venres, 15 de abril de 2022

PR-G 14 Ruta do Loio

 

Distancia 

15 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

5 horas

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Inicio do roteiro

N42° 45.872' W007° 33.828'

Descarga do roteiro

Track da ruta




Pouco a pouco un vai aprendendo que hai que elixir rutas recentes para evitar desgustos. A ruta do Loio é un sendeiro que foi homologado hai moitos anos, e claro, un pregúntase polo seu estado de conservación despois de tantos anos. Bicheando pola rede vin comentarios recentes, e indicaban que a ruta estaba en perfecto estado. Alá fomos, e non é que atopásemos unha ruta perfectamente conservada, senón que ademais para nós foi unha autentica xoia.





A ruta do Loio comeza na propia vila de Paradela. Empezámola baixando unhas escaleiras que enlazan nun sendeiro con forte descenso. Este primeiro tramo está moi ben coidado, con pasamáns para evitar caídas ou evitar o medo. En poucos metros e tras atraesar unha pasarela sobre o Loio vemos a fervenza da Rexedoira, salto de auga que forma o río que a ollo debe ter un sete ou oito metros.






Continuamos por unha área de forte descenso, posiblemente estes primeiros 500 metros sexan os que presenten un desnivel máis acusado. O camiño é relativamente ancho, totalmente tapizado polas follas dos carballos e castiñeiros que nos cobren as cabezas. Estamos no inverno, e a fraga cargada de humidade, polo que debemos andar con coidado de non esvarar. Temos que ter especial coidado ao camiñar polas diferentes pontes que nesta ruta cruzan o Loio, a madeira non sempre é a mellor amiga do sendeirista e a posibilidade de esvarón é moi alta.






Ao pouco de pasar a ponte collemos unha pista ancha e cómoda descendente. É unha zona boa de andar, na que atopamos rodeiras de vehículos pois estamos en unha fraga viva, o que nos deixa presente que a explotación forestal lonxe dos monocultivos de eucalipto e piñeiro son rendables. Pouco a pouco seguimos camiñando por pistas e sendeiros ata que atopamos unha pequena derivación cara o muíño de Pías. A sinal indicaba 100 metros,  e por aí serían, por un camiño descendente ata o río. O muíño está en ruínas, sen tellado, cuberto de vexetación no seu interior, no que xa faltaba a pedra de moer e o rodicio, pero sí nos permite imaxinarnos o funcionamento, fundamental para unha sociedade agraria de non hai tantos anos.







Retrocedemos e seguimos a marcha por unha paisaxe de soño, cruzamos de novo o Loio pola ponte da Retorta, e entre carballos centenarios chegamos ao muíño da Retorta. Este é un dos emprazamentos máis bonitos de todo o roteiro, unha enorme instalación hidráulica, con catro pedras de moer, o que indica a importancia do muíño no pasado. Está perfectamente restaurado, pechado cando nós pasamos, pero nun entorno idílico, onde a súa mellor versión se contempla dende a ponte de madeira. No camiño, hai unha pequena mesa de madeira que nos pode servir como lugar para avituallarnos.






E seguimos de ponte a ponte. Entre a ponte do muíño da Retorta ata a ponte de Portocarreiro hai uns dous quilómetros. A maior parte do camiño é sendeiro estreito con subidas e baixadas. Temos algunha zona de paisaxe antrópica con prados e vacas pacendo, pero a maior parte do camiño é por unha fraga madura como viñemos recorrendo en toda a xornada. Carballos antiquísimos, castiñeiros centenarios e fendidos formando caracochas, bidueiros e diferentes árbores cubertas por múltiples variedades de musgo que tapizan todo do verde, agás un chan ocre tapado polas follas do inverno.






Nada máis cruzar a ponte achamos as ruinas da vella capela de San Berte de Portocarreiro, da que non vos podo dar ningún dato. Tomamos folgos e subindo unhas escaleiriñas volvemos a recuperar o sendeiro, primeiro ascendente e logo descendente para chegar nun quilómetro á aldea de Loio. Na entrada da aldea sinálase unha pequena derivación ata o antigo mosteiro de Santa María de Loio, nós non fomos debido a que en algún blog leramos que o camiño estaba en mal estado. Alí acharanse escasos restos do que foi o primiero mosteiro en Galicia da Orde dos Cabaleiros de Santiago, orde militar do século XII que velaba pola protección dos peregrinos que camiñaban cara Santiago.






