domingo, 26 de febreiro de 2017

PR-G 126 Ruta do Pan




Distancia
4,2 km
Dificultade
Media
Tempo
 1:30 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.2.2.
Inicio da ruta
N41° 57.922' W008° 08.585'
Descarga Roteiro
FOTOS


Buscando rutas por internet atopei este trazado chamado como A Ruta do Pan; as miñas expectativas sobre este pequeno recorrido sempre foron moi altas e aínda que pequeno recorre unha zona de media montaña na serra do Xures. A ruta está moi ben conservada e transcorre por camiños enlousados entre balados cubertos por verdes capas de brión. A ruta rematará en un espectacular mirador na chamada Casa do Frade, sobre o río Castro Laboreiro, punto que separa Galicia de Portugal.





A Ruta do Pan recorre o Parque Natural da Baixa Limia -  Serra do Xurés, situado no sur da provincia de Ourense e que limita co veciño Parque Nacional Peneda - Gerês xa en Portugal e formando entre os dous o único parque transfronteirizo de Europa. É unha zona de media montaña con presencia de grandes masas arbóreas e especies animais únicas como o lobo, a londra ou a vaca cachena.





O inicio da ruta está na entrimesa de Guxinde, ó final da aldea atopamos un cartel que sinala o arranque da pateada. Os primeiros metros serán entre as casa de Guxinde ata enlazar na parte baixa con un camiño de terra e moitas lousas de pedra. O día que elixín para facer a ruta orballaba un pouco e o camiño estaba completamente cheo de auga. Este tramo ten bastante desnivel e  entre as follas perdidas dos carballos e a gran cantidade de auga, as veces a modo de pequenos regos, facían o andar complicado e moi esvaradío, polo que recomendo facer sempre esta ruta en tempo seco.




En 500 metros rematamos o descenso e chegamos ó punto máis baixo da ruta, unha ponte de pedra cuberta de herba cruzamos o río Agro. Os seguintes 500 metros serán bastante chans, cruzaremos outra ponte tamén pechada por outra cancela e seguiremos por camiños a carón do río e bastante sombríos. Antes de comezar a subir localizamos a primeira derivación da xornada. A ruta está perfectamente sinalizada agás neste caso. A derivación remata nun muíño restaurado pero a poucos metros da ruta principal hai un cruce no que o poste de sinalización estaba no chan. Non tiña demasiado claro cal dos dous ramais coller e preferín dar volta a vía principal.





A partir de este lugar empezamos a ascender, en un quilómetro iremos gañando altura; o camiño tornase cada vez máis bonito, presenta os enlousados característicos do Xurés. Colocaban grandes laxes de pedra para aguantar do firme e non desfacer os camiños, como estamos vendo os desniveis rondan o 10% e a auga por momentos e nas zonas máis chans supera os dez centímetros; a pedra foi a solución para conseguir un camiño estable pero escorredizo. A carón fermosos muretes de pedra cubertos por brións e un fermoso bosque no que destacan os cerquiños e as súas follas espalladas polo chan.





A metade de ruta chegamos á aldea da Pereira, pouco antes de chegar xa imos vendo que a contorna cada vez está máis humanizada, aparecen os prados e as terras de labor. O gando é moi abundante nesta zona e a presenza de vacas e de ovellas coas súas chocas non deben sorprendernos. A aldea tocámola en un primeiro momento de resfilón, case esquivándoa, e continuando a ruta camiño da fronteira.




A Pereira queda atrás pero como dixen antes sería só a primeira pasada e eso débese a que ó pouco tempo de abandonar a aldea polo camiño principal chegamos a un cruce moi ben sinalizado e que abre camiño para unha nova derivación de por medio de un pequeno rodeo de un quilómetro aproximadamente volveranos a levar á Pereira. Como se pode ver no track da ruta eu non fixen a derivación en un primeiro momento, a ruta é lineal e a volta faise de novo polo mesmo camiño, así que este tramo deixeino para a volta.




Seguimos subindo e entramos en unha das zonas máis bonitas de todo o trazado, estamos camiñando pola zona do Mioto; o camiño aínda que con bastante auga e en continuo ascenso presenta o tramo mellor pavimentado, lousas ben cortadas e moi arregladiñas que fan moi agradable o camiñar. Aos lados balados de pedra húmidos e cubertos por brións e sobre eles multitude de carballos e de cerqueiros que ó perder as súas follas forman unha espectacular alfombra ocre.




