xoves, 30 de decembro de 2021

Camiño Inglés: Sigüeiro - Santiago de Compostela

 

Distancia 

16 km

Dificultade 

Fácil

Tempo

4 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta




Como se dí, Santiago está á carreiriña dun can. O noso Camiño Inglés por mor da pandemia da COVID-19 foi bastante atípico. Fixémolo por dias soltos ao longo dun mes, e esta que viña por diante era a última etapa, máis agradable que a anterior, e un pequeno paseo ata a catedral.





Sigüeiro é unha pequena vila que medrou na marxe norte do Tambre como lugar durmitorio de Santiago. O seu pasado é medieval, e diso temos constancia xa en documentos da época. A nós todo iso danos igual, é unha pequena vila non moi bonita, onde avituallarse para realizar o último treito do camiño inglés.


Por Sigüeiro como dixen pasa o río Tambre, e o primeiro que debemos de facer neste treito e atravesalo sobre a súa ponte. Na ribeira sur do Tambre comeza o concello de Santiago, nós no Camiño Inglés non imos a ter un Monte do Gozo, máis agora parecen que os quilómetros se fan mellor. Estamos na parroquia da Barciela e a poucos metros da ponte abandonamos a estrada xeral para camiñar pistas rurais.




Os seis primeiros quilómetros son a través de pistas rurais a través de Marantes, imos en paralelo á estrada xeral que vai a Santiago, pero con unha distancia suficiente para non ser conscientes da súa presenza. Pistas asfaltadas, entre casas pequenas, prados e campos de millo. Cada poucos metros atopamos ciclistas en sentido contrario ao discorrer dos peregrinos.







Na Sionlla tocamos brevemente a estrada xeral, pero a altura do seu centro educativo volvemos a tirar cara a dereita volvendo a gañar seguridade. Quen coñece a zona saberá que estamos entrando en Santiago polo polígono do Tambre, zona moi fea, pero o noso camiño volve a afastarse un chisquiño para darnos o treito máis bonito da etapa. Temos algunha que outra pendente, pero conxugaremos tramos boscosos con algunha que outra pradería.






No quilómetro 10 da etapa chegamos ao polígono do Tambre, que imos dicir de un polígono, son lugares de traballo, pero feos feos. Imos darlle vida ás botas ata chegar ata o Meixonfrío, primeiro bairrio compostelán no que se mestura o ambiente periférico medio urbano e medio rural. Pouco a pouco imos adentrándonos nas rúas picheleiras ata chegar á parroquia de San Caetano.






En San Caetano obtemos o último sello do camiño, estamos a tan só un quilómetro do final. O que nos resta e atravesar o casco vello compostelán pola zona dos Basquiños, San Martiño Pinario e rematar na porta de Praterías da Catedral.





Como vedes o Camiño Inglés rematou para nós, tivemos que esperar moitas horas e case mil peregrinos para obter a Compostela, pero a experiencia peregrina pagou a pena.





martes, 28 de decembro de 2021

Camiño Inglés: Hospital de Bruma - Sigüeiro

 

Distancia 

24 km

Dificultade 

Moderada

Tempo

6 horas

M.I.D.E.

1.1.1.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Era cedo de mañá cando empezamos a etapa, temos que indicar que nós a etapa comezámola no Mesón do Vento, en un par de quilómetros e a través de pistas rurais chegamos a Outeiro, no mesmo concello de Ordes. Hospital de Bruma quedaba atrás uns 600 metros, nós non estivemos en Bruma, pero sí que estivo presente a néboa; cousa da toponímia. Por adiante quedábanos unha etapa longa pero prácticamente chan, unha etapa de moita pista rural e pequenos espazos forestais. Realmente é unha etapa de transición.





Os seis primeiros quilómetros son totalmente chans, sempre sobre estreitas pistas asfaltadas que dan servizo ás diferentes aldeas e aos campos de cultivo. Nesta etapa si que atopamos bastantes peregrinos que pouco a pouco se ían achegando a Santiago. Pese a ser esta unha etapa xeitosiña, en canto á quilometraxe, podemos dicir que ata Sigüeiro non atoparemos servizos, unicamente un par de tabernas en O Castro e na Rúa.




Chegado ao quilómetro seis entramos en unha pequena zona forestal, curta iso si, pero que nos axudarán a cambiar algo a pisada, cousa que os nosos pés van a agradecer. Logo chegamos á primeira aldea, e os seguintes dez quilómetros serán alternando pistas e prados, con pequenas zonas forestais.





Á altura do quilómetro dezaoito chagamos a autoestrada, a etapa xa non foi moi atractiva, pero ben podía rematar aquí. Ata Sigüeiro queda unha hora e media a carón da AP-9 co seu continuo barullo, para rematar nun polígono industrial na vila do Tambre. En pouco tempo e xa en Sigüeiro damos por rematada a etapa.




Como podedes ver a etapa non foi moito do noso agrado, pero ata Santiago hai de todo. Quen se sinta con forzas en unhas tres horas máis está en Santiago, pero de vos depende.