Na aldea de Loio a ruta divídese en dous ramais, collemos o que tira cara a dereita e iniciamos un mini circuito circular que nos devolverá ata este punto. A ruta homologada leva esta direción ata o Miño, si ben, tamén está sinalizada esta variante, moi recomendable. A través de quilómetro e medio de asfalto chegaremos ao final oficial de esta magnifica ruta, na fusión do Loio co Miño no encoro de Belesar.







Pero como vos dixen, nos non rematamos aquí o percorrido, continuamos de volta ata a aldea de Loio agora río arriba. Camiñamos por uns carreiros da plena Ribeira Sacra, socalcos abandoados na súa maior parte, que chegaban ata as augas do río, algún que outro sube e baixa, e unha pequena mesa nun mirador ao río que tamén nos serve para punto de recarga.






Agora sí pouco a pouco imos rematando o circuito, contemplamos a igrexa de Santa María de Loio dende a chamada Corga dos Frades, pequenos camiños que empregaban os cabaleiros para desplazarse. Santa María de Loio, está renovada, e é o único que se conserva da Orde de Santiago.






Pois ben, agora ata Paradela queda desandar o andado. Animádevos a coñecer esta ruta, que non vos vai a deixar indiferente. Ahhh, e xa nos diredes como vos foi!




venres, 1 de abril de 2022

PR-G 248 Sendeiro do muíño de Cuíña

 

Distancia 

14 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

5 horas

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Inicio do roteiro

N42° 41.372' W008° 11.598'

Descarga do roteiro

Track da ruta




Quen ten un amigo ten un tesouro, e un deses amigo, José Laxe, foi quen nos recomendou esta ruta. A ruta do muíño de Cuiña é un roteiro homologado que transita polo concello de Lalín. É unha ruta moi atractiva, con moita zona de río e fraga, pero tamén pola típica paisaxe da comarca do Deza, con pradarías, aldeas, pazos ou pontes medievais. Faranos pasar unha boa xornada de sendeirismo, si ben o trazado con multiples cruzamentos entre a propia ruta fará que a súa marcha sexa un pouquiño máis complexa, ao non poder despistarnos na marcha.





Este roteiro está perfectamente trazado e organizado, e iso é evidente xa desde o principio, conta con unha gran área de estacionamento ao inicio do recorrido. Deixamos o coche, puxemos as botas, acendemos o GPS e puxémonos en marcha en dirección descendente. En poucos metros xa atopamos o muiño de Cuíña, que da nome a esta ruta, unha antiga construción para moer gran, que aínda está en plena actividade.






Non imos a entrar na área do muíño, senón que tiraremos estrada arriba ata pasar a primeira curva onde seguindo as marcas o camiño adéntrase na fraga. Imos a carón do chamado regueiro de Santa Lucía, un treito cuberto por árbores autóctonas, un camiño que pasará a carón de varios muiños de auga, xa abandonados e perfectamente mimetizados co entorno. Nestes primeiros metros podemos ver un pequeno salto de auga, de uns catro ou cinco metros nos que o Santa Lucía se despeña buscando o Deza.





Seguimos o noso camiño, e uns metros máis abaixo, e xa próximo á desembocadura do regato no Deza, teremos que atravesalo sobre unha gran árbore caída a modo de ponte. Esa árbore está aí para facer esa función, con unhas cordas tensas a modo de pasamáns e unha malla metálica sobre a cortiza para evitar caídas ao río. 






Chegamos ao Deza, pero o sendeiro é semellante e agradable, estreitiño, próximo ao río e cuberto por carballos e algún que outro castiñeiro. Pouco despois de pasar baixo a ponte de vía férrea o trazado alónxase do Deza para ir gañando altura, aparecen os primeiros piñeiros e xa algunha explotación agraria e unha gran queixería. Nos seguiremos polo Camiño de Prata, que levan aos peregrinos a Santiago ata a Ponte Taboada.