A Gurita é a zona máis alta da ruta, xa queda menos de un quilómetro para rematar o recorrido e a contorna cambia totalmente. Non estamos a demasiada altura pero a masa arbórea desaparece e atopamos zonas de pastos e moito arbusto como xestas. Ata o final da ruta o único que nos queda é unha baixada ata a Casa do Frade. O día que elixín para coñecer a ruta probablemente non foi o mellor; abaixo chovía algo e arriba estaba todo cuberto por unha espesa nube. Este ten que ser un tramo de espectaculares vistas da serra e da zona portuguesa, cos característicos bolos graníticos do Xurés, pero eu isto só o supoño, por culpa da néboa non era capaz de ver máis alá de cen metros.




Chegamos ó final da ruta na chamada Casa do Frade, o punto final é un balcón natural que permite contemplar o fermoso río Castro Laboreiro. Dende o alto hai un remanso de paz, probablemente estamos observados por algún lobo ou corzo, pero a presenza humana é mínima. O río fai fronteira entre Galicia e Portugal, a coñecida raia administrativa que separa ós dous países. Uns metros máis abaixo hai uns muíños fariñeiros que lle dan o nome ó roteiro, pero un cartel desaconsella a baixada polo perigoso do trazado do camiño.




A ruta como tal xa está rematada e só nos queda desandar o andado cara Guxinde con coidado de non escorrer nas lousas do camiño. Si recordamos ó pouco de pasar a aldea da Pereira atopamos unha pequena derivación, pois a volta é o momento para coñecela, un camiño que rodea a aldea e remata recorrendo as súas rúas. Nada de outro mundo pero que nos cambiará o camiño. É certo que non está no track, pero non ten perda, iso si hai que prestar atención as marcas e seguir só as que indican derivación, xa sabedes as que están cruzadas por unha liña oblicua, pois na Pereira atopamos marcas de outra ruta que nos poden enganar e facer saírnos da ruta principal como foi o noso caso. 




Xa nos diredes como vos foi nesta fermosa ruta!!!




domingo, 1 de xaneiro de 2017

Ancares; Ruta dos Tres Bispos



Distancia
14 km
Dificultade
Baixa
Tempo
4 horas
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.2.2.
Inicio da ruta
N42° 49.140' W006° 55.262'
Descarga Roteiro
FOTOS


A finais do ano 2014 en un sorte que organizaba o blog Equipaxe de Man fomos agraciados con unha noite no Hotel da natureza Pontes de Gatín; a verdade é que todo saíu xenial e dende aquí o único que podemos facer e volver a agradecerllo e a recomendarvos tanto o blog de viaxes Equipaxe de Man como que vos animedes a pasar unha noite nas Pontes de Gatín. Dada a ubicación do hotel decidimos achegarnos a Degrada para recorrer a ruta dos Tres Bispos, posiblemente a ruta de montaña máis coñecida dos Ancares, moi sinxeliña e que nos permite adentrarnos na serra contemplando os seus cumes máis altos, bosques de acivros e carballos, e fermosas campas e goladas.





Moitas veces un tenlle cariño a unha ruta e non sabe o por que, neste caso si que o teño clarísimo, esta é a miña ruta favorita e foi a terceira vez que a fago. Como para moitos a ruta dos Tres Bispos foi o meu bautismo montañeiro fai preto de vinte anos, e dende aquela a miña paixón polos montes non fixo máis que crecer. Pasados uns quince anos volvín e engancheime de cheo no sendeirismo, e neste 2015 puiden gravar o track e compartilo con vos. Animádevos que seguro a vos tamén vos fará perder a cabeza.





Iniciamos a nosa ruta no albergue de Ancares a uns 1350 metros de altitude, deixamos o coche aparcado e vemos que a carón do aparcamento morre a estrada e arranca unha pista ascendente con restos de asfalto. Neste punto será onde teremos que comezar a ruta, aproximadamente durante un quilómetro camiñamos por unha pista ancha e cómoda con restos de asfalto. Ao rematar este tipo de piso chegamos a un cruce no que o camiño se bifurca, teremos que tomar o ramal da esquerda que sigue en ascenso xa que o da esquerda levaranos ao bosque de Cabana Vella polo que volveremos ó final da xornada. Practicamente é o único cruce da ruta e ademais está sinalizado con un monólito.





