe darnos para atrás a un camiño tan entretido.







sábado, 31 de xullo de 2021

Camiño Inglés: A Coruña - Hospital de Bruma



Distancia 

33 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

7 horas

M.I.D.E.

1.1.1.4.

Inicio da ruta

N43° 22.180' W8° 23.652'

Descarga do roteiro

Track da ruta




A COVID-19 alterou por completo as nosas vidas, tamén as vacacións. Este ano precisaba buscar unha alternativa segura para evadir a miña cabeza sin poñer en risco a Saúde. O Camiño! Esa foi a opción, pero un Camiño que me permitise durmir na casa e manter pouco contacto social. Para un coruñés o Camiño inglés é a mellor opción, transporte público para inicios e finais das etapas, e poucos quilómetros desde a casa.


Sabemos todos que a visita ás reliquias era unha forma de conseguir a indulxencia na Idade Media. A meirande parte dos peregrinos chegaban a Santiago de Compostela a pé recorrendo o Camiño francés, pero os viaxeiros da Europa Atlántica chegaban ata as costas galegas en barco, e remataban o camiño andando. Sabemos por multitude de documentos que a cidade da Coruña era o principal porto de recalada de peregrinos. Valioso é o testimonio escrito do inglés William Wey, quen en 1456 deixou por escrito as súas vivencias nesta ruta.





A cidade da Coruña era durante toda a Idade Media unha cidade cosmopolita, nas súas rúas podíanse atopar viaxeiros de todo o norte de Europa, que Ben partían para Compostela, ou buscaban pasaxe de volta en un dos múltiples buques fondeaban na baía. Con tanto viaxeiro a actividade comercial estaba asegurada.


O declive de este Camiño inglés, como toda peregrinación a Compostela, iniciarase no século XVI coa expansión do protestantismo por Europa.





Pero volvamos ó século XXI que é o que nos interesa a nós. O Camiño Inglés ten dous puntos de partida. A saída coruñesa é inferior ós 100 km que esixe a igrexa para emitir a Compostela (agás para os empadronados na cidade da Coruña). Por este motivo a maior parte dos peregrinos actuais deciden inciar o Camiño en Ferrol. As dúas variantes únense na aldea de Bruma, e desde alí comparten camiño. A esta primiera etapa pola vía coruñesa ata Bruma tamén se coñece como Camiño do Faro.


Despois de recoller a credencial de peregrino na oficina de turismo da praza de María Pita dirixímonos ata a igrexa de Santiago para iniciar a etapa. Este templo, que é o máis antigo da cidade, é o inicio da ruta xacobea desde a Idade Media. Pola Cidade Vella herculina facemos os nosos primeiros quilómetros, cruzamos a Pescadería e poñemos rumbo a Catro Camiños. Os primeiros pasos de esta etapa son completamente urbanos, e a medida que imos deixando atrás o centro da Coruña a etapa vaise convertendo cada vez máis sosa, pero é o pago que hai que facer para sair de unha cidade como esta.





Seguimos andando, Catro Camiños, Monelos, a subida a Eirís e a chegada ao Portádego. A cidade queda atrás e entramos no municipio de Culleredo, aquí os primeiros quilómetros serán polo seu paseo ata chegar a igrexa de Santiago do Burgo. Vou a confesar que a etapa dividina en dous días. Sabía que este primeiro treito era demasiado urbán e recorrino de vispera para alixeirar a etapa. Recoñezo que para un coruñés é unha boa opción que diminuen a etapa en un par de horas plenamente urbanas.





A zona na que estamos xa ten unha toponimia plenamente medieval, o Burgo do Faro e na ribeira contraria ó Mero o Temple. Temos que recordar que A Coruña é unha cidade milenaria de pasado romano, pero coa inseguridade provocada pola caída de Roma, a cidade prácticamente desapareceu na busca da seguridade do interior da ría. As novas localidades, tanto o Burgo como o Temple pertencían á Igrexa. Co avance da Idade Media, Afonso IX non 1208 refundou a cidade da Coruña como vila de reguengo, pedindo a despoboación dos anteriores nucleos. O rei buscaba con esta fundación unha cidade de dominio real que frease a influencia da mitra compostelana na zona. O pasado xacobeo é presente na igrexa románica de Santiago do Burgo.


