domingo, 12 de setembro de 2021

Camiño Inglés: Betanzos - Hospital de Bruma

 

Distancia 

24 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

6 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Antes de iniciar unha etapa paso horas buscando información sobre ela, maiormente na rede. Sobre esta terceira etapa que se inicia en Betanzos, a maioría dos blogs definíana como a etapa raíña pola súa dureza. Para min non foi tal, é bastante levadeira e posiblemente a anterior fose máis esixente. Este agradable paseo sen lugar a dúbida para min foi a máis agradable de camiñar.





Rompía o día en Betanzos e desta vez sí que estábamos alí para empezar a andar cedo. Non sabíamos o que nos ía deparar esa suposta etapa raíña. Betanzos estaba cheo de peregrinos e nós entre eles; tomamos un café rápido e selamos a credencial antes de camiñar. Non teño que indicar que Betanzos é unha cidade preciosa, igrexas, praciñas e un casco histórico medieval que non me atrevo a describir, pero de seguro que non vos vai a deixar indiferente.


Desde a Praza dos Irmáns García Naveira imos abandonando Betanzos buscando a pequena ponte das Cascas, e que salva o río Mendo. Desde a outra ribeira imos gañando altura rápida andando por unhas pendentes considerables. Non nos debe asustar, é pouco máis de un quilómetro que nos permite deixar Betanzos atrás. É un tramo moi asfaltado, como o será toda a etapa, pero bastante agradable. Cruzamos a autopista sobre unha ponte e  con outra ponte o río Mero, para entrar no concello de Abegondo, ao que pertence a parroquia de Cos, a uns sete quilómetros de comezar a xornada.






En uns catro quilómetros máis chegamos a Presedo. O tramo que vai de Cos a Presedo é moi cuestionado por moitos peregrinos. Ata fai catro ou cinco anos o trazado do Camiño era diferente, agora perde algún quilómetro pero discorre polo arcén de unha estrada. Cando lin os comentarios do treito antes de transitalo as críticas eran pola súa perigosidade; unha vez feito teño que dicir que o treito non é para tanto, si que circulan algúns coches, pero como por calquer outra pista. A estrada é moi secundaria, pero deberemos de andar con coidado.


En Presedo fixemos unha paradiña en unha taberna, estaba chea de camiñantes facendo unha paradiña a metade de etapa, e fixeron ben, dado que ata As Travesas, que está moi próximo ó final da xornada non se atopará ningún outro lugar onde parar. Despois de un petisco continuamos ruta por unhas pistas moi semellantes ás xa transitadas.





Pola cabeza rondaba a etapa da variante coruñesa, ata chegar a aldea de Travesas a subida era bastante forte e algo cansina. En este treito en teoría habería que chegar tamén ata ese punto, pero nada que ver, é certo que a subida é moi longa, en un ou dous puntos tira dos riles, pero non debe botarnos para atrás.


Rematada a subida chegamos a unha estrada con bastante tráfico, é o punto onde se unen os dous camiños ingleses, o que ven de Ferrol e o que ven da Coruña. Durante uns quilómetros iremos polo arcén da estrada. Aqui nas Travesas está o último local de hostelería, ultimo piscolabis e outro selo na credencial. Bruma xa está preto, a uns catro quilómetros.





A un par de quilómetros do final, deixamos atrás a estrada e camiñaremos os últimos metros por pistas forestais e rurais. En nada chegamos a Hospital de Bruma onde selaremos no seu albergue. En esta localidade hai constancia de hospital de peregrinos xa na Idade Media, pero non é a única caracteristica de Bruma; a vila forma parte do concello de Mesía, pero non limita con ningunha outra parroquia de este concello, polo que se encontra como unha illa dentro de outras terras.





Xa nos diredes como vos foi!




sábado, 4 de setembro de 2021

Camiño Inglés: Pontedeume - Betanzos

 

Distancia 

20 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

5 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Esta xornada non a empezamos cedo, presentase ante nós unha etapa curtiña, pero en un terreo con continuos sube e baixa típicos da orografía galega. Pontedeume é unha de eses perlas escondidas que ten a costa de Galicia; unha vila moi coñecida e con un rico pasado medieval que actualmente presenta un estado de melancolia por un certo abandono do seu casco histórico. Rúas estreitas en pendente forradas de pedra, igual que os restos da súa fortaleza, o Torreón dos Andrade, ou a súa ponte sobre o río Eume.





Tomamos un café en unha praciña central e pedimos o selo na cafetería. Alí comezamos a marcha ascendendo costa arriba entre as ruas de Pontedeume. O primeiro quilómetro e medio é en continuo ascenso, moi levadeiro, pero mellor que o fagamos a ritmo para non vaciarnos xa nos primeiros metros. A zona máis alta é Campolongo, é unha verdadeira mágoa que o Camiño non pase por San Miguel de Breamo, unha pequena igrexa románica moi próxima e que merece unha visita. 


A primeira metade da ruta lévanos a Miño. Pasada a primeira ascensión o camiñar tórnase moi cómodo, camiños cubertos de árbores e pequenas pistas rurais alquitranadas. É a parte máis doada da mañá, e tan só atoparemos un pequeno recoste pasado un campo de golf. 






Chegamos a Miño e fixemos unha paradiña para hidratarnos en un dos seus locais de hostelería. Miño non é unha vila que destaque para nada pola súa beleza, pero no verán si que veremos moita xente que se achega a súa magnifica praia. Nos seguimos adiante cara a veciña Ponte do Porco, onde atoparemos ao final das súas casas o río Lambre desembocando na ría de Betanzos.


Estamos nas antigas terras dos Andrade, e é visible en Pontedeume, Betanzos e tamén aqui na Ponte do Porco, donde se conservan restos do seu sinal familiar, o xabarín. Na Ponte do Porco había xa desde tempos medievais unha ponte para cruzar o río Lambre con unha pequena escultura de un xabarín en pedra. Este porquiño que simbolizaba a pertenza das terras á familia dos Andrade acabou bautizando a propia vila da Ponte do Porco.






Nós por agora non imos a cruzar o río, seguimos a xornada con el pola nosa dereita e afrontamos o último treito ata Betanzos. Agora si que vai a ser practicamente sobre asfalto e en un continuo sube e baixa con algunha costiña de consideración. Estamos xa no concello de Paderne e a cada poucos metros  pasaremos por algún grupiño de casas. Treito moi rural, con pouca sombra, e persoalmente para min foi o máis esixente ata chegar a Santiago.


A uns dous quilómetros para rematar, a altura da parroquia de Gas, vemos Betanzos ó lonxe. Xa non queda nada, pero xa había moitas ganas de chegar. Pouco a pouco imos baixando e xa na entrada de Betanzos pasamos pola igrexa de Santa María do Camiño, onde fixemos unha pequena parada para coñecer este templo renacentista. Continuamos rúa abaixo ata chegar ó Mandeo que cruzaremos para entrar no Betanzos histórico.






Entramos no Betanzos medieval a través de un pequeno arco, queda atrás o barrio da Ribeira e o Mandeo, e temos ante nós unha cidade fermosísima; rúas empedradas, casas góticas e espectaculares igrexas como San Francisco ou Santa María do Azougue. Rematamos no albergue de peregrinos na busqueda do último selo. Era cedo pero xa estaba cheo, polo que non había albergueiro nin selo, polo que tocaba buscalo con unha cervexa.







Outra etapa atrás, xa nos diredes como vos foi!