Este primeiro tramo da ruta que nos levará ata a Campa de Tres Bispos será en continuo ascenso pero de forma bastante moderada, debemos alcanzar os 1600 metros de altitude pero ao longo de seis quilómetros, unha pista ancha pola que podería pasar un coche sen problema e con pouco desnivel. A vexetación é arbustiva, con moito piorno e escoba, pero tamén aparecen bastantes carballos. 




No quilómetro cuarto chegamos á campa de Ortigoso, levamos xa un bo anaco camiñando por un cómodo camiño e disfrutando das vistas tanto do cordal formado polos cumes máis altos dos Ancares como do val que forma o río Vara, pero ó chegar a esta campa de Ortigoso vemos que por un momento o aspecto da ruta varía un pouco, o camiño segue sendo o mesmo pero en unha extensión non moi grande atopamos elementos característicos dos bosques ancareses como son os carballos, os freixos e sobre todo os acivros coas súas follas puntiagudas e os seus froitos vermellos que empregan ou empregaban as aves da zona para alimentarse no inverno. Este era o alimento dos urogalos, ou será si queda aínda algún.





A campa dos Tres Bispos da inicio a un novo tramo da ruta, o camiño morre neste gran circo e presentásenos dúas opcións, seguir polo camiño que se ve na fotografía cresteando ata o pico dos Tres Bispos, ou polo contrario baixar cara a Golada de Vara. Esta segunda opción foi a que fixemos nós por falta de tempo e en arte tamén por pereza. Dende esta campa podemos ver as altas cumes dos Ancares, Tres Bispos, Corno Maldito, Mustallar ou Penalonga entre outros. Esta campa é un fantástico lugar para descansar un anaco e contemplar as montañas, o nome dos Tres Bispos deriva de unha lenda medieval que dicía que nesta zona xuntáronse en reunión os bispos das dioceses limítrofes de León. Astorga e Lugo.






Desde a campa de Tres Bispos arranca un pequeno sendeiro que nos conducirá ata a golada de Vara, a ruta cambia por completo, adentrámonos nun bosque de carballos, abeleiras, piñeiros e acivros; un estreito sendeiro de quilómetro e medio no que será difícil perdernos, un camiño moi pisado sempre descendente entre unha espectacular fraga.





A golada de Vara ábrese ante nós ó final do sendeiro, un enorme prado que invita a que nos tiremos na herba un anaco a descansar e observar tranquilamente tanto as montañas como a fauna, non é complicado atoparnos con algún pozo. Esta zona está atravesada por un cómodo camiño que ven da zona do refuxio da campa de Brego e que segue cara o bosque de Cabana Vella. A trama do camiño volve a ser semellante a do primeiro tramo, ancho e bastante cómodo de andar, iso si a partir de este lugar arranca o terceiro treito diferenciado da ruta.




Dende a golada de Vara continuamos a ruta e adentrámonos de novo no bosque; a poucos metros estará a fonte do río Vara quen nos vai a acompañar uns dous quilómetros. O camiño ata que deixemos o río vai a ser sempre descendente, ancho pero con bastante pedra solta polo camiño que nos poden relentizar a marcha. Pasiño a pasiño imos entrando no bosque de Cabana Vella. Unha marabilla de bosque no que habitan lobos, xabarís, corzos ou si aínda existen algunha pita do monte; en canto a flora sobresae o carballo, pero son moi habituais os acivros e incluso algún teixo. Pouco a pouco imos descendendo entre o criscar das follas ata chegar ós 1150 metros de altitude no que abandonamos o río Vara co seu monte para empezar a ascender cara Cabana Vella.





Ata o enlace co treito de ida quedan uns catro quilómetros de ascenso e un desnivel positivo de uns 350 metros, a verdade é que non ten demasiada complicación a non ser que sexa un día no que aprete o calor; entre carballos e acivros chegamos rapidamente a unhas antigas construcións xa abandoadas e que dan nome ó bosque. Son as Cabanas Vellas, unha antiga factoría forestal ou serradoiro instalada na zona arredor dos anos 40 do século 20. No seu momento foi unha gran factoría para a zona traballando moitos veciños tanto nas serras como no transporta da madeira en carros, cando funcionaba incluso contaba cun teleférico para o transporte. Seguimos subindo e os carballos dan paso a unha maior presenza de acivros, para acabar desaparecer o monte alto pola altitude e dar paso de novo a piornos e escobas.