A Ponte Taboada é unha das paradas obrigadas de este roteiro. Unha maxestuosa ponte románica formada por un gran arco de medio punto que arranca sobre dúas penas nas ribeiras do Deza. Actualmente une os concello de Lalín e Silleda, e está en desuso. En outro tempo era paso obrigado para os camiñantes que transitaban de Ourense a Compostela. Na banda de Silleda atópase unha inscripción en pedra que indica que a súa fábrica data da era do 950, o que ben sendo o noso ano 912. As lendas da zona din que é romana, pero de iso non hai presenza, o que sí indica o seu nome é a presenza de unha antiga ponte de taboas, Pons Tabulata.





A ruta continúa sen cruzar a ponte, pasaremos a través de un pequeno portillón na entrada do mesmo. Non debemos deixar atrás sen visitar as ruínas da antiga fábrica da luz. O treito continua co Deza de veciño uns cincocentos metros ata a unión deste co seu afluente Asneiro. Unha reviravolta farános ascender pouco a pouco entre o monte buscando as zonas altas da ruta. Ollo que nós en este treito despistámonos e fixemos unha pequena derivación de preto de un quilómetro por estar ao que non hai que estar.






O camiño morre nun cruce onde se mesturan as mil posibilidades da ruta, sobre un poste, media ducia de indicacións que nos poden facer dubidar, si miramos a pantalla do GPS sobre o punto catro posibles traxectorias. Sinxelo, collemos a nosa esquerda en direción ao pazo de Liñares, que si ben é unha pequena derivación paga moito a pena. Cando chegamos estaba pechado, e só o poidemos ver desde a porta de entrada. O pazo de Liñares actualmente pertence ao concello de Lalín e emprégase como sala de conferencias e ten parte do museo arqueolóxico de Pontevedra. BIC dende 2009, en outros tempos foi un edificio de referencia, en poder da familia Taboada, e na que pasaron tempadas entre outros ilustres, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán. Os pazos eran as casas de poder na Galicia Moderna, cando xa as casas fortes non eran precisas, e onde a abundancia de millo enchían os buches dos fidalgos que se fixeran fortes nunha Galicia sen nobreza señorial que facía séculos fuxira a Castela.





Continuamos a marcha por un territorio máis humanizado. A contorna está salpicada de pequenos bosques, moitos prados e pequenos grupos de casas. En un principio imos baixando por camiños de carro cubertos ata chegar ás ribeiras do Asneiro, para despois volver a subir atravesando a aldea de Eirexe ata chegar ao cruce múltiple.





Desde este cruce ata o punto no que empezamos a andaina quedan dous quilómetros por adiante. Levamos un bo anaco por unha zona na que a verdade é que o encanto inicial se esvaeceu, pouco a pouco o camiño volve a orientarse cara o Deza e a súa fraga. A verdade é que nós estabamos bastante cansos e tiñamos ganas de rematar a xornada, e pese a ser unha ruta ben bonita, xa todo sobraba.






Chegamos de novo ao punto de inicio, sentamos un anaco e aproveitamos para alimentarnos. Cheos de forza optamos por continuar co trazado. A esta ruta quedáballe unha volta que arrancaba e remataba neste punto, uns tres quilómetros por camiños rurais, que cheos de enerxía víanse de outra maneira. O primeiro elemento polo que pasaba esta ruta era unha vella curtiduría, denominada de Manuel Cortizo. Neste concello houbo ata catro factorías de curtido de peles, e en concreto esta estivo operativa dende o século XVIII ata mediados do século XX.





Continuamos marcha na busca de novo do regato de Santa Lucía, pero non só o achamos a el, senón tamén unha pequena capela homónima do século XVIII e con forma de L. Parece que ten bastante apego entre os veciños, e o 25 de decembro celébrase unha pequena romaría.





Continuamos regato abaixo e atopamos un pequeno muíño de Santa Lucía, que sorteamos coa axuda de unha escada. En poucos metros remataremos a ruta no muíño de Cuíña.





