domingo, 30 de xaneiro de 2022

Ruta Carballeiras de Brión

 

Distancia 

16,5 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

5:30

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta



Non é preciso achegarse á montaña para pasar unha xornada de sendeirismo agradable. Isto foi o que nos aconteceu con esta ruta polas terras de Brión. Un percorrido próximo ao río Tambre, pero que nos transporta a tempos pasados, camiñando por cómodos camiños baixo espesas carballeiras. Unha gozada para os sentidos.





A ruta comeza nada máis cruzar o Tambre na chamada ponte de Ons. Na ribeira brionesa podemos ver as instalacións de un clube de remo, xunto ao seu balado é un bo lugar para deixar o coche. Temos que ter coidado coa estrada, pero no outro lado, vemos un camiño lixeiramente ascendente. Hai paneis de sendeirismo, en este caso non é para a nosa ruta, na zona hai varias, pero coinciden bastante co noso percorrido. O primeiro panel sinala a Ruta da Lamprea.





Esta ruta é máxica desde os primeiros pasos. O camiño era ancho, practicamente chan, e cuberto por unha alfombra de follas vermellas das árbores. Sobre o camiño as grandes polas de carballos, castiñeiros e algún cerquiño cubertos de musgo. Arrancamos ben cedo nun día de inverno, facía moito frío e a xeada aínda non desaparecera. O ruído dos nosos pasos era formidable, criscando a cada pisada sobre as follas e as laminiñas de xeo.






Como estamos no inverno, as árbores están sen folla, o que nos permite contemplar o Tambre dende o camiño como si de un balcón se tratase. As augas ían lentas, estamos moi próximos a un encoro e a forza da auga sénteo, pero esas augas calmas son a excusa que teñen os múltiples remeiros que víamos nas súas piraguas mentres camiñábamos. Cada pouco tempo víamos indicacións que sinalaban pesqueiras antigas, construcións feitas décadas atrás para poder pescar lampreas.






O camiño vai a dar á primeira aldea da xornada, Forxán. É a típica aldea con trama bastante pechada, que prácticamente rodearemos pasando polo castro de Froxán, onde podemos ver claramente os seus parapetos, pero debemos indicar que non está escavado. Avandonamos a aldea por unha pista, e xa na veciña Ombre viramos á nosa dereita entre plantacións de millo buscando o río Viceso que nos acompañará ata a próxima localidade.





Antes de chegar a Pousada atopamos o cruceiro de Goriña, moi curioso este, datado a finais do século XVII destaca por unha pequena fornacina na zona superior do fuste que acolle unha pequena escultura da Virxe co Neno. Desde este punto toca pista asfaltada, entre aldeas e prados, treito moi cómodo dos que se aproveita para subir a media.





A última aldea pola que transitamos foi Ons, e a súa enorme igrexa serveunos para facer a paradiña do xantar no seu adro. A igrexa estaba pechada, e segundo indican uns carteis informativos, no seu interior hai un fermoso retablo pétreo barroco de finais do século XVIII. Quedamos coas ganas de velo, e sentamos detrás da ábsida para comer un bocadillo con vistas ao val.





Saíndo de Ons iniciamos o terceiro treito da ruta, a interese volve a ser tremenda. Volvemos a adentrarnos na fraga na busca do Tambre con bastante desnivel, pero o certo é que tan só faltaba que saíse unha fada encantadora ou algún gnomo do sombreiro dun cogumelo.





Fixemos unha pequeniña derivación de uns metros para achegarnos ao río e ver os restos den unha pesqueira. As pesqueiras eran construcións a base de fileiras de rochas a modo de corredor, con unha serie de ocos nos que se penduraban unha trampa a base de redes para capturar lampreas. Actualmente están abandonadas, pero son parte do patrimonio das nosas ribeiras.





O camiño de volta aínda nos deixaba unha sorpresa, o chamado Pozo Negro, unha pequena fervenza que formaba o regato de Chavielos de camiño ao Tambre. Os seis metros de caída son unha delicia, que nos animan a que nos acheguemos ao salto ata chegar a un pozo escuro onde morre, de aí o seu nome.