No momento que deixamos o bosque parece que a ruta xa está rematada, e practicamente é así restaran un par de quilómetros polos que pasaremos por un amplo portal, enlazaremos co cruce do primeiro tramo e baixaremos de novo cara o albergue. Este é o tramo das vistas, certo é que deixamos atrás o cordal e o Penarrubia pero dende o alto podemos ver os cumios de boa parte da serra, outra vista da ruta e non menos agradable.





Como podedes ver esta é unha ruta moi completa, posiblemente a ruta máis clásica dos Ancares galegos, animádevos a recorrela que seguro que non vos vai a defraudar!!!

domingo, 4 de setembro de 2016

Senda Costeira Caión - Baldaio



Distancia
6,5 km
Dificultade
Baixa
Tempo
2 horas
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.1.2.
Inicio da ruta
N43° 19.092' W008° 36.360'
Final da ruta
N43° 17.907' W008° 39.750'
Descarga Roteiro
FOTOS


Entre a vila de Caíon e a praia de Baldaio ábrese unha cómoda pista litoral que nos permite disfrutar de un tramo da costa bergantiñana espectacular. A totalidade da andaina está aberta ó mar, sendo un escaparate de acantilados, praias e das illas Sisargas. En sí o traxecto non ten complicación ningunha e pode facelo calquera persoa, animádevos e visitaredes de forma cómoda unha costa espectacular.





A vila de Caión aínda que de pequeno tamaño, é unha das vilas máis coñecidas da costa coruñesa. Situada nunha pequena península ten cara o seu leste un pequeno porto pesqueiro, deixando para o seu oeste a súa brava praia e o sentido da Nosa marcha. O punto de arranque situámolo na súa praza, formada por un grupo de casas e ademais pola Igrexa do Socorro, na que destaca a súa fachada plateresca. Pechando a praza tamén está o Pazo dos Condes de Graxal de mediados do século XVI, señores de Montaos e moradores desta vila que acabaron fundando a carón da igrexa o antigo mosteiro de Santo Agostiño.





Iniciamos pois así a nosa andaina tomando a rúa que arranca a carón da igrexa, daranos paso a un paseo marítimo que recorre a praia de Caión. Durante 700 metros iremos camiñando a carón da praia. En días de inverno poderemos ver a multitude de surfistas disfrutando das ondas nas súas augas. ë unha praia grande de areas finas e bastante concorrida no verán polas xentes da zona.




Ao final da praia atopamos un pequeno aparcamento e unha área recreativa, atravesámola e damos de cheo con unha ancha pista de terra pola que poderían transitar sen problemas calquera tipo de vehículo, e de feito é así, non é o máis habitual pero algún coche podemos atopar. O camiño é ancho e moi plano polo que podemos ter unha boa marcha.





A verdade é que pouca perda ten o camiño, cómodo de andar como se pode ver na fotografía e practicamente sen ningún cruce que nos faga dubidar en ningún momento. O atractivo da ruta son as formidables vistas ó mar. Sen perigo de que chegue ata nós, xa que a distancia é considerable. ó longo da marcha perderemos a nosa vista no horizonte, sempre coa presenza das illas Sisargas ó lonxe. Como dixen apenas ten cruce algún este trazado, tan só prestar atención na aldea de Leira e pouco antes de chegar á Pedra do Sal.





A Pedra do Sal é o punto máis alto da ruta; dende o alto e antes de adentrarnos nas súas rúas vemos ó lonxe a enorme praia de Baldaio e a súa lagoa. Quédanos menos de un quilómetro que o pasaremos observando o areal; praia aberta que mira cara o Golfo Ártabro e unha das máis largas de Galicia con case catro quilómetros. O ideal é facer a ruta en tempo de inverno, en un de eses días fríos despexados e de pouco vento que nos permiten ver as olas do mar cabalgando sobre os baixos e estrelándose contra os cantís da costa, ou contra a area da praia. Baldaio e Razo forman unha praia brava e perigosa. Un pracer para a multitude de surfistas que veremos sobre as olas de Baldaio.






