Distancia |
29 km |
Dificultade |
Fácil |
Tempo |
6 horas |
M.I.D.E. |
1.1.1.3. |
Descarga do roteiro |
A cidade de Ferrol é actualmente o principal punto de partida do Camiño Inglés. Como ben saberedes este camiño pódese empezar tamén desde A Coruña, si ben, a cidade herculina está a menos de 100 km de Santiago, o que non abonda para recoller a Compostela en Santiago.
O Camiño Inglés era un dos percursos máis transitados na Idade Media. Os peregrinos chegaban dos portos atlánticos en barco e facían o último treito a pé. Cústame moito crer que en aquel momento Ferrol fose porto de recalada, dado que a cidade departamental era unha pequena aldea de pescadores, e o seu esplendor non chegaría ata o século XVIII, momento no que o Camiño estaba en franca decadencia. Sexa como for, Ferrol para nós é un lugar ideal para arrancar, e non seremos os únicos, xa que o Camiño Inglés é o segundo máis transitado no 2021.
O inicio do Camiño Inglés sitúase no ferrolán porto de Curuxeiras. Chegamos non moi cedo alí dado que a oficina de turismo non abre as portas ata as 8 da mañá. Buscábamos selar a credencial, había algo de cola, pero conseguimos o primeiro carimbo en poucos minutos. O primeiro quilómetro é pola zona monumental da cidade, pasando polo nostálxico Ferrol Vello e pola rúa Real, que atravesa o espectacular centro ilustrado ferrolán. A partir do Cantón de Molíns imos abandonando o Ferrol señorial.
Ferrol é unha cidade que vive do mar e para o mar. Desde o Cantón de Molíns enfilamos cara a porta de entrada dos estaleiros. A visión cambia radicalmente, xa non hai construcións de pasado modernista, e os barrios son a base de bloques de edificios de dudoso gusto e instalacións para a construción naval e militar, agochadas por un alto muro. A medida que imos camiñando empeza a aparecer o mar xa no barrio de Caranza, coas primeiras praias urbanas e vistas á ría.
Pouco a pouco Ferrol vai quedando atrás, entramos no concello de Narón, o nexo das dúas cidades é pouco claro, máis ben todo é a mesma urbe. Nós a esa altura transitamos por unha zona industrial. Moitos peregrinos atravesan cara Fene pola ponte das Pías aforrando 10 quilómetros, non será o noso caso. A medida que deixamos a zona industrial entramos por pistas asfaltadas en pequenas aldeas rururbanas ata chegar ó mosteiro de Xuvia.
O mosteiro de Xuvia é unha das xoias de esta etapa. Xuvia é unha pequena igrexa que formaba parte de un mosteiro cisterciense do século XII, de estilo románico con engadidos barrocos do século XVIII. O mosteiro é coñecido na zona como o Couto, e de aquí veñen os chamados pementos do Couto, pequenos, verdes, e aínda que con menos sona que os de Padrón non son menos sabedores.
Catro quilómetros nos separan da ponte do Xuvia; como vemos a etapa non é nada de outro mundo, practicamente camiñamos por asfalto, iso si, moi humanizado por en gran parte a través de paseos marítimos. Antes de chegar á ponte do Xuvia atopamos o fito dos 100 quilómetros a Santiago. Tras el cruzar á parte sur da ría e recorrer Neda e Narón.
Cando chegamos a Fene teremos andados sobre dous terzos da etapa. Fene é outra das vilas importantes que se achan na ría de Ferrol. A partir de esta localidade poñemos rumbo á ría de Ares. Para elo é preciso facer un pequeno ascenso ata o polígono do Vilar do Colo, nada que nos deba asustar, o ascenso é pouco esixente pateando camiños rurais e pouco asfaltados. Desde o polígono todo será prácticamente descenso ata Pontedeume a través de Cabanas.
Para chegar a Pontedeume debemos cruzar a súa espectacular ponte sobre o río Eume. A vila é unha de esas localidades con un rico pasado medieval, con unha certa decadencia, pero que non lle fai perder a súa fermosura. Próximo ó torreón está o albergue de peregrinos; estaba pechado e con aforo completo, a opción de selo pasaba por tomar unha cervexa nun local de hostelería.
Como se pode ver esta primeira etapa é moi urbana, moi asfaltada e na que o Sol lle pode restar atractivo; aínda así esta pesada xornada non debe darnos para atrás a un camiño tan entretido.