Facédea, non vos arrepentiredes, e xa nos diredes como vos foi.  





domingo, 30 de xaneiro de 2022

Ruta Carballeiras de Brión

 

Distancia 

16,5 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

5:30

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Non é preciso achegarse á montaña para pasar unha xornada de sendeirismo agradable. Isto foi o que nos aconteceu con esta ruta polas terras de Brión. Un percorrido próximo ao río Tambre, pero que nos transporta a tempos pasados, camiñando por cómodos camiños baixo espesas carballeiras. Unha gozada para os sentidos.





A ruta comeza nada máis cruzar o Tambre na chamada ponte de Ons. Na ribeira brionesa podemos ver as instalacións de un clube de remo, xunto ao seu balado é un bo lugar para deixar o coche. Temos que ter coidado coa estrada, pero no outro lado, vemos un camiño lixeiramente ascendente. Hai paneis de sendeirismo, en este caso non é para a nosa ruta, na zona hai varias, pero coinciden bastante co noso percorrido. O primeiro panel sinala a Ruta da Lamprea.





Esta ruta é máxica desde os primeiros pasos. O camiño era ancho, practicamente chan, e cuberto por unha alfombra de follas vermellas das árbores. Sobre o camiño as grandes polas de carballos, castiñeiros e algún cerquiño cubertos de musgo. Arrancamos ben cedo nun día de inverno, facía moito frío e a xeada aínda non desaparecera. O ruído dos nosos pasos era formidable, criscando a cada pisada sobre as follas e as laminiñas de xeo.






Como estamos no inverno, as árbores están sen folla, o que nos permite contemplar o Tambre dende o camiño como si de un balcón se tratase. As augas ían lentas, estamos moi próximos a un encoro e a forza da auga sénteo, pero esas augas calmas son a excusa que teñen os múltiples remeiros que víamos nas súas piraguas mentres camiñábamos. Cada pouco tempo víamos indicacións que sinalaban pesqueiras antigas, construcións feitas décadas atrás para poder pescar lampreas.






O camiño vai a dar á primeira aldea da xornada, Forxán. É a típica aldea con trama bastante pechada, que prácticamente rodearemos pasando polo castro de Froxán, onde podemos ver claramente os seus parapetos, pero debemos indicar que non está escavado. Avandonamos a aldea por unha pista, e xa na veciña Ombre viramos á nosa dereita entre plantacións de millo buscando o río Viceso que nos acompañará ata a próxima localidade.





Antes de chegar a Pousada atopamos o cruceiro de Goriña, moi curioso este, datado a finais do século XVII destaca por unha pequena fornacina na zona superior do fuste que acolle unha pequena escultura da Virxe co Neno. Desde este punto toca pista asfaltada, entre aldeas e prados, treito moi cómodo dos que se aproveita para subir a media.





A última aldea pola que transitamos foi Ons, e a súa enorme igrexa serveunos para facer a paradiña do xantar no seu adro. A igrexa estaba pechada, e segundo indican uns carteis informativos, no seu interior hai un fermoso retablo pétreo barroco de finais do século XVIII. Quedamos coas ganas de velo, e sentamos detrás da ábsida para comer un bocadillo con vistas ao val.





Saíndo de Ons iniciamos o terceiro treito da ruta, a interese volve a ser tremenda. Volvemos a adentrarnos na fraga na busca do Tambre con bastante desnivel, pero o certo é que tan só faltaba que saíse unha fada encantadora ou algún gnomo do sombreiro dun cogumelo.





Fixemos unha pequeniña derivación de uns metros para achegarnos ao río e ver os restos den unha pesqueira. As pesqueiras eran construcións a base de fileiras de rochas a modo de corredor, con unha serie de ocos nos que se penduraban unha trampa a base de redes para capturar lampreas. Actualmente están abandonadas, pero son parte do patrimonio das nosas ribeiras.





O camiño de volta aínda nos deixaba unha sorpresa, o chamado Pozo Negro, unha pequena fervenza que formaba o regato de Chavielos de camiño ao Tambre. Os seis metros de caída son unha delicia, que nos animan a que nos acheguemos ao salto ata chegar a un pozo escuro onde morre, de aí o seu nome.