O punto final da ruta está en unha caseta de observación ornitolóxica. Chegamos a Baldaio, lugar no que destaca a súa praia; pero si cabe é máis importante a súa marisma; unha enorme lagoa de auga salgada co unha pequena saída ó mar e no que invernan multitude de paxariños como gaivotas, garzas, cormoráns, correlimos, mazaricos ou garabitas. A lagoa de Baldaio é un lugar protexido grazas ó esforzo dos seus veciños, moi rica en berberecho e complemento da economía local que nos anos 70 foi lugar de enfrontamentos coa Garda Civil ao querer instalar alí unha areeira. Agora é un lugar de descanso para as aves, pero a costa da morte de unha rapaza ferida de bala.





Agora tan só queda dar volta cara Caión e desandar o andado. Xa nos diredes como vos foi!!!!

martes, 12 de xullo de 2016

Ruta das Insuas do Miño



Distancia
5 km
Dificultade
Moi fácil
Tempo
1 hora
Tipo de Roteiro
Circular
M.I.D.E.
1.2.1.1.
Inicio da ruta
N43° 06.932' W007° 36.996'
Descarga Roteiro
FOTOS


Cando pensamos en facer unha ruta de sendeirismo a maioría pensamos na montaña, si pensamos en illas a cabeza váísenos para a costa, pois ben, na Terra Cha podemos facer unha pequena ruta de sendeirismo por illas fluviais no río Miño; sinxeliña, bonita e mostrándonos posibilidades que posiblemente nunca contemplaramos. Ademais polas súas características esta é unha de esas rutas que se adaptan perfectamente ós nenos máis pequenos e que lles pode servir como inicio en esta actividade.





Na mesma vila de Rábade imos a atopar na antiga casa consistorial a chamada Casa das Insuas, un local cultural e de interpretación das Terras do Miño, que nos poden servir como punto de arranque da nosa ruta. É certo que unha ruta curtiña e moi sinxela de recorrer, pero está ubicada na Reserva da Biosfera Terras de Miño, e a súa flora e fauna farán de esta pateada unha saída que recordaremos.





Pasos abaixo da Casa das Insuas atopamos a vella ponte de Rábade que da acceso ó concello de Outeiro de Rei; de orixe romano actualmente ten trazas medievais con sete arcos apuntados de granito igual que os tallamares e en cachotería o resto da construción. Antigamente era un lugar de cobro de pontádego, pero hoxe en día como é normal o paso e libre prestando tan só atención ao paso de algún coche.




Dámoslle as costas a ponte e continuamos ou empezamos a marcha por un estreito sendeiro que transita pegado ó río Miño; durante quilómetro e medio será o noso compañeiro quedando sempre pola nosa dereita. Rábade sempre foi lugar de paso, e ó longo da ruta imos pasar por debaixo de dúas pontes máis, primeiro a do ferrocarril e despois a da autovía.





Ó pasar por debaixo da ponte do ferrocarril o sendeiro afastase da zona máis humanizada, entramos en unha zona semellante a anterior pero con máis presenza de vexetación de ribeira, o camiño sigue sendo estreito e encantador, ós nosos lados salgueiros, ameneiros, freixos, bidueiros ou pradairos. A trama do camiño estaba tapizada por follas secas que co noso andar chiscaban facendo do tramo algo realmente relaxante.





A Reserva da Biosfera das Terras do Miño sitúanse no curso alto do río. Por norma xeral o primeiro treito de un río é unha zona con bastante corrente e erosión acusada. Neste caso o Miño parece estar discorrendo de forma anómala. A comarca da Terra Cha como o seu nome indica é unha chaira con pouco desnivel e onde abundan as lagoas. A ausencia de pendente orixina que o río discorra a pouca velocidade e en un cauce con pouca profundidade. Estas características orixinan que o río non sexa capaz de arrastrar os sedimentos augas abaixo e quedan depositados nas ribeiras formando aluvións. Ano tras ano a area depositada vai crecendo chegando a formar verdadeiras barreiras para o río, o cal debe buscar camiño formando diferentes brazos; o terreo que emerxe entre as diferentes canles son as illas aluviais como son neste caso as insuas do Miño.