Xa non queda nada para chegar á ponte de Ons e rematar a ruta. Seguimos na mesta carballeira ata os últimos metros. A nós chiflounos esta andaina, pero xa nos diredes como vos foi a vos.




xoves, 13 de xaneiro de 2022

Ruta do río Trimaz

 

Distancia 

14 km 

Dificultade 

Fácil

Tempo

4:30

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta


Levo un par de anos viaxando a diario ás Pontes de García Rodríguez. Normalmente un non lle presta demasiada atención ao que ten cerca, e é certo que cando iniciamos a andadura do blog realizáramos unha ruta por esta zona que nos encantara, o PR-G 147 Fragas da Ribeira e Lostegal. Ultimamente estaba vendo en bastantes blogs uns comentarios moi bos da Ruta do río Trimaz, no veciño concello de Xermade. Pois alá fomos un sábado, e a verdade é que non defraudou para nada.




Estamos na Terra Cha, unha comarca chan como indica o seu nome e cunca hidrográfica do río Miño. A ruta que presentamos na súa maior parte recorre sendas de pescadores a carón do río Trimaz. Sendas moi agradables, estreitiñas e onde domina a vexetación de ribeira serán o prato forte da xornada, pero tamén atravesaremos unha fermosa carballeira e camiños rurais por toda a aldea de Cabreiros.





E Cabreiros é o noso punto de inicio, concretamente o lugar de Chao. A carón dos restos de unha antiga igrexa, da que hoxe tan só se manteñen uns arcos formando unha praza iniciamos a ruta. Recorremos uns primeiros metros de pista rural asfaltada, pero a man dereita o trazado xira para buscar unha pequena senda de pescadores. Non son moitos metros ata chegar á estrada, pero tras atravesala, volvemos a retomar o sendeiro.





Este sendeiro non está homologado, pero atopamos sinais oficiais en boa parte do recorrido, non sabemos o que pasou coa homologación. O Trimaz a esta altura non é un río importante, e terá que esperar a chegar ao concello de Vilalba para fundirse co Magdalena mudando o seu nome polo de Ladra, un dos principais afluentes chairegos do Miño. A nós isto traenos sen coidado, estamos camiñando por unhas sendas ven bonitas, que por veces nos obrigan a abrir ou pechar algunha cancela, ou incluso ter coidado cos cabalos de algunha finca colindante.





Como podemos ver no trazado a partir do quilómetro tres a ruta fai un pequeno bucle de uns catro quilómetros. O primeiro treito de esta volta é idéntico ao que viñamos camiñando, pero  no quilómetro cinco o río queda atrás e tomamos unha pequena estrada sen apenas tráfico ata chegar a un pequeno grupo de casas chamado Penachaíña, para uns metros máis alá tomar un desvío descendente por unha cómoda pista forestal que nos pechará o círculo.





Continuamos a ruta na busca de outro curso de auga, un regato que na cartografía se denomina rego das Caxigas. Pasamos a carón de un muíño de auga e uns metros máis adiante nunha zona de braña tivemos unha pequena confusión. Fose como fose perdemos o trazado do camiño e a sinal do GPS non axudaba demasiado. Ao principio o agobio foi notable, a sinal do GPS non era mala e o camiño marcado estaba próximo, só que non o atopamos. Decidimos atravesar unha fermosa fraga de carballos e moitos castiñeiros, e mentres apañábamos castañas no chan chegamos en un acusado ascenso ao camiño principal.








Quedábanos por adiante os últimos cinco quilómetro de ruta, e parecía que xa estaba todo rematado. Os camiños cada vez eran máis anchos e cómodos de camiñar, pasamos por algunha aldea como Vilacide. Recordo que en este tramos tivemos que transitar por unha zona desbrozada  que relentizaban bastante o paso. En un pequeno monte aproveitamos para facer unha paradiña e avituallarnos antes de chegar ao final.





Os últimos quilómetros son entre casas do rural coa sorpresa de algún mastín que coidaba tanto do gando como da entrada das casas. En sí podemos dicir que foi unha ruta moi sinxeliña, pero cargadiña de interese.





Xa nos diredes como vos foi!!!



xoves, 6 de xaneiro de 2022

Cascada de Sotillo

 

Distancia 

7,5 km 

Dificultade 

Moderada

Tempo

4 horas

Recorrido

Circular

M.I.D.E.

1.2.3.3.

Descarga do roteiro

Track da ruta




Sanabria é montaña, unha comarca que ten algo máis que o seu fermoso lago. Aproveitando unha ponte no verán, e que a situación pola COVID-19 non permitía un turismo diferente ao natural, preparamos as mochilas e saímos uns días en dirección Sanabria. A comarca conta con varias rutas sinalizadas, en este caso con marcas marróns. A ruta da cascada de Sotillo é unha das máis coñecidas, curtiña, pero que paga moito a pena.