Iniciamos pois en este templo o segundo dos treitos que nos levará ata o río Barcés. Practicamente non imos pisar outra cousa que asfalto, si ben o trazado muda por completo ó primeiro tramo. Agora camiñamos por pistas rurais entre pequenas aldeas, as primeiras Almeiras, Alvedro, Sigras ou Anceis, son localidades onde se sinte a proximidade a unha cidade, as casas son de nova planta, en moitos casos de dudoso gusto, e na que abundan os gnomos nos pequenos xardíns.





Iniciamos pois en este templo o segundo dos treitos que nos levará ata o río Barcés.  Practicamente non imos pisar outra cousa que asfalto, si ben o trazado muda por completo ó primeiro tramo. Agora camiñamos por pistas rurais entre pequenas aldeas, as primeiras Almeiras, Alvedro, Sigras ou Anceis, son localidades onde se sinte a proximidade a unha cidade, as casas son de nova planta, en moitos casos de dudoso gusto, e na que abundan os gnomos nos pequenos xardíns.


Ao chegar á altura do concello de Carral imos gañando ruralidade, as casas vólvense máis tradicionais para o bo e para o malo, desaparecen os gnomos sobre a herba e a o olor dulzón do silo prevalece. É certo que a etapa está practicamente asfaltada, pero agora o Camiño entre as aldeas vai atravesando pequenos busques que nos resgardan do sol e nos alegran a vista. A esta altura pasamos por diante do albergue de Sergude, metade de etapa, e moitos aconsellanos para partir o treito. Na miña opinión a opción de partila no Burgo é máis aconsellable pese a diferenza de quilómetros. 




As botas pouco a pouco fóronme levando ata Sarandós, no concello de Abegondo. Antes de cruzar o Barcés dubidei en parar a tomar un café en un pequeno local de hostelería. Como a terraza estaba chea tirei para adiante. Non tardei moito en lamentalo, a calor iba collendo forza e empezaba o último treito da xornada. Desde o río hai un ascenso continuo, non pensedes que é un porto de montaña, pero a min chegoume abondo. En uns seis quilómetros gáñanse uns 400 metros de desnivel, nada que tire para atrás, pero esa chamada Costa Peito de demos de tomla con calma, treito de asfalto e aldeas, poucas, para na parte final ascender por pistas forestais con explotacións gandeiras. O final da ascensión está marcado por unhas antenas de telefonía.


Xa arriba chegamos á estrada que une Betanzos co Mesón do Vento. Por esta zona é onde se unen os dous ramales do Camiño inglés. Ata o momento non compartira xornada con ningún peregrino, e xente pouquiña. Agora poucos pero xa se ve xente coa mochila ás costas. Pasei diante unha pequena taberna con terraza na aldea das Travesas. Alí había peregrinos e decidín facer unha parada de avituallamento. Ofreceronme o selo do camiño, e en sete caso foron dous, o da parroquia das Travesas, e o da propia Casa Avelina. Contento, non sellara desde a saída da Coruña.





Xa queda pouco para chegar a Bruma, uns tres quilómetros á beira da estrada e por pistas rurais. Cheguei ó albergue público e puxen o último dos selos da etapa. Hospital de Bruma é unha pequena parroquia do concello de Mesía, parroquia exclave, é dicir, non linda con ningunha outra parroquia do seu mesmo concello. Isto débese as diferentes composicións municipais decimonónicas que a deixaron illada. Na Idade Media existía un pequeno hospital para peregrinos, de aí que se buscase este enclave para situar o albergue e final de etapa.


Final de etapa que para min non foi, tiña que volver para A Coruña, e o bus pasaba a un par de quilómetros, polo Mesón do Vento. A seguinte etapa xa será desde Ferrol.