Xa levamos quilómetro e medio de camiñata  e chegamos a unha ponte que nos dirixe cara as insuas; a ruta non está demasiado sinalizada pero aquí si que vemos claramente unha frecha. As insuas do Miño están formadas por un arquipélago de tres unidades, a primeira é a illa de Abaixo, que non pisaremos pero que podemos ver xa dende a ponte da autovía; a segunda é a illa de Trabanca, e a que nos camiñaremos é a maior das illas a chamada de San Roque; enorme e que recorreremos parcialmente. Rábade é un concello minúsculo, practicamente a localidade e en este punto imos a deixalo xa ata o final da ruta para entrar no veciño Castro de Rei.




A insua de San Roque permítenos recorrer unha fermosura de bosque que combina trazos de vexetación de ribeira como é lóxico e por outra parte trazos da Terra Cha. Ó entrar atopamos enormes prados, aínda que sexa unha illa´está moi humanizada e estamos nunha bisbarra moi gandeira, seguimos o camiño e adentrase o cómodo camiño por un pequeno bosque de bidueiros, pradairos, carballos e destacan os acivros, especie de montaña que parece que tamén prenderon de forma moi bonita por estas zonas. Ás beiras dos camiños encontramos os típicos chantos chairegos; valos ou cerramentos de laxas de pedra que delimitan os campos.




Outra ponte devólvenos ó continente, deixamos atrás a insua de San Roque atravesando o chamado río Negro; este non é máis que un dos brazos do río Miño que envolve a insua de San Roque pola ribeira leste. Agora nós teremos que volver ata a ponte de Rábade, o sentido será o contrario deixando o río outra vez pola man dereita. Os camiños son semellantes ós de ida só que nesta parte de Outeiro de Rei quizais vexamos máis prado e explotacións agrícolas.





Teremos que recorrer este camiño ata que morra na estrada que une Rábade con Castro Ribeiras de Lea. Si prestamos atención tamén e frecuente ver fauna de ribeira, diferentes paxariños, parrulos nadando no río, algunha cobriña ou sapos e píntegas. Destaca como é lóxico o aproveitamento que a xente facía antigamente dos recursos que lles prestaba o río e unha fonte moi cobizada era a pesca. As troitas que  moi abondosas pero si prestamos atención ó río podemos ver uns pequenos muros que case non emerxen das augas; son os caneiros, construcións que rematan nun pequeno paso onde se lle colocaba unha pequena rede armada nun forcado para recoller as anguías que caían nel.





Desde que cheguemos á estrada tan só nos resta recorrer os poucos metros que separan este lugar de Rábade. Dende o mesmo cruce xa vemos o enorme muíño de Serafín, deixámolo atrás e non lle facemos demasiado caso ó track, xa que eu a poucos metros do muíño tentei buscar o río, por un antigo camiño que xa recorrera anos atrás, pero o que me atopei foron ortigas e silvas coas súas consecuencias durante horas; non paga a pena desviarse e continuaremos uns 500 metros pola pouco transitada estrada rural pasando pola fonte da Pinguela e o pazo de Mirapeixe, para volver a cruzar o Miño pola ponte vella e chegar ó final na Casa da Insua.




Animádevos a facer esta pequena ruta, é verdadeiramente fermosa, descubriredes a Reserva da Biosfera das Terras do Miño, e será ideal para iniciar no sendeirismo ós máis cativos.


luns, 16 de maio de 2016

PR-G 126 Ruta dos miradoiros Lobeira - Faro das Lúas.



Distancia
5 km
Dificultade
Baixa
Tempo
1:15
Tipo de Roteiro
Lineal
M.I.D.E.
1.2.1.2.
Inicio da ruta
N42° 33.447' W008° 46.797'
Final da ruta
N42° 33.828' W008° 45.716'
Descarga Roteiro
FOTOS


O PR-G Ruta dos miradoiros Lobeira - Faro das Lúas e unha das rutas de sendeirismo máis antigas do Salnés, ou polo menos en canto ao que se refire a súa sinalización. Unha ruta sosa que percorre tramos ascendentes flanqueados por eucaliptais pero coa guinda de un par de miradoiros que son un pretexto máis que suficientes para facer a ruta, dous balcóns con vistas privilexiadas da ría de Arousa na súa totalidade.





A parroquia de András é unha pequena aldea do interior do concello de Vilanova de Arousa; buscaremos a súa igrexa onde podemos deixar o coche nas súas inmediacións e acendemos o gps para iniciar a ruta. Creo que este é un bo lugar para comezar a marcha, despois de darlle unha volta ó templo iniciamos a ruta subindo pola pequena pista na busca do cartel de inicio de ruta.