Sotillo de Sanabria é unha típica aldea da comarca sanabresa, ruas estreitas con trama pechada e casiñas de mampostería tradicional, unha pequena aldea da serra de Segundeira na que se palpa o despoboamento rural. Sorprendeunos moito que a aldea estaba cargada de faixas reivindicativas, e unha muller pediunos si lle asinábamos un documento de protesta, Sotillo quere ser algo máis que unha bonita fervenza.





No centro da aldea hai unha pequena praciña a carón da igrexa, ollo que uns metros máis abaixo hai unha capela que pode dar lugar a confusión. Nesa praciña arranca a ruta, perfectamente sinalizada e balizada con marcas marróns. Entre as casas imos deixando atrás a aldea por unha pista descendente ata chegar ao arroio de las Truchas a uns 700 metros.





Ao chegar ao pequeno río vemos unha pequena área recreativa arbolada e con algunha mesa, veremos nada máis pasala un cruce que debemos coller pola nosa dereita. O percorrido cambia radicalmente, o camiño tende cara arriba para ir gañando altura, un chan pedregoso que por veces dificultan o paso, pero un camiño moi fermoso entre carballos, castiñeiros abeleiras e balados cheos de musgo e fentos. Indicar que era verán, e había multitude de moscas que por veces saturaban.




O ascenso foi continuo durante tres quilómetros, e pese a gañar uns 350 metros en altitude foi ben levadeiro. Na zona superior atopamos un cruce que vai cara a lagoa de Sotillo, nós non seguimos cara aló e tomamos direción descendente cara a fervenza. Este treito foi un pouquiño máis técnico, descendente, con grandes rochas na vía e que por veces facía falla o uso das mans. En 300 metro estamos a carón da fervenza.






A fervenza de Sotillo é un dos tesouros de esta comarca. Un salto de auga con unha caída de uns vinte metros en unha paraxe espectacular. O camiño remata nun mirador natural, bastante concorrido, e que nos permite gozar deste salto do río Truchas, xunto do seu fermoso e verde val. Si miramos para o ceo os boitres non paran de xirar sobre as nosas cabezas.





Seguimos coa ruta, pero atopámonos con unha sorpresa, por motivos de mantemento da mesma, o camiño estaba pechado. Volvemos sobre os nosos pasos e ao chegar á zona superior, había un sinal que indicaba un desvío alternativo. Dubidamos un anaco, pero continuamos por esta derivación. Vaia tortura!, un camiño aberto para a ocasión, moi pendente e seco, sobre terra branda que co desnivel, garantían caídas. Era certo que cada pouco tempo víamos puntos nas cortizas das árbores indicándonos o camiño.





A baixada alternativa fíxose ben longa, pero acabamos dando co camiño principal. Quédanos un treito de uns tres quilómetros moi levadeiros. Camiñaremos moi próximos ao arroio de Truchas, o camiño é de montaña, pero moi cómodo, por veces con algunha que outra pedra que dificultan o paso, e en outras veces con algo de auga. Esta zona está completamente arbolada sobre todo a base de carballos.





En nada chegamos de novo a Sotillo de Sanabria. A ruta foi curtiña, pero a calor, as moscas e os treitos alternativos fixeron que parecese máis longa. Iso si, é unha ruta moi recomendable!


Xa nos diredes como vos foi!




domingo, 2 de xaneiro de 2022

Senda de los monjes

 

Distancia 

4,5 km (Figuran 9 km xa que a fixemos ida e volta)

Dificultade 

Moderada

Tempo

2 horas (O dobre ida e volta)

Recorrido

Lineal (Nós fixemos ida e volta)

M.I.D.E.

1.2.2.3.

Inicio da ruta

N42° 07.387' W006° 44.877'

Descarga do roteiro

Track da ruta



Sanabria é unha de esas comarcas veciñas a Galicia que polo seu patrimonio cultural, e pola súa orografía montañosa sempre nos chamou a atención. Este verán de 2021 era un bo momento, a situación do COVID-19 non daba opcións a vacacións seguras, e montaña e camping en Puebla de Sanabria era a mellor das opcións. Garantízovos que foi un éxito total. 





Esta Senda de los Monjes era unha de esas camiñatas que tiña pendentes dende había moitos anos; posiblemente sexa a máis coñecida entre os domingueros que se aproximan á rexión, tanto pola súa facilidade como polas espectaculares vistas ó lago de Sanabria.