Xa non queda nada para chegar á ponte de Ons e rematar a ruta. Seguimos na mesta carballeira ata os últimos metros. A nós chiflounos esta andaina, pero xa nos diredes como vos foi a vos.




xoves, 13 de xaneiro de 2022

Ruta do río Trimaz

 

Distancia 

14 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

4:30

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta


Levo un par de anos viaxando a diario ás Pontes de García Rodríguez. Normalmente un non lle presta demasiada atención ao que ten cerca, e é certo que cando iniciamos a andadura do blog realizáramos unha ruta por esta zona que nos encantara, o PR-G 147 Fragas da Ribeira e Lostegal. Ultimamente estaba vendo en bastantes blogs uns comentarios moi bos da Ruta do río Trimaz, no veciño concello de Xermade. Pois alá fomos un sábado, e a verdade é que non defraudou para nada.




Estamos na Terra Cha, unha comarca chan como indica o seu nome e cunca hidrográfica do río Miño. A ruta que presentamos na súa maior parte recorre sendas de pescadores a carón do río Trimaz. Sendas moi agradables, estreitiñas e onde domina a vexetación de ribeira serán o prato forte da xornada, pero tamén atravesaremos unha fermosa carballeira e camiños rurais por toda a aldea de Cabreiros.





E Cabreiros é o noso punto de inicio, concretamente o lugar de Chao. A carón dos restos de unha antiga igrexa, da que hoxe tan só se manteñen uns arcos formando unha praza iniciamos a ruta. Recorremos uns primeiros metros de pista rural asfaltada, pero a man dereita o trazado xira para buscar unha pequena senda de pescadores. Non son moitos metros ata chegar á estrada, pero tras atravesala, volvemos a retomar o sendeiro.





Este sendeiro non está homologado, pero atopamos sinais oficiais en boa parte do recorrido, non sabemos o que pasou coa homologación. O Trimaz a esta altura non é un río importante, e terá que esperar a chegar ao concello de Vilalba para fundirse co Magdalena mudando o seu nome polo de Ladra, un dos principais afluentes chairegos do Miño. A nós isto traenos sen coidado, estamos camiñando por unhas sendas ven bonitas, que por veces nos obrigan a abrir ou pechar algunha cancela, ou incluso ter coidado cos cabalos de algunha finca colindante.





Como podemos ver no trazado a partir do quilómetro tres a ruta fai un pequeno bucle de uns catro quilómetros. O primeiro treito de esta volta é idéntico ao que viñamos camiñando, pero  no quilómetro cinco o río queda atrás e tomamos unha pequena estrada sen apenas tráfico ata chegar a un pequeno grupo de casas chamado Penachaíña, para uns metros máis alá tomar un desvío descendente por unha cómoda pista forestal que nos pechará o círculo.





Continuamos a ruta na busca de outro curso de auga, un regato que na cartografía se denomina rego das Caxigas. Pasamos a carón de un muíño de auga e uns metros máis adiante nunha zona de braña tivemos unha pequena confusión. Fose como fose perdemos o trazado do camiño e a sinal do GPS non axudaba demasiado. Ao principio o agobio foi notable, a sinal do GPS non era mala e o camiño marcado estaba próximo, só que non o atopamos. Decidimos atravesar unha fermosa fraga de carballos e moitos castiñeiros, e mentres apañábamos castañas no chan chegamos en un acusado ascenso ao camiño principal.








Quedábanos por adiante os últimos cinco quilómetro de ruta, e parecía que xa estaba todo rematado. Os camiños cada vez eran máis anchos e cómodos de camiñar, pasamos por algunha aldea como Vilacide. Recordo que en este tramos tivemos que transitar por unha zona desbrozada  que relentizaban bastante o paso. En un pequeno monte aproveitamos para facer unha paradiña e avituallarnos antes de chegar ao final.





Os últimos quilómetros son entre casas do rural coa sorpresa de algún mastín que coidaba tanto do gando como da entrada das casas. En sí podemos dicir que foi unha ruta moi sinxeliña, pero cargadiña de interese.





Xa nos diredes como vos foi!!!