Si se sigue o track tal e como volo presento eu a carón de onde se marca o inicio da ruta adentramonos en unha pequena devesa de piñeiros, o certo é que eu seguín un track pouco detallado e era o sentido que me indicaba, a verdade é que non o recomendo para nada, si que nos separamos da estrada e de algún coche perdido, pero a traza de sendeiro é inexistente, un monte bastante sucio que non nos vai a reportar nada. Así que en lugar de adentrarnos no monte á altura do cemiterio, seguimos a estrada ata chegar coas primeiras casas.





Queda atrás este piñeiral e tocamos un grupiño de casas de András, agora a paisaxe cambia completamente, transitamos por pistas asfaltadas a carón das famosas viñas de albariño. O campo de visión é enorme chegando a ver claramente e non moi lonxe a ría de Arousa. Neste tempo, na primavera, as viñas están cubertas de follas novas formando un verdadeiro mar verde. Pouco a pouco seguimos andando ata chegar na zona alta ó fin da pista e das casas para continuar por unha vía de terra ascendente.





A primeira das paradas é o Faro das Lúas, para chegar a este primeiro miradoiro debemos de continuar por unha pista ancha de terra entre piñeiros, moitas xestas e algunha que outra mimosa. Este tramo ten algunha sinal de sendeirismo en branco e amarelo, pero practicamente en todo o tramos iremos a carón de uns tubos amarelos que deben de empregarse para as canalizacións de gas. Pouco a pouco iremos gañando altura ata atopar ao lonxe entre as árbores xa o miradoiro do Faro das Lúas. En pouco chegamos, pero aínda que a ruta é fácil e apta para calquera persoa, para poder desfrutala o mellor é tomar a subida con calma.




Pasados os dous quilómetros de andaina chegamos ó Faro das Lúas, unha enorme torre de base cadrada que funciona como miradoiro. Esta torre a base de cachotería está coroada por unha enorme escultura de aceiro inoxidable realizada polo artista arousán Manolo Chazo en 2002 e na que se representan tres lúas en cuarto minguante que reflexan os raios do sol de forma distinta dependendo da altura do mesmo. Probablemente o nome alí non nos di nada, pero dende que o coñecemos dende practicamente calquera lugar da ría de Arousa veremos un pequeno destello na zona que nos recorda a un faro.





Pero a razón en si do Faro das Lúas e o seu miradoiro, podemos subir á torre grazas a unhas escaleiras e dende alí e apoiándonos en unha balconada podemos ver dende o alto a práctica totalidade da ría de Arousa, os diferentes portos, as súas illas e os enormes viñedos, tan só por esta postal paga a pena subir; pero si lle damos as costas ó mar teremos ante nós o Lobeira, a seguinte parada do día e si cabe aínda máis espectacular.





Continuamos a marcha en dirección ó Lobeira, pistas anchas e de pouco interese paisaxístico, en sí dende un miradoiro ó outro poderíamos chegar rapidamente pero o trazado da ruta o que fai e rodear o pico para que a subida se faga si cabe máis levadeira. En un par de quilómetros por cómodos camiños chegamos á base do Lobeira, o lugar onde se poden estacionar os coches.




O Lobeira non é só coñecido por apaixoantes finais en alto da Volta Ciclista a España, ao Longo da historia foi un lugar importante pola presenza de un antigo castelo que xa dende a Idade Media controlaba o Salnés, de este recinto defensivo do que se di que incluso buscou pousada a raíña Urraca tan só quedan os restos das súas pedras. Agora no alto o que podemos ver é unha gran cruz que construíu o almirantazgo británico en 1896 como recordo ós seus náufragos, en especiais ós do Serpent que afundira pouco antes nas costas de Camariñas.





Pero o que realmente destaca do Lobeira é o seu miradoiro, dende o alto, a case 300 metros de altitude podemos abrazar a ría de Arousa; o Faro das Lúas semella pequeno e podemos pasarnos unha tarde contemplando cada un dos portos arousáns, as súas illas, as bateas e quilómetros de interior da provincia pontevedresa.




Como podedes ver este roteiro en si non ten demasiado interese paisaxístico, pero a espectacularidade dos seus miradoiros xustifican de maneira sobrada esta ruta para unha tarde.


Xa nos diredes como vos foi