A andaina iniciase en Ribadelago Viejo, ao fondo da aldea e cruzando o río veremos un amplo aparcamento de onde saen varias rutas de montaña. Ribadelago tristemente ten o apelativo de Viejo. Poucos quilómetros Tera arriba levantábase un encoro para a produción de electricidade. Os fallos estruturais e a mala calidade da construción provocou que en unha noite de xaneiro de 1959 a presa se derrumbase anegando en poucos minutos a aldea de Ribadelago. podemos ver entre as súas rúas aínda multitude de casas destrozadas, e algún que outro monolito sobre o lugar onde se levantaba algunha humilde casa. Eses monolitos recordan ás 144 vitimas mortais, das que a meirande parte nunca apareceron.






Deixemos atrás as penas e iniciemos a camiñata cara San Martín de Castañeda. Ao pasar a pequena ponte que nos saca do aparcamento e nos adentra na aldea xa atopamos as primeiras marcas da ruta. O primeiro quilómetro transcurre por unha pista bastante ancha e sen ningún tipo de dificultade nin elevación ata que cheguemos ata unha pequena granxa de cabras ou ovellas. En ese treito camiñamos sin velo en direción ó lago, veremos iso sí zonas de pasto e multitude de mosquitos que nos estropean o treito. Recordade que si atopamos algunha porta pechada, debemos deixalas tal e como estaban, intentan evitar a fuxida do gando polo monte.






Pasado unha pequena ponte que nos salva un regato comezamos a subir, temos que ter en conta, que aínda que sinxela, esta é unha ruta de montaña. O próximo treito de uns 2 quilómetros será sempre en continuo ascenso, salvaremos uns 250 metros positivos, o que nos da unha pendente media superior ó 10%. A verdade é que é bastante levadeira, bótase en falta algo de sombra, pero as boleiras e pequenas pedras polas que pisaremos facilitarán a marcha a modo de escaleiras en algunha zona.


O paso da xente é continuo, esta é unha das rutas máis coñecidas para os domingueros en Sanabria. Pasados uns dous quilómetros de ascenso, e algunha que outra parada para coller folgos e hidratarnos chegamos a un promontorio que funciona como mirador do Lago de Sanabria. Xa o fomos vendo en varias ocasións ao largo da xornada, pero realmente agora merece unha paradiña para ver esta masa de auga desde o alto.








O lago de Sanabria é o maior lago glaciar de España. Orixinado durante a glaciación de Würm, foi escavada unha cubeta por un enorme glaciar que baixaba desde Pena Trevinca e Pena Survia. Co desxeo a cubeta foi colmada de auga formando este lago, e deixando ademais pola zona boleiras que formaban parte da morena. Actualmente o río tera atravesa este lago con unha profundidade máxima de 53 metros. Nas súas ribeiras podemos atopar algunha praia, moi concorridas no verán, pero toda unha delicia para xente de costa coma nós.






Deixamos atrás o mirador e seguimos a ruta, aínda nos restan uns 500 metros para chegar á parte máis alta. Estes metros son bastante máis cómodos e con unhas impresionantes vistas ó lago. Chegaremos a unha pequena estrada que leva á Lagoa de los Peces, pero nós iremos en direción descendente xa ata o final da ruta e sin abandonar asfalto en ese pouco máis de un quilómetro que nos resta.


Antes de chegar a San Martín de Castañeda atopamos un concorrido mirador, nada de outro mundo despois de ver as vistas do lago desde a ruta. Podemos ver entre as casas un mosteiro, e de aí deriva o nome da ruta. Os monxes cistercienses que se ubicaron en San Martín de Castañeda eran os señores do lago. A súa explotación non só lle orixinaba suculentas rendas, senón que as troitas complementaban de proteínas a súa dieta. O camiño que recorremos era o mesmo que facían os monxes para baixar ó lago na Idade media.






A ruta remata no propio mosteiro. A zona estivo ocupada polos monxes desde o século IX, si ben este é un mosteiro románico do século XII construído en tempos de Afonso VII. Anos máis tarde, xa no século XIII a comunidade abraza a reforma de Citeaux, sendo o único exemplo zamorano do cister situado en montaña. Coa desamortización de Mendizabal en 1836 o mosteiro pasou a abandono, do que prácticamente queda tan só a súa igrexa orixinal. En tempos da República pasou a ser Monumento Nacional. Por último indicar que Miguel de Unuamuno, en un dos seus estios nestas terras inspirouse en esta vila para escribir San Manuel Bueno, martir.





Agora rematada a ruta quedan dúas opcións, volver sobre os pasos andados ata ribadelago, o que nós decidimos. Ou darlle a volta o lago por asfalto e pouco interese.


Xa diredes